Inicio Blog Páxina 635

O tráfico de mercadorías afianza o seu crecemento e pecha febreiro cun aumento do 29%

O tráfico de mercadorías no porto da Coruña afianza a súa liña ascendente e pechou as estatísticas de febreiro cun crecemento do 29,38% con respecto aos dous primeiros meses de 2022.

O presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado, informou este luns destas cifras no Consello de Administración, que deu luz verde ao reforzo dos servizos de pilotaxe, remolque e amarre ante o incremento da actividade no Porto Exterior e a entrada en servizo do pantalán petroleiro.

En xaneiro e febreiro, o porto coruñés moveu 2,7 millóns de toneladas, fronte aos 2,1 millóns de toneladas de 2022. Os graneis líquidos superaron 1,5 millóns e tiveron un crecemento do 19%, mentres que os graneis sólidos seguen destacando de forma notable cunha subida do 63%, pasando o millón de toneladas.

O liderado de Langosteira na importación de materias primas para a alimentación animal, e a súa condición de porto hub para o intercambio de mercadorías entre continentes, explican estes “excelentes rexistros que veñen producindo nos últimos meses no movemento de graneis sólidos”, apunta o porto.

Con respecto ao resto de sectores, a mercadoría xeral anota un descenso do 33%, pola baixada dos produtos siderúrxicos, a pesca sobe un 9% e os cruceiros crecen un 15%, con 6.584 pasaxeiros nos dous primeiros meses, á espera da tempada alta de abril e maio “nun ano que presenta moi boas perspectivas para o tráfico de pasaxeiros”.

O Presidente da Deputación considera “perfectamente suprimibles” as entidades provinciais

0

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, realizaba esta semana unha entrevista na que abordou varios temas de interese.

Un deles foi o papel das Deputacións. Non sorprende escoitar un alcalde independente calificar de “chiringitos” destas entidades, pero si chama a atención que sexa o propio Presidente, a pesar de considerar que existiu “un debate superficial en canto á desaparición das deputacións”,  sinalar que “son perfectamente suprimibles”. “Creo que a Xunta pode facelo se hai un compromiso serio de facelo. O que non se pode é facer á conta de despedir a decenas de miles de funcionarios. Claro que che aforras diñeiro. Se te refires a suprimir as estruturas de poder, tamén, pero non resolve os problemas”, sinalou.

EOLICA MARIÑA

Formoso tamén defendeu a oportunidade de “liderado” que se lle presenta a Galicia cos parques eólicos mariños, aínda que matizou que debe respectarse o sector da pesca “por encima de calquera outro interese”. Nunha entrevista concedida este domingo a Radio Nacional Galicia e recollida por Europa Press, Formoso remarcou o problema enerxético que ten Europa, que debe “eliminar a súa dependencia económica” de terceiros países.

Respecto da convivencia entre os parques e o sector da pesca, o secretario dos socialistas galegos lembrou que outros países como Inglaterra, Escocia ou Portugal compatibilizan os dous sectores, pero con todo remarcou que “o primeiro que hai que facer é preservar a pesca, por encima de calquera outro interese”.

“O país ten que asumir esa paradigma e haberá que estudar proxecto por proxecto. En terra hai parques bos, non especulativos, e outros malos para o país, especulativos. E iso é o que hai que refugar. Por que non pode ser o mesmo no mar?”, comentou Formoso.

Reivindicou ademais a “transparencia” en todo o proceso, de forma que as confrarías “estean informadas, non contaminadas por un avogado que ten intereses persoais”. “Galicia ten que respectar a pesca, primeiro, e segundo non renunciar a oportunidades por prexuízos ou por non ter o estudo ambiental feito”, indicou.

ELECCIÓNS MUNICIPAIS

Xa en clave electoral, Formoso defendeu a súa decisión de presentarse como candidato á alcaldía das Pontes, “dada a transcendencia dos proxectos industriais” que alí se preparan. “Ese é o mellor regalo que lle podo facer ao meu pobo e a Galicia”, afirmou.

O Leyma Basquet Coruña fainos soñar e busca a súa 9ª vitoria consecutiva

0

Tremendo partido o vivido o pasado venres en Almansa, no que o Leyma Basquet Coruña conseguía sumar a súa 8ª vitoria consecutiva. A vitoria afianza a posición entre os 4 primeiros (está 3º con 17 vitorias, 1 máis que Valladolid, Estudiantes e Lleida) para asegurarse o factor cancha, se ben a liga segue moi apretada con apenas 3 partidos de diferencia entre o 2º e o 8º.

“Gañar fóra de casa na LEB é moi difícil e máis como se puña o partido”, recoñecía o adestrador Epifanio, poñendo en valor a tremenda remontada cunha nova vitoria global, nun equipo onde sempre é complicado destacar figuras principais. Se cadra o papel de Barrueta e Diagne foi determinante nun treito final de tolos que se decantou para uns laranxas que están coa frecha para arriba.

Diagne ante Almansa
Diagne ante Almansa

O adestrador agradeceu o comportamento da afección da Almansa aplaudindo.

Sen tempo, este venres o equipo enfróntase no #OFornodeRiazor ás 20:30h ante o Alimerka Oviedo, unha das bestas negras do club herculino. Xa podes reservar as entradas.

O persoal da planta de residuos convoca folga en Semana Santa

O persoal da planta de tratamento de residuos de Nostián, na Coruña, convocou folga no inicio da Semana Santa pola “falta de avances” na negociación do convenio, segundo informaron en rolda de prensa.

Ademais, denunciaron o “incumprimento” por parte do goberno local do seu compromiso de ter publicados os pregos antes de terminar o inverno. A folga, que afectará a todo o persoal de todas as quendas da planta e dos puntos limpos, dará comezo ás 22,00 horas do domingo 2 de abril e terminará ás 22,00 horas do mércores, 5 de abril, coincidindo co inicio da Semana Santa.

Xunto ao paro laboral, solicitarán reunións ao Concello da Coruña e ao Consorcio das Mariñas para abordar a situación da negociación colectiva, o estado dos pregos de nova concesión e o futuro das instalacións.

PROPOSTA “SERIA”

O presidente do comité de empresa, Hadrián Canosa, considerou que hai “marxe” para chegar a acordos e sinalou que por parte do persoal “non vai quedar”. Tamén instou ás demais partes a “traballar”.

“Á empresa que faga unha proposta seria que permita asinar o convenio e ao concello que saque, dunha vez por todas, o prego de condicións para licitar canto antes un novo contrato”, apostilou.

En concreto, explicou que o persoal está sen convenio desde decembro de 2017 “e despois de cinco anos e máis de 23 reunións coa empresa seguimos sen poder alcanzar un acordo”, sinala sobre a planta de Albada, do grupo Urbaser.

Tamén dixo que non se inclúe a revisión dos salarios dos anos anteriores e que se lles ofrece para este ano un incremento de cen euros ao ano que se cobraría nunha paga única en 2024.

Evacuada unha gardería por unha figa de gas na Barcala

0

Esta mañá de luns, arredor das 9:40h, no marco das obras do proxecto de ampliación do Complexo Deportivo da Barcala, rompeuse un tubo na Barcala e produciuse unha importante fuga de gas na zona.

Para evitar calquera risco de inhalación, foron desaloxados os nenos e nenas da escola infantil A Galiña Azul e os usuarios da instalación deportiva. Os nenos e nenas foron trasladados ao centro social de maiores da Barcala e avisouse aos pais dos alumnos.

Ao non existir risco de explosión, non foi necesario desaloxar aos veciños da zona nin aos alumnos do IES Afonso X O Sabio.

Ata o lugar do suceso desprazáronse efectivos da Policía Local, do Servizo Municipal de Emerxencias de Cambre, Bombeiros de Arteixo e enxeñeiros do Concello de Cambre. Ás 10.32 horas, o suceso xa fora resolto polos efectivos de seguridade e emerxencias.

Condenan a sete anos de cárcere ao home que intentou matar ao seu compañeiro de piso na Coruña

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a condena de sete anos de cárcere imposta pola Audiencia Provincial da Coruña a un home que tentou matar o seu compañeiro de piso en outubro de 2020, nas inmediacións do domicilio no que ata ese momento conviviran.

A Audiencia Provincial considerou probado que cando a vítima gardaba nunha furgoneta os seus efectos persoais, pois decidira, dado os problemas de relación, abandonar o domicilio, e despois de propinarse golpes na rúa, o condenado “decidiu subir ata a casa para coller un coitelo”.

A Sala sinala que, tras facerse coa arma branca, regresou á rúa, onde nese momento o prexudicado se dispoñía marcharse, pois xa conducía a furgoneta. Con todo, ao ver ao investigado nesa disposición, detivo o vehículo e saíu cunha barra na man.

“Nese momento, achegóuselle o condenado e, coa intención de matalo, lanzoulle, sen máis, dous golpes co coitelo, un dos cales lle impactou sobre o costado esquerdo, cara ao abdome”, sinalaron os maxistrados.

A vítima, ferida, regresou á furgoneta e dirixiuse cara ao complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac), onde tivo que ser intervida de urxencia. “Só o éxito desta intervención salvoulle a vida”, manifestaron os xuíces na sentenza, agora confirmada polo TSXG.

A Semana do Cinema Galego dá paso á Mostra Internacional de Cinema por Mulleres

0

Continúa a cidade acollendo iniciativas vinculadas co cine. Este domingo clausurábase a IV Semana do Cinema Galego, coa proxección do filme de animación ‘Valentina’, escrita e dirixida por Chelo Loureiro. Grandes e pequechos acompañaron a Valentina, unha nena con síndrome de Down, na súa aventura para facer realidade o seu soño: ser trapecista. A directora, produtora e guionista Chelo Loureiro; Alicia Rábade, voz de Valentina nas cancións; e Lucía Serén, dobradora de Valentina na versión en galego, contaron como foi a rodaxe.

I Mostra Internacional de Cinema por Mulleres A Coruña

Se tempo a descansar, a partir deste mércores 22 de marzo, os Cantones Cines acollen a I Mostra Internacional de Cinema por Mulleres A Coruña. Unha Mostra para achegar ao público da cidade unha selección das máis recentes longametraxes internacionais e nacionais dirixidas por mulleres, realizadas entre 2021 e 2022.

A inauguración será o mércores ás 17:30h, en presenza de Inés Rey, e os codirectores e fundadores do proxecto, Carlota Álvarez Basso e Diego Mais Trelles. As entradas xa están dispoñibles na web dos Cantones Cines.

As 20 películas que se proxectarán formaron parte da Competición Nacional e Internacional da V edición do Festival de Cine por Mujeres Madrid, que tivo lugar do 25 de outubro ao 6 de novembro do 2022. Entre elas atópanse as dúas películas gañadoras, a multipremiada ‘Cinco Lobitos’, da directora española Alauda Ruíz de Azúa que conquistou os Forqué, os Feroz e recibiu 3 premios Goya, e ‘Estación Catorce’, da directora mexicana Diana Cardozo, gañadora da competición da quinta edición do Festival Cinema por Mujeres Madrid como Mellor Película de 2022.

Programa Mostra Cinema por Mulleres A COruna

O Concello e o Banco de Alimentos organizan unha Feira do Voluntariado

O Concello da Coruña e o Banco de Alimentos Rías Altas organizan unha Feira de Voluntariado, que terá lugar os días 25 e 26 de marzo no paseo do Parrote.

O encontro, no que participarán 40 entidades, estará precedido o venres por unha xornada sobre voluntariado corporativo, segundo informou a concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación Cidadá, Yoya Neira, xunto á presidenta do Banco de Alimentos, Conchi Rey.

“É unha gran oportunidade para que os veciños e veciñas da cidade achéguense a coñecer o labor que realizan estas entidades e anímense a colaborar en tarefas de voluntariado”, subliñou Neira.

As 40 entidades, entre as que se atopa o Concello, abarcan múltiples tipos de voluntariado: ambiental, cultural, comunitario, social, deportivo, internacional, de lecer e tempo libre, protección civil e socio-sanitario.

O Sergas arrinca na área da Coruña-Cee un cribado de detección de hepatite C a persoas de 50 a 59 anos

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) comezou este luns un cribado de hepatite C a persoas de entre 50 e 59 anos da área sanitaria da Coruña-Cee. Trátase de ofrecerlles a proba a todos os pacientes que acudan ao seu centro de saúde e teñan indicada a realización dunha analítica por calquera outro motivo.

O obxectivo desta acción, coordinada pola Dirección Xeral de Saúde Pública, é detectar a enfermidade neste grupo de idade onde a prevalencia é maior. O plan xa se desenvolveu na área de Santiago-Barbanza, onde se fixeron máis de 3.500 probas que permitiron detectar catro casos de hepatites C.

Tal e como destaca nunha comunicada a área Sanitaria, no desenvolvemento deste cribado empregaranse actuacións “innovadoras e facilitadoras que simplifican e fan que todo o proceso sexa moito máis eficiente”.

En concreto, intégrase de forma automática a petición da proba coa analítica e analízanse as mostras de cen en cen, a través da técnica ‘pooling’. Se se detecta un positivo, o Sergas deriva ao paciente “con celeridade” para a súa atención e tratamento “nun máximo de 21 días”.

De maneira progresiva estenderase ao ámbito hospitalario e ao resto de áreas sanitarias nas próximas semanas. De igual modo, ampliarase a mostra en 2024 –a persoas de 60 a 69 anos– e 2025 –de 40 a 49– para cubrir as idades onde hai unha maior prevalencia da enfermidade segundo os estudos.

O Sergas considera a hepatite C como un “grave problema de saúde pública” e unha das causas máis importantes de enfermidade hepática en todo o mundo. Como non existe unha vacina eficaz contra este virus, resulta “moi importante” realizar este labor preventivo.

E é que, aínda que os tratamentos actuais mediante antivirais de acción directa logran a curación en máis do 95 por cento das persoas tratadas. No entanto, é unha “enfermidade silenciosa” que adoita diagnosticarse cando a afectación ao fígado está xa avanzada.

De feito, estímase que case o 30 por cento das persoas que teñen a infección activa descoñéceno e que a maior parte dos casos atópanse no grupo de idade de 40 a 69 anos.

O Concello amplía a atención para tramitar as bolsas comedor

O Concello da Coruña facilitará a tramitación das bolsas comedor ampliando os horarios de atención, que se estende ás tardes de luns a venres e sábados á mañá, segundo informa.

Esta ampliación de horarios farase efectiva desde este martes, día 21, nas oficinas de atención á cidadanía habilitadas especificamente para este proceso, no Fórum Metropolitano e o centro sociocultural Ágora.

Ademais, e co obxectivo de facilitar toda a información necesaria ás persoas interesadas no programa, ata este venres 24 levarán a cabo diversas sesións informativas nos centros cívicos municipais.

En concreto, ata o próximo 12 de abril, o Concello da Coruña mantén aberto o prazo de solicitude das bolsas comedor para o curso escolar 2023-2024.