InicioBARRIOSOlladas doutro tempo: Mercado da Guarda

Olladas doutro tempo: Mercado da Guarda

Publicada o

Por Fernando Campos Mantiñán

Onte pola tarde baixei camiñando a rúa Ferrol, deixando á esquerda o seu precioso conxunto de edificios de vivendas, que van percorrendo a liña do tempo dende o modernismo de mil novecentos e moi pouco ata o racionalismo dos anos trinta.  Máis abaixo á dereita, xa na praza de Lugo, temos a mazá máis simétrica e harmoniosa de todo o Ensanche. Case intacta, tal como a debuxou a finais do século XIX Juan de Ciórraga, quen imaxinou todo o barrio con esa mesma estética.  Pero xusto ó pasar esa mazá e chegar á intersección entre as rúas Picavia e Compostela, detívenme un momentiño para ter exactamente a mesma vista da fotografía. Non estaban as cestas de mimbre, nin a bicicleta, tampouco o coche de cabalos. Pero, sobre todo, non estaba o mercado orixinal. A súa derruba en 1958 racha coa historia da zona.

En verbas do arquitecto e escritor Xosé Fernández Fernández: “sen dúbida, o fito arquitectónico máis importante da arquitectura de cristal xa desaparecido foi o mercado da praza de Lugo, o chamado Mercado Da Guarda”. Constaba de tres impoñentes pavillóns feitos de ferro e vidro. Todo comezou en 1879. Nese ano Eusebio da Guarda incluíu no seu testamento que, rematadas as obras do grupo escolar Da Guarda, na Praza de Pontevedra, as súas irmás e herdeiras Luisa e Rosa debían invertir 200.000 pesetas na construción dun mercado de ferro na praza de Lugo, sempre e cando o Concello facilitase o soar xá explanado. 

O filántropo faleceu en 1897, polo que non chegaría a ver o inicio das obras do novo mercado en 1901. A doazón invertiuse no pavillón central, con 52 postos adicados á venda de peixe. O concello erguería os corpos norte e sur, con 45 postos cada un, onde venderíanse legumes, pan, ovos e carne. O conxunto, cun custe total de 600.000 pesetas, abriuse ó público en 1910. Sorprendeu, e moito, pola modernidade das súas instalacións e polo coidadísimo deseño do arquitecto Pedro Mariño, quen incluíu no proxecto mosaicos, mesas de mármore, ferraxes artísticas, elegantes marquesiñas, plazoletas con fontes, e unha grande luminosidade aportada polas cristaleiras. 

Algúns deses bonitos mercados de ferro aínda seguen a funcionar, coma o da Boquería en Barcelona, o de Atarazanas en Málaga ou o Mercat Central de Valencia. Outros, coma o mercado de San Miguel en Madrid, reinterpretaron o seu uso, virando a súa actividade cara o tapeo. Todos eles seguen en pé lembrando a súa época e embelecendo os seus barrios. Pero a grande calidade arquitectónica do mercado Da Guarda sustituiuse por aburrimento e maior espazo para postos de venda.

A praza de Lugo é toda unha referencia en moitos aspectos. É un entorno cunha grande concentración de arquitectura modernista. O mercado actual -o terceiro, de 2006-  é dos mellores de todo o país, e os seus produtos frescos non envexan ós de ningures. A rede de tendas de moda e locais de hostalaría converten a praza e os seus redores nunha zona animada -e cotizada- famosa en toda Galicia. Se ademáis de todo iso conservase  o seu vello mercado de ferro e vidro, podería ser un espazo urbán realmente incomparable. Tan só podemos imaxinalo, pero para axudarnos aquí temos a testemuña que nos deixou Pedro Ferrer.

 

FERnando-campos

  • Fernando Campos. Coruñés ata a médula e fanático da Historia, sobre todo se esa Historia é coruñesa. Máis de quince anos impartindo obradoiros culturais coma “Un paseo pola cidade”, “Personaxes da cidade” ou “A Cidade Perdida” no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora.

OLLADAS DOUTRO TEMPO

ÚLTIMAS

O centro da Coruña, totalmente limpo, mentres que Os Rosales-Labañou a recollida é do 5%

O lixo acumulado nas rúas da Coruña diminúe nunha nova xornada con colectores incendiados en...

Xa temos cartel do Festival Noroeste 2024

Este venres preséntase o programa completo da 37ª edición do Festival Noroeste. Como sempre,...

Así está a porcentaxe de limpeza do teu barrio

A Comisión de Seguimiento da emerxencia sanitaria composta fixo onte balance estado actual da...

A empresa Valoriza xa comeza a realizar a recollida do lixo

O Concello contrataba na tarde de onte á empresa Valoriza a recollida de lixo...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here