O edificio “Citania”, propiedade de Vivienda Confort, na rúa Adelaida Muro, acadou nos últimos días honores estelares nas redes grazas a unha instagramer que decatouse da venda dun piso de 68,52 metros cadrados por 650.000 euros e cuxos planos poden consultarse no portal inmobiliario Idealista. A información non mudará nosas vidas, pero emociona saber que por fin un barrio de acentuado estracto social obreiro como o de Monte Alto albergue nunha das súas principais arterias urbanas un dos signos externos máis elegantes e no que mellor se reflicte a política urbanística das lexislaturas de Francisco Vázquez: a especulación do solo. A historia daquela agresión ao patrimonio histórico, de momento, coñecémola uns poucos, pero non dubido que a partir de agora, aproveitando o éxito viral nas redes do anuncio, será difundida polos diversos medios de comunicación para coñecemento e reflexión de cidadáns sen distinción de sexo, relixión, ideoloxía ou barrio no que viva. Aparte de real, aquela historia simboliza como nengunha a posibilidade de obter sabrosas plusvalías unha vez mudado o planeamento urbanístico para converter terreos públicos en urbanizabeis. Mentres, unha política de vivenda capaz de satisfacer as necesidades de amplas capas da poboación permanecía, e segue a permanecer, nos caixóns dos diferentes responsabeis das áreas de Urbanismo.





