Inicio Blog Páxina 657

Dous judokas “herculinos” polo podio mundial

Este vindeiro 9 de maio arrinca en Doha, o Campionato do Mundo de Judo. Alí estarán dous deportistas coruñeses “representando a Galicia por todo o mundo”. Estrella López Sheriff (-52kg) e Alberto Gaiteiro (-66kg), do Club Judo Hércules estarán na capita de Qatar competindo concretamente o 10 de maio.

Estrella chega despois do seu últim campionato, o Gran Slam de Turquía celebrado o mes pasado, onde quedou 5ª, perdendo o podio mundial contra a judoka uzbeka, Un resultado que deixa á coruñesa no posto 12º do ranking olímpico, con marxe para entrar entre as 18 que se colarán nas vindeiras olimpiadas de París de 2024.

”Este mundial é moi importante xa que é o último antes dos XXOO de París, e o nivel é moi alto. Ademais é a primeira competición na que volven competir os deportistas de Rusia”, explícanos unha Estrella que aspira a chegar ao podio e poder superar ás 52 deportistas clasificadas. “Expectactivas sempre altas, pero é judo, gañas ou perdes con calquera en 20 segundos, e depende moito do sorteo tamén”, explica.

Os herculinos irán na expedición con outros 6 deportistas galegos. Se ben falta o doble campión do mundo Nikoloz Sheradadishvili por estar recuperándose do LCA, acompañando aos coruñeses estarán Laura Martínez (-48kg), Francisco Garrigos (-60kg), David García (-66kg) e Jose Antonio Aranda (-73kg).

O último pleno deste mandato

0

Celebrouse este xoves un novo pleno no Concello da Coruña, o último deste mandato, polo que serviu para despedir aos e ás edís que xa non estarán na seguinte lexislatura.

Entre os puntos destacables, o pleno aprobou unha iniciativa que reducirá os tempos para a resolución de trámites burocráticos. A mesma está orientada a mellorar os servizos ofrecidos á cidadanía, ás empresas e ás demais institucións públicas, segundo o goberno local.
A normativa inclúe a implantación dunha rede de apoio á administración dixital e dá cobertura “a todas aquelas persoas que, por diversas causas, non usan os medios dixitais para a realización dos seus trámites”.

Non á municipalización do servizo de autobuses

O Partido Popular e o Partido Socialista votaron xuntos hoxe no Pleno do Concello da Coruña para rexeitar a moción da Marea Atlántica na que pedían a creación dunha empresa municipal cando, o 31 de decembro de 2024, remate a concesión do servizo de bus á Compañía de Tranvías.

Para a Marea pérdese unha “oportunidade para liderar, desde o público e sen atarse a unha empresa privada que busca só o beneficio e bloquea os cambios, para implantar na Coruña unha “mobilidade verde, fiable, intermodal e metropolitana”.

Pola aplicación da Lei de Vivenda na Coruña

Si resultou aprobada, aínda que co voto en contra do PP, a moción da Marea para aplicar as medidas da Lei de Vivenda na Coruña para baixar os alugueiros, declarando a cidade como zona tensionada. Todos os grupos comprometéronse a facelo agás o Partido Popular, que ten capacidade de vetala desde a Xunta.

PALAVEA

O pleno aprobou definitivamente e por unanimidade darlles un nome oficial a varias rúas de Palavea que aínda carecían del, e recuperando as denominacións da toponimia tradicional. Unha iniciativa da asociación veciñal, a partir do traballo do lingüista Iván Méndez, e con achegas da Asociación Sociocultural ‘Campo da Pena’.

Outros puntos

Noutra orde de cousas, o pleno municipal aprobou de forma inicial o regulamento de uso de sistemas de aeronaves tripuladas por control remoto por parte da Policía Local da Coruña.

Esta norma permitirá aos axentes o uso de drones para obter imaxes que “faciliten a toma de decisións para mellorar a seguridade cidadá en determinados eventos”.

O cantante canario Quevedo cantará o 27 de outubro na Coruña

Quevedo actuará no Coliseum da Coruña o vindeiro venres, 27 de outubro, segundo informa o consistorio que precisa que as entradas sairán á venda o 9 de maio.

O artista fará a súa parada na cidade dentro da súa xira ‘DQE Tour’, na que presentará o seu primeiro traballo de longa duración, Donde quiero estar.

Con apenas dous anos de carreira, o seu traballo está influenciado pola cultura musical de Gran Canaria, os ritmos latinos e o hip-hop, ademais de contar con diversas colaboracións.

A Embaixada de Ucraína atenderá este sábado na Coruña a ucraínos residentes no noroeste peninsular

A sección consular da Embaixada de Ucraína en España atenderá este sábado, día 6, na Coruña aos cidadáns ucraínos residentes no noroeste peninsular.

O servizo consular organízase coa colaboración da Asociación Galega de Axuda a Ucraína (AGA-Ucraína) no local de ‘Espazo +60’, situado na rúa Alta. O horario de atención será ininterrompido de 09,00 a 21,00 horas.

Segundo informa a asociación, actualmente o número de cidadáns ucraínos residentes en Galicia “ascende a 3.600 persoas, das cales unhas 2.900 son refuxiados de guerra”. Dada a ausencia dun consulado en Galicia ou comunidades autónomas próximas, engade, os ucraínos deben desprazarse a Madrid para realizar calquera trámite consular.

No entanto, debido a “a complexidade e o custo” que leva este desprazamento, a Embaixada de Ucraína prestará asistencia consular este sábado na cidade herculina.

Entre os trámites que se realizarán, a entidade destaca, entre outros, “a emisión e renovación de pasaportes, a inclusión de menores nos pasaportes dos seus progenitore e diferentes trámites notariais”.

Condenan ao Santander a devolver medio millón de euros aos herdeiros duns emigrantes

O Xulgado de Primeira Instancia número 5 da Coruña condenou ao Banco Santander a devolver case medio millón de euros aos herdeiros dun matrimonio de octoxenarios emigrantes retornados que adquirisen participacións preferentes na empresa SOS Cuétara SAU e títulos de valores Santander.

Así o informa o despacho Xoán Antón Pérez-Lema Avogados e Consultores e recolle o fallo, no que se considera que non se transmitiu ao matrimonio información efectiva sobre o risco de perda do investimento pola adquisición de produtos de investimento complexo, realizada entre 2006 e 2007.

O fallo, que é recurrible, “declara nulo o contrato de compra das participacións e a responsabilidade contractual do Santander no caso dos títulos de valores”, remarcan desde o despacho de avogados.

Ademais, engade que “a nulidade da compra das participacións preferentes obriga á parte demandada a abonar a diferenza entre 300.000 euros investidos e case 11.000 de comisións e os 65.000 de remuneracións”. Sobre os valores, obriga a abonar case 80.000 euros, máis intereses.

A Xunta abre ao tráfico unha das calzadas do viaduto superior da Vía Ártabra, en Oleiros

A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, abrirá ao tráfico desde este xoves unha das calzadas do viaduto superior da ligazón da Vía Ártabra coa N-V en Iñás, no concello de Oleiros.

De forma paralela ao proceso xudicial, a Xunta reiniciou en xuño do pasado ano as obras destinadas a concluír a ligazón a tres niveles prevista no proxecto de conexión da Vía Ártabra coa AP-9 para finalizar este tramo da conexión coa estrada nacional.

Nas últimas semanas, informa o departamento autonómico, foise avanzando nos traballos de firmes da ligazón da Vía Ártabra coa N-V, “que é a parte da obra que se vai a terminar de executar debido á sentenza tras o contencioso interposto polo Concello de Cambre“.

Estes últimos días, engade, os traballos centráronse nas barreiras e, deste xeito, as actuacións executadas permitirán realizar a última fase de desvíos, o que implica xa a apertura do tránsito por unha das calzadas do viaduto superior, o que dá continuidade á N-V. A previsión é abrir esta conexión ao tráfico a partir das 10,00 horas.

As praias da provincia que teñen Bandeira Azul na provincia neste 2023

A Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) vén de anunciar a lista de praias con Bandeira Azul para este verán de 2023.
Galicia concentra case unha de cada cinco bandeiras concedidas en todo o país e consolida a súa posición entre as tres comunidades autónomas que reciben cada ano un maior número de distintivos para as súas praias, só superada por Valencia (que ten 135) e Andalucía (127).

Ademais, o Real Club Náutico A Coruña-Marina Real repite como Porto Azul, así como os centros de Sada Club Náutico Sada e Porto Deportivo Sadamar.

 

PRAIAS CON BANDEIRA AZUL 2023

PROVINCIA DA CORUÑA

14 concellos / 37 areais

A Coruña

As Lapas

 

Orzán-Matadero

 

Oza

 

Riazor

 

San Amaro

A Laracha

Caión

Arteixo

A Hucha

 

A Salsa (Repibelo)

 

Barrañán

 

Combouzas

 

O Reiro

 

Sabón

 

Valcobo

 

Porto de Suevos

As Pontes

Lago das Pontes

Bergondo

Gandarío

Camariñas

Arou

Carballo

Pedra do Sal

 

Razo

 

Saíñas

Dumbría

O Ézaro

Ferrol

A Fragata-O Pareixal

 

Caranza *

 

Doniños

 

Esmelle

 

San Xurxo

Laxe

Laxe

Miño

Perbes-Andahío

Oleiros

Bastiagueiro

 

Espiñeiro

 

Mera

 

Naval

 

Santa Cristina

Ponteceso

A Ermida

 

Balarés

 

O Osmo

Ribeira

Coroso

 

PORTOS CON BANDEIRA AZUL 2023

A Coruña

A Coruña

Real Club Náutico A Coruña-Marina Real

 

Boiro

Club Náutico Boiro-Marina Cabo de Cruz

 

Sada

Club Náutico Sada

 

 

Porto Deportivo Sadamar

 

Porto do Son

Real Club Náutico de Portosín

CENTROS AZUIS 2023

A Coruña

Oleiros

Centro de visitantes do Monumento Natural Costa de Dexo-Serantes

 

 

CEIDA-Centro de Extensión Universitaria e  Divulgación Ambiental de Galicia

 

A Laracha

Centro de interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte Golmar

 

Camariñas

Centro de visitantes do Faro de Cabo Vilán

 

 

Museo Man de Camelle

Inés Rey asegura que a “gran modernización” da Coruña só chegará coa súa maioría absoluta

A alcaldesa da Coruña e cabeza de lista dos socialistas nas eleccións do 28 maio presentou oficialmente este mércores a súa candidatura rodeada polos 26 coruñeses e coruñesas que a acompañan na lista do PSdeG na cidade.

Fíxoo nun acto na Fundación Luís Seoane xunto ao exlíder do PSdeG e actual delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, e o secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso. Tamén da socialista e exedil Carmen Marón, que pecha a lista.

“Somos unha cidade marabillosa e cun potencial único”, indicou Rei. A candidata socialista apelou ao “cambio” na cidade durante este último mandato. “Conseguimos devolver á Coruña ao lugar que merece”, apuntou.

“Somos os socialistas os que mellor sabemos entender a esta cidade, unha cidade que recuperou a súa ambición sen complexos”, indicou nunha intervención na que dixo que a candidatura socialista que encabeza ten un proxecto “para pór en marcha a segunda gran modernización da Coruña”.

Inés Rei sostivo, por outra banda, que durante este catro anos, acometéronse investimentos na cidade, con 30 rúas peonalizadas, e aludiu tamén ao “desbloqueo” de proxectos “históricos”, na referencia que fixo ás actuacións acometidas durante este catro anos.

Case 2.000 alumnos e alumnas participarán o 5 de maio no Correlingua

Case 2.000 alumnos e alumnas de centros educativos coruñeses participarán no Correlingua, cun percorrido entre Riazor e a Torre de Hércules, segundo informaron os seus promotores.

Na cita estarán presentes un vinte centros educativos da cidade e concellos da provincia como Arteixo, Cambre e Oleiros, entre outros. A saída terá lugar o venres, día 5, ás 11,00 horas, en dirección á Torre de Hércules, onde terá lugar a festa final ao pé do monumento.

O obxectivo desta iniciativa é promover a normalización lingüística do galego entre os mozos e tamén a idades máis temperás, no marco dunha iniciativa con motivo da conmemoración do Día das Letras Galegas.

Recuperan nun volume máis de 30 artigos da escritora Emilia Pardo Bazán

A Fundación Luís Seoane acolle este mércores, ás 19,00 horas, a presentación de Emilia Pardo Bazán, xornalismo e Marineda, volume á cargo da conservadora da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, Xulia Santiso, e da historiadora de arte Patricia Angulo.

Trátase, segundo informa a Real Academia Galega (RAG), dun libro que recupera máis de 30 artigos da escritora coruñesa relacionados coa súa cidade, a maioría deles non reeditados ata o momento, publicados na prensa galega e noutros lugares de España e de América.

No acto tomarán a palabra Xulia Santiso; a presidenta da Asociación da Prensa da Coruña, Doda Vázquez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e Fernando Ojea, promotor en primeira instancia da publicación.

O xornalista foi quen cedeu a dotación que recibiu polo premio Cronista Emilio Quesada, da Asociación da Prensa da Coruña en 2021, para facer realidade un volume que rescatase o articulismo de Emilia Pardo Bazán vinculado á súa cidade natal.