Inicio Blog Páxina 656

A escultora coruñesa Docha Riobóo, finalista do LVIII Premio Reina Sofía

0

A escultora coruñesa Docha Riobóo foi nomeada finalista do LVIII Premio Reina Sofía da Asociación Española de Pintores e Escultores pola súa obra ‘Torso’. As obras finalistas, tanto pictóricas como escultóricas, exporanse a partir do día 1 de marzo na Casa de Vacas do Parque do Bo Retiro de Madrid.

Estas pezas que son candidatas ao LVIII Premio Reina Sofía foron seleccionadas por un xurado conformado por personalidades como o pintor, escultor e académico da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, Antonio López, o pintor, escultor, gravador e académico da Real Academia das Artes e as Letras de Estremadura, Eduardo Naranjo, ou o presidente da AEPE, José Gabriel Astudillo López.

A Raíña Sofía, presidenta de honra da AEPE, presidirá o acto de entrega do premio o próximo 6 de marzo na Casa de Vacas, momento no que se coñecerá a decisión do xurado. Docha Rioboo naceu na Coruña no ano 1946 e inicia a súa formación artística aos 16 anos no estudo do escultor Federico Coullaut-Valera.

No ano 1963 é galardoada coa Terceira Medalla “Salón de Outono” de Madrid, no ano 1969 recibe a Segunda Medalla “Salón de Outono” e no ano 1971 obtén a Primeira Medalla no XLI Salón de Outono da Asociación Nacional de Pintores e Escultores.

No transcurso da súa carreira recibiu outras distincións como o Escarvadentes de Ouro do Salón Cano (1970, Madrid), o Premio Marqués das Amarelas (1971, Madrid), o Premio Barrié da Maza (1974, A Coruña), o Premio Santiago de Santiago (1976, Madrid), ou a Mención Honorífica no Concurso de Proxectos para o Monumento a Simón Bolivar (1978, A Coruña). Aínda que destaca a súa actividade no campo do retrato escultórico a nivel privado, tamén se meteu no deseño, onde realizou diversos traballos para Porcelanas Bidasoa.

Realizou tamén a Medalla Conmemorativa da Xornada Mundial da Mocidade en Santiago de Compostela no ano 1989 e no que respecta á súa obra pública, destaca a escultura ‘Virxe das Rosas’ en Santa Cruz de Tenerife ou os bustos do exterior do edificio A Terraza nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña.

A Coruña acollerá en marzo unha nova edición da Semana do Cinema Galego

0

A Coruña albergará do 14 ao 19 de marzo o IV Semana do Cinema Galego, na que se proxectarán, no Teatro Colón, as longametraxes de animación, documental e de ficción finalistas dos XXI Premios Mestre Mateo, cuxa gala terá lugar o 11 de marzo en Ourense.

O programa inclúe nove producións que suman 40 nomeamentos aos galardóns, entre elas, a película de animación ‘Valentina’, gañadora dun Goya en 2022, a ficción ‘Código Emperador’ e o documental ‘Onde máis doe’. As sesións contarán coa presenza dos equipos artísticos e técnicos das películas.

Na presentación, o presidente da Academia Galega do Audiovisual (AGA), Álvaro Pérez Becerra, explicou que esta edición coincide cun momento “de éxito e importante” para o sector, no que “unha chea de producións galegas están a circular por grandes festivais a nivel internacional”.

Rey e Regueira destacaron o papel de “motor económico” da industria audiovisual galega. “Emprega a máis de 4.000 persoas e aglutina máis de 700 empresas no territorio galego, a maioría na provincia da Coruña”, puntualizou Regueira, tras lembrar que supón o “25% do PIB cultural”.

 

A Coruña lidera a suba de hipotecas en Galicia no 2022 a pesar da crise

0

Galicia rexistrou un total de 15.701 hipotecas constituídas sobre vivendas en 2022, un 8,7% máis que en 2021, segundo os datos que publica o Instituto Nacional de Estatística (INE) este xoves.

Esta cifra supón a maior en Galicia na última década, xa que hai que remontarse a 2011 para unha cantidade superior (máis de 21.000 por entón). No entanto, este incremento do 8,7% interanual é dous puntos inferior ao 10,9% de subida da media española. De feito, a alza en Galicia só ocupa o décimo posto entre comunidades, que lidera A Rioxa (+28,5%). Navarra é a única autonomía que sofre unha caída (-4,6%).

No tocante a capital prestado, foron 1.832,3 millóns en 2022, o que se traduce nun repunte do 17,9%, neste caso lixeiramente por encima da media española (17,3%).

DATOS POR PROVINCIAS

Por provincias, a maior cantidade de hipotecas sobre vivendas foi para A Coruña, con 9.928, seguida de Pontevedra (8.017). A máis distancia atópanse Lugo (2.032) e Ourense (1.722).

Na comparativa con 2021, Lugo é a única provincia galega con descenso de firma de hipotecas sobre vivendas, case un 12% menos. A Coruña lidera a subida, un 13,3% máis; mentres que Ourense (+5%) e Pontevedra (+4,8%) ten un avance moi similar.

Traballador@s de CCOO mobilízanse por un convenio “xusto” no sindicato

0

Poucas veces unha mobilización deixou tan patente o enrarecido que está o tecido laboral, e como a subida dos prezos non vai para nada acorde coa subida dos soldos.

Esta mañá de xoves, traballadores e traballadoras dun sindicato, CCOO, saíron á rúa para demandar un convenio “xusto” e de melloras retributivas. Fixérono no marco dunha folga indefinida que manteñen para, entre outras cuestións, reclamar á dirección do sindicato en Galicia “unha subida salarial que desde 2014 non temos”, como sinalou Juan Alberto Campos, membro do comité intercentros do sindicato a nivel autonómico. “O sindicato está nestes momentos en condicións de afrontar subidas retributivas modestas”, expuxo.

Ademais, dixo que o que lles separa na negociación “é un punto e medio de incremento en cinco anos” ao pedir no seu caso “un 12,5%” para ese período e o sindicato ofrecer “un 11 por cento”. Ás demandas salariais, sumou tamén “aspectos sociais”.

“O prioritario é chegar a un acordo na cuestión retributiva, que non é insalvable, está a haber resultados positivos nas contas do sindicato”, recalcou o representante sindical sobre unha situación que afecta a medio centenar de traballadores en Galicia.

Unha cidade para vivir

0

Moi poucos discuten que A Coruña é unha cidade moi agradábel para vivir. Reúne, pola beleza de moitas zonas da cidade e da súa contorna e outros atractivos, as condicións para ser un referente en calidade de vida.
O problema é que a carestía da vivenda fai que cada vez sexa máis difícil vivir na Coruña, até o punto de que moitas mozas e mozos non atopan na cidade solucións, a prezo accesíbel, para as súas necesidades habitacionais.
Os datos falan por si sos. No que levamos de século, o casco urbano consolidado da cidade perdeu 16.000 habitantes mentres que se duplicou a poboación dos núcleos da periferia do noso termo municipal.

No mesmo período, mentres a poboación do conxunto do municipio só medrou en 3.600 habitantes, apenas un 1,5%, o número de residentes nos Concellos da nosa contorna (Oleiros, Arteixo, Culleredo e Cambre) aumentou en máis de 38.000 persoas. Un incremento do 44%.

Por iso hai que demandar das administracións que ostentan as competencias unha política de vivenda digna dese nome.

Por parte da Xunta, desde 2009 non hai promocións de vivenda pública. Non abonda coas 40 moradas anunciadas en Xuxán, polas que, aínda por riba, seguimos agardando.

De resto, o Goberno central continúa sen desbloquear a lei de vivenda e sen poñer a disposición os inmóbeis da SAREB para os ofertar como vivenda social en réxime de alugueiro.

En Galiza bótanse en falta políticas fiscais, como as desenvolvidas con éxito noutras comunidades, que desincentiven manter as vivendas baleiras e promovan que se oferten en aluguer.

Tamén é moito o que pode facer o Concello: incentivar que haxa máis oferta, regular os pisos turísticos, apoiar de xeito máis decidido a rehabilitación ou incrementar o parque de vivendas de titularidade municipal para as ofertar en aluguer a prezo taxado.

Todos os cidadáns teñen dereito a unha vivenda digna e, desde logo, se queremos unha Coruña viva, sen barrios que se baleiran de poboación e onde a mocidade poida realizar o seu proxecto vital, as políticas de vivenda deben ser unha prioridade.

  • Francisco Jorquera Caselas. Voceiro do BNG no Concello e candidato á Alcaldía.

Máis artigos de Jorquera en XdC

Rescatan a unha muller que caeu á auga desde A Ponte Pasaxe

0

Os servizos de emerxencia rescataron na praia de Santa Cristina a unha muller que caeu á auga desde A Ponte Pasaxe. A muller acabou no areal ao ser arrastrada polas correntes.

Segundo informou o CIAE 112 Galicia, o suceso tivo lugar ás 10,00 horas deste xoves. O aviso chegou ao 112 a través de Salvamento Marítimo, que mobilizou dous helicópteros de rescate, acompañados por unha lancha de Cruz Vermella.

Tamén recibiron a alerta os bombeiros da Coruña e axentes da Policía Local. Foron estes últimos quen axudaron á muller a saír da auga na praia de San Cristina, ata onde a levaron as correntes.

Comezan as mobilizacións no transporte de viaxeiros na busca de melloras salariais

0

Os sindicatos CIG, UXT e CCOO iniciaron, cunha protesta na cidade da Coruña, mobilizacións no sector do transporte de viaxeiros por estrada da provincia en demanda de melloras salariais e laborais.

Fixérono ante a “paralización”, segundo denunciaron, do convenio colectivo. Foi cunha manifestación desde a estación de autobuses na cidade herculina e coa participación dunhas 200 persoas nun percorrido baixo a lema ‘Transporte de viaxeiros/as en loita’.

Os seus representantes sindicais denunciaron que por parte da patronal exponse unha subida do 0,8% para este ano e un cero por cento para o resto dos dous anos do convenio, ademais da conxelación salarial en relación a 2022. Sobre esta proposta, aseguran que non só non garante os salarios senón que suporía para os traballadores, uns 1.500 na provincia coruñesa, unha perda de poder adquisitivo.

“Non estamos dispostos a que os traballadores paguen a factura da mala xestión da Xunta e do ámbito empresarial”, afirmou Xesús Pastoriza, da CIG, para quen hai subscritos uns contratos “deficitarios” e búscase agora co convenio que “os traballadores paguen o pato”.

Coruña rende unha necesaria homenaxe a Pedro Brandariz na Praza do Humor

0

Era de obrigado cumprimento render homenaxe a un dos nosos cómicos máis icónicos. Pedro Brandariz, un ano despois do seu inesperado pasamento, xa ten a súa figura, creada por Siro López, na renovada praza do Humor. Un acto institucional e familiar, coa presencia do propio debuxante e do compañeiro Víctor Grande, serviu para inaugurar a imaxe.

Grande lembrou varias anécdotas humorísticas de Brandariz e sinalou que “todas as homenaxes que lle levamos feitas ao longo deste ano non son suficientes para recordar a Pedro”.

“Alégrome moitísimo de poder lembrar nestes mármores a Pedro Brandariz, a quen seguramente non lle parecería mal morrer como o fixo pois eu tamén quixera morrer cun lapis na man” sinalou Siro López,

“Brandariz deixounos como legado a súa felicidade, unha forma de vida sen complexos desde o humor que hoxe fica para sempre nas rúas da Coruña” sinalou a alcaldesa Inés Rey.

A praza

O acto serviu para ver o novo pavimento artístico de 472 baldosas de mármore branco coñecido como ‘Viñetas’ no que se representa, mediante ilustracións realizadas por gravado, a autores como Mark Twain, Miguel de Cervantes, William Shakespeare ou Molière, actores como Groucho Marx ou Mae West e personaxes como Astérix e Obélix, Charlot, Mafalda e Snoopy.
“Este é o único recinto europeo destas características e hoxe reinagurámolo coa inclusión dos novos personaxes e quero darlle as grazas ao Concello da Coruña pola súa recuperación 33 anos despois” sinalou Siro López, deseñador da praza.

A Xunta pide á Coruña a modificación do convenio do Chuac e a alcaldesa responde: “Que se poñan a traballar e deixen de enredar”

0

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade remitiu unha carta ao goberno local no que lle convoca a unha reunión sobre a ampliación do complexo hospitalario coruñés (Chuac) e pídelle modificar o convenio aprobado en pleno municipal. Mentres, a alcaldesa herculina, Inés Rey, instou á Xunta a non pór “escusas”.

A preguntas dos xornalistas, aludiu ao “compromiso” do concello, en alusión aos fondos propios que achegará para unha actuación “que é competencia da Xunta”, manifestou. “O que teñen que facer é deixar de pór escusas e lanzar xustificacións que non se sosteñen”. “Teñen que porse a traballar, licitar e facer as obras, que deixen de enredar”, engadiu.

Mentres, desde a Consellería infórmase que o seu secretario xeral técnico convocou ao concelleiro de Urbanismo a unha reunión para “desbloquear o convenio de colaboración” No escrito, asegúrase que o convenio aprobado no pleno municipal “incorpora unha modificación substancial respecto ao borrador previamente acordado co Goberno galego porque contén unha previsión de investimento no ano 2022 que non é executable”. Por outra banda, insta o consistorio a “rectificar” e realizar as xestións para “respectar” o acordo asinado en febreiro de 2021.

A alcaldesa, á espera da investigación pola detención de membros do Sindicato de Limpeza

0

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, manifestou non dispor de máis datos dos publicados nos medios de comunicación ao ser preguntada pola detención de catro membros do Sindicato de Traballadores de Limpeza (STL) na xornada do mércores.

Fíxoo, en concreto, ao ser cuestionada pola citada detención e a posible repercusión do ocorrido no servizo de limpeza na cidade herculina. Rey eludiu facer ningunha valoración ao tratarse dunha investigación “en marcha” e estar tamén decretado o segredo do sumario, dun caso que leva o Xulgado de Instrución número 6 da Coruña.

Os catro membros do STL, sindicato que protagonizou diversos conflitos en materia laboral co consistorio, foron detidos no marco dunha operación policial que incluíu tamén catro rexistros, un deles na súa sede.