Inicio Blog Páxina 672

O pleno da Coruña aproba máis de 18 millóns a investimentos e axudas ao tecido asociativo

O Concello da Coruña aprobou hoxe, no pleno ordinariocorrespondiente ao mes de abril, destinar máis de 18 millóns a investimentos e axudas ao tecido asociativo.

Na sesión, deuse luz verde a unha modificación de crédito por valor de 10,8 millóns de euros nos orzamentos deste ano. Unha modificación criticada ao longo da semana pola Marea Atlántica despois dunha Xunta de Goberno na que se presentaron as cifras de execución do orzamento do pasado 2022, “a porcentaxe máis baixa da década”.

Esta operación, segundo o goberno local, é necesaria para acometer obras como as dos accesos pola ampliación do complexo hospitalario da Coruña (Chuac), cun investimento dun millón de euros no actual orzamento.

O modificativo, explicou o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior e portavoz do goberno municipal, José Manuel Lage, permitirá afrontar actuacións de mellora no parque de Bombeiros de Agrela e sufragará as anualidades correspondentes ás obras de urbanización que están en marcha desde o ano pasado no barrio de Xuxán.

Ademais, este modificativo de case 11 millóns de euros tamén inclúe as achegas municipais previstas nas intervencións de rehabilitación urbanística vinculadas a fondos Eidus. Por outra banda, darase tamén resposta a solicitudes presentadas pola cidadanía a través dos orzamentos participativos, correspondentes a novas infraestruturas e melloras da mobilidade.

Mocións do BNG

O Pleno aprobou por unanimidade a moción do BNG –defendida polo seu portavoz, Francisco Jorquera- para que o Goberno Local promova unha investigación arredor do caso STL con dous propósitos básicos: saber se as concesionarias dos servizos de recollida de lixo e de limpeza delegaron nese grupo a política de persoal e para determinar se, nesta última contrata, a folga de xuño de 2022 foi pactada entre a empresa e o autodenominado como sindicato.

Porén, as outras das mocións do BNG neste Pleno foron rexeitadas. Unha, defendida por Avia Veira, e contou co único apoio da Marea (PSOE abstívose e PP votou en contra) que propuña dar o apoio do Concello ao movemento RegularizaciónYa, que impulsa unha ILP para favorecer o medio millón de persoas migrantes que se achan en situación administración irregular no Estado.
Tamén foi rexeitada (PP e PSOE votaron en contra e Marea abstívose) a iniciativa por medio da cal o portavoz do BNG no Concello defendeu a retirada dos Plans de Ordenación do Espazo Mariño, os plans do Estado para a eólica mariña. Argumentou Jorquera que a escolla é clara: ou a pesca galega -31 mil empregos directos, 120 mil inducidos, 2% do PIB galego (4,8% se atendemos a todo o sector do mar)- ou a entrega dos nosos mares ás grandes eléctricas.

Mocións da Marea

Ademais, foron aprobadas por unanimidade as tres mocións da Marea Atlántica no Pleno. A primeira pedindo reforzo no servizo de Bicicoriña para que non haia diferencias entre barrios, como explicaban estes días; A segunda moción centrouse en reclamar “limpeza na limpeza”, en relación á polémica xurdida co servizo de recollida de lixo; e a terceira sobre a necesidade de abrir os patios dos centros escolares dos barrios para que a rapazada poida empregar as pistas fora do horario lectivo, gañando espazos para o deporte e o ocio de nenas e nenos.

A tristura das ondas de Orzán, medio século despois

0

O 10 de abril de 1973, dous días após o falecemento de Pablo Picasso, La Voz de Galicia recolleu o poema co que outro gran pintor quixo lembrarse do mestre malagueño. Urbano Lugrís, dende Vigo, colaborou na homenaxe xornalística deste diario con 15 versos cos que armou un precioso poema no que reivindica a galeguidade de Picasso e recrea o mundo máxico daquela Coruña que os dous viviron de nenos:

UN REQUIEM CATIVO PRA UN GRANDER PINTOR

Hoxe pregunteille as vagas do Orzán,
-Qué tristura garda voso verde afán?
Que ata as sereas tan graves están…
Respondeu o vento -¡Ay, foi un amor
do mar maior!
Do mar maior de Riazor,
con vilas sulagadas, e mortas en fror.
(E todolos sinos do fondo do mar
hoxe todos andan a saloucar, ia chorar),
as sereas cala. Soio canta o mar.
O mar, testemuño dun neno andaluz,
que tiña nos ollos gardada unha lus.
As ondas do Orzán
van, veñen;
van.

A enseada do Orzán que tanto pintaron os dous mestres choraba aquel 10 de abril de 1953 pola morte de Picasso e foi Lugrís, dende a súa mirada mítica coa que lograba cartografar cidades asolagadas e enxergar sereas dende a Coiraza, o único capaz de interpretar o canto das ondas do Orzán que «van, veñen, van» para laiarse pola perda da luz que xurdía do fondal dos ollos de Picasso.

Hoxe, A Coruña toda lémbrase e celebra a influencia que Galicia tivo na obra do artista andaluz no cincuentenario do seu pasamento. Oito meses despois de Picasso, o 23 de decembro, Urbano Lugrís morría en Vigo. Hai 50 anos La Voz de Galicia tamén homenaxeouno pero, en 2023, nin o Concello nin a Xunta anunciaron aínda ningunha homenaxe ao noso grande pintor. Evidentemente, non tivo a relevancia do malagueño, pero en decembro, se nada muda, as campás da cidade asolagada de Orzán saloucaran polo esquecemento da figura do noso pintor do mar.

  • Rodrigo Osorio Guerrero, do colectivo lugrisán In Nave Civitas, e da asociación cultural O Mural.

Máis artigos de Rodrigo Osorio

Xurxo Souto e a Banda de Xangai rescatan a lembranza de Mangüi

0

“Mangüi, sempre en nós”. Ese é o lema do concerto homenaxe que a Banda de Xangai vai realiar o vindeiro xoves 20, ás 18:30 h., nunha sesión conxunta co alumnado do IES Agra do Orzán. O evento, organizado pola Asociación Veciñal Agra do Orzán será a primeira vez na que a banda se suba ao escenario sen o compañeiro finado o pasado mes de xaneiro. Xa estaba programado dende hai meses e agora convírtese en homenaxe.

No acto Xangai vai colaborar co alumnado do Agra do Orzán, o instituto onde o propio Mangüi estudou e onde comezou a facerse músico. Na primeira parte do evento o alumnado será o protagonista, e despois poderán participar coa banda herculina que pon en valor o bravú en clave tradicional.

Contos diatónicos

Xurxo Souto co acordeon
Xurxo Souto co seu desaparecido acordeón

Antes, este domingo,16, ás 12 h. na Buserana (praza de Sellier, A Coruña), o noso Xurxo Souto fai outra homenaxe, neste caso ao seu acordeón perdido, ou máis ben roubado o mes de xuño do ano pasado. “Intensa ansiedade. Dura ausencia”, recoñece.

Agora ten un novo diatónico e tanta é alegría que quere compartir música e historias diatónicas a eito. Tocará o novo acordeón e contará historias como a do vapor italiano Palermo, que afundiu nos Baixos Meixidos en 1905 cargado de acordeóns. “Os instrumentos tocaron a noite toda, movidos polo balanzo do mar. Esta tiña que ser, abofé, terra de acordeóns”.

Despois da sesión de música e contos, haberá un xantar na propia Buserana. Se algunha persoa está interesada pode anotarse no Facebook “A Buserana Abusernabar” antes do sábado.

Entidades vinculadas á inmigración poñen en valor a contratación laboral de estranxeiros en Galicia

0

Interesante evento o que acollía esta mañá a Escola Universitaria de Relacións Laborais da Coruña (ERLAC). O “I Encontro de entidades vinculadas á inmigración” quixo afondar sobre un tema tan importante como “a contratación laboral de estranxeiros en España”.

Unhas 200 persoas de diferentes entidades do sector, asistán ao evento organizado pola Deputación da Coruña, que tiña como obxectivo o recoñecemento e aceptación do pluralismo cultural e a busca de respostas e resultados, en clave de integración do colectivo de persoas inmigrantes. A proposta é “crear un espazo de traballo conxunto entre organismos que prestan asesoramento e axuda en materia de inmigración na provincia”.

O acto comezou repasando datos: Galicia conta na actualidade con máis de 118.000 estranxeiros, dos cales o 39,20% están na provincia da Coruña. Só en 2022 chegaron 16.054, un 204,28% máis que o ano anterior.

As participantes desenvolveron o obradoiro “Captación laboral de estranxeiros en España” con ACCEM e SENVALOS; así como as mesas redondas “Dificultades de Inserción Laboral. Valor da contratación de estranxeiros en España” e “Formación e homologación de estudos”, na que participaron ACEEM, SOS Racismo, Cruz Vermella, U.AMI, Ecos do Sur, Mestura, Fundación Ronsel e Acción contra o hambre.

Encontros nos que se afondou a lei de inmigración, os procesos de contratación de persoal e a homologación de títulos estranxeiros. Do mesmo xeito, os relatores incidiron nas dificultades da inserción laboral da poboación estranxeira e no valor que ten para as empresas contratantes.

O Concello da Coruña personouse no recurso contra a elección da sede da Aesia

O Concello da Coruña personouse procedemento que se segue no Tribunal Supremo tras o recurso promovido pola asociación civil ‘Xuntos por Granada’ contra a elección da cidade galega como sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (Aesia), á que tamén aspiraba a capital granadina.

Nunha dilixencia do 11 de abril, á que tivo acceso Europa Press, a Sala Terceira do Contencioso Administrativo do Tribunal Supremo aceptou a petición do Concello da Coruña ao que, a través deste escrito, dáse por personado no procedemento “como parte demandada”.

O Concello da Coruña resolveu personarse no recurso a través dun decreto previo datado este mes de abril, consultado por Europa Press, no que faculta aos seus servizos xurídicos para “interpor os recursos ordinarios e extraordinarios que procedesen contra todo tipo de resolucións que puidesen ditarse no procedemento se lle fosen desfavorables” á cidade neste asunto.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, veu defendendo que a elección desta cidade foi o resultado dun proceso “transparente” e “intachable” coa intervención dunha “comisión de expertos e técnicos”, e que “A Coruña cumpría todos os requisitos sobradamente”, polo que sempre opinou que esta decisión é “irrevogable”.

Pola súa banda, o alcalde de Granada, Francisco Cuenca (PSOE), confirmou este xoves que o Concello formalizará o recurso contencioso-administrativo anunciado no Supremo unha vez que recibiu o expediente sobre o proceso polo que o Goberno designou a sede física desta axencia estatal.

O Sergas recoñece que as máquinas cedidas por Amancio Ortega atenden a pacientes con seguro privado

O director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, negou este xoves en sede parlamentaria que a Administración sanitaria galega cedese maquinaria de alta tecnoloxía doada pola Fundación Amancio Ortega a unha entidade privada, aínda que admitiu que estes equipos tratan, cunha compensación mediante, a uns 400 pacientes con seguro privado.

Foi en resposta a unha pregunta formulada polo deputado socialista Julio Torrado en relación ao uso dos equipos doados pola Fundación Amancio Ortega no Centro Oncolóxico da Coruña, de carácter privado. Na súa resposta, Aboal dixo que son “rotundamente falsas” as acusacións de cesión desta maquinaria a un centro privado, alegando que o convenio de uso que asinou a Xunta non se fixo co Centro Oncolóxico, se non co Consorcio Oncolóxico de Galicia, unha “entidade de dereito pública integrada pola Xunta”, como parte maioritaria, ademais de por outras entidades, na que a iniciativa privada –o Centro Oncolóxico– “ten menos dun 30 por cento” de representación.

Ademais, engadiu, a Xunta “puxo a disposición e non cedeu” esta maquinaria, dado que “o propio convenio recolle que os equipos seguen sendo do Sergas”, dixo Aboal, que asegurou que os equipos serán trasladados ao Hospital da Coruña cando o Plan Director do centro dote os espazos necesarios para esta tecnoloxía.

Mentres tanto, “está claro que as máquinas non están no hospital público“, dixo Jorge Aboal, se non neste centro privado desde o que se “está dando asistencia adecuada e debida aos cidadáns do Sergas na área norte de Galicia”.

Máis en concreto, o director xeral dixo que uns 5.000 pacientes benefícianse desta tecnoloxía na área norte, dos que “máis do 90% son pertencentes ao Sergas“, mentres que “hai uns 400 pacientes que non están adscritos” ao sistema público, para os que “a fundación abona a través do concerto unha cantidade” por dispor e usar estas máquinas.

Campo da Burra: Por un parque na Agra do Orzán Xa!

0

Anunciaba o pasado marzo o Concello que pronto os terreos da antiga AEMET se transformarán nun parque de 5.000 metros cadrados. Un pulmón verde máis que necesario para o barrio da Agra do Orzán, onde viven 30.000 habitantes que esperan que, ademais do anuncio municipal en plena precampaña, o Concello confirme prazos de execución reais.

É máis, a veciñanza non se conforma con este espazo e segue manifestándose cada xocves diante do Concello para reclamar un parque moito mais grande, pedindo que se integre tamén o tradicionalmente coñecido como “Campo da Burra”.

Así o pide o noso Xurxo Souto, neste vídeo gravado por Richi Casás:

Parque Agra do Orzan copia
Recreación do que será o Parque

Merlin Prop. convírtese na única propietaria do Marineda trala compra dos espazos do Corte Inglés

0

Anunciabamos onte en primicia o peche do Outlet e o Hipercor de Marineda City. A nova espallouse pola rede e o resto de medios herculinos, e hoxe Merlin Properties fai pública a compra do espazo. Con esta compra, “a maior empresa inmobiliaria española” adquire o 100% do centro comercial ubicado no complexo inmobiliario do que é copropietaria xunto con Ikea e o Business Center.

MERLIN Properties prevé realizar nos próximos meses unha reforma integral do local comercial e do seu aparcamento, co que converterá os grandes almacéns nunha nova ampliación do centro comercial con novas marcas nacionais e internacionais. Aínda que “o proxecto aínda está por desenvolver, o obxectivo é ampliar e repensar totalmente o espazo, creando un complexo comercial perfectamente integrado e unido”, explican.

O Marineda

As cifras seguen dando conta do impacto do Centro Comercial. naugurado en 2011, Marineda City é o maior centro comercial de Galicia por GLA (superficie bruta arrendable) e está entre os primeiros de España. Conta na actualidade con 200 tendas, con marcas como Ikea, Decathlon, Media Markt, Leroy Merlin, Primark, todos os buques insignia do grupo Inditex, H&M, Mango ou as marcas do grupo Tendam, entre outras.

Suma uns 17 millóns de visitas ao ano.

Novas relacionadas

Repsol consegue 15 millóns de axudas para o seu proxecto de hidróxeno renovable na Coruña

Dous proxectos de Repsol para impulsar o hidróxeno renovable en España, un na Coruña, adxudicáronse 25 millóns de euros en axudas, dentro da concesión definitiva realizada polo Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE), organismo dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, na convocatoria de Cadeas de Valor, dentro do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e a Recuperación Económica de Enerxías Renovables, Hidróxeno Renovable e Almacenamento (PERTE ERHA).

Un deles é o electrolizador de 30 MW de capacidade que instalará nos terreos da antiga central térmica de Meirama, nunha zona de Transición Xusta, no municipio de Cerceda e onde ten por socios a Naturgy e Reganosa. Este proxecto recibirá unhas axudas de 15 millóns de euros.

O hidróxeno renovable xerado tamén se destinará a uso industrial para substituír o hidróxeno convencional que actualmente utiliza o complexo de Repsol na Coruña. Tamén se utilizará noutras industrias, na inxección na rede gasista para ser mesturado con gas natural e en mobilidade. Todos estes usos permitirán reducir a pegada de carbono da zona e demostrar a viabilidade da produción masiva de hidróxeno renovable e da súa distribución ao consumidor final.