Inicio Blog Páxina 687

Na Coruña véndense vivendas a pesar da crise

0

A Coruña ocupa o posto 25 entre as cidades españolas con maior demanda de vendas de vivendas a peche do ano 2022, segundo un estudo de Idealista.

O municipio de Madrid volve encabezar esta clasificación clasificación, seguida de Xetafe (segunda) e Alcalá de Henares (terceira). Pamplona e Valencia ocupan a cuarta e quinta posición, respectivamente.

Xunto a Madrid e a súa periferia aparecen grandes capitais de provincia, como A Palma de Gran Canaria (9º) e Zaragoza (10º). Outros grandes mercados como Sevilla (11º), Málaga (13º), Barcelona (15º) ou Palma (20º) tamén aparecen na parte alta do ranking.

A Cámara de Comercio da Coruña presume de produtos galegos en Xapón

0

A Cámara de Comercio da Coruña organiza unha misión comercial a Xapón ante o repunte da demanda de produtos galegos desde o citado país, segundo indica.

Nun comunicado, sinala que en 2020 as vendas a Xapón desde Galicia incrementáronse un 25,9%; en 2021 un 33,8% elevando a cifra total de exportacións a case 170 millóns de euros e en 2022 (datos recolleitos ata o mes de outubro) o crecemento foi do 15%.

“Por tanto, atopámonos nun contexto moi favorable para as empresas de servizos e para impulsar investimentos, diminuíndo as trabas para exportar produtos a Xapón e reducindo e, mesmo, eliminando aranceis nunha inmensa maioría de produtos e bens”, indica o organismo cameral.

En canto aos produtos máis exportados desde Galicia figuran os produtos e derivados cárnicos, pezas de confección, vehículos automóbiles, mobiliario e peixe.

“Con esta acción, que terá lugar entre o 4 e o 11 de marzo, dáse a opción ás empresas galegas de identificar posibles clientes ou partners no país”, explica. As empresas que xa operan no mercado xaponés teñen a oportunidade tamén de consolidar as súas relacións comerciais e empresariais.

No bo camiño: O fútbol feminino da comarca progresa adecuadamente apostando pola base

0

O percorrido e desenvolvemento do fútbol feminino coruñés nos últimos 15 anos é digno de mención.

Logo de vivir na escuridade dende o ano 1988 cando desaparecera o mítico equipo do Karbo houbo que esperar ata o 2007 para que dous históricos da nosa cidade coma o Orzán e o Galicia Gaiteira deran o paso para recuperar o legado que marcara no mapa do fútbol feminino nacional a cidade na que ningúen é forasteiro.

O nacemento e eclosión do Dépor Abanca colocou a guinda para espertar o interese do gran público e a prensa e acercar as máis cativas a súas novas estrelas con sangue galego.

E por fin as nenas da Coruña querían ser futbolistas.
E outras rapazas querían ser árbitras.
E as súas familias e coñecidos querían estar nas gradas o carón delas.

Torneos internacionais, partidos con miles de afeccionados nas bancadas, xogadoras internacionais, a mellor canteira de futbolistas da terra… un presente esperanzador pero cun futuro que precisa de coidados e traballo. Moito traballo.

Na actualidade podemos presumir dunha Coruña que ama e disfruta co fútbol sen ningún xénero de dúbidas.

  • Manu Sánchez, Adestrador Nacional de Fútbol, ex adestrador do Orzán e do RC Deportivo Abanca. Alma do FUTFEM coruñés.

A Audiencia da Coruña xulga a 17 persoas por contrabando de tabaco

0

A Audiencia Provincial da Coruña celebrará os días 24 e 25 un xuízo por contrabando de tabaco, un delito polo que están acusadas 17 persoas, segundo recolle o escrito de cualificación fiscal. Por estes feitos, pídenselles penas que van desde o sete anos de cárcere ao tres anos e seis meses de prisión.

Nel, sinálase que sobre as 22,20 horas de abril de 2012 un dos acusados foi interceptado cando conducía unha furgoneta en Vigo, na que transportaba no seu interior 15.000 paquetes de tabaco, distribuídas en 60 caixas, sen o precinto regulamentario.

Na tarefa de transporte dese tabaco, que procedía de Andorra e cun valor de máis de 50.000 euros, axudáballe outro dos acusados, Con posterioridade, producíronse outras incautacións de tabaco a outros procesados, nalgún caso 17.500 paquetes de tabaco.

Noutra incautación, a outros dos acusados localizóuselles no dobre fondo dun camión, nun transporte pola cidade da Coruña, máis de 60.000 paquetes, cun valor no mercado de máis de 280.000 euros.

O mesmo ocorreu con outra incautación, xa en xuño, neste caso nun furgón pola autovía A-52, no tramo comprendido entre A Gudiña e Verín. Transportaba no seu interior, escondido nun compartimento oculto, máis de 14.000 paquetes cun valor de máis de 57.000 euros. Houbo en total dez incautacións, algunhas delas fóra de Galicia.

Volve a gran duna de Riazor tras desaparecer nos últimos temporais

O Concello da Coruña inicia este martes os traballos de reconstrución da duna da praia de Riazor, que foi danada nalgúns puntos durante as alertas meteorolóxicas por fenómenos costeiros das últimas semanas. Dependendo da climatoloxía, as tarefas poderían durar ata catro días.

Segundo informa, vaise a utilizar unha retroexcavadora xiratoria de gran capacidade para facer unha gabia entre o muro do paseo marítimo e a propia duna que garanta que a auga non chegue á zona peonil. Tamén se empregará para subir a area da outra parte da duna á súa altura orixinal.

Para estas tarefas utilizaranse, ademais, tractores con pa para os extremos e haberá operarios que garantan a seguridade na zona. A reconstrución da duna dáse tras os últimos temporais na costa coruñesa, nos que foi necesario cortar o acceso peonil ao paseo marítimo ante a previsión de ondas de máis de oito metros.

O goberno local precisa que, finalmente, a estrutura de area resistiu, “pero é necesaria a súa reparación para o resto do inverno”. O Concello está a estudar un novo deseño para a barreira de area “co fin de facela máis efectiva fronte á acción das ondas”.

Dous murais de Cambre, entre os finalistas para mellor graffitis do mundo de 2022

0

As obras de Huariu “Enraizado co presente”, e a que Mon Devane (Fendetestas), pintou en Sigrás dentro do Cromático Mural Fest, son finalistas da votación ao mellor graffiti do mundo de 2022, no marco do certame organizado pola parte da plataforma Street Art Cities.
En Galicia apenas temos 5, un en Lugo, un en Carballo, e un en Sada, ademais dos dous de Cambre.

O mural de Fendetestas

Especial interese ten o mural de Fendetestas coa cara de Xosé A. Touriñán. Para impulsar a súa candidatura aos premios, a Deputación presentou a súa nova ferramenta de realidade aumentada (RA), xa dispoñible en Instagram.
Con el, calquera usuario pode facer que os Fendetestas, caracterizados por Xosé Antonio Touriñán, cobren vida, converténdoo literalmente nun personaxe do “Bosque Animado” de Wenceslao Fernández Flórez, no que se inspira o mural.

Unha historia verdadeira

0

Durante uns anos, Didac Aparicio foi a cabeza visible do selo videográfico Intermedio, coñecido polas súas tan persoais como coherentes apostas cinematográficas, aderezadas pola excelencia de catálogo e contidos, con materiais complementarios esixentes, novidosos. Un día, Aparicio decidiu abandonar o cine, creando en 2011 unha editorial, Contra, especializada en cultura popular, orientada sobre todo en dous ámbitos, deportes e música. Por fortuna, unha conxunción de circunstancias facilitou que o deporte na súa vertente escrita deixara de ser pouco menos que proscrito e contemplado baixo parámetros elitistas, e o editor, coa súa proverbial sagacidade e capacidade de risco, foi alimentando un catálogo suxerente, cheo de xoias que, non é baladí, deixan atrás ocos de coñecemento históricos.

Observando que na selección musical son moitas as pezas destacables –mención especial ao lirismo intenso e desquiciado de Fuego eterno. La historia de Jerry Lee Lewis de Nick Tosches ou a propia autobiografía de Mark Lanegan-, o deporte ten un fondo editorial baseado fundamentalmente en tres disciplinas, o baloncesto, o ciclismo e o fútbol. Este último outono editaba Coast to Coast. Un viaje por los márgenes de los Estados Unidos a través del baloncesto, un ensaio de viaxes fascinante que, co baloncesto –entendido como ente poliédrico, multicor- como epicentro, coa música en deliciosa amalgama, moldea nada menos que un estimulante informe sociopolítico de primeira orde sobre os Estados Unidos, un empeño laborioso: a comprensión do carácter distintivo dunha sociedade a través dunha práctica concreta.

Froito dun desprazamento polo país do seu autor, o xornalista freelance Fernando Mahía (A Coruña, 1990), iniciado en maio de 2019, como ben se nos indica, tempos de Trump, cando todavía vive Kobe Bryant e non chegou a pandemia arrasadora, o libro funciona como un manual erudito, cheo de referencias, marcado por unha mirada respectuosa sobre a contorna, con humor e honestidade.

 

View this post on Instagram

 

A post shared by Fernando Mahía (@fernando.mahia)

A narración, o periplo en si, prosa de carreteira, furgoneta Dodge Gran Caravan do 2001, perspicaz e apaixoada, comeza nas históricas canchas de Rucker Park, espazo antolóxico do deporte nas rúas de estirpe afroamericana, e remata en setembro de 2019 no Oeste, na outra costa, arredor de San Francisco -lugar onde o autor residiu un tempo- e o potencial do actual campeón da NBA, os Golden State Warriors, coa inauguración do Chase Center, o seu novo pavillón. O texto permite pasar da frescura lumpen do xogador de rúa por excelencia, Earl Manigault, á xenialidade de Pete Maravich –protagonista da biografía tamén editada por Contra Pistol de Mark Kriegel, auténtica traxedia shakesperiana de memorable lectura-, dun modo no que o fresco deportivo e social pasea por estados variopintos e enriquecedores: o sustrato caribeño; o legado puritano; o pioneiro James Naismith; o Akron de Lebron James; o deporte de Flint; os veciños de Larry Bird e o mito da Indiana hoosier; o paseo polos Apalaches; a caída aos infernos de Schuye LaRue; a WNBA; a marca Globetrotter; os Memphis Grizzlies e as pisadas de Otis Redding; Lusia Harris, primeira muller no draft da NBA ou a nativa Ryneldi Becenti.

Fernando Mahía posúe un sentido da construción no que o didactismo nunca é un obxecto pesado ou impositivo, cunha marcada habilidade para trascender o recordo persoal e transformalo en peza do puzzle-epítome resultante, un conxunto de personaxes, espazos, narracións, anécdotas, notas ou fitos que non eluden as sensacións máis agridoces dunha sociedade empurrada e coaaccionada en tantos aspectos pola aspiración ao éxito. Polo demais, ese conxunto plural, espallado nun sinfín de direccións e que sobrepasa as restriccións do microcosmos, complementa con eficacia a ollada presente na nómina de obras estadounidenses relacionadas con este deporte traducidas grazas á editorial, títulos como Showtime, Las reglas de Jordan, Baloncesto (y otras hierbas) ou Cuando éramos campeones.

 

  • José Manuel Sande. Programador cultural, escritor cinematográfico. Parte da Filmoteca da Galicia e da Fundación Luzes.

O Concello da Coruña e Agadic colaborarán na programación de 26 espectáculos

0

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o director da Axencia Galega dás Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, asinaron este luns os convenios para levar a cabo o desenvolvemento conxunto da programación de artes escénicas deste 2023 no Fórum Metropolitano e tamén no Teatro Rosalía.

Ambos forman parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Agadic cofinanciará mediante este acordo a programación de 12 espectáculos teatrais que se desenvolverán de febreiro a xuño no Fórum, aos que se sumarán outros 14 no Teatro Rosalía.

“A programación de artes escénicas do Fórum é un dos alicerces básicos da proposta deste recinto, que ten entre os seus obxectivos fundamentais achegar á cidadanía as artes escénicas, especialmente na infancia”, sinalou a alcaldesa en referencia a algunhas das propostas previstas.

Con este convenio prográmanse 12 espectáculos no Fórum Metropolitano dos 18 que ofrecerá o recinto durante este primeiro semestre do 2023, aos que se suman os do Teatro Rosalía.

A escaseza de profesionais na sanidade pública galega: o que non che contan

O pasado 22 de Decembro do 2021 (hai máis dun ano!) enviei a carta que poden ler máis abaixo ao Presidente da Xunta de Galicia, entón Alberto Nuñez Feijoo. Aínda que recibín confirmación da recepción da mesma, nunca obtiven unha resposta. Tamén acudín á Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, non puidendo tomarse accións dende esta institución ao non presentarme ao exame da OPE do SERGAS 2021. Segundo a Valedora do Pobo, é despois do exame, non antes, cando faise a baremación da OPE. Por esta razón, a miña queixa foi arquivada. Sen máis.

Se decide ler a carta, no derradeiro parágrafo entenderá mellor por que faltan profesionais no seu centro de saúde, por que ten que agardar meses para unha proba diagnóstica ou unha cirurxía, que poden chegar moi tarde (por exemplo, se lle diagnostican un cancro). Pero sobre todo, entenderá por que o seu sobriño/a ou o fillo/filla do seu veciño/amigo, que estudiou Medicina e Cirurxía ou enfermería nunha universidade galega, destaca hoxe coma profesional afastado da terriña. Por certo, a solución á problemática denunciada, sistémica no conxunto do Estado, non require cobertura presupuestaria ningunha. Non precisa cartos senón vontade política, que semella non existir.

Carta a Alberto Núñez Feijoo. 22 de Decembro do 2021

Estimado Presidente da Xunta de Galicia. O motivo desta mensaxe, como máximo mandatario da institución que preside, competente en materias de sanidade, é que sexa plenamente consciente da situación denunciada, moi grave e que precisa dunha solución inmediata, dadas as consecuencias tan delicadas da mesma: a saúde dos cidadáns. O meu nome é Javier David López Moríñigo, nado en A Coruña, licenciado en Medicina e Cirurxía na Universidade de Santiago de Compostela (2005) e Médico Especialista en Psiquiatría (Médico Interno Residente, MIR) no Complexo Hospitalario Universitario da mesma cidade (2010). Actualmente exerzo como Facultativo Especialista de Área en Psiquiatría, e investigador no Hospital General Universitario Gregorio Marañón (Madrid).

O motivo desta carta é expoñer brevemente as razóns –trabas burocráticas que non me atopei en ningures (Madrid, Reino Unido)- que me levaron a non presentarme na OPE ao SERGAS 2021. Insisto, non se trata dun problema persoal senón xenérico, sistémico, estructural, pois estas circunstancias fan que aqueles médicos que decidiran facer a súa carreira fóra de España sexan de facto excluídos da mencionada OPE. Precisamente nestes tempos de COVID-19 e elevada presión no sistema sanitario, especialmente no meu campo –saúde mental- non podemos permitirnos excluír aos nosos profesionais que un día, con moito sacrificio persoal, decidiron facer un currículum fóra, e agora “aceptarían” retornar a Galicia.

A continuación, expoño ditas razóns:

Segundo o SERGAS, o meu título de doutor en Psiquiatría (King’s College London (KCL), 2017, é dicir, cando o Reino Unido estaba na UE) non pode considerarse un título de Ciencias da Saúde. A razón argumentada: o certificado (e a correspondente tradución xurada) din que son Doutor ‘en Filosofía’. Certo, como calquera título de doutorado do mundo anglofalante, de onde procede o termo PhD (do latín, Philosophiae doctor). O KCL está recoñecida entre as 50 mellores universidades do mundo (Ranking de Shangai), e segunda en neurociencias despois de Harvard. Dito título de doutoramento está recoñecido polo meu actual hospital (Gregorio Marañón, Madrid) así como pola propia Unión Europea, quen financiou o meu proxecto de investigación postdoutoral a través das prestixiosas bolsas Marie Curie e levado a cabo na Universidade Autónoma de Madrid (2019-2021), proxecto que tampouco foi baremado polo SERGAS como tal.

Segundo o SERGAS, tampouco fun titor de médicos residentes. Certo, fun supervisor (en inglés, de igual tradución ao galego) de residentes como acreditan os certificados. Segundo o SERGAS, non fixen formación continuada, porque os cursos e congresos asistidos (en Reino Unido, EEUU, etc.) están en inglés e os créditos non teñen equivalencia.

Segundo o SERGAS, si traballei na UE, no Sistema Público de Saúde do Reino Unido (NHS), o que me supuxo varios meses de papeleo e foime notificado dúas semanas antes da data do exame da mencionada OPE.

Segundo o SERGAS, fun admitido nas listas da OPE-Psiquiatría 2021. Porén, a perda, coido que inxusta, de tantos puntos de baremación a priori supuxo tamén a perda da motivación persoal para preparalas e presentarme ao exame. Pénseo. Nunhas oposicións o obxectivo é acadar mellor puntuación que os teus adversarios (“opoñerse”). En definitiva, trabas burocráticas absurdas que supoñen que a meirande parte de profesionais sanitarios que están a exercer a medicina en centros prestixiosos no estranxeiro, con CV recoñecidos como excelentes en moitos casos (aínda non coñezo a outro psiquiatra galego premiado cunha bolsa Marie Curie pola Unión Europea), decidan non presentarse á unha praza de OPE no SERGAS. Non lle parece moi grave?

Foron moitos os galegos que emigraron ao longo da historia. No meu caso, non por necesidades básicas senón polo chamado desenvolvemento profesional. E somos moitos os galegos que voltariamos a Galicia, pese ao sacrificio persoal e económico (salarios un 50-60% inferiores), se simplemente o noso esforzo (CV) fose recoñecido. Do contrario, Galicia seguirá a perder aos seus emigrantes, para beneficio deles, e perxuizo do país. A historia repítese.

Non dubide en contactarme se a miña colaboración puidera axudar a solucionar esta situación.

Un saúdo.

Dr Javier David López Moríñigo.

 

  • Javier López Moríñigo. Coruñés na diáspora. Médico-Psiquiatra formado na USC. Doutor en Medicina polo King’s College London (Reino Unido). Na actualidade, Médico-Psiquiatra e Investigador Post-Doctoral no Hospital General Universitario Gregorio Marañón (Servicio Madrileño de Salud, Comunidad de Madrid)

Xulgan a un policía local da Coruña por lesións a un detido e a este por condución temeraria

0

A Audiencia Provincial da Coruña celebrará o día 26 un xuízo contra un axente da Policía Local da cidade herculina e contra un home ao que detivo, no primeiro caso por un presunto delito de lesións e de condución temeraria, no outro.

Os feitos remóntanse á madrugada do 2 de xuño de 2020 cando o procesado, que conducía un vehículo sen carné e baixo os efectos do alcol, foi detectado, circulando de forma errática, polo axente e outra compañeira. En lugar de parar ao darlle o alto, o home emprendeu a fuxida para abandonar daquela o coche aínda que pouco despois foi localizado polos axentes, que se achegaron a el.

“Durante esta actuación, ben ao apearse do vehículo policial ben nun momento posterior, pero en todo caso separado por escasos segundos, o procesado decidiu extraer e exhibir a súa arma regulamentaria sen que ata entón houbésese exteriorizado acto algún de agresión que xustificase a necesidade de facelo“, sinala Fiscalía.

“Xa coa arma na man”, aproximouse ao outro acusado “nese momento apoiado de face á parede do inmoble, con intención de cachearlle e esposarle”. “No instante en que procedía a iso, con omisión da mínima dilixencia esixible, apoiou a pistola contra o corpo deste e a mesma disparóuselle accidentalmente alcanzándolle á altura do brazo dereito”, engade.

Ao condutor, que se negou a facer as probas de alcoholemia, impútaselle, entre outros, un delito de condución temeraria, e pídenselle dous anos e tres meses de prisión, mentres que no caso do axente Fiscalía considera que os feitos constitúen un delito de lesións por imprudencia grave con uso de arma de fogo e pídeselle tres meses de cárcere.