Inicio Blog Páxina 695

Un chisqueiro dentro da roupa, causa da explosión da secadora de Pocomaco

0

A explosión dunha secadora rexistrada nunha lavandaría da cidade da Coruña causou importantes danos materiais no local. E todo, ao parecer, por un chisqueiro que quedou entre a roupa que se estaba lavando.  O gas e a alta temperatura provocaron o incidente. Afortunadamente todo quedou nun susto e non houbo que lamentar feridos.

Segundo informou o 112-Galicia, os feitos sucederon nunha lavandaría da Sexta Avenida do Polígono de Pocomaco, pouco despois das 19,30 horas deste martes.

Os Bombeiros da Coruña, desprazados ata a zona, sinalaron que explotara e ardera unha secadora, aínda que sen que ningunha persoa resultase ferida. No operativo tamén participaron efectivos do servizo de prevención, extinción de incendios e salvamento da Coruña, que sanearon a fachada, e de Policía Local e Nacional.

A Deputación da Coruña abrirá puntos de atención presencial para facilitar trámites con administracións

A Deputación da Coruña abrirá puntos de atención presencial para axudar nos trámites electrónicos con administracións, segundo informou o seu presidente, Valentín González Formoso, na presentación da ‘Estratexia Dixital’ da institución provincial.

En concreto, e como proba piloto, serán inicialmente dous, unha na Coruña e outra en Betanzos, con carácter comarcal. As dúas comezarán a funcionar este ano.

Da mesma, explicou que busca seguir avanzando na implantación da administración electrónica, a transformación e a inclusión dixital tras a aposta, remarcou, pola administración dixital.

“En cinco anos, 16 millóns en procesos de digtalización”, dixo sobre o investimento do organismo provincial, nunha comparecencia xunto ao deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira, así como responsables técnicos do servizo.

Sobre a Estratexia Dixital, sinalou que se basea en catro eixos:a accesibilidade dixital universal, a ciberseguridade, a mellora das infraestruturas dixitais e o proxecto ‘Concello Dixital’, que xa chega a 80 entidades da administración local da provincia.

Detido por violencia de xénero un home na Coruña

0

Axentes da Policía Local detiveron este martes a un home pola presunta agresión a unha nova. Os feitos producíronse nunha vivenda da Rolda de Nelle e ao lugar trasladáronse dotacións policiais ao recibir o aviso.

Fontes próximas ao caso confirmaron a Europa Press que o home foi detido sobre as 10,15 horas, unha detención a cargo da policía local. O arresto produciuse por un presunto delito de violencia de xénero a unha muller de 19 anos.

Este é o vídeo promocional da Semana Santa coruñesa

0

A Xunta de Confrarías da Semana Santa da Coruña acaba de sacar spot publicitario para as celebracións deste 2023. Un vídeo no que destacan a devoción que hai na cidade pola Semana Santa.

“Unha semana ao ano, a cidade de cristal sinte unha paixón distinta”, comeza este spot:

Alvedro, o último no ranquing dos aeroportos de Galicia

0

Os aeroportos de Vigo e de Santiago de Compostela superaron en febreiro en número de viaxeiros rexistrados no mesmo mes de 2019, antes do estalido da pandemia do coronavirus, mentres que o aeródromo da Coruña continúa aínda con datos inferiores a ese ano.

Segundo as cifras publicadas este luns por Aena, o aeroporto de Lavacolla Rosalía de Castro contabilizou 194.488 pasaxeiros o mes pasado, un 17,8% máis que en febreiro de 2019, superando así “un mes máis os datos previos á pandemia grazas ao dinamismo que vén mostrando tanto o tráfico nacional como internacional nos últimos meses”.

Deste total, 193.986 viaxeiros proceden de voos comerciais, con máis de 150.000 que viaxaron en traxectos nacionais, un 9,6% máis, e 43.319 fixérono en ligazóns internacionais, un 65% máis. En canto ás operacións, o aeroporto compostelán rexistrou 1.573 voos en febreiro, un 15,7% máis que en 2019. Ademais, a terminal de carga xestionou durante o pasado mes máis de 368 toneladas de mercadoría, un 55,2% máis.

VIGO

Pola súa banda, Peinador rexistrou 76.149 pasaxeiros en febreiro (+6,9%, sempre respecto de febreiro de 2019) e 1.162 operacións (+34%). Así mesmo, contabilizou 44 toneladas de mercadoría, quedándose no 91,4% do que conseguiu en febreiro de 2019, sen alcanzar aínda niveis previos á pandemia.

Nos dous primeiros meses de 2023, a infraestrutura viguesa moveu 150.382 pasaxeiros, un 5,1% máis, con 2.382 voos, un 39,8% máis. A carga transportada aínda queda lonxe dos datos de 2019, cunha recuperación do 82,5%, ata 74 toneladas.

A CORUÑA

Con todo, Alvedro contabilizou 86.102 pasaxeiros en febreiro, recuperando nun 94,7% do tráfico de antes da pandemia, pero quedando así aínda con cifras inferiores. O número de operacións foi de 1.266, o que implica unha recuperación de máis de 96,5% respecto ao mesmo mes de 2019. As mercadorías transportadas quedan aínda no 52,3% da carga soportada antes da pandemia.

No que vai de ano, na Coruña rexistráronse 168.726 viaxeiros, un 92,7% do total que se contabilizou entre xaneiro e febreiro de 2019. Os movementos chegaron aos 2.370, un 93,4% se se compara con antes da pandemia e a carga transportada superou as 14 toneladas, cunha recuperación do 54,3%.

Formoso reclama “pensar na sociedade” ante os críticos coa candidatura de Inés Rey

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, instou aos críticos coa candidatura encabezada pola alcaldesa herculina, Inés Rey, para as próximas eleccións municipais a “pensar na sociedade”, ao ser preguntado pola impugnación da lista por parte dun grupo de militantes.

A preguntas dos xornalistas, coincidindo coa súa presenza nun acto como presidente da Deputación coruñesa, destacou o feito de que a lista saíse por “aclamación”, algo que para Formoso fala “en por si”.

“O que quere o PSOE na cidade é que pensemos na sociedade, hai que fortalecer o proxecto”, remarcou. “Non somos un fin en nós mesmos, somos un medio para a propia sociedade”, engadiu o secretario xeral dos socialistas galegos para quen Rey dotou á cidade herculina de “liderado”.

“Esta cidade necesitaba recuperación da identidade, de confianza, e isto conseguiuno con este goberno”, incidiu Formoso, quen manifestou que Inés Rey “devolveu a ilusión á cidade”.

A importancia da colocación do pronome átono na frase

0

Un pronome átono endexamais encabeza unha frase. Coido que probablemente é unha das sentenzas que máis veces escribín na vida. E a razón é que nos exames de galego sempre caía A colocación do pronome átono na frase. A profesora de galego (e de historia), chamábase Chelo e alcumabámola Lechuga (polo seu corte de pelo semellante a unha leituga, curto polas beiras e encrespado no cocote). Pois ben, A colocación do pronome átono na frase era preceptivo en todos e cada un dos seus exames, mesmo nos exames sorpresa. Evidentemente, de tanto respondela, a maioría da clase sabiámola de corrido con todas as súas variadas excepcións. Pero o curioso era que había xente que a seguía fallando, mesmo que a deixaba en branco. E iso que os exames de Chelo só tiñan tres preguntas cunha puntuación de 3’5 – 3’5 – 3, polo que calquera pregunta valía un terzo da nota final.

O razoamento dos que non estudaban A colocación do pronome átono na frase tiña en verdade lóxica. Dicían que se xa caera tantas veces que non vían probable que volvese caer. Pero seguiu caendo mentres Chelo nos deu galego, durante catro ou cinco anos.

Moitos alumnos, pais e nais de bien, tiñan a Chelo por unha galeguista radical que suspendía por maldade antiespañola. Mais Chelo só falaba galego na escola, e na rúa falaba castelán, independentemente de que nós, afeitos á escola, nos dirixísemos a ela en galego. É dicir, suspendía, si, e moito. Pero porque lle saía da cirola, non por galeguista.

Outro detalle curioso de Chelo era o xeito que tiña de escarmentar aos que copiaran. Interrogábaos sobre as preguntas que contestaran de xeito idéntico ao libro. A un compañeiro sacouno ao encerado dous días despois dun exame de historia. Pediulle que lle contase á clase todo o que sabía sobre os maias. Ao principio o compañeiro ficou en branco, mais como pasaba as tardes xogando Age of Empires nos cíbers algo amañou, como que os maias non tiñan cabalos ou que empregaban a roda. Pero isto xa é outra historia, e como di Ubaldo, en internet ninguén le máis alá de dous parágrafos.

 

  • Tito Pérez é enxeñeiro técnico industrial e escritor. Conta con dous libros de relatos publicados, Vinte fragmentos de mocidade voraz e O latexar do barrio, e cunha novela, O grupo. Mais sobre todo se considera habitante de barrio da nosa cidade e avezado estudoso das súas xentes e idiosincrasias.

MÁIS ARTIGOS DE TITO PÉREZ EN XDC

MÁIS INFO

Os percebeiros de toda a provincia maniféstanse en Ribeira ante o novo xesto da Xunta cos bateeiros

0

Vén de lonxe a polémica entre percebeiros e bateeiros. Ambos levan anos compartindo rochas, a pesar das continuas queixas dos primeiros pola falta de controis que sofren os bateeiros. A realidade é que os bateeiros levan toda a vida extraendo a mexilla (a semente para as bateas) en toda a costa galega sen ninún tipo de limitación nin control de pesos. Unha situación que provoca a ira dos percebeiros, que vén como cada que vez que pasan os bateeiros as rochas quedan absolutamente esquilmadas. Ademais, os percebeiros aseguran que o mellor percebe medra cando ten mexilla ao redor.

Rocha esquilmada tralo paso dos bateeiros
Rocha esquilmada tralo paso dos bateeiros

Tras varios sucesos entre os dous sectores (chegando mesmo ás mans nun episocio en Muxía), as protestas dos percebeiros obrigaron á Xunta en 2020 a establecer unha serie de zonas reservadas para o percebe, excluíndo apenas 50 dos 1.700 km de costa á extracción da mexilla.

Unha decisión ridícula, pero ante a que os bateeiros non quedaron parados e seguiron protestando (este ano é certo que hai unha escaseza de cría) ata que a Xunta, hai apenas dúas semanas, eliminou 20 deses 50 km de restricións. Así, do total do litoral das provincias da Coruña e Pontevedra só o 16% está vedado á extracción de mexilla.

“Desde as confrarías non cremos que a apertura dun 16% de costa sexa a solución á escaseza de mexillón no 84% restante. Con todo, para os perceberos ese 16% é moi importante xa que se trata de zonas seleccionadas precisamente pola súa relevancia, xa sexa por cantidade ou por calidade”. “Perder esas zonas pode ser un auténtico drama nun ano xa de seu complicado”, sinala no seu comunicado a Federación Provincial de Confrarías.

Mapa extraccion percebe e mexilla
Así de desequilibrado é o Mapa extracción do percebe e da mexilla

Manfestación

Unha Federación que convoca unha concentración nas inmediacións da xefatura comarcal da Consellería do Mar en Ribeira o vindeiro venres, día 17.

Manifestacion percebeiros en Ribeira

A Federación denuncia que a Consellería “cedese ás presións do sector ‘bateeiro'” e de maneira “unilateral” inclúa a posibilidade de “saltarse” a normativa aprobada na xestión de recursos marisqueiros e pesqueiros e abra “zonas que, a proposta das confrarías, tiñan pechadas á extracción da fazula”.

Tamén lembra que no Diario Oficial de Galicia (DOG) saíu publicada a orde de aprobación dos plans de xestión para os recursos específicos, entre eles os do percebe, que inclúen zonas de exclusión para a extracción de fazula nas áreas máis significativas dos bancos de percebe.

 

 

O Básquet Coruña leva Premio do Deporte Galego como mellor entidade na promoción do deporte base

0

Apenas un par de días despois da homenaxe á canteira no marco da malleira Valladolid, o Leyma Basquet Coruña celebra outro fito vinculado ca base. A Xunta de Galicia vén de recoñecer o traballo club outorgándolle o Premio do Deporte Galego como mellor entidade na promoción do deporte base. Nesta ocasión, e excepcionalmente por mor da pandemia, os premios anuais abranguen o período comprendido entre 2019 e 2022.

Son 704 nen@s e 31 adestrador@s @s que integran os 45 equipos base, dos dez colexios externos e de toda a familia Básquet Coruña, merecedora deste galardón.

A Gala de entrega que terá lugar o vindeiro luns, 20 de marzo, no Auditorio de Ribeira.

 

Aparatoso incendio dun vehículo na AP-9 en O Temple

0

Un turismo incendiouse esta mañá na entrada da AP-9 en O Temple (carril sentido A Coruña-Santiago). O condutor avisou á Policía Local sobre as 11.32 horas e ao lugar acudiron a Policía Local, o Servizo Municipal de Emerxencias de Cambre, a Garda Civil e os Bombeiros de Betanzos (que, ao final, non tiveron que actuar).

O lume iniciouse no motor do vehículo e acabou calcinando o coche por completo.