Inicio Blog Páxina 699

#8M: A Coruña saíu á rúa nunha mobilización transversal

Milleiros de persoas saíron ás rúas este mércores 8 de Marzo, co gallo do Día da Muller Traballadora e no marco da mobilización convocada pola Marcha Mundial das Mulleres e a Plataforma Feminista Galega.

A manifestación partíu ás 20:00h o Obelisco e ateigou a arteria principal da cidade ata a súa chegada, contra ás 21:00h, á Praza das Cigarreiras. Unha mobilización transversal, con xentes de todas as idades, cores políticas (agás o azul e o verde), con moita presencia da realidade “trans” pero tamén con algún signo de división, como a petición de dimisión de Irene Montero entre algún dos numerosos colectivos participantes.

 

View this post on Instagram

 

A post shared by Xornal da Coruña (@xornaldacoruna)


A mobilización tiña como obxectivo visibilizar todas as eivas que aínda lle queda á sociedade para alcanzar unha igualdade real, tanto en materia de violencia de xénero, como rezaba o lema unitario ‘contra a violencia machista, revolta feminista’; como en termos de precariedade laboral dos traballos femininizados como o sector dos coidados e asistencia a domicilio. Tamén escoitáronse proclamas abolicionistas, intentando acabar con calquera elemento instaurado polo patriarcado.

Soaron cánticos de todo tipo, dende os máis clásicos como ‘aquí está, aquí vese, o feminismo galego en pé’, a outros máis combativos como ‘Mulleres contra o capital, contra o machismo, contra a guerra”.

Especial protagonismo merecen as pancartas deseñadas pola cidadanía, a cada cal máis ilustrativa e enxeñosa.

As usuarias da Fundación Érguete en réxime de semiliberdade falan das súas metas polo 8M

Emotivo e impactante o vídeo realizado pola Fundación Érguete, en colaboración co CIS Carmela Árias y Díaz de Rábago da Coruña, para este 8M. Varias mulleres que están rematando a súa condena en réxime de semiliberdade falan das súas experiencias, das súas metas, dos seus propósitos.

Reflexionan sobre a importancia do emprego no proceso de reinserción, unha parte fundamental que está en mans das entidades sociais.

Revista

A entidade editou tamén unha revista con varios artigos das usuarias, nos que contan as súas experiencias máis persoais. Relatos impactantes no que contan que foi o que lles fixo cambiar o chip tras vivir a crúa experiencia de pasar por prisión.

Novas relacionadas

 

Militantes socialistas piden que se anule a candidatura ás municipais da Coruña, encabezada por Inés Rey

Militantes socialistas da Coruña recorrerán a candidatura do partido ás eleccións municipais, encabezada pola actual alcaldesa, Inés Rey, segundo informan despois de que a asemblea local ratificase este martes a lista aprobada o luns pola comisión executiva municipal. En concreto, o seu obxectivo é a anulación do proceso de elaboración da candidatura e a repetición do mesmo.

Fano despois de que, segundo trasladou a anterior secretaria xeral, Eva Martínez Acón, impedíseselles “falar”. “E votar os nomes da candidatura municipal”, dixo aludindo ás normas do partido a este respecto. Sobre a impugnación, para o que están a recoller firmas, sinala que o seu obxectivo é que o PSOE sexa “un referente en democracia participativa”.

O anuncio prodúcese despois de que a candidatura encabezada pola rexedora e actual secretaria xeral do PSOE coruñés fose aprobada por aclamación polos socialistas coruñeses, segundo informaron o partido, á espera da aprobación definitiva no comité federal.

No encontro, Rey asegurou que aspira a revalidar a Alcaldía e apelou á presenza na lista do “mellor equipo”. Ademais, resaltou a aposta por “novos perfís” nunha lista na que os actuais concelleiros de Economía e de Benestar Social, José Manuel Lage, e Yoya Neira, acompañaranlle no número dous e tres.

ARGUMENTOS

Os militantes que promoven a impugnación argumentan que a asemblea para a presentación da proposta de candidatura convocouse con menos do cinco días esixidos polo regulamento do partido e denuncian que “antes da asemblea e da votación xa aparece a lista na prensa”.

Tamén sinalan que a citada asemblea celebrouse con posterioridade ao comité provincial cando, engaden, o regulamento federal sostén que as propostas da agrupación local “deben ser elevadas á executiva provincial”. A todo iso, engaden que “non se permitiu a votación, pedida expresamente por varios dos militantes, nin debate nin se concedeu quenda de palabra”.

As familias da Coruña prefiren gastar máis en alugar que en comprar unha vivenda

O esforzo familiar para alugar supera ao de comprar nas provincias da Coruña e Lugo, segundo un estudo do portal inmobiliario ‘idealista’. En concreto, a taxa de esforzo para comprar en ambas as provincias galegas sitúase en 17%, de acordo co informe, mentres que a correspondente ao esforzo para alugar alcanza o 18% en Lugo e o 19% na Coruña.

Nas outras dúas provincias galegas, Ourense e Pontevedra, o esforzo é maior para comprar que para alugar (21% fronte ao 20% no primeiro caso e 25% fronte ao 23% no segundo).

No caso das capitais, todas elas presentan taxas de esforzo máis elevadas para comprar que para alugar. Así, na Coruña o esforzo de compra ascende ao 29%, fronte ao 22% do aluguer. En Pontevedra, ambos os datos atópanse no 27% e no 21%, respectivamente.

Pola súa banda, Lugo rexistra unha taxa de esforzo do 20% para comprar e do 18% para alugar, mentres Ourense anótase un 22% para a compra e un 18% para o aluguer.

A taxa de esforzo mide o peso da vivenda sobre o poder adquisitivo do fogar. En particular, no caso do aluguer, ‘idealista’ mide a taxa de esforzo como a cota anual de ingresos netos medios do fogar que se destina ao pago do aluguer dunha vivenda tipo de dous dormitorios.

Recuperan para o rueiro 13 topónimos tradicionais de Palavea

0

13 novas referencias de topónimos tradicionais do barrio de Palavea foron incluidas no  rueiro municipal, gracias a unha iniciativa da asociación veciñal Os Nosos Lares.

O Concello, facendo valer a Lei de Patrimonio de Galicia, elevou esta semana á Comisión de Honras e Distincións (CHD) as denominacións que persistiron no tempo a través da oralidade.

Desta forma, dase o paso definitivo para incluír no rueiro do barrio as rúas Palavea Vella, Curro de Eguas, Fontaíña, Laranxeiro, río de Palavea, monte Alfeirán, Souto, Costa Vella, Raposo, Corbatín, vivendas de Santa Cristina, o camiño da Cascoña e o campo da Pena.

A triple discriminación das mulleres con diversidade ou enfermidade mental

0

Este mércores 8 de marzo, a convocatoria social realizada pola Plataforma Feminista Galega e MMM, está formulada para ás 20:00h no Obelisco.

Pero este 2023 queremos poñer o foco na triple discrición á que se enfrontan as mulleres con problemas de saúde mental, ou ás mulleres con diversidade funcional. Facémolo coa axuda de dúas entidades comprometidas como Saúde Mental FEAFES Galicia e COGAMI.

As mulleres con problemas de saúde mental, triplemente discriminadas

Mulleres e saúde mental. Foto de Pedrido Fotografía (2)

A día de hoxe non existe un enfoque de xénero nas políticas de saúde mental, nas intervencións sanitarias e sociais de saúde mental e na súa avaliación. E iso que “segundo o censo de persoas con discapacidade da Consellería de Política Social, no 2021 había en Galicia 64.351 persoas con certificado de discapacidade por un problema de saúde mental, sendo a segunda causa de discapacidade máis frecuente despois da física”, explican dende FEAFES.

As persoas con problemas de saúde mental cargan con grandes lacras na súa vida diaria como o estigma social, dificultades para a inserción social e laboral e insuficientes recursos na atención á saúde mental. Pero dentro deste colectivo, as mulleres, que representan o 61% do total, están máis desprotexidas xa que sofren unha tripla discriminación:

  • O estigma asociado aos problemas de saúde mental.
  • O rexeitamento que provoca a discapacidade.
  • As dificultades derivadas de ser muller.

”Esta tripla discriminación provoca unha serie de obstáculos cos que se atopan as mulleres con problemas de saúde mental no seu día a día. Por unha banda, existe un enorme prexuízo social, dado que a sociedade en xeral ten unha imaxe negativa do colectivo considerando as estas persoas incapaces ou demasiado problemáticas para levar unha vida normalizada”.

Isto tamén provoca obstáculos no eido laboral, sucedendo que as mulleres con problemas de saúde mental son dos colectivos que atopan máis dificultades para acceder a un posto de traballo. Como consecuencia, carecen de recursos económicos polo que a miúdo son dependentes das súas parellas.
De aí que os risco que teñen estas mulleres de sufrir violencia de xénero multiplícase entre 2 e 4 veces respecto ás mulleres en xeral. O 80% das mulleres con problemas de saúde mental que viven en parella sufriu algún tipo de violencia por parte da súa parella, máis da metade sufriu violencia física, e máis do 40% foi vítima de violencia sexual ao longo da súa vida.

En resumo, “non existe unha abordaxe de xénero nas políticas de saúde mental. Tamén é escaso o enfoque de xénero nas intervencións sanitarias e sociais de saúde mental, así como na avaliación das mesmas”.

É por todo isto que un grupo de mulleres de Saúde Mental FEAFES Galicia, profesionais e usuarias, interviñeron nun vídeo que se compartirá nas redes sociais da entidade o 8 de marzo baixo o hagstag #QueQuerenAsMulleres.

Nenas e mulleres con diversidade

Mulleres traballadoras de COGAMI
Mulleres traballadoras de COGAMI

Fai COGAMI tamén balance de cifras para analizar o silencio administrativo con esta realidade. “Segundo datos do censo de persoas con discapacidade en Galicia, o 51% son mulleres, sendo 2.640 nenas con idades comprendidas entre os 0 e os 15 anos. Pese a ser maioría, son elas as que viven múltiple discriminación con respecto ao resto da poboación: por ser mulleres, por ter discapacidade e por vivir en zonas do rural, entre outras”.

“Se unha persoa se atopa nunha situación de desvantaxe non podemos falar de igualdade”, apunta Mónica Álvarez, a presidenta da Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR), entidade que forma parte de COGAMI. Mónica engade que “nenas e mulleres con discapacidade enfróntanse diariamente a diferentes formas de discriminación que lles imposibilita o exercicio libre dos seus dereitos”.

E describen: “A muller con discapacidade é máis vulnerable ante os abusos, como proba disto, unha enquisa realizada por ACADAR sobre a situación das mulleres con discapacidade no uso das TIC. Segundo datos extraídos, o 15,71% das mulleres enquisadas confirmaron ter vivido violencia na rede: o 44% recibiron comentarios ofensivos sobre o seu aspecto; a un 41% propuxéronlle ter relacións sexuais a través dunha mensaxe non desexada; o 34% recibiu fotografías ou vídeos de contido sexual a pesar de rexeitar estas ofertas e o 37% das mulleres declaran que se lles insistiu en manter algún tipo de relación romántica ou sexual.
Mónica Álvarez apunta que “dada que a violencia dixital é relativamente nova, as nenas e mulleres que viviron ou viven algún episodio non son conscientes de que iso é violencia, facendo difícil a identificación e a abordaxe da situación”.

Para garantir as mesmas oportunidades, dende COGAMI ven necesario que se produza unha atención especializada dende idades máis temperás. “É necesario potenciar a participación social dende a infancia, resultando tamén básico contar cunha educación que sexa inclusiva, con recursos humanos e apoios técnicos que permitan que as nenas con discapacidade estean incluídas no sistema educativo, como aposta a nova LOMLOE.

COGAMI denuncia que non hai ofertas de traballo dignas e igualitarias, denuncia a accesibilidade no transporte, servizos e atención sociosanitaria… E aproveitando a serie mensual que están realizando comparten este vídeo:

Os Bombeiros da Coruña realizaron 1.923 intervencións en 2022

0

Os Bombeiros da Coruña realizaron en 2022 un total de 1.923 intervencións fronte ás 1.721 do ano anterior. Ademais, as cifras sinalan que conseguiron reducir o tempo de resposta un 8%.

Así se recolle na memoria anual do servizo, na que se destaca que se recupera o volume de intervencións previas á pandemia, en relación ao aumento das mesmas.

Con respecto ao tempo medio de chegada ás intervencións, reduciuse en relación ao exercicio anterior. No 88 % das ocasións os bombeiros chegaron en 12 ou menos minutos.

Por outra banda, en menos de 30 minutos solucionáronse 563 alertas, a gran maioría delas urxentes, mantendo a media de anos anteriores.

Ferida a única ocupante dun vehículo que sufriu unha saída de vía na Coruña, que tivo que ser excarcerada

Os bombeiros de Arteixo excarceraron á implicada e única ocupante dun turismo que se saíu da vía na Coruña. A continuación, foi evacuada polos servizos sanitarios ao centro hospitalario de referencia.

Segundo informa o 112, escasos minutos antes das 16,00 horas, un particular que se achaba no lugar chamou ao 112 Galicia a fin de alertar dun accidente cun único vehículo implicado no lugar de Santa Icía, A Coruña. Durante a conversación, o alertante indicaba que a condutora requiría asistencia sanitaria e era incapaz de abrir a porta para saír ao exterior.

Unha vez recibido o aviso, os xestores do 112 Galicia comunicaron os feitos ao persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e aos Bombeiros, Protección Civil e Policía Local da Coruña e de Arteixo, así como aos axentes da Garda Civil de Tráfico.

Unha vez no lugar do accidente, os bombeiros empregaron o seu material de excarceración e, coa colaboración dos membros de Protección Civil, retiraron á ferida, que foi trasladada en ambulancia ao centro hospitalario de referencia. Finalmente, os bombeiros tamén procederon a despexar o asfalto para restablecer as condicións óptimas de circulación

Runas de nós

0

A bohemia coruñesa ten un nome, Xaime Cabanas. Aquel que no pub o Patacón, cun borrancho do dedo mollado no café, era quen de pousar na servilleta todo o misterio do mar do Orzán.

A súa pintura leva os nosos trazos, o código co que fala a noite nesta cidade. Arte e vida chea de exceso. Xaime, como bo bohemio, morreu cunha absoluta discreción. Sen molestar a ninguén. Nin sequera os medios de comunicación. O 25 de xullo de 2013, cando todos os focos se dirixían cara ao terrible accidente de Angrois.

Xaime Cabanas coa camisola do Depor / Canal Deportivo

Agora o seu lobicán volve ouvear en forma de cartel polas rúas.

Xa sei que o sabes, o Concello organizou unha gran exposición antolóxica: Cabanas MMXXIII. No Quiosco Alfonso, na gran sala de Palexco latexa estes días o poder do seu talento. Parabéns aos comisarios, Pedro Vasco e Carlos Pita, por encher de luz esas runas que nos conforman.

Hai quen se esforza en presentar unha cidade sempre perfecta. A realidade teimuda amósanos unha Coruña máis grande. Esa rocha atlántica na que peta con furia o océano na invernía, onde ás veces se espetan os petroleiros, e mesmo os vertedoiros poden caer ao mar.

Aquí armamos a nosa vida. Mundo extraordinario, cósmico e escatolóxico á vez. Fecundidade da natureza, suxo cemento de arrabalde. Sempre de fondo o boureo do mar.

Ás veces danos medo contemplar esa realidade rabuda. Cabanas medo non tiña. E iso que levou moitos paus no lombo.

Area, petróleo, ferranchina, urkiola, arenques, furna, parrochas, lume de refinería, chichimoni e rancio de cubata. O máis sinxelo tería ter representado tal universo como un magma abstracto. Cabanas foi moito máis alá. Fagocitou este furacán de estímulos até convertelos en símbolos:

Os serviola, a mala pica, caveira que fuma, a man que rabuña, e a cabeza do lobicán. Runas do noso tempo, unha grande arte de rindanga.

Por iso, como o borrancho do café, todo o que Cabanas tocou –cadros, tascas, escaparates, paredes ou camisetas- ao momento saíu da vulgaridade e converteuse en arte plena, sintonía desta cidade-barco.

Exposición Cabanas MMXXIII. E de remate…que continúe. Precisamos seguir catando deste alimento, Xaime Cabanas, tóxico-elixir, luz de chapapote.
Grazas mestre !

  • Xurxo Souto. Dinamizador cultural eterno da vila da Coruña. Membro fundador dos Diplomáticos e do Rock Bravú, actual cantante da Banda de Shanghai, locutor de radio, escritor, contador, guía turístico e espiritual… Enciclopedia viva da Coruña.

MÁIS ARTIGOS DE XURXO SOUTO

Novas relacionadas

 

 

Letrados xudiciais seguen a protesta na Coruña e din que agora “non poden parar”

Letrados da Administración de Xustiza (LAJ) en Galicia acusaron ao Goberno central de estar “a paralizar” o pacto ao que chegaron co colectivo en abril de 2022. Sinalaron que chegar a un acordo que poña fin á folga indefinida que empezou o pasado 24 de xaneiro en demanda dunha “adecuación” salarial “non debería ser nada difícil”.

Así o apuntou, en declaracións a Europa Press, Fernando Santiso, letrado xudicial da Coruña, con motivo dunha nova concentración ante da Delegación do Goberno en Galicia. “A ministra de Xustiza recoñeceu a existencia de acordos co colectivo e o incumprimento deses acordos”, segundo explicou, nun informe que “non deixa en bo lugar nin ao Ministerio de Xustiza nin ao Ministerio de Facenda nin ao Goberno no seu conxunto”.

Santiso sinalou que “se está producindo un dano gratuíto á cidadanía e á imaxe da Xustiza” e engadiu que “desde o martes pasado” o Ministerio de Xustiza non volveu a convocar ao comité de folga para “seguir negociando”. “Resulta rechamante que aínda non haxa data”.

“TODOS TEREMOS QUE CEDER UN POUCO”

Respecto da folga, recalcou que “non pode parar”. “A súa paralización deixaríanos nunha situación de total indefensión”, sentenciou e instou a Pilar Llop a “sentar” coa ministra de Facenda, María Jesús Montero, e co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e “buscar unha saída”. “Todos teremos que ceder un pouco”, puntualizou.

No entanto, asegurou que chegar a un acordo “non debería de ser nada difícil” debido a que as bases son ás estipuladas en abril de 2022. “Sobre iso poderemos traballar”, recalcou.