Inicio Blog Páxina 725

Fuga de gas na rúa México con Alcalde Pérez Ardá

0

Varias dotacións de bombeiros e da Policía local e nacional acudiron sobre ás 21.00 horas desta tarde á intersección da rúa México con Alcalde Pérez Ardá por un aviso de fuga de gas do subministro público da cidade.

Foron os veciños os que alertaron a Emerxencias da posible fuga ao sentir cheiro na zona e mesmo escoitar un ruido estrano que procedía dun dos sumidoiros que se atopa ao carón da beirarrúa.

Tras a chegada dos efectivos de emerxencia decidiuse chamar a unha empresa especializada, A. Taibo, que se fixo cargo da situación. Non houbo que lamentar ningún ferido segundo informan fontes veciñais a Xornal da Coruña.

A alcaldesa da Coruña, tras a agresión a un mozo: “O reforzo policial ten que verse”

0

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, volveu a demandar un reforzo policial tras a agresión a un mozo na Coruña este fin de semana por parte, presuntamente, dun menor que se entregou á Policía.

“O reforzo policial ten que verse”, sinalou a preguntas dos xornalistas. Mentres o delegado do Goberno, o tamén socialista José Miñones, instou a quedar coa “fotografía xeral”, en relación aos datos de seguridade na cidade, e “non con circunstancias que pasan nun determinado momento”.

Inés Rei, que desexou unha “pronta recuperación” ao novo, trasladou a posta a disposición por parte do consistorio de medios en materia de atención social ou psicolóxica, así como o que a familia “poida necesitar”.

De novo, expresou a súa condena polo suceso e aseverou que pediu á Delegación do Goberno que “reforce a presenza policial na cidade”, ademais de ofrecer o “apoio” da Policía Local para “establecer operativos especiais nas zonas que sexa necesario facelo onde eles determinen que se poida producir algún tipo de conflito”.

Mentres, Miñones asegurou entender o “malestar” por parte da Alcaldía, coa que dixo estar en contacto. No entanto, indicou que “cando ocorren estas circunstancias, todos sentimos esa sensación de impotencia, pero hai que trasladar que as forzas e corpos de seguridade traballan para resolver estas causísticas”.

Apertura de Marea Atlántica a “quen queira sumarse” ao proceso cara as municipais

0

O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, Xan Xove, e a portavoz municipal, María García, apelaron a conformar un programa electoral “participativo” que dea “resposta” aos retos da cidade. Tamén abriron a formación a “quen queira sumarse”.

Fixérono despois de facer balance do acto celebrado o sábado no centro cívico de Monelos, no que un centenar de persoas e unha vintena de entidades achegaron propostas de face ao programa electoral.

Quedou claro que á xente preocúpalle o acceso á vivenda, a mobilidade, a desigualdade, a transición ecolóxica e a emerxencia climática, os coidados e a saúde mental“. “Tamén a integración dos peiraos na cidade e a falta de espazo público”, indicaron.

“Cuestións nas que a Marea Atlántica leva traballando desde o seu nacemento e cuestións nas que o goberno de Inés Rey asinou acordos que ou ben incumpre ou ben implanta con desgana”, resumiu Xan Xove.

A Audiencia da Coruña non reducirá a condena a un avó por abusar sexualmente de dúas netas

0

A Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, rexeitou revisar a condena de seis anos de prisión imposta a un avó que abusou sexualmente de dúas netas.

A través dun auto, con data de 26 de xaneiro de 2023, os maxistrados descartaron rebaixar a pena, imposta por este mesmo tribunal en setembro de 2016, porque a reforma do Código Penal emanada da Lei de só si é si “non resulta máis beneficiosa” para o reo.

Os maxistrados subliñan que debe terse en conta que a resolución que no seu día ditou a Audiencia Provincial xa considerara a existencia tanto de prevalemento como de continuidade. Contra o fallo da Audiencia aínda cabe presentar recurso.

En 2016, fora condenado a seis anos de cárcere por abusar sexualmente das súas dúas netas cando tiñan 11 anos en 2007 e 2013, respectivamente.

MÁIS DE 38 REBAIXAS DE CONDENAS

Desde a entrada en vigor da Lei Orgánica 10/2022, de 6 de setembro, de garantía integral da liberdade sexual, as audiencias provinciais galegas e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia revisaron e emitiron polo menos 72 decisións –tanto revisións de penas xa impostas como recursos– referidas a condenas.

Delas, polo menos 38 supuxeron unha rebaixa da pena dos delincuentes, mentres que no resto de ocasións, unhas 35, mantida a condena porque a Lei do só si é si suporía que o xuízo se saldaría cunha pena maior que na que se puxo no seu momento. Aínda que non transcenden desde as audiencias todas as peticións, tal e como aclararon fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

A Deputación e o Concello da Coruña apoian a protesta do día 12 en defensa da sanidade pública

0

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a alcaldesa herculina, Inés Rey, trasladaron o apoio de ambas as institucións á manifestación convocada o día 12 en Santiago de Compostela pola plataforma SOS Sanidade Pública.

Así o expresaron tras senllas reunións con representantes da citada plataforma e para reclamar medidas ante unha sanidade pública que, en palabras da rexedora, está na “UCI”.

Tras reunirse coa alcaldesa, o portavoz do colectivo, Manuel Martín, lembrou que, entre outras cuestións, demandan o “fortalecemento” da Atención Primaria. Sobre a manifestación, dixo que o obxectivo é demandar accións e dicirlle ao Executivo galego “que non queremos que a nosa sanidade funcione como está a funcionar, que queremos que sexa accesible, eficaz e útil”.

Pola súa banda, a rexedora asegurou que as demandas son “tan obvias que, ás veces, ruboriza ter que explicar que necesitamos unha Atención Primaria de calidade e que non podemos vivir nun colapso permanente con esperas de entre cinco e 25 días para ver un médico de cabeceira”. “A resposta da Xunta é un recorte en equipamentos e en persoal”, engadiu.

Ademais, argumentou que a sanidade galega “está na UCI e o señor Rueda ten que empezar a asumir as súas responsabilidades”, manifestou en referencia ao presidente galego, ao que convidou a “abandonar” o modelo “escapista que tiña Feijóo”.

MOCIÓN

Tamén o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, trasladou a representantes da plataforma o apoio á manifestación do domingo. Un apoio que foi referendado no último pleno do organismo provincial, aprobada co voto favorable de todos os grupos, menos o PP. Nela, ínstase á Xunta de Galicia a “mellorar o deficiente sistema asistencial na Atención Primaria”, entre outras reivindicacións.

Con motivo do encontro, Formoso, tamén secretario xeral do PSdeG, instou á cidadanía a participar na mobilización “en defensa dun sistema sanitario público que conta con grandes profesionais, pero que enfronta un grave perigo: que se favoreza a sanidade privada en detrimento de a pública”.

Máis de 20.000 persoas visitaron a exposición de intelixencia artificial da Coruña, que se despide este luns

0

Máis de 20.000 persoas visitaron desde a súa chegada en setembro ‘AI: More than human’, a exposición sobre intelixencia artificial (IA) que albergou a sede de Afundación na Coruña, que se despediu este luns da cidade herculina.

A exposición, denominada como “a mostra sobre intelixencia artificial máis importante nunca celebrada en Europa”, abandona A Coruña tras recibir máis de 20.000 visitantes, cifra moi por encima do máximo previsto que o organizador prevía “tendo en conta os aforamentos establecidos”.

Case 200 persoas ao día, cunha media de permanencia nas salas dunha hora e media, é o dato que, para Abanca, ratifica o interese da poboación da Coruña e Galicia pola revolución da intelixencia artificial.

É importante lembrar que este “fito tecnolóxico” xerará importantes oportunidades para a Autonomía tras a designación da cidade como sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (Aesia).

VISITAS GUIADAS ESGOTADAS

A obra social do banco asegurou que o programa de visitas guiadas para todos os públicos que puxeron en disposición foi “todo un éxito”. Case 5.000 escolares visitaron a exposición, na que puideron coñecer desde a base histórica dos principios da intelixencia artificial ata os desenvolvementos actuais que, hoxe en día, teñen un impacto profundo na vida diaria.

Afundación destacou que a mostra rexistrou un elevado interese, “especialmente por parte do público académico e escolar”, que se incrementou “exponencialmente” desde que A Coruña foi designada como sede da Aesia, unha novidade que formou unha “gran lista de espera” para os centros educativos a partir de decembro. Neste sentido, Afundación incidiu no papel que tivo ‘AI: More than human’ como un dos elementos que se tiveron en conta para optar por Galicia para acoller á Axencia.

AFUNDACIÓN TV

A pesar de que a mostra abandona A Coruña, Abanca lembra ás persoas que non tivesen oportunidade de visitala que algunhas das actividades organizadas durante estes meses seguirán visible en Afundación TV.

Creada polo Barbican Centre de Londres (Reino Unido) e coproducida polo Forum Groningen (Países Baixos), a exposición ‘AI: More than Human’ aproxima ao visitante ás orixes, o presente e o futuro da Intelixencia Artificial.

Para esta primeira parada en España, os equipos de Afundación e o Barbican Centre traballaran durante meses para deseñar un proxecto que “transcendese os contidos da mostra”, coa organización de actividades paralelas.

Un ciclo de cinema, un ciclo de conferencias de dous meses de duración, que atraeu á Coruña a algúns dos “principais expertos en IA de España e Europa”, e unha xornada de traballo sobre música creada por máquinas intelixente, foron as iniciativas acollidas pola exposición e que aínda están dispoñibles na canle de Afundación.

Tempo de obras: o paseo, a rúa Torreiro, o parque de Bombeiros, tres skatepark…

0

Tempo de obras na cidade da Coruña… Unha das máis importantes que arrincou a semana pasada foi o proxecto de humanización do Paseo Marítimo entre o Dique de Abrigo e Santo Amaro. O proxecto conta cun orzamento superior aos 3 millóns de euros (da man do FEDER) e suporá a renovación de 1.500 metros da vía, con novos carrís bici e de corredores e a creación de zonas verdes e de lecer nunaha posta por “naturalizalo e humanizalo”, como indicou a rexedora.
Substituirase o firme, soterrando os carrís do tranvía aínda existentes na zona. Actualizarase tamén a infraestrutura do carril bici, con novas dimensións de 2,5 metros e novo pavimento, e a do carril para correr, que será bidireccional con 2 metros de ancho. As zonas de circulación de vehículos e bicicletas estarán separadas por unha zona verde.

Obras nos Mallos

Comezan tamén hoxe luns as obras de mellora da rúa Ramón Cabanillas. Así, ata o 3 de marzo a rúa que conecta a Avenida dos Mallos coa rúa Noia permanecerá pechada, agás os usuarios de garaxes.

Skate Park dos Rosales e de San Pedro de Mezonzo

Veñen de rematar os traballos de restauración e mantemento do skatepark dos Rosales, unha obra que contou coa participación dos usuari@s da pista, que propuxeron novidades.
Avanzan dende o Concello que organizará accións de arte urbana dende a Oficina Virtual do Graffiti, que coordinará o esenvolvemento do proxecto.

Ademais, a vindeira semana comezarán os traballos para crear unha pista de skate e multideporte na praza de José Toubes Pego, en fronte de San Pedro de Mezonzo. Esta actuación inclúe a urbanización da contorna deste espazo con novas zonas verdes e espazos de lecer. As obras terán un orzamento e 450.000 euros e un prazo de execución de 4 meses.

E tamén está aprobada a contratación das obras de renovación integral da pista de skate do parque de Eirís, que contará cun orzamento de 525.000 euros. Esta infraestrutura contará con dous espazos principais tal e como demandaban os usuarios e usuarias (un bowl e unha skatepraza), adaptando a instalación a outros deportes urbanos como a patinaxe, o BMX e os patinetes. Crearase ademais un paseo peonil con bancos, fonte e aparcadoiros para bicicletas en paralelo ao bowl, e na parte central haberá un xardín que actuará como espazo separador entre ambas as zonas.

Rúa Torreiro

Avanzas as obras da céntrica rúa Torreiro, que cambiará o granito de 700 metros cadrados de firme entre San Andrés e a Galera. As obras xa levan 3 semanas en marcha e contan con telas rematadas a mediados de febreiro, sempre e cando as condicións climatolóxicas así o permitan.

Parque de Bombeiros

Por outra banda, remataron os traballos de mellora e reurbanización no parque de bombeiros de Agrela, onde se reforzou a estrutura da cuberta no edificio principal. Cun investimento municipal de 220.000 euros, substituíronse as placas metálicas nas vertentes da cuberta do edificio principal, un inmoble que data do ano 1983 e no que se renovaron as claraboias e se solventaron as deficiencias existentes, mediante tarefas de mantemento e conservación orientadas a evitar o deterioro da cuberta.

O menor presunto autor do apuñalamento doutro mozo entregouse á Policía

0

presunto autor da agresión cunha navalla a un mozo na Coruña entregouse este luns á Policía, segundo informou a subdelegada do Goberno, María Rivas, que confirmou a presenza de menores no que comezou cunha discusión.

Entre estes menores, está o presunto autor que se atopa agora en Comisaría “para porse a disposición da Policía e aclarar o sucedido”, sinalou Rivas. Sobre os feitos, apuntou que na tarde-noite do sábado recibiuse un aviso sobre un incidente entre varios mozos que se trasladaron á contorna da praza de Recife, na Coruña, onde hai unhas pistas polideportivas, e que “establecen unha discusión” con outros “que estaban a xogar ao baloncesto“.

Rivas apuntou que outros mozos que tamén estaban no citado lugar saíron “en defensa destes menores” e engadiu que se produce unha “forte discusión que se traslada á zona de Médico Rodríguez, en confluencia con Juan Flórez, onde se produce a agresión”.

NAVALLA DE PEQUENAS DIMENSIÓNS

Finalmente, e tras un suceso no que se viron implicados uns 15 mozos, segundo apuntou tras o sucedido a Delegación do Goberno, o agredido foi trasladado ao complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac), onde foi intervido e onde se lle deu o alta o domingo á tarde.

Deste mozo, que xa prestou declaración, a subdelegada do Goberno na Coruña confirmou, segundo os datos achegados pola Policía, que recibiu “tres picadas producidas por unha navalla de pequenas dimensións”.

“A Policía Nacional está a realizar todo o labor de investigación ao redor do sucedido”, insistiu Rivas, quen asegurou que, segundo a información trasladada por este corpo policial, non se pode falar de “bandas” e si “de varios mozos que se trasladan a esta zona — ao lugar dos feitos– e unha parte deles son menores”. “Veciños da Coruña”, confirmou ao ser preguntada pola súa nacionalidade.

Por outra banda, a subdelegada do Goberno na Coruña quixo trasladar tanto ao agredido como á súa familia todo o “agarimo e afecto nestes momentos que, obviamente, para eles, foron complicados”.

Preguntada sobre sucesos desta índole e a demanda de reforzos policiais, afirmou que entende a situación que “crea” un feito deste tipo, pero incidiu en que “cada semana” se planifica un dispositivo “e analízanse as circunstancias que se producen na cidade”. “Hai unha planificación permanente”, apostilou.

Gran baixada de casos Covid na Coruña

0

Os casos activos de coronavirus volveron a caer en Galicia este luns e sitúanse en 600, 41 menos que os do último parte, mentres que os hospitalizados experimentaron un repunte, ata 116 (+14). Nas últimas 24 horas detectáronse 23 positivos. Con todo, a área da Coruña é a que maior descenso de casos rexistrou.

Así o recolle o último boletín publicado pola Consellería de Sanidade e que inclúe os datos da pandemia en Galicia recollidos ata as 18,00 horas do domingo. O anterior boletín facía referencia á tarde do venres, xa que non se actualiza os fins de semana.

Ademais, Sanidade informou de dous novos falecidos con coronavirus: trátase dun home de 99 anos da área sanitaria de Ourense e dunha muller de 91 da área de Santiago. O número total de mortes sitúase nas 4.062.

A maioría das áreas sanitarias galegas experimentaron unha caída no número de casos activos con respecto ao venres, excepto dous: Ferrol e Santiago, na que os enfermos soben en 1.

De feito, Santiago sitúase como a área con máis casos activos, 120, tras a importante caída da Coruña, onde agora hai 113. Así mesmo, en Lugo hai 86 casos activos, 78 en Vigo, 74 en Ourense, 58 en Pontevedra e 51 en Ferrol. En canto aos hospitalizados, mantéñense en Ourense, con 13, e baixan en Pontevedra, ata os 15. O resto de áreas experimentan repuntes: 35 pacientes ingresados na Coruña, 17 en Lugo, 17 en Vigo, 12 en Santiago e 7 en Ferrol.

Alerta laranxa por fortes ventos na costa da Coruña desde mediodía

0

A Dirección Xeral de Emerxencias activou unha alerta laranxa por fortes ventos na provincia da Coruña desde mediodía deste luns.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), espérase vento do noroeste forza 8 de ata 74 quilómetros por hora. Respecto diso, a Xunta informou a municipios da provincia, deputación, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil, entre outros.

No que vai de xornada, o maior refacho de vento rexistrada en Galicia produciuse de madrugada na Serra do Xistral, no municipio lucense de Muras, cunha velocidade de 105,7 quilómetros por hora.