Inicio Blog Páxina 774

Suspendido na Coruña un xuízo por contrabando contra 17 persoas pola folga de letrados xudiciais

0

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña suspendeu un xuízo por contrabando de tabaco debido á folga indefinida convocada pola Unión Progresista de Letrados da Administración de Xustiza (UPSJ), o Colexio Nacional de Letrados e a Asociación Independente de Letrados (AinLAJ) prevista para este martes.

Así o confirmaron fontes xudiciais consultadas por Europa Press, en relación a un xuízo fixado para este martes e o mércores e no que están acusados 17 persoas. Para os procesados, a Fiscalía pide penas que van desde o sete anos de cárcere ao tres anos e seis meses de prisión. Segundo o escrito de cualificación fiscal, o 1 de abril de 2012 un dos procesados foi interceptado cando conducía unha furgoneta en Vigo, na que transportaba 15.000 paquetes de tabaco, distribuídas en 60 caixas, sen o precinto regulamentario.

Na tarefa de traslado dese tabaco, que procedía de Andorra e cun valor de máis de 50.000 euros, axudáballe outro dos acusados. Con posterioridade, producíronse outras incautacións a outros procesados, nalgún caso de 17.500 paquetes.

Noutra confiscación, a outros dos procesados localizóuselles no dobre fondo dun camión, nun transporte pola cidade da Coruña, máis de 60.000 paquetes, cun valor no mercado de máis de 280.000 euros.

O mesmo ocorreu con outra requisa, en xuño dese mesmo ano, neste caso nun furgón que circulaba pola autovía A-52, no tramo comprendido entre A Gudiña e Verín. O vehículo transportaba no seu interior, escondido nun compartimento oculto, máis de 14.000 paquetes cun valor de máis de 57.000 euros. En total realizáronse dez incautacións, algunhas delas fóra de Galicia.

Enfermeiros e fisioterapeutas reivindican a xubilación anticipada voluntaria e a reclasificación profesional

Enfermeiras, enfermeiros e fisioterapeutas participaron nunha xornada profesional, organizada polo Sindicato de Enfermaría, Satse, no complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac), para abordar como lograr a xubilación anticipada voluntaria e a reclasificación profesional no Grupo A –sen subgrupos–, dous asuntos “prioritarios e fundamentais” para a sanidade e os seus profesionais, segundo a organización sindical.

A xornada foi inaugurada este luns pola secretaria xeral autonómica de Satse en Galicia, Malules Carbajo, e a súa secretaria provincial na Coruña, Ana López López. O relatorio sobre xubilación anticipada correu a cargo da enfermeira e delegada do sindicato de enfermaría, Ana Belén Vázquez. Mentres, o enfermeiro e delegado, Manuel Fariñas, foi o responsable de impartir a charla sobre Grupo A.

Durante a sesión realizouse unha análise “detallada e exhaustiva” da actual situación das dúas reivindicacións que, ademais de supor un “claro beneficio” para os profesionais, “levan unha mellora na atención que se presta aos pacientes e ao conxunto da cidadanía”.

A xornada abordou, por unha banda, a problemática existente ao non poder as enfermeiras e fisioterapeutas pertencer ao Grupo A, cando son titulados universitarios de grao, do mesmo xeito que outros compañeiros e compañeiras que traballan no sistema sanitario e noutros ámbitos profesionais que si teñen esta clasificación profesional. Na actualidade, as enfermeiras, enfermeiros e fisioterapeutas atópanse no Grupo A2, segundo expúxose.

CLASIFICACIÓN PROFESIONAL “DISCRIMINATORIA”

O colectivo asegura que se trata dunha situación “inxusta e discriminatoria” que imposibilita que estes profesionais sanitarios poidan acceder a determinados postos relacionados coa xestión e dirección de alto nivel, nin a grupos de investigación e docencia.

Por iso, os expertos e profesionais presentes na xornada coincidiron na “urxente necesidade” de que o Goberno modifique o artigo 76 do Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP) para eliminar a vixente división en subgrupos A1 e A2 no Grupo A, e que todos os titulados universitarios, caso das enfermeiras, enfermeiros e fisioterapeutas, pertenzan ao Grupo A, sen subgrupos.

A xornada tratou tamén as “prexudiciais consecuencias que teñen para a súa saúde e benestar integral as perigosas, tóxicas, penosas e insalubres condicións laborais que sofren ao longo de ata 40 anos de traxectoria profesional” as enfermeiras e enfermeiros.

Estas son Dana e Nora, as cadelas que axudan a ler ás crianzas de Culleredo

O Concello de Culleredo, a través da concellaría de Educación, retoma o programa “Perros e letras” de READ España, que esta vez se desenvolverá nos centros públicos CEIP Plurilingüe de Tarrío, CEIP Vila de Rutis e CEIP Plurilingüe Ría do Burgo.

Desde que se implementase en 2020, en pleno estado de alarma e onde as sesións eran telemáticas, será o terceiro ano consecutivo que se leve a cabo. As protagonistas serán, novamente, Dana e Nora, unha bóxer e unha labrador que xunto a Laura González, coordinadora do programa en Galicia, e Bárbara Bonachía, profesional do equipo na provincia da Coruña, axudan ás pequenas e pequenos a estimular as habilidades lectoras, especificamente con aqueles e aquelas que presentan algún déficit na dicción e a comprensión ao ler, cos conseguintes problemas de autoestima.

Elíxense para isto cans de terapia porque son moi tranquilos, capaces de estar todo o tempo deitados e pendentes dos pequenos. Todos os animais deste programa pasan un exame cada dous anos para comprobar que a súa tolerancia o estrés sexa alta. Tamén se valora positivamente o vínculo que lle une ao seu guía.

Cada un dos nenos e nenas que participan en “Perros y letras” teñen dificultades en distintos aspectos. Normalmente son seleccionados polo departamento de Orientación de cada centro, e poden ser tanto a nivel social, de lectura, ou de comprensión. No futuro tamén se tratarán os problemas do TDAH e do autismo.

Segundo apunta o departamento de Educación do concello, tras dous anos desenvolvendo o programa en Culleredo, tense comprobado que os nenos e nenas que participan melloran sobre todo en lecto-escritura, a nivel de comprensión lectora, aumentan o vocabulario, a súa rapidez lendo e tamén incrementan a súa autoestima.

Ollo se circulas pola Coruña… estas son as rúas cortadas esta semana

0
O Concello da Coruña informa do corte de varias rúas ao longo deste martes e algunha prolongarase ata mércores e mesmo venres, por obras na cidade.
Deste xeito estará cortada a rúa Marqués de Pontejos, 15, desde as 15.00 h do 24 ata as 18.00 h do 25/01/2023.
Tamén haberá prohibición de circular na rúa Cardeal Cisneros, 35 a 51, desde as 10.00 h ás 19.30 horas e tamén outro corte na Avda. do Exército (antes da glorieta), desde ás 9.30 horas do 24 ata as 18.30 horas do  do 27.

Así remata a primeira volta a OK Prata Masculina

Na presente tempada, tan só dous equipos galegos compiten na segunda categoría do hockei a patíns nacional masculino: CAA Dominicos e Compañía de María CH. A pasada campaña acompañábaos o Deportivo Liceo, pero tras rematar a tempada nunha digna sexta posición, o filial verdibranco renunciou á súa praza na categoría. Unha decisión moi controvertida a tomada dende as oficinas de Matogrande.

En canto ós outros dous representantes coruñeses na división de prata, tanto os seus prantexamentos como a súa situación competitiva é bastante dispar.

Pasaremos agora a repasar ambos casos, unha vez chegados ó ecuador da liga.

Sexto na táboa con catro victorias e dous empates, o Dominicos presume dunha prantilla moi nova, con tan só tres xogadores por riba dos 25 anos, ademáis de estar pragada de canteiráns. Os “maiores” forman unha columna vertebral cargada de experiencia a tódolos niveis, con Martín Barros botando o cadeado á portería, e con Pablo De Ron e Martín Payero aportanto todo o aprendido por mil pistas ó longo de media vida. Todos sabemos o necesaria que é a veteranía en competicións de este tipo, pero no caso dos da Cidade Vella son os “nenos” os que están apretando ben forte. Nun prantel cargadiño de rapaces con cunha enorme proxección, destacan dúas perlas que xa están dando moito que falar: Jacobo Copa (17) e Bruno Saavedra (18).
Tanto o herculino coma o compostelán fai tempo que son habituais das convocatorias das seleccións nacionais de categorías base. Dúas pezas importantísimas para os seus adestradores, Manuel Togores e Ángel Galmán.

Compañía atópase nunha situación moito máis delicada, pois é quen pecha a clasificación con tan só un encontro gañado e dous empatados trala disputa de 11 xornadas. O seu prantel é máis heteroxéneo que o branquinegro, tanto na idade coma en procedencia. Aínda que conta tamén con algúns novos talentos da canteira e de veteranos a destacar coma o seu gardarredes, o incombustible Diego Lago, os resultados non os estan a acompañar como noutras ocasións. Moito terán que traballar os técnicos Alejandro Canosa e Joseph Sellas para poder enderezar o rumbo e esquecer esta dramática deriva que parece encamiñalos sen remedio ó descenso.

Agardemos que non sexa así, pois nese caso o grande perxudicado sería o hockey coruñés, que podería perder dous equipos en tan só dúas tempadas, agás que por abaixo o Escola Lubiáns de Carballo ou o AC Ordes compensasen a situación co tan ansiado e merecido ascenso.

  • Fernando Campos Matiñán. Comecei a xogar ó hóckey sobre patíns no Liceo ós 8 anos.
    Licenciado en CC. Da Actividade Física e o Deporte no INEF de Galicia. Entrenador e preparador físico de varios clubes (INEF Galicia, CP. Ordenes, EMH Cee, HC Liceo) Actual entrenador do Colexio Obradoiro.

Máis novas de hockey

Levan ao Congreso a “deterioración” dos murais pintados por Lugrís nun edificio da Coruña

0

O grupo parlamentario confederal Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común, a iniciativa do deputado Antón Gómez-Reino, presentou unha iniciativa no Congreso sobre a “deterioración” dos murais pintados por Urbano Lugrís nun edificio da rúa Olmos, na Coruña.

Así o informan desde o colectivo que está a promover distintas accións para lograr a recuperación destes frescos. Na iniciativa pregúntase ao Ministerio de Cultura se coñece a situación actual destes murais, pintados nas paredes do edificio da rúa Olmos na que se atopaba un restaurante.

Tamén se recibiu algunha solicitude do Concello da Coruña ou da Xunta de Galicia para a colaboración estatal nas tarefas relativas á restauración destes murais, a súa conservación e exposición pública.

Galicia en Común pregunta tamén se o Ministerio de Cultura expúxose algunha medida en relación á situación dos citados murais.

Moito interese polo proceso de exposición pública do PXOM de Cambre

0

Máis de 250 veciños xa solicitaron cita previa para consultar o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Cambre, trala apertura do prazo de exposición pública que se abriu o pasado venres e que durará 2 meses.

Unha fase na que a participación cidadá é clave, polo que dende o Concello amosan a sua satisfacción pola primeira serie de solicitudes.

A documentación do PXOM pódese consultar tanto na páxina web como na propia Casa do Concello. Neste segundo caso, os veciños poden achegarse ao salón de plenos para consultar os planos e documentos ou, se o desexan, poden pedir cita previa para ser atendidos polo persoal municipal. O expediente pódese consultar de luns a venres de 8:00 a 15:00 horas. No caso de precisar asistencia técnica, o horario de atención será de luns a venres de 10:00 a 13:30 horas.

 Para concertar cita, as cambreses e cambresas teñen tres vías:

  • Teléfono 981 61 31 28
  • A páxina web de cita previa (seleccionando o rexistro de Cambre, área de Urbanismo e o apartado específico do PXOM habilitado no tipo de cita)
  • Acudindo, persoalmente, á Casa do Concello

Na Coruña véndense vivendas a pesar da crise

0

A Coruña ocupa o posto 25 entre as cidades españolas con maior demanda de vendas de vivendas a peche do ano 2022, segundo un estudo de Idealista.

O municipio de Madrid volve encabezar esta clasificación clasificación, seguida de Xetafe (segunda) e Alcalá de Henares (terceira). Pamplona e Valencia ocupan a cuarta e quinta posición, respectivamente.

Xunto a Madrid e a súa periferia aparecen grandes capitais de provincia, como A Palma de Gran Canaria (9º) e Zaragoza (10º). Outros grandes mercados como Sevilla (11º), Málaga (13º), Barcelona (15º) ou Palma (20º) tamén aparecen na parte alta do ranking.

Detido ao intentar roubar nun garaxe de Mesoiro

0

A Policía Nacional detivo un home na Coruña por un delito de roubo perpetrado nun garaxe de Mesoiro.

O suceso tivo lugar o día 18, ás 6 da mañá, e gracias a que un veciño que entraba no garaxe avisaba ao 091, a Policía puido actuar con rapidez. 

Pronto chegou unha patrulla e suposto autor intentou agocharse sen éxito detrás duns vehículos. Os axentes comprobaron que unha furgoneta tiña a ventá rota, e preto deste vehículo, que o autor que pretendía roubar, tiña dispostas varias bolsas de plástico nas que ía acumulando obxectos roubados no garaxe (nha cámara de vídeo, equipos de xardín ou roupa… Os obxectos roubados foron devoltos aos seus donos e o detido por un delito de roubo con forza, pasando a xuízo.

Os axentes comprobaron tamén que o ladrón forzou a porta do portal do edificio e despis do garaxe. 

A Policía Nacional quere agradecer e agradecer a colaboración cidadán, que neste caso, como en moitos outros, é determinante para a resolución dos feitos e a detención dos autores.

A Cámara de Comercio da Coruña presume de produtos galegos en Xapón

0

A Cámara de Comercio da Coruña organiza unha misión comercial a Xapón ante o repunte da demanda de produtos galegos desde o citado país, segundo indica.

Nun comunicado, sinala que en 2020 as vendas a Xapón desde Galicia incrementáronse un 25,9%; en 2021 un 33,8% elevando a cifra total de exportacións a case 170 millóns de euros e en 2022 (datos recolleitos ata o mes de outubro) o crecemento foi do 15%.

“Por tanto, atopámonos nun contexto moi favorable para as empresas de servizos e para impulsar investimentos, diminuíndo as trabas para exportar produtos a Xapón e reducindo e, mesmo, eliminando aranceis nunha inmensa maioría de produtos e bens”, indica o organismo cameral.

En canto aos produtos máis exportados desde Galicia figuran os produtos e derivados cárnicos, pezas de confección, vehículos automóbiles, mobiliario e peixe.

“Con esta acción, que terá lugar entre o 4 e o 11 de marzo, dáse a opción ás empresas galegas de identificar posibles clientes ou partners no país”, explica. As empresas que xa operan no mercado xaponés teñen a oportunidade tamén de consolidar as súas relacións comerciais e empresariais.