InicioCULTURAMurguía, o "bardo" da Coruña, xa ten o recoñecemento que se merece...

Murguía, o “bardo” da Coruña, xa ten o recoñecemento que se merece nesta cidade

Publicada o

Por editor
“O noso idioma! […]; o que, fillo maior da patria galega, nola conservou e conserva coma un don da providencia  […]. O galego, en fin, que é o que nos dá dereito á enteira posesión da terra en que fomos nados, que nos di que pois somos un pobo distinto debemos selo; que nos promete o porvir que procuramos e nos dá a certeza de que ha de ser fecundo en bens para nós todos”. O canto á lingua e á nacionalidade galegas que Manuel Murguía presentou na apertura dos Xogos Florais de Tui (1891) volveu oírse este mediodía no cemiterio coruñés de Santo Amaro na voz de Margarita Ledo.
A académica deu lectura a unha versión adaptada para a ocasión de fragmentos da histórica alocución ao pé da tumba do patriarca na véspera do centenario do seu pasamento, nun acto organizado pola Real Academia Galega e o Concello da Coruña no que se descubriu unha placa cunha síntese daquel discurso gravada: “O primeiro é o noso idioma. El prométenos o porvir que procuramos”.
Tras a descuberta da placa -deseñada por Pepe Barro-, a ofrenda con coroa de loureiro e a interpretación do himno galego por parte da Banda Municipal de Música da Coruña, a homenaxe continuou no pazo municipal de María Pita, onde o académico de número e director da Sección de Historia da RAG, Ramón Villares, repasou a vida e o legado do patriarca. Así, lembrou que Murguía foi a “clave de bóveda da cultura galega do século XIX”, pero tamén o profeta que anunciou as liñas mestras do futuro.
Homenaxe no cemiterio de San Amaro a Manuel Murguía / RAG
“Murguía foi clave para a construción dunha historia xeral de Galicia, pero tamén foi esencial no campo doutrinal e político do rexionalismo e, desde logo, na capacidade para construír un repertorio simbólico que dotase Galicia de instrumentos análogos aos que tiveron  outras culturas europeas que, con Estado ou sen Estado, moito se afanaron no proceso que hoxe denominamos de invención da tradición e da construción simbólica das nación”, salientou o catedrático.
MURGUÍA E A CORUÑA
Manuel Murguía foi despedido por unha multitude o 4 de febreiro de 1923. O historiador falecera dous días antes, o 2 de febreiro, na Coruña, a cidade na que viviu os últimos anos da súa vida e desde onde exercería a primeira presidencia da RAG, que foi fundada no ano 1906. A Coruña acolleu hoxe tamén o inicio das celebracións institucionais do centenario do pasamento nun acto no que tamén interviñeron o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; e mais o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, ante os membros das corporacións organizadoras e doutras institucións que tamén participaron na homenaxe previa no camposanto municipal.
“A Real Academia Galega honra a memoria do seu primeiro presidente, esteo fundacional da institución, figura decisiva na construción dunha Galicia con pensamento propio e esperanza de futuro“, dixo Víctor F. Freixanes. A alcaldesa Inés Rey fixo fincapé no vínculo de Manuel Murguía e da RAG coa cidade e referiuse igualmente a outras figuras senlleiras da cultura galega relacionadas con ela.
As conmemoracións do centenario do intelectual proseguirán tras este comezo mañá xoves 2 de febreiro na Fundación Luis Seoane coa inauguración das Xornadas Manuel Murguía (17:00 horas), que continuarán os días 9 e 16 de febreiro no paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela e na Fundación Rosalía de Castro, na Casa da Matanza de Padrón.

ÚLTIMAS

O centro da Coruña, totalmente limpo, mentres que Os Rosales-Labañou a recollida é do 5%

O lixo acumulado nas rúas da Coruña diminúe nunha nova xornada con colectores incendiados en...

Xa temos cartel do Festival Noroeste 2024

Este venres preséntase o programa completo da 37ª edición do Festival Noroeste. Como sempre,...

Así está a porcentaxe de limpeza do teu barrio

A Comisión de Seguimiento da emerxencia sanitaria composta fixo onte balance estado actual da...

A empresa Valoriza xa comeza a realizar a recollida do lixo

O Concello contrataba na tarde de onte á empresa Valoriza a recollida de lixo...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here