InicioOPINIÓNRunas de nós

Runas de nós

Publicada o

Por Xurxo Souto

A bohemia coruñesa ten un nome, Xaime Cabanas. Aquel que no pub o Patacón, cun borrancho do dedo mollado no café, era quen de pousar na servilleta todo o misterio do mar do Orzán.

A súa pintura leva os nosos trazos, o código co que fala a noite nesta cidade. Arte e vida chea de exceso. Xaime, como bo bohemio, morreu cunha absoluta discreción. Sen molestar a ninguén. Nin sequera os medios de comunicación. O 25 de xullo de 2013, cando todos os focos se dirixían cara ao terrible accidente de Angrois.

Xaime Cabanas coa camisola do Depor / Canal Deportivo

Agora o seu lobicán volve ouvear en forma de cartel polas rúas.

Xa sei que o sabes, o Concello organizou unha gran exposición antolóxica: Cabanas MMXXIII. No Quiosco Alfonso, na gran sala de Palexco latexa estes días o poder do seu talento. Parabéns aos comisarios, Pedro Vasco e Carlos Pita, por encher de luz esas runas que nos conforman.

Hai quen se esforza en presentar unha cidade sempre perfecta. A realidade teimuda amósanos unha Coruña máis grande. Esa rocha atlántica na que peta con furia o océano na invernía, onde ás veces se espetan os petroleiros, e mesmo os vertedoiros poden caer ao mar.

Aquí armamos a nosa vida. Mundo extraordinario, cósmico e escatolóxico á vez. Fecundidade da natureza, suxo cemento de arrabalde. Sempre de fondo o boureo do mar.

Ás veces danos medo contemplar esa realidade rabuda. Cabanas medo non tiña. E iso que levou moitos paus no lombo.

Area, petróleo, ferranchina, urkiola, arenques, furna, parrochas, lume de refinería, chichimoni e rancio de cubata. O máis sinxelo tería ter representado tal universo como un magma abstracto. Cabanas foi moito máis alá. Fagocitou este furacán de estímulos até convertelos en símbolos:

Os serviola, a mala pica, caveira que fuma, a man que rabuña, e a cabeza do lobicán. Runas do noso tempo, unha grande arte de rindanga.

Por iso, como o borrancho do café, todo o que Cabanas tocou –cadros, tascas, escaparates, paredes ou camisetas- ao momento saíu da vulgaridade e converteuse en arte plena, sintonía desta cidade-barco.

Exposición Cabanas MMXXIII. E de remate…que continúe. Precisamos seguir catando deste alimento, Xaime Cabanas, tóxico-elixir, luz de chapapote.
Grazas mestre !

  • Xurxo Souto. Dinamizador cultural eterno da vila da Coruña. Membro fundador dos Diplomáticos e do Rock Bravú, actual cantante da Banda de Shanghai, locutor de radio, escritor, contador, guía turístico e espiritual… Enciclopedia viva da Coruña.

MÁIS ARTIGOS DE XURXO SOUTO

Novas relacionadas

 

 

ÚLTIMAS

Unha moza de 20 anos ebria bate contra un muro co coche no paseo marítimo da Coruña e tenta fuxir a pé

Unha moza de 20 anos de idade que deu positivo en alcolemia bateu na...

O PP da Coruña ultima a súa romaría do Pino coa vista posta nas municipais de 2027

O PP provincial da Coruña prepara a oitava edición da súa romaría do Pino,...

Rescatado un home de 48 anos tras sufrir unha caída nas rochas na praia dos Mouros

Un home de 48 anos de idade foi rescatado este sábado tras caer nunha...

O seguimento masivo da folga do comercio e da alimentación: “Hoxe non se compra”

O persoal do comercio de alimentación da provincia da Coruña respondeu con forza á...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here