—— ——-
O Grelle, Rabaleira, o Xanrei...Din os aborixes australianos que cada camiño é unha canción. A Torre de Hércules ten pois moitas melodías. A letra desta é ben eufónica, Gaivouteiro,o Cabalo, Macallás –nomes das pedras percebeiras-, a súa música: o océano todo.
Nomes ben vivos no traballo cotián dos percebeiros. Mais un camiño invisible para o “terrícola”. Aínda que en cada paseo enchamos decote oollo coa tanta marabilla, ignoramos a letra da canción. E non hai dereito.
Emilio Mariñas é o noso guía. Sabio da Agra de San Amaro, o home que coñecía as pedras de percebe todas dende Avilés e Corrubedo. Cóllenos da man e ensínanos paso a paso o seu espazo máis querido, laxeiras que percorreu dende os días da infancia, cando era costa virxe e a ferrada do home non tocara aínda os fondos inzados de percebes.
Partimos dende a praia de Santo Amaro, aquel sabio navegante que atopou no medio do océano a illa do paraíso (1). Tiramos pola beira cara a Torre e detémonos nas rochas que pechan a enseada. Se miras cara o mar, verás como, a uns metros da costa, rompe a tona da auga. Son os baixos do Gancho, pedras que só agroman cando hai vaga de mar.
Camiñamos ata un pequeno metidiño co seu areal, é o Grelle. Onda el había un antigo posto de consumeiros, os cobradores do fielato isto é, a taxa que debían pagar as mercadorías que entraban por mar.
Xa vemos Macallás unha pedra no mar que sinala o comezo da praia de Area de Concha. Dinlle así porque antigamente, cando toda esta parte era costa virxe, aquí quedaban varados moitos percebes e mexillóns, arrincados os días de mareira. As súas cascas fóronse convertendo en area grosa, moi estimada en tempos para a limpeza dos pisos de madeira. Seino. Probablemente ti coñeces este areal como praia dos Mouros. Emilio Mariñas prefire esoutra denominación e argumenta dun xeito impecable, antes de construír o cemiterio dos mouros, xa había praia de Area de Concha.
Remata o solaz. Comezamos a achegarmos ás pedras máis batidas, as rochas percebeiras. Onde vira a costa , agárdanos no mar o Redondo, unha pedra baixa con forma de tartaruga.
De seguido, pola banda de terra, albiscamos unha pena prominente, o Cabalo. Hai anos rachou o cable un remolcador e quedou afundida diante del unha chata, un guindastre do porto. Nela ían dous homes, un desapareceu, ao outro o mar botouno para terra san e salvo. Para alegría dos mergulladores a chata segue no fondo.
Ás veces esta rocha tamén aparece citada como Cabalo de Pradeiras. En rigor é unha deformación ou mala pronunciación de Cabalo de Pragueiras. Dicíanlle as Pragueiras -así o lembra Mariñas- ás leiraspegadas a este treito de costa. Un topónimo cunha etimoloxía diáfana: lugar de moito pargo.
Ata xusto detrás do Cabalo, entra un rego de mar, é a Longuiña, moi vizosa de percebe. Agora atopamos un coído, unha praia de bolos, pedras redondas traballadas polo mar. Comenteille a Emilio que algunha vez teño escoitado dicirlle o Acoroado, mais o mestre percebeiro non coñece tal denominación.
De seguido, atendendo ao seu nome, o Morro Baixo, mete o fociño no mar. E xa entramos na península de Punta Herminia, ou Monte dos Bicos, isto é, dos barrancos e cantís.
Beleza a eito, tamén perigo extremo para quen tente saír dos vieiros indicados e achegarse en exceso á ribeira. Pedras moi farturentas en percebe, ricas tamén, desgraciadamente, en sucesos lutuosos.
Como lembranza e advertencia, citarei só algúns saídos directamente da memoria do sabio percebeiro. Velaí un nome mítico, a pedra do Altar. Aquí morreu un sarxento cando estaba a pescar robalizas. De seguido as Corredoiras e o Herminio. Ao seu carón, a furna do mesmo nome, onde perdeu a vida, hai moitos anos, outro pescador de cana. Chamábase Poli, e era barbeiro e sacador de moas.
Ao seguinte treito de costa dinlle Santa Cecilia. Deseguido a punta das Forcadas. E despois, outro cabo, o que máis asoma no mar: a Rabaleira. É unha pedra moi criadora de percebes, tamén moi brava. Emilio, conta de memoria cinco percebeiros afogados . Nela, na parte de Leste o percebe é encarnado. Na parte do Oeste negro. E por iso lle din á pequena enseada que se forma nese lado a furna dos Negros.
Embaixo da escultura da Caracola, a punta do Ollo, e antes unha pequena pedra nomar, a Perdiz.
Entramos na gran enseada do Sogadoiro. No fondo dela, agachada entre a herba aínda agroma a fonte do mesmo nome, auga moi apreciada en tempos.Deseguido, xa pola banda da Torre, velaí o Gaivouteiro, petoutos irtos onde quedaron encartados os restos do petroleiro Mar Exeo. A carón del os Coitelos de Terra e os Coitelos de Mar. Despois, a illa da Galera, riquísima en percebes. Embaixo mesmo do faro, ábrese a boca dunha furna impresionante: os Touciños, unha cova mariña de altas paredes onde os corvos teñen niño. Aclaremos, a palabra non alude a graxas porcinas senón que pertence á da familia da touza: terreo bravo, de pedras, sen cultivar.
A costa vira na punta das Eiras ou o Cabo Verde. Velaí a illa da Vaca e, a carón dela, un meixón -unha pedra pequena na auga– o Meixón de Morales. En un chisco máis a dentro o resto desta familia bovina: A illa do Boi –onde afundiu en 1970 o pesqueiro La Isla, cando volvía do Gran Sol–. Por terra do Boi, o Meixón de San Antonio. Por fóra, o Becerro e, agromando no medio do mar, o Becerriño, pedra cativiña criadora de moi bos percebes.
Entre a Torre e o antigo cárcere as derradeiras raiolas do día lamben a praia do Areal, Emilio Mariñas ignora a orixe da nova denominación de praia das Lapas. A súa area branquiña foi moi estimada tamén para a limpeza das antigas cociñas de ferro e de todo tipo de cacharros.
Cerra esta enseada a punta do Xanrei, a carón da antiga cetaria de Petrallo, agora Acuario Finisterrae. De seguido, a illa do Pé, as Touciñas, o Sombreiro, a praia das Amorosas, a Furna das Meigas. E máis alá, alén da Laxe Brava, na outra banda do Mar do Orzán, o Monte de San Pedro. Ao pé do Milenio a pedra Ameneadoira, que funga e abala cos tombos do mar… Detrás da illa da Zambela, a Furna Cheirenta, as illas de San Pedro, a Cornadilla, o Meixón de Mendes, San Coral… Emilio Mariñas, o sabio percebeiro,dominaba todo o repertorio ata a Costa da Morte, pero eses son xa outroscamiños, outras cancións.
- (1): Esta é outra ruta da Torre, a das lendas. Sobre a historia de Santo Amaro podes consultar o libro de Leandro Carré Alvarellos, Lendas galegas tradizonaes, Porto, 1969.
- Xurxo Souto. Dinamizador cultural eterno da vila da Coruña. Membro fundador dos Diplomáticos e do Rock Bravú, actual cantante da Banda de Shanghai, locutor de radio, escritor, contador, guía turístico e espiritual… Enciclopedia viva da Coruña.
MÁIS ARTIGOS DE XURXO SOUTO
- Dicionario antroideiro coruñés (II) A chistera marabillosa do señor Canzobre
- DICIONARIO ANTROIDEIRO (I): MOMENTO CORUÑENTO
- O Picho, a auga sagrada da Fonte de Santo Amaro.
- Co grelo na man.
- Aperta Coruñenta, Xornal da Coruña.
Novas relacionadas