InicioOPINIÓNA toponimia das pedras Percebeiras do Mar da Torre, a Ruta de...

A toponimia das pedras Percebeiras do Mar da Torre, a Ruta de Emilio Mariñas

Publicada o

Por Xurxo Souto

—— ——-

O Grelle, Rabaleira, o Xanrei...Din os aborixes australianos que cada camiño é unha canción. A Torre de Hércules ten pois moitas melodías. A letra desta é ben eufónica, Gaivouteiro,o Cabalo, Macallás –nomes das pedras percebeiras-, a súa música: o océano todo.    
Nomes ben vivos no traballo cotián dos percebeiros. Mais un camiño invisible para o “terrícola”. Aínda que en cada paseo enchamos decote oollo coa tanta marabilla, ignoramos a letra da canción. E non hai dereito.
Emilio Mariñas é o noso guía. Sabio da Agra de San Amaro, o home que coñecía as pedras de percebe todas dende Avilés e Corrubedo. Cóllenos da man e ensínanos paso a paso o seu espazo máis querido, laxeiras que percorreu dende os días da infancia, cando era costa virxe e a ferrada do home non tocara aínda os fondos inzados de percebes.

Milucho o avo de Javi Marinas
Emilio Mariñas, Milucho, o avo de Javi Mariñas

Partimos dende a praia de Santo Amaro, aquel sabio navegante que atopou no  medio do océano a illa do paraíso (1). Tiramos pola beira cara a Torre e detémonos nas rochas que pechan a enseada. Se miras cara o mar, verás como, a uns metros da costa, rompe a tona da auga. Son os baixos do Gancho, pedras que só agroman cando hai vaga de mar.        

Camiñamos ata un pequeno metidiño co seu areal, é o Grelle. Onda el había un antigo posto de consumeiros, os cobradores do fielato isto é, a taxa que debían pagar as mercadorías que entraban por mar.

Xa vemos Macallás unha pedra no mar que sinala o comezo da praia de Area de Concha. Dinlle así porque antigamente, cando toda esta parte era costa virxe, aquí quedaban  varados moitos percebes e mexillóns, arrincados os días de mareira. As súas cascas fóronse convertendo en area grosa, moi estimada en tempos para a limpeza dos pisos de madeira. Seino. Probablemente ti coñeces este areal como praia dos Mouros. Emilio Mariñas prefire esoutra denominación e argumenta dun xeito impecable, antes de construír o cemiterio dos mouros, xa había praia de Area de Concha.

Remata o solaz. Comezamos a achegarmos ás pedras máis batidas, as rochas percebeiras. Onde vira a costa , agárdanos no mar o Redondo, unha pedra baixa con forma de tartaruga.

De seguido, pola banda de terra, albiscamos unha pena prominente, o Cabalo. Hai anos rachou o cable un remolcador e quedou afundida diante del unha chata, un guindastre do porto. Nela ían dous homes, un desapareceu, ao outro o mar botouno para terra san e salvo. Para alegría dos mergulladores a chata segue no fondo.

Ás veces esta rocha tamén aparece citada como Cabalo de Pradeiras. En rigor é unha deformación ou mala pronunciación de Cabalo de Pragueiras. Dicíanlle as Pragueiras -así o lembra Mariñas- ás leiraspegadas a este treito de costa. Un topónimo cunha etimoloxía diáfana: lugar de moito pargo.

Ata xusto detrás do Cabalo, entra un rego de mar, é a Longuiña, moi vizosa de percebe. Agora atopamos un coído, unha praia de bolos, pedras redondas traballadas polo mar. Comenteille a Emilio que algunha vez teño escoitado dicirlle o Acoroado, mais o mestre percebeiro non coñece tal denominación.                                    

De seguido, atendendo ao seu nome, o Morro Baixo, mete o fociño no mar. E xa entramos na península de Punta Herminia, ou Monte dos Bicos, isto é, dos  barrancos e cantís.

Beleza a eito, tamén perigo extremo para quen tente saír dos vieiros indicados e achegarse en exceso á ribeira. Pedras moi farturentas en percebe, ricas tamén, desgraciadamente, en sucesos lutuosos.

Como lembranza e advertencia, citarei só algúns saídos directamente da memoria do sabio percebeiro. Velaí un nome mítico, a pedra do Altar. Aquí morreu un sarxento cando estaba a pescar robalizas. De seguido as Corredoiras e o Herminio. Ao seu carón, a furna do mesmo nome, onde perdeu a vida, hai moitos anos, outro pescador de cana. Chamábase Poli, e era barbeiro e sacador de moas.

Ao seguinte treito de costa dinlle Santa Cecilia. Deseguido a punta das Forcadas. E despois, outro cabo, o que máis asoma no mar: a Rabaleira. É unha pedra moi criadora de percebes, tamén moi brava. Emilio, conta de memoria cinco percebeiros afogados . Nela, na parte de Leste o percebe é encarnado. Na parte do Oeste negro. E por iso lle din á pequena enseada que se forma nese lado a furna dos Negros.                        

Embaixo da escultura da Caracola, a punta do Ollo, e antes unha pequena pedra nomar, a Perdiz.

Entramos na gran enseada do Sogadoiro. No fondo dela, agachada entre a herba aínda agroma a fonte do mesmo nome, auga moi apreciada en tempos.Deseguido, xa pola banda da Torre, velaí o Gaivouteiro,  petoutos irtos onde quedaron encartados os restos do petroleiro Mar Exeo. A carón del os Coitelos de Terra e os Coitelos de Mar. Despois, a illa da Galera, riquísima en percebes. Embaixo mesmo do faro, ábrese a boca dunha furna impresionante: os Touciños, unha cova mariña de altas paredes onde os corvos teñen niño. Aclaremos, a palabra non alude a graxas porcinas senón que pertence á da familia da touza: terreo bravo, de pedras, sen cultivar.                                                                            

A costa vira na punta das Eiras ou o Cabo Verde. Velaí a illa da Vaca e, a carón dela, un meixón -unha pedra pequena na auga o Meixón de Morales.  En un chisco máis a dentro o resto desta familia bovina: A illa do Boi –onde afundiu en 1970 o pesqueiro La Isla, cando volvía do Gran Sol. Por terra do Boi, o Meixón de San Antonio. Por fóra, o Becerro e, agromando no medio do mar, o Becerriño, pedra cativiña criadora de moi bos percebes.                                                                            

Entre a Torre e o antigo cárcere as derradeiras raiolas do día lamben a praia do Areal, Emilio Mariñas ignora a orixe da nova denominación de praia das Lapas. A súa area branquiña foi moi estimada tamén para a limpeza das antigas cociñas de ferro e de todo tipo de cacharros.                                                                                                  

Cerra esta enseada a punta do Xanrei, a carón da antiga cetaria de Petrallo, agora Acuario Finisterrae.  De seguido, a illa do Pé, as Touciñas, o Sombreiro, a praia das Amorosas, a Furna das Meigas. E máis alá, alén da Laxe Brava, na outra banda do Mar do Orzán, o Monte de San Pedro. Ao pé do Milenio a pedra Ameneadoira, que funga e abala cos tombos do mar… Detrás da illa da Zambela, a Furna Cheirenta, as illas de San Pedro, a Cornadilla, o Meixón de Mendes, San Coral Emilio Mariñas, o sabio percebeiro,dominaba todo o repertorio ata a Costa da Morte, pero eses son xa outroscamiños, outras cancións.

  • (1): Esta é outra ruta da Torre, a das lendas. Sobre a historia de Santo Amaro podes consultar o libro de Leandro Carré Alvarellos, Lendas galegas tradizonaes, Porto, 1969.

Xurxo Souto coa bughina

  • Xurxo Souto. Dinamizador cultural eterno da vila da Coruña. Membro fundador dos Diplomáticos e do Rock Bravú, actual cantante da Banda de Shanghai, locutor de radio, escritor, contador, guía turístico e espiritual… Enciclopedia viva da Coruña.

MÁIS ARTIGOS DE XURXO SOUTO

Novas relacionadas

ÚLTIMAS

Yolanda Díaz anuncia que visitará A Coruña para promover a redución da xornada laboral

A líder de Sumar, Yolanda Díaz, puxo o foco en acometer canto antes a...

Nova protesta das mariscadoras da ría do Burgo para pedir solucións mentres non poidan faenar

Mariscadores e mariscadoras da ría do Burgo secundaron este venres unha nova concentración, ante...

Atopan mortas en menos de media hora a dúas persoas de idade avanzada na Coruña

Dúas persoas de idade avanzada foron localizadas mortas nos seus domicilios en menos de...

Dous detidos na desarticulación dun punto de venda de cocaína e haxix nun piso de Arteixo

Dúas persoas foron detidas na desarticulación por parte da Garda Civil dun punto de...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here