InicioDEPORTESUn Dépor cómodo no barro

Un Dépor cómodo no barro

Publicada o

Por Miguel Barreiro Bugallo
  • Xornada 17 – CD Arenteiro 1 – Depor 2
  • Partido do barro no barro de Carballiño.
  • Décimo sétimo partido de Imanol Idiakez como adestrador do Depor en partido oficial (6V 8E 3D). Imanol Idiakez volve salvar unha nova situación límite e comerá o turrón e as uvas en Coruña.

— — —

Unha nova xornada de tensión coma esas que tanto gústanos gozar os deportivistas. Nin unha fin de semana tranquila para os afeccionados, nin unha semana tranquila para o adestrador. Vaia por diante que non debe ser prato de bo gusto iso de almorzar cada día falando da túa destitución, do teu posible substituto, dándote por morto fagas o que fagas o domingo no partido. O bo de Imanol levou esta situación con fortaleza e normalidade, amosando, unha vez máis, aturar unha situación na que outros fraquearían nos seus folgos.

Onte o Dépor xogou un partido do barro no escenario perfecto que define esta categoría, un verdadeiro barreiro onde terse en pé en certas zonas, xa era mérito dabondo. Trala vacina correspondente do “ex” Dépor (nesta ocasión tocoulle a Miku) e cando peor se poñía o terreo de xogo, apareceu o lado máis combativo dun Depor que semella máis cómodo fóra da casa e canto peor se poñen as cousas no electrónico. Apareceu de novo o equipo batallador, ben adaptado ó campo e serio nos choques, que xa víramos en Ponferrada ou Barcelona. Onte tocou xogo directo e chegadas ás áreas con rapidez polas bandas, destacando Mella na segunda metade coma revulsivo e refresco. Importante o paso cara diante que está a dar este rapaz, peza clave xa no ataque branquiazul.

Mención aparte merece Davo e as súas aparicións. Un tipo curioso este Davo. Pode perder o 90% dos balóns que lle chegan, a súa transcendencia no xogo é case nula, non defende nin tapa ben a banda na saída do balón do rival, tampouco soe gañar os duelos por alto. Ata o de agora era coma xogar con dez o contra doce, pero leva varias semanas sendo decisivo cos seus goles. De ánimo anda coma un tiro, cousa preocupante co ano que leva, pero certo é que a súa confianza está polas nubes. O segundo gol que mete onte amosa unha confianza terrible nun mesmo: vaselina ao porteiro dentro da área pequena, a tres metros escasos da liña de gol e superando tamén a dous defensas que apareceron por detrás. Gol de fermosa factura para salvar a cabeza do míster.

Agora vén por diante o ansiado descanso polo nadal, recargar pilas, refrescar cabezas, liberar maulas, recuperar lesionados e acertar nas fichaxes de cara a segunda volta do campionato. Todo isto fará falla para encarar 2024 con algo de optimismo e ver se somos capaces de pelexar por algo digno alá polo mes de maio.

  • Miguel Barreiro Bugallo. Coruñés e deportivista no exilio mesetario. Sufrindo ó depor dende 1988. O que sei de fútbol, o Depor empéñase en negarmo. Firme defensor do fútbol de botas negras.

MÁIS CRÓNICAS DO DÉPOR

ÚLTIMAS

A Coruña queda sen os Encontros Internacionais da Rede Acampa pola Paz pola rebaixa da aportación municipal

Era o evento que puña a cidade da Coruña no centro das miradas da...

O Parque de Santa Margarida ponse de Foliada

Vístese de gala o Anfiteatro do Parque de SantaMargarida este sábado 14 de xuño...

Chega o Festival #Aquítaménsefala co mellor da escena musiqueira galega para a mocidade herculina

Volve o alumnado do IES Rafael Dieste facer historia da posta en valor da...

O Colexio Médico da Coruña apraza o seu XVII Encontro Médico tras a defunción dun dos homenaxeados

A Xunta Directiva do Colexio oficial de Médicos da Provincia da Coruña decidiu, nunha...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here