InicioOPINIÓNEste 2024 si a todo

Este 2024 si a todo

Publicada o

Por Beatriz Alfonso Espiñeira

Esta Noiteboa fixen un propósito nada ambicioso: aprenderme a primeira estrofa de All I want for Christmas is you de Mariah Carey. Para memorizala puxen o vídeo en Youtube unhas corenta veces, xa que o meu cerebro post fillos e post covid xa non é o que era. Esta repetición machacona da canción púxome nun mood do máis festivo, incluso enviei algún audio cantando a estrofiña a familiares e amigos para felicitarlles as festas. Dixeron que a cantaba ben, coido que mentían.

Para o 2024 teño outro propósito algo máis pretencioso: dicir si a todo plan, proposición ou evento que me poida parecer divertido, interesante ou enriquecedor.

Esta idea copieilla á miña irmá, que levouna a cabo cando mudou de cidade e non coñecía a apenas ninguén e se aburría coma un fungo. Ela afirmaba que a solución ao tedio podería ser dicir si a a todo, a toda actividade que che poñan por diante, incluso aínda que en principio non nos semellen moi atractivas.

A presentación dunha exposición dun pintor que che soa vagamente? Si.

Un festival de tecno cuns dilleis ignotos? Dende logo.

Un taller de bordado ruso? Por suposto.

Si, si e si.

Nunca se sabe que aprendizaxes podes sacar destas experiencias, o que podes desfrutar ou a quen podes coñecer, e todos sabemos o difícil que é facer amizades ou vivir novas experiencias na vida adulta.

Cando somos cativos o parque, a escola, as ditosas extraescolares promoven o achegamento, o diálogo e finalmente a amizade. Aínda quedo asombrada cando os meus fillos coñecen uns minutos a alguén na rúa ou nun campamento e pouco despois o presentan coma o seu amigo ou amiga.

Na xuventude os estudos, saír de festa e os primeiros traballos seguen a procurarnos almas xemelgas, pero coido que chega un momento en que nos estancamos, pensamos que a cota está coberta e nos volvemos preguiceiros nisto de coñecer ao próximo. Tratamos con moita xente ao longo do día pero raras veces chegamos a profundizar e interesarnos xenuinamente por quen temos ao noso carón, e a rutina vaise comendo as ganas de ter vivencias novedosas.

Se o meu propósito de aninovo parécevos interesante vos suxiro dicir si a un plan que me ten abraiada: o ciclo “As mellores películas da historia” no cine Colón: proxectaranse una morea de clásicos dende este xoves, comezando por O apartamento, seguindo por Ao final da escapada, O piano e Psicosis e rematando en xuño con O espírito da colmea, todas xoias do cine, nun teatro precioso, en pantalla grande. Non estades tan emocionados coma min? Tremendo regalo de Reis.

Feliz aninovo e que se cumplan todos os vosos desexos (dos propósitos, o ximnasio e o tabaco xa falamos en febreiro).

MÁIS ARTIGOS DE BEATRIZ ALFONSO

Máis novas relacionadas

Xaneiro de cine con pouso

ÚLTIMAS

Testemuñas da agresión a Samuel Luiz confirman que viron “a unha persoa recibindo patadas e golpes”

Unha testemuña do xuízo pola malleira mortal a Samuel Luiz -- ocorrida na madrugada...

Denuncian a Repsol por vulneración do dereito fundamental á folga do persoal de Navec

O pasado 18 de outubro os traballadores de mantemento da refinería de Repsol da...

Pregúntanlle ao Concello pola situación do persoal do IMCE

Dende hai máis de 30 anos, as persoas traballadoras do IMCE sofren o paso...

“Rosas do meu xardín”. Unha visita á exposición de Nick Knight

O pasado venres asistín á inauguración da exposición “Roses from my garden” de Nick...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here