InicioCULTURAInmobilis in mobile. Manifesto contra a mutilación da beleza

Inmobilis in mobile. Manifesto contra a mutilación da beleza

Publicada o

Por editor

Con este manifesto, a Asociación cultural O Mural e o Colectivo In Nave Civitas amosan a súa posición sobre a posta á venda dos murais de Lugrís da rúa Olmos, e a intención da Xunta de mercalos e trasladalos a un museo.

Inmobilis in mobile. Manifesto contra a mutilación da beleza

En 1951, Urbano Lugrís González inventou un espazo único nun lugar único: o restaurante Fornos, o primeiro restaurante á carta da cidade, aberto de 1873 nos baixos dos edificios dos números 25 e 27 da rúa dos Olmos da Coruña.

Poderíamos intentar describir a beleza pero o propio Lugrís pintou un manifesto do que fora quen de facer: «Hic habitat felicitas» (Aquí vive a felicidade) deixou escrito nunha das arcadas.

Entre 2011 e 2013 o local estivo pechado e non puidemos desfrutar das murais. Logo reabriu como restaurante até despois dos confinamentos e o estado de absoluto abandono dos edificios e o desleixo das administracións seguen a poñer en perigo a existencia dos frescos. Hai catro anos que non podemos ver os murais que representan o faro de Hércules, os fondos do mar ou unha vista idealizada da Coruña na que unha serea caza un congro contemplada por un narval,…

Esta semana a Xunta de Galicia anunciou a súa vontade de mercar as pinturas e que vai avaliar «a posibilidade de trasladalas ao Museo de Belas Artes da Coruña».  O noso Código civil é claro: «Son bens inmobles […] as  pinturas ou outros obxectos de uso ou ornamentación, colocadas en edificios ou herdades polo dono do inmoble en tal forma que revele o propósito de unilos dun modo permanente ao fundo». Aínda que a forza bruta burocrática todo o pode: o inmoble non se debe mover.

De novo estamos diante da mutilación dunha obra de arte para favorecer o rendemento económico dun inmoble: xa pasou co fresco que Lugrís pintou na rúa Real e agora está nunha oficina bancaria e non queremos que volva pasar.

O Consello Internacional de Monumentos e Sitios (ICOMOS) nos seus Principios para a preservación, conservación e restauración das pinturas murais, aprobados en 2003, afirma:

As pinturas murais fan parte integrante dos edificios e estruturas. Polo que, a súa conservación ten que se considerar comprendida na do soporte material do conxunto arquitectónico ao que pertencen […]  A restauración ten por obxecto mellorar a interpretación da forma e o contido das pinturas murais, sempre e cando se respecte a obra orixinal e a súa historia. […] As extraccións e traslados de pinturas son operacións perigosas, drásticas e irreversibles, que afectan de xeito grave a súa composición física, a súa estrutura material e os seus valores estéticos. Polo que só atopan xustificación en casos extremos […]

Os frescos que Lugrís pintou no restaurante á carta máis antigo da cidade da Coruña crearon un espazo único que durante xeracións foi motivo de abraio e ledicia das miles de persoas que atravesaron as portas do edificio de Olmos. Non mutilen a casa da felicidade!

Seguimos a reivindicar o acceso á beleza!

  • Asociación cultural O Mural. Colectivo In Nave Civitas

Máis novas

A Xunta presenta unha oferta por 35.000 euros para adquirir os murais de Lugrís da rúa Olmos da Coruña

 

A posta en venda dos murais de Lugrís da rúa Olmos indigna á sociedade coruñesa

“O desleixo das administracións para protexer os frescos de Lugrís non fai máis que medrar”

S.O.S. Lugrís

ÚLTIMAS

A Coruña, designada oficialmente como sede do Mundial 2030

Por fin, a FIFA acaba de aprobar oficialmente a candidatura de Riazor como sede...

O pleno ratifica a suspensión cautelar do Plan das Percebeiras

Paso atrás do Concello sobre o polémico proxecto de urbanización das Percebeiras. Se no...

O IES Puga Ramón ten “Moito Coidado” coas Infeccións de Transmisión Sexual

O IES Rafael Puga Ramón acollía onte a estrea do spot “Moito coidado”, que...

O funcionariado sae á rúa para esixir unha solución ao concerto sanitario de MUFACE

A asistencia sanitaria de máis de 1.500.000 funcionarias e funcionarios está pendente da a...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here