InicioOPINIÓNO drama planetario

O drama planetario

Publicada o

Por Beatriz Alfonso Espiñeira

Este sábado tocan Los Planetas na Coruña. O Super 8. Trinta (choro) anos despois. Hoxe puxen o disco para ir andado ó traballo. Facía máis de vinte anos que non o escoitaba. Porque hai cousas que me provocan demasiada nostalxia e esta é unha delas. Fun todo o camiño cos pelos de punta e o corazón dándome pulos a cada canción. Recordo tódalas letras, machaqueinas moito. Recordo o vídeo de “Qué puedo hacer” plano por plano, o tiña gravado en VHS. Pause, rewind, play.

Gostaba da música, amaba as letras, conectaban tan ben coa teenage angst propia da idade. Con algunha canción podías bailar, con moitas chorar de madrugada revivindo ou inventando desamores.

Creo que recordo a primera vez que escoitei o disco con dezasete (choro) anos. Probablemente en Radio 3. E o concerto no Playa en 1995, con Mai tocando de costas ó público e aquel batería con rastas. Coleime no backstage para que me firmaran o Medusa EP. Non levei o Super 8 porque en vinilo ocupaba moito.

Teño unha foto tremenda duns anos despois cunha amiga de Valladolid, Jota e Florent nun after de Vilagarcía xa entrada a mañá. Non a ensino a ninguén porque: pola mañá, after, Vilagarcía. Agora que o penso non teño nin idea de onde a agachei para que ninguén a atopara. Espero que non a achen os meus fillos cando morra e revisen os meus trastos.

Coincidimos con Florent e Eric nun Contempopranea, no bar do camping despois de dous ou tres días sen durmir, despeluxadas e derrotadas, miraron dende a súa mesa e sorriron.

Chorei coa niña amiga María porque despois doutro concerto na Coruña, e cerrando o Recreo marcharon cunhas rapazas. Oito da mañá. Marcharon. Choros. Eu só puiden articular un “encantoume o concerto”. Demasiado fan. Non puidemos escoitar os seus discos durante meses. Recompóñome e sigo.

Crecín cos Planetas, son parte importante da miña mocidade dos dezasete ós vintetantos anos, despois perdinlles a pista porque non gosto dos seus discos máis flamencos. Así que este reencontro décadas despois é a un tempo ansiado e temido, porque boto de menos esa sensación de descubrir un grupo que dalgunha maneira che cambie a vida, a emoción dos primeiros concertos, o ser tan fan, as ledicias desaforadas e os dramas, pero sei que haberá bágoas.

Qué puedo hacer.

 

MÁIS ARTIGOS DE BEATRIZ ALFONSO

ÚLTIMAS

Un home enfróntase a 6 anos de prisión por abuso sexual a menor e delito continuado de ‘sexting’

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña xulgará o luns, día 4, a un home...

Conclúen os traballos de restauración do monumento a Alexandre Bóveda na praza de Xosé Toubes

O Concello da Coruña concluíu esta semana os traballos de restauración do monumento a...

Homenaxe a Ánxel Casal, Fernández Flórez e Carré Alvarellos no cemiterio de San Amaro: “Construíron unha Coruña máis libre, cultural e galega”

O primeiro tenente de alcaldesa da Coruña, José Manuel Lage, presidiu este venres, Día de Todos...

CRMH pide á Xunta medidas máis aló de sancións administrativas á familia Franco por non abrir Casa Cornide

A Comisión pola Recuperación dá Memoria Histórica (CRMH) da Coruña pediu a Xunta medidas...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here