InicioOPINIÓNO disfraz da alcaldesa

O disfraz da alcaldesa

Publicada o

Por Rodrigo Osorio

– Apropósito-

  • A Coruña, cabeza, garda, chave, forza e antemural do Reino de Galicia.
  • Mércores, 26 de febreiro de 2025

ESCENA PRIMEIRA

No despacho principal do pazo de merengue de María Pita,  «de repente, o grillo do teléfono orinase no exiguo colo burocrático».

ALCALDESA: Aló?

(Doutro lado da liña)

ASESOR 1: Señora alcaldesa, o martes que vén xa é antroido.

ALCALDESA: Seino, seino: xa cobramos as comisións pola encarga do cartel. Viñeron as comparsas a devolver a parte que nos toca da subvención?

ASESOR 1:  Dona Inés, é mellor non falar destas cousas por teléfono…

ALCALDESA: Tranquilo, non ves que teño man no Ministerio de Gobernación? Que querías?

ASESOR 1: Axendei a xuntanza para decidir de que imos ir disfrazados este ano…

ALCALDESA: Outra vez? É preciso?

ASESOR 1: Sei que non gusta nada destas festas pero… un dos seus únicos momentos de aceptación popular é cando a chusma a ve disfrazada na portada do Material Gallego. O ano de Shakira foi marabilloso, até as votantes do Bloque querían fotografarse con vostede…

ALCALDESA: Tivestes unha boa idea, non cho vou negar pero o do ano pasado non cho perdoarei nunca…

ASESOR 1: O disfraz era bo!

ALCALDESA: Ir de xabaril o ano que matamos unha ducia… As animalistas non o tomaron ben e agora… perdín a confianza (saloucando)… perdín a confianza.

ASESOR 1:  Podemos arranxalo, trouxen un comunicólogo de Madrid moi bo, o que traballou para Sánchez no 2023, e xa peneiramos as mellores propostas. Vémonos as 17:00 horas no salón de té.

ESCENA SEGUNDA

Salón de chá do Pazo de Merengue.

A alcaldesa, campechana e abnegada, serve as tazas do ASESOR 1, O COMUNICÓLOGO CASTIZO e LAGE TUÑAS, todos cunha carpeta do PSOE co rótulo “Carnaval 2025” na man e sentados arredor dunha mesa da época vazquiana chea de rancias volutas do presente.

LAGE TUÑAS: A ver se rematamos cedo que teño que ir a Sarria, ao notario.

ALCALDESA: Acouga, Lage, o primeiro é o público… Cales son as opcións?

COMUNICÓLOGO CASTIZO: Señora, amigos, tras estudiar os datos de recepción pública dos seus anteriores disfraces e as novas locais máis relevantes  deste ano a miña recomendación é que desbote o disfraz de olmo que avaliaba levar porque sería tropezar dúas veces na mesma pedra, tampouco podo aprobar o de cruceirista, moi gracioso, de certo mais de-ma-sia-do polémico…

ASESOR 1: Pero eses dous son os que máis aceptación tiveron na enquisa pública que fixemos no Parrote.

COMUNICÓLOGO CASTIZO: Entendo que en provincias pensedes que iso é unha enquisa pero…

LAGE TUÑAS:  (Irado) Vostede ven traballar ou insultar?

COMUNICÓLOGO CASTIZO: (Imperturbábel) Fíxose algunha vez esa pregunta a vostede mesmo? Coido que o mellor e tirar de fútbol: A Coruña é a cidade balompédica por antonomasia. Que lle parece, aproveitando o seu grande éxito co do Mundial, disfrazarse de Naranjito? Amais poderíamos conseguir patrocinio dunha empresa local

(O comunicólogo amosa unha foto dun disfraz de veludo deseñado por A Lura)

ALCALDESA: (Con desdén redobrado) E non dará moito calor? Con ese disfraz pódese beber?

ASESOR 1: (Adulando ó mesetario) Paréceme unha idea excelente: é un personaxe que cae ben; oitenteiro, coma a vostede lle gustan as cousas; nostálxico e do PSOE auténtico… Que máis se lle pode pedir?

COMUNICÓLOGO CASTIZO: Amais os directores do Material e A Voz xa nos garantiron a portada…

ALCALDESA: Non se fale máis: agardo que faga frío. E de que ides ir vos?

Lage Tuñas mira o reloxo facendo que ten présa e sae para Sarria sen moitas ganas de comprometerse a se disfrazar. O asesor pensa e replica:

ASESOR 1: Se o tema é o fútbol penso que aínda gardo as camisetas do Depor que mercamos cando tivemos que ir o estadio durante a campaña para facer que nos gustaba “iso”… Imos de súper depor?

ALCALDESA: Iso é: sen arriscar, apostando sobre seguro. Progreso si pero con sentidiño. Extrema moderación burguesa. “Viva eu!”

MÁIS ARTIGOS DE RODRIGO OSORIO NO XDC

ÚLTIMAS

Fina Paulos, segunda mellor mestra de Secundaria nos Premios estatais Educa

O sábado 15 de marzo celebrouse na Coruña a gala de entrega dos VIII...

A Coruña Pública: a cartografía dos espazos públicos da cidade que busca financiamento

“A Coruña Pública” é un ambicioso proxecto de cartografía dos bens públicos existentes na...

Aseguran que o Mercado de Monte Alto estará operativo a final de ano

Debería ter estado rematado en xaneiro deste 2025, pero o Mercado de Monte Alto...

Investigan a 19 persoas da Coruña por extorsionar a unhas 300 vítimas co “timo do sicario”

A Garda Civil, no marco da 'Operación Mamol Tenerife', detivo e investigou a 19 persoas,...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here