Arrasa a rapazada do IES Rafael Dieste en materia de normalización. O traballo dos Alberto Pombo, Mónica Reigía, Arcadio González e o resto do profesorado do centro herculino involucrando á rapazada no proxecto “Aquí tamén se fala”, segue colleitando recoñecementos.
Acaban de conseguir o Premio da Cultura Galega, o máximo galardón que hai no país en materia cultural, pero máis grande é conseguir que o Real Club Deportivo galeguice o seu escudo, o seu nome, gracias á campaña #ODéporédaCoruña.
O #ATSF xa recibía o ano pasado o recoñecemento dos Premios Mil Primaveras, pero este ano o Xurado da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) non puido resistirse a darlle outro premio tralo éxito da campaña pola normalización do topónimo do nome do club coruñés.

Así, o xurado desta 7ª edición dos Premios Mil Primaveras estivo formado por Beatriz Vilaverde Santamariña, técnica de normalización lingüística da Deputación Provincial da Coruña, Irimia Fernandez Álvarez, creadora de Brazolinda (premiado na anterior edición), Álvaro López García, responsable de Galego para Peques (premiado na anterior edición), Ana González Lista, xornalista, e Marta Besada Otero, técnica de normalización lingüística do Concello de Santiago de Compostela.
O resto de proxectos recoñecidos son:
● As chaves da lingua (As chaves da lingua)
Este proxecto didáctico e divulgativo de Noemí García Rodríguez busca mellorar as competencias lingüísticas e dar a coñecer a riqueza e utilidade do galego. O xurado valorou a súa orixinalidade, imaxe, calidade comunicativa e bo uso das redes sociais, alén da variedade de persoas destinatarias e o seu enfoque práctico.
● Comando Le: grupo de activismo cultural de Espazo Lectura (Asociación Espazo Lectura)
Este programa está dirixido a adolescentes de máis de 12 anos e foi concibido como un espazo de lecer, encontro e creación en lingua galega. O xurado salientou que se trata dun proxecto que consegue involucrar os adolescentes, público moi necesitado de ámbitos de uso da lingua, e faino nun contexto de lecer, creando comunidade e compartindo orgullo cos iguais. É ademais un programa replicable e adaptable a outros contextos.
● Revolta Galega (CPI As Revoltas, Cabana de Bergantiños)
Este programa traballa a dinamización lingüística no centro educativo de forma planificada e sostida no tempo, buscando o mantemento e o reforzo da lingua e a mellora do seu restixio. O xurado valorou que é un modelo integral de dinamización para todo centro e en diferentes ámbitos (expresión oral e escrita, creación de contidos, relación coas familias ou tradicións), que axuda a afianzar a lingua e a reflexionar sobre a súa importancia social, patrimonial e cultural. É tamén un modelo de traballo replicable e adaptable a outros centros educativos.
Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. Consisten no recoñecemento e na difusión dos proxectos escollidos polo xurado. Para axudar a divulgalos, os proxectos premiados están xa dispoñibles para a súa consulta detallada no web milprimaveras.gal. A CTNL organizará ademais un acto público de entrega de premios, que terá lugar en Pontevedra no mes de xuño.
Máis novas
O Dépor galeguizará en maio o seu nome. A mocidade fai historia
Antón Corral e a campaña #Aquítaménsefala recoñecidos con sendos Premios da Cultura Galega 2025
O “Aquí tamén se fala” leva o meirande premio á Innovación Educativa de Galicia
O #Aquítaménsefala e o Recuncho Gamer reciben os Premios Mil Primaveras

