InicioCULTURAO Corufest segue transformando a cidade dende a arte e a diversidade

O Corufest segue transformando a cidade dende a arte e a diversidade

Publicada o

Por Redacción

O Corufest 2026, o festival de artes escénicas pola diversidade afectivo-sexual, celebra este ano a súa 9ª edición entre os vindeiros días 6 e 17 de maio cunha ampla variedade de actividades que encherán a cidade de diversidade, identidade, memoria e festa.

A programación foi presentada este mércores pola alcaldesa, Inés Rey, e Xosé Leis, director do certame xunto a Gustavo del Río. Baixo o lema “Unha cidade que acolle, unha cultura que transforma”, o Corufest 2026 pon en marcha unha engrenaxe de creación e pensamento que o converte nun festival singular e único no Estado español.

O festival desenvolverá a súa programación en espazos como Teatro Colón, o Teatro Rosalía de Castro, o Centro Ágora ou a Casa Museo Casares Quiroga, e tamén alianzas co tecido privado a través de espazos como Galgo Azul.

 

View this post on Instagram

 

A post shared by @corufest.2026

Programa

O Corufest 2026 abrirá a súa programación o mércores 6 de maio ás 20.30 horas no Teatro Colón, co concerto do actor e creador galego Xoán Fórneas, Premio Mestre Mateo á Mellor Interpretación Protagonista, que presentará o seu primeiro proxecto musical baixo o nome artístico O Xoán, que combina escena e creación sonora. A súa proposta parte da tradición e da voz para dialogar con linguaxes contemporáneas, xerando atmosferas performativas entre a raíz e a experimentación.

Ao día seguinte, o xoves 7 de maio, a biblioteca municipal do Centro Ágora acollerá ás 19.30 horas a entrega do Recoñecemento Samuel Luiz ao compromiso social coa visibilidade LGTBIQ+, que este ano recaerá en Boti García Rodrigo, figura clave na historia do movemento LGTBIQ+ español. A súa traxectoria, iniciada no activismo e desenvolvida tamén no ámbito institucional, contribuíu de xeito decisivo á conquista de dereitos, á visibilidade e á construción dun marco de igualdade no que hoxe habitamos.
Tras a entrega do recoñecemento, terá lugar o encontro ‘Escritas desbordadas: Narrar o que incomoda’, un espazo de reflexión sobre a escritura como territorio de ruptura, onde a palabra se expande máis alá do normativo para falar de identidade, corpo e conflito. O encontro contará coa presenza de Daniel Amarelo, Nee Barros e Alva Lourenço, coordinadores da ‘Guia de linguagem não binária’; Andrea Nunes e Leticia Citoula, coordinadoras de ‘Razóns de peso’ e Miguel Calvo Marques, autor de ‘As esquinas’ (Premio Pinto e Maragota 2026).

O festival conta un ano máis co apoio do programa TRC Danza, que traerá o venres día 8 ao Teatro Rosalía de Castro o espectáculo ‘Orgía’, ás 20.30 horas, unha peza de danza contemporánea que explora o corpo como espazo de encontro, identidade e transformación.

O Centro Cívico dos Mallos será o escenario o sábado día 9 ás 20.30 h da obra ‘Manual para follarse a un macho con vagina’, con entrada libre. Unha peza que, a través do humor, a ironía e a experiencia persoal, aborda a construción da masculinidade desde unha perspectiva trans.

A programación do Corufest traerá este ano a diversidade LGTBIQ+ aos máis novos coa peza teatral ‘Manual básico de lengua de signos para romper corazones’, de Roberto Pérez Toledo, que aborda o amor, a comunicación e a diversidade funcional a través da relación entre un home xordo e un oínte. A obra terá lugar o mércores 13 de maio no Teatro Colón (12.00horas) cunha función programada para centros escolares e entidades sociais grazas á Concellaría de Benestar Social, Participación e Igualdade. Ese mesmo día, ás 20.30 horas, a obra abrirase ao público xeral cunha función no mesmo escenario.

O festival trasládase de novo ao Teatro Rosalía o xoves 14 de maio ás 20.30 horas coa peza escénica ‘Caballito de mar’ de Pau Coya, que combina corpo e palabra para abordar a experiencia dun home trans embarazado. O seu autor estará tamén o sábado 16 de maio no Galgo Azul nun encontro co público que terá lugar ás 12.30 horas.
Tamén o Galgo Azul acollerá, o día anterior, venres 15 ás 18.00 horas, un encontro sobre Dereitos culturais e identidade LGTBIQ+. A xornada contará coa participación de creadoras, autoras, activistas e axentes institucionais vinculados ao ámbito da diversidade afectivo-sexual e os dereitos culturais.

A danza regresa o sábado día 16 ao Centro Ágora ás 20.30 horas con ‘Nik·Eu 2.0’, a última produción do proxecto iXa, unha peza contemporánea que afonda na construción da identidade desde o corpo, explorando as tensións entre o eu íntimo e a imaxe proxectada cara ao exterior.

O festival chegará ao seu fin o domingo 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas e o Día Internacional contra a Homofobia, a Transfobia e a Bifobia. O Galgo Azul acollerá a partir das 12.30 horas un encontro co escritor, profesor e activista galego Ismael Ramos, unha das voces máis fulgurantes e internacionais da nosa literatura, recente gañador do prestixioso Premio O. Henry (sendo o primeiro autor español en conseguir este galardón). Sergio Marey recupera a figura de ‘Trini’.

A Casa Museo Casares Quiroga acollerá ata finais de mes a exposición ‘Maricones y travestis a la calle’, coa que o artista visual galego Sergio Marey recupera a figura da coruñesa Trinidad Falcés (Trini), muller trans represaliada durante o franquismo, para activar unha memoria histórica silenciada das primeiras loitas pola diversidade afectivo-sexual. A inauguración da mostra terá lugar o martes 12 de maio ás 19.00 horas e contará cunha performance por parte de Sergio Marey.

As entradas para os espectáculos están xa dispoñibles a través de Ataquilla.

 

Máis novas

O Corufest 2025 entrega o recoñecemento Samuel Luiz ao colectivo LGTBIQ+ Alas Coruña

ÚLTIMAS

30 anos da Gala do CIFP Imaxe e Son para esixir un #teatronaeisxa

Así está dende hai dous anos o auditorio do CIFP Imaxe e Son de...

A CRMH convoca un acto reivindicativo en María Pita para “descolgar” os retratos franquistas da cidade

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) tiña intención de organizar...

Mostra de forza na Coruña no primeiro día de folga do metal

Potentes imaxes das manifestacións desenvoltas onte co gallo do primeiro día (dos tres convocados)...

A organización anarquista galega Xesta preséntase na Coruña

A organización anarquista Xesta convoca para o xoves 21 de maio un acto público...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here