InicioA CORUÑAGalicia Design Week: Achegar o “bo deseño” aos ollos da cidade

Galicia Design Week: Achegar o “bo deseño” aos ollos da cidade

Publicada o

Por Redacción

A Coruña prepara a mirada para aprender do “bo deseño” na sétima edición da Galicia Design Week (GDW), único festival do noroeste estatal integrado na prestixiosa rede internacional World Design Weeks. Do 14 ao 23 de maio, a cidade converterase nun escaparate e punto de encontro onde profesionais de prestixio e novos talentos amosarán o poder do deseño como motor cultural, social e económico, a través dunha programación gratuíta na meirande parte das súas actividades.

Esta nova edición, codirixida por Marta González Rivas e Álex Rico Caramés e co-organizada pola axencia galega FOLLOR e a Asoc. Galicia Design, destaca pola súa forte expansión urbana. Cun total de seis sedes confirmadas espalladas pola cidade -Studio Follow, Vavava Haus, Accenture Song (evento en Fundación Barrié), The House by Malasa, Bendita Flor e Restory-, a GDW expandirase pola Coruña cunha proposta moi dinámica, á que tamén se sumará a partir do 19 de maio outra localización na avenida do Porto, que acollerá as exposicións Designed in Galicia e #novodeseñogalego, pensadas para achegar a creatividade ao gran público dun xeito sinxelo e directo.

Programa

O evento estrutúrase en diferentes eixes temáticos para conectar coa cidadanía, comezando polas súas habituais charlas profesionais (Talks) e talleres prácticos (Workshops) destinados a achegar a experiencia de grandes figuras do sector tanto a estudantes como a profesionais en activo.

Ao mesmo tempo, a axenda máis informal e urbana canalizarase a través da sección Off, un conxunto de accións, encontros e eventos en colaboración directa con diferentes axentes creativos locais; e que inclúen desde unha poxa de deseño até a transformación dunha floristería en librería co gallo das Letras Galegas, pasando pola gravación dun podcast ou presentacións de novos produtos.

Esta implicación co tecido local tamén se sentirá a través do oído e do padal. Durante as fins de semana de celebración do evento, o público poderá gozar das Sessions, unha serie de sesións musicais pensadas para poñer banda sonora ao festival nas noites dos venres e sábados no Studio Follow e protagonizadas por deseñadoras e deseñadores. Pola súa banda, a sección Gastro explorará os vínculos entre a gastronomía e as correntes creativas máis actuais grazas ás propostas de Comer e Rosmón, así como coa participación especial do colectivo Gracias Por Su Visita. Completa este mapa de acción o Showroom, unha
plataforma física concibida para dar visibilidade a marcas vinculadas ao deseño galego.

Nomes

No ámbito do deseño de espazos e arquitectura, destaca a conversa entre os estudios madrileños Burr e Studio Animal, que achegarán a súa rompedora visión; así como a revista Obradoiro do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, coa presenza de Manuel Bouzas, Teresa Sánchez Táboas e María Fandiño. Á hora de abordar a estratexia creativa, a GDW contará coa presenza de Paula de Álvaro, integrante do recoñecido estudio Design Office Fun; de Román De Lorenzo, CEO galego de MURPH; do director de arte Alexander Gross; do director creativo Aitor Molina; e da axencia galega e catalana especializada en retail
Bagel Affairs.
Ademais, a posta en escena terán un papel moi destacado coa participación da coruñesa Ana Inés Jabares Pita, unha das creadoras con maior proxección internacional na escenografía actual grazas ao seu prestixioso traballo en teatros e óperas de todo o mundo.

Catro exposicións

Un dos grandes atractivos deste 2026 será o crecemento do bloque expositivo, que se amplía a un total de catro mostras. Por unha banda, o espazo Studio Follow acollerá tanto unha escolma de traballos do ilustrador galego Xan como unha coidada selección das obras gañadoras dos Premios ADG Laus 2025, os galardóns máis prestixiosos de deseño gráfico e comunicación visual do país, que visitan Galicia para inspirar a novas xeracións de creadores.
No espazo público, concretamente na avenida do Porto, poderanse visitar as dúas mostras máis simbólicas da Galicia Design Week, como son Designed in Galicia e #novodeseñogalego. Estas dúas exposicións inauguraranse o martes 19 ás 12.00 horas, nun acto que contará con algunhas das deseñadoras protagonistas.

Galicia Design Week, codirixida por Marta González Rivas e Álex Rico Caramés, é a gran cita do deseño galego. A sétima edición do festival, creado no 2021 pola axencia galega FOLLOW e co-organizada desde 2024 pola asociación GALICIA DESIGN, conta cunha subvención do Ministerio de Cultura do Goberno de España, co apoio do Concello da Coruña a través do Consorcio de Turismo.

ÚLTIMAS

Traballadores da refinaría da Coruña mobilízanse por un plan de investimentos e contra os recortes

Traballadores e traballadoras da refinaría da Coruña mobilizáronse este mércores para esixir un plan...

Persoal do ensino en centros de xestión privada esixe dignidade laboral e salarial

Uníronse varios sectores esta mañá de mércores 13 de maio ás portas das dependencias...

O BNG alerta a PSOE que romperá o pacto orzamentario “se se tocan” investimentos ou “se recortan servizos”

Segue apretando a oposición sobre a mala situación económica municipal tras analizar un informe...

O CHUAC acada o transplante de pulmón número mil dende o inicio do programa en 1999

O equipo de transplante pulmonar do complexo hospitalario universitario da Coruña (CHUAC) realizou a...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here