Pasaron 30 anos daquel 10 de setembro de 1996. Moitos lembramos aínda ese cheiro que invadíu a cidade durante décadas cando o vento sopla de sur. O colapso do vertedoiro de Bens foi unha das grandes catástrofes medioambientais que viviu a Coruña.
Un vertedoiro obsoleto, que levaba dúas décadas amontoando o lixo da cidade da Coruña, acumulándoo sen ningún tipo de tratamento previo nin controis ambientais axeitados. Ese amoreamento masivo de lixo, as filtracións e a acumuluación de gases provocaron un colapso catastrófico do vertedoiro, provocando unha xigantesca avalancha de arredor de 200.000 toneladas de residuos urbanos precipitándose ladeira abaixo cara ao Portiño, sepultando vivendas, instalacións pesqueiras, embarcacións e vehículos. A traxedia costoulle a vida ao veciño Joaquín Serantes, cuxo corpo nunca puido ser recuperado.

Recollida con Greenpeace
Así o lembra 30 anos despois, Greenpeace , que convoca á sociedade a lembrar o acontecido e as leccións aprendidas, participando nunha recolleita e auditoría de residuos na praia de Bens (A Coruña), o vindeiro sábado, 12 de setembro, entre as 11:00 e 14:00.
Modelo de xestión do lixo
A entidade lembra que aquelas semanas o buque insignia de Greenpeace, o Sirius cunha gran pancarta “Reduce, Reutiliza, Recicla”, desprazouse até as inmediacións do Portiño. Ademais, reuníronse con Francisco Vázquez, para esixir a transformación radical do modelo de xestión do lixo.
As consecuencias daquel feito foron pouco avaliadas. Hoxe, aquela marea de lixo fica agochado debaixo dos 600.000 metros cadrados do Parque de Bens, ao máis puro estilo Springfield, tralo investimento de máis de 10.000 millóns de pesetas para o selado e recuperación ambiental da zona e serviu de detonante para a aprobación da Ordenanza de Xestión de Residuos Municipais e o posterior impulso en 1999 da planta de Nostián, pioneira na súa época por apostar pola separación, o reciclaxe e o compostaxe.
A pesar de que a planta de Nostián naceu como unha alternativa vangardista fronte á incineración de Sogama, para Greenpeace “a súa traxectoria nos últimos anos reflicte tamén un estancamento preocupante. O modelo padece unha severa falta de investimento, cunha concesión caducada dende hai anos e sucesivos atrasos na licitación dun novo prego adaptado ás exixencias europeas. Esta parálise traduciuse en baixas taxas de recuperación de materiais, o rexeitamento masivo de residuos que acaban nos vertedoiros e constantes conflitos laborais e operativos”, como xa fumos contando no Xornal no proceso de renovación da licitación, aínda pendente de ratificar.
“Para Greenpeace, o estado actual de Nostián evidencia que non abonda con ter unha planta no papel: sen vontade política, modernización continua e redución drástica de lixo na orixe, o sistema queda obsoleto e incapaz de responder o reto ecolóxico actual. O aniversario da catástrofe de Bens ten que facernos reflexionar ao respecto. Agardamos que o novo concurso, que se pecha nos vindeiros días, poida resolver a situación”, apuntou Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia.

A compostaxe, a gran esquecida
E se a reciclaxe está estancada, a compostaxe nas plantas de SOGAMA segue un camiño similar. Tras seis anos da súa posta en marcha, a planta de compostaxe nas instalacións de SOGAMA en Cerceda tratou unicamente 2.322 toneladas, o que equivale ao 15% da capacidade da planta. As outras tres plantas trataron nese mesmo ano outras 2.132 toneladas; suman unha capacidade total de 21.000 toneladas anuais (15000 en Vilanova de Arousa, 3000 en Cervo e 3000 en Verín), polo que o seu uso foi do 10,2% en 2025
ADEGA tamén lembra a catástrofe mirando ao futuro
A Asoiciación ecoloxista Adega tamén recorda a data, e pon o foco no presente: “O vertedoiro de SOGAMA na Areosa, con residuos chegados de Vigo, onde se construíu a primeira estación de transferencia de residuos de SOGAMA. A 31 de decembro de 2025, tras algo máis de 30 anos en funcionamento, acumulaba xa 6.849.073 toneladas de residuos, polo que hoxe supera os 7 millóns de toneladas de lixo. Estamos diante do macrovertedoiro xamais existente en Galiza”.
Mentres, o modelo SOGAMA baseouse na incineración dunha maior parte do lixo que chega a Cerceda desde as estacións de transferencia espalladas por todo o país. Incineración e vertido son o destino de máis do 90% do lixo que chega a SOGAMA, mentres a recuperación para reciclaxe fica estancada por debaixo do 8%.
“E que pasa con Nostián?”, pregúntase tamén ADEGA. “En 2022 superaba a cifra do 30% de reciclaxe. Desde ese ano non tivemos acceso á evolución da planta de Nostián, e é previsible unha redución das cifras coa introdución do contedor de envases, o mesmo experimentado no ámbito SOGAMA. ADEGA dirixirase ao concello para solicitar os datos até 2025 e valorar a situación, mentres o concello no acaba de resolver o concurso de renovación da planta”.
Outras novas
A licitación o servizo de axuda a domicilio do Concello da Coruña por 25 millóns de euros

