A Delegación do Goberno presentou esta mañá o cómic colectivo ‘50 anos, 10 historias’, que achega á mocidade mediante os deseños de dez ilustradores os dereitos e as melloras sociais acadadas trala construción da democracia en España. A actividade forma parte da programación impulsada pola Delegación e o Comisionado do Goberno para a conmemoración dos 50 anos de España en Liberdade, que este ano presta especial atención á mocidade e á súa relación coa democracia. Na presentación participaron o delegado do Goberno, Pedro Blanco; o director creativo do proxecto, Manel Cráneo, e unha das ilustradoras participantes na iniciativa, Inés Vázquez.
O cómic emana dunha iniciativa liderada por Manel Cráneo e consiste na publicación en colectivo de dez historias deseñadas por dez ilustradores, nas que abordan os cambios sociais e os dereitos conquistados coa chegada da democracia. Os autores e autoras participantes, consagrados e noveis, son Paula Esteban, Guitián, Jorge Fernández, Leandro, María Brenn, Sebas Martín, Jano Viñuela, Teresa Ferreiro, Inés Vázquez e o propio Manel Cráneo.
Da publicación editáronse 600 exemplares en galego, que se distribuirán nas actividades vencelladas á conmemoración dos 50 anos de España en Liberdade organizadas pola Delegación e as Subdelegacións do Goberno nas catro provincias. Ademais, editaranse outros 600 volumes en castelán. Entre os temas tratados figuran o dereito ao voto, a liberdade de expresión, os dereitos laborais, a igualdade entre mulleres e homes, o divorcio, os dereitos LGTBI, o aborto, a sanidade pública e o recoñecemento do galego como lingua cooficial.
A maiores, a Delegación ofrece a publicación gratuitamente online nesta ligazón.

Gastronomía e banda deseñada para que se coñeza o “Sabor Coruño”


