InicioDEPORTESDerribos Abanca

Derribos Abanca

Publicada o

Por Miguel Barreiro Bugallo

Igual que alguén tira abaixo unha casa vella para construír unha nova chea de novas ilusións, chea de novos horizontes, ABANCA decidiu tirar polo medio e trocar por completo a leira deportivista tralo novo fracaso da tempada actual. Recapitulando o que aconteceu nos últimos dias, imos sacar certas conclusións para achegarlle os nosos lectores o que esta por vir.

O relato está claro: derrota en Castellón, despedida do ascenso, sofre a afección un novo revés, centenares de mensaxes baleiros do mundo fútbol e volver pasar polo mesmo dos últimos seis anos. A partir de aquí, todo coñecido para a afección, só que mudou a forma na que o dono enfronta a situación.

O Depor é unha empresa, como di Carlos Miranda, “unha empresa de ilusións” polo que aquí o éxito non se mide en cartos ó final do exercicio, se non que se mide en ascensos. O dono do Depor é un banco que pon diante do proxecto a financeiros que están fartos de definir estratexias e tomar decisións. Aquí ven o importante: todo o que aconteceu dende o domingo estaba previsto e definido no escenario de “non ascenso”. É dicir, ABANCA decide prescindir dun consello que pouco ou nada mandaba no club para colocar a outras persoas que cubran o expediente neses postos de tan pouca relevancia. Nada troca no dia a dia do Depor con consello ou sen el. Manda ABANCA, executa Villasuso.

Entón, por que as peñas e os afeccionados andan tan revoltos dende a decisión de prescindir do Consello? Pois a explicación é ben sinxela. Este deportivismo e este sentimento acérrimo ás cores naceu co modelo de club deseñado por Lendoiro. A figura única de Augusto facía por ABANCA, Villasuso e polo resto do Consello actual. É dicir, na época de Lendoiro, o Consello tiña relevancia no club e o afeccionado necesitaba esta figura forte no mando do club. Isto xa non é así.

ABANCA sabía que ía pasar se non se ascendía e así o fixo ver o presidente Couceiro na rolda de prensa do domingo en Castellón. Villasuso queda ao mando de todo ata que se nomee ó novo director deportivo e o novo secretario técnico que xa traballan na confección da plantilla do ano que ven. Tamén estou seguro que xa teñen en mente o novo adestrador. E aquí é onde apece o gran damnificado desta historia: Rubén de la Barrera. Mala sorte a do míster porque caeu no club nos dous peores momentos recentes para un adestrador, xa que non hai tempo para proxectos longos ni para proxectos de canteira, xusto o que el reclamaba a voces.
Simplemente non é o teu momento, Míster, pero este chegará cando as augas baixen máis mansas.

O ruído da afección nas redes é lóxico e normal, pero ao meu entender, a cousa está mais controlada do que parece. Erran as formas, pero o fondo é o habitual nestes casos nas empresas. Os dirixentes sempre traballan co peor escenario posible e toman as decisión baseándose nel. O Depor sempre remata dándolle unha volta máis a ese peor escenario, polo que isto estase a converter nunha forma de vida. É a única razón que atopo a que rapaces de cinco, seis, sete anos xa pregunten cando empeza a nova tempada.

 

 

  • Miguel Barreiro Bugallo. Coruñés e deportivista no exilio mesetario. Sufrindo ó depor dende 1988. O que sei de fútbol, o Depor empéñase en negarmo. Firme defensor do fútbol de botas negras.

MÁIS CRÓNICAS DO DÉPOR

ÚLTIMAS

Volven solicitar que o vello cárcere da Coruña se transforme nun Lugar de Memoria

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña solicitou a declaración do...

Prisión provisional para o detido acusado de matar a súa parella na Coruña

O xulgado decretou prisión provisional comunicada e sen fianza para o home detido o...

Ferida unha persoa tras envorcar o seu vehículo nunha peaxe da AP-9, en Bergondo

Unha persoa resultou ferida este martes tras envorcar o seu vehículo nunha peaxe da...

Un minuto de silencio institucional por Maritza

Trala concentración social celebrada na tarde de onte en María Pita, as institucións facían...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here