InicioCULTURA“Rosas do meu xardín”. Unha visita á exposición de Nick Knight

“Rosas do meu xardín”. Unha visita á exposición de Nick Knight

Publicada o

Por Beatriz Alfonso Espiñeira

O pasado venres asistín á inauguración da exposición “Roses from my garden” de Nick Knight na Fundación Barrié.
A mostra componse de cincuenta imaxes das rosas que o fotógrafo recolle do xardín da súa casa.
El mesmo define o proceso de creación destas “harmonías visuais” como solitario, reflexivo e estranamente relaxante, pero tamén dinámico, xa que, nas dúas, tres ou catro horas que tarda en crear estes bodegóns, algún pétalo cae, a flor comeza a murchar ou un talo pode quebrar. Por iso non lle gusta chamar a estas obras naturezas mortas, xa que cre que realmente están moi vivas.

Os primeiros traballos de Knight documentaron o movemento skinhead inglés dos primeiros anos oitenta, a súa moda, estética e vida cotiá. Desenvolveu a súa carreira en publicacións de moda e actualidade, retratando a modelos, actores ou cantantes, e colaborando con firmas coma Dior, Yves Saint Laurent ou Louis Vuitton. Unhas imaxes moi diferentes ás que podemos ver na exposición que nos ocupa, aínda que as considera igual de fermosas.

El gosta de ver e atopar beleza en todo, e cre que a súa labor é mostrar ao público o que este non pode ver por si mesmo, e contarlle unha historia. Unha que non representa exactamente a realidade, senón a súa visión subxectiva a selectiva da mesma.
Knight acha igualmente fermosos uns rude boys londinenses, unha supermodelo e unhas rosas de té nun floreiro de cristal, e iso mola.

As fotografías da exposición están tomadas co seu Iphone, sen iluminación artificial, pasadas por algúns filtros de Instagram e posteriormente editadas cunha intelixencia artificial. Están a medio camiño entre a fotografía e a pintura, pero se nos acercamos moito a elas non distinguimos o gran da primeira nin as pinceladas da segunda.
Teñen algo do pasado, da pintura flamenca do século dezasete, pero tamén do futuro, un aire de ciencia ficción ou irrealidade onírica.

Knight escolleu as rosas entre tódalas flores que lle ofrecía a natureza porque simbolizan o amor e o romance, pero tamén porque teñen un compoñente tráxico e de morte, xa que a rosa abre os seus pétalos e morre cando máis fermosa é.
Rose era o nome da súa nai e a única tatuaxe que decora o seu corpo é unha rosa.

Trala presentación visitamos a exposición. A sala arrecendía a rosas, e as fotografías de gran tamaño rodeábannos, creando unha gran sensación de embriaguez e sinestesia. Unhas son máis románticas, cursis incluso, as rosas aparecen en todo o seu esplendor, abertas e fachendosas, outras son máis decadentes, as flores empezan a murchar, os bordes están mirrados e algún pétalos caeron, tempus fugit, pero todas son fermosísimas.

Recoméndovos a visita, que non analicedes demasiado, que vos deixedes levar pola beleza e o stendhalazo. Tedes ata o 25 de xaneiro.

Exposicion Roses from my garden de Nick Knight na Fundación Barrie

MÁIS ARTIGOS DE BEATRIZ ALFONSO

ÚLTIMAS

LesCoruña cuantifica a soidade que sofren as mulleres lesbianas galegas

Presentaba este pasado sábado a Asoc. LesCoruña, o primeiro informe, realizado en colaboración coa...

O BNG reprocha á alcaldesa da Coruña ter “descoidado o día a día” da actividade municipal

No marco do cruce de declaracións arredor da negociación dos orzamentos de 2025, tócalle...

O PP da Coruña ofrece diálogo ao PSOE para negociar o orzamento de 2025 pero convida á alcaldesa a “irse”

O portavoz do grupo municipal do PP no Concello da Coruña, Miguel Lorenzo, trasladou...

A UDC participa nun proxecto nacional sobre a educación plurilingüe

A Universidade da Coruña (UDC) participa nun proxecto nacional sobre o futuro da educacion...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here