O premio de maior dotación e prestixio en materia de innovación educativa en Galicia ten acento galego e coruñés. Novo premio para o IES Rafael Dieste polo marabilloso Aquí tamén se fala. Cunha dotación de 10.000 euros, este recoñecemento súmase a outros como o Rosalía de Castro de Lingua da Deputación da Coruña, o do Fórum Europeo do Ensino, o de Innovación da SXL da Xunta de Galicia ou o Mil Primaveras da Comisión de Técnicos/as de Normalización da lingua.
200 centros de ensino, 20.000 estudantes
A iniciativa cultural, que impulsan os profesores Alberto Pombo, Mónica Reigía e Arcadio González, e que no curso pasado contou coa colaboración de Rubén Melide e Andrea Trasancos, converteuse na maior campaña de dinamización da lingua galega da historia, liderada por máis de 20.000 estudantes de 200 centros de ensino de todo o país que exerceron accións reais de dinamización porta a porta por máis de 50.000 espazos públicos e privados.
De Viggo Mortensen ao fútbol profesional
Deseñada para conseguir o impacto viral nas redes sociais, “Aquí tamén se fala” contou con apoios de referentes culturais nacionais e internacionais como Viggo Mortensen, James Rhodes, Tanxugueiras, Fermín Muguruza, Amaia ou Eduardo Sáez de Cabezón, alén de conseguir que os principais clubs deportivos galegos (Deportivo, Celta, Racing, Lugo, Balonmán Cangas, Obradoiro, Breogán, Voleibol Emevé ou Fútbol Sala Burela, entre outros) se sumasen a unha campaña xa histórica.
Rexistrando a banda sonora do país
“Aquí tamén se fala” é tamén unha actividade de formación para o alumnado do IESP Rafael Dieste na que se imparten obradoiros de gravación, edición audiovisual e creación musical con expertos do sector como Tomás Ageitos (Estudios A Ponte), Alberto Castaño (Axencia G) ou Nuno Pico (Grande Amore), e grazas aos que o alumnado leva adiante producións audiovisuais profesionais nas que rexistran actuacións en directo dos principais referentes da música galega actual: Fillas de Cassandra, Xabier Díaz, Antía Muíño, Amancio Prada, Ataque Escampe, Xoan Rubia etc.
#Aquitaménsefala: A BSO do IES Rafael Dieste faise en galego
Festival de música “Aquí tamén se fala”
Aínda, este grupo de estudantes e profesores, conseguiron poñer en marcha o que probablemente sexa o único festival de música profesional organizado dende un instituto público e aberto a toda a cidadanía, que conseguiu congregar na súa primeira edición a preto de 5.000 persoas na praza da Tolerancia da Coruña perante bandas como Grande Amore, Boyanka Kostova, Lontreira ou Leria.
Máis novas do proxecto
O FEAE á innovación educativa, novo premio para a campaña “Aquí tamén se fala”
O proxecto “Aquí tamén se fala” leva un dos Premio Rosalía de Castro de Lingua
Serie de entrevistas lingüisticas
Carmen Pereira, mestra de Primaria: “A rapazada precisa máis contido galego”
Xurxo Souto: “Na Coruña somos un dos lugares con maior número de galegofalantes”