- Francisco Jorquera (BNG): “A alcaldesa apresurouse a pór a camiseta de Naranjito, ero non suou a camisa”
- Miguel Lorenzo (PP): “Hoxe é un día triste para a Coruña. Inés Rey fixo un ridículo mundial”.
— — — —
Despois de que a alcaldesa anunciase a renuncia da cidade a ser Sede do Mundial 2030 baixo o paraugas do RC Deportivo e a futura reforma do “complexo deportivo de Riazor, os dous grupos da oposición lanzan as súas opinións, así como o presidente da Xunta.
Rueda: “é unha mala nova”

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, afirmou que “non é unha boa noticia” que A Coruña renunciase a acoller partidos do Mundial de fútbol de 2030 porque Galicia “perde a posibilidade de ser unha sede que xa estaba confirmada”. O titular do Goberno galego apuntou que a el lle “gustaría que houbese esa posibilidade” e destacou que a Xunta “está disposta a colaborar” a pesar de que “a sede da Coruña xa non vai se é posible”.
En todo caso, subliñou que a Xunta mantén “unha colaboración xeral” para mellorar infraestruturas deportivas, pero “non é un compromiso expreso para nada en concreto”. “A disposición da Xunta era para ser sede do Mundial, non para outra cousa neste momento”, aseverou.
O BNG
Máis moderado foi o BNG, cun Francisco Jorquera que considera que renuncia do Goberno Local ao mundial 2030 “é o desenlace lóxico” a un asunto “mal xestionado” desde o principio polo Executivo coruñés.
“Estamos ante a crónica dunha morte anunciada. A alcaldesa deixou para o final o que tiña que ter sido o principio deste proxecto: o acordo co Deportivo, o principal usuario do estadio”, avalía Jorquera.
Por usar unha imaxe gráfica, engade, “a alcaldesa apresurouse a pór a camiseta de Naranjito [a mascota do mundial 82], pero non suou a camisa para dotar da suficiente solvencia o proxecto da Coruña como sede do mundial 2030”.
“O Goberno Local pecou dunha mestura de triunfalismo e de falta de realismo. Alén diso, en ningún momento practicou a necesaria transparencia, nin coa sociedade nin coa Corporación municipal. Ese foi o maior atranco para o proxecto. Así, durante todo o proceso descoñecemos aspectos básicos tales como as vías de financiación, a identidade dun hipotético operador privado e os beneficios que este obtería da explotación dun estadio que é propiedade de todas as coruñesas e coruñeses”, afirma o portavoz nacionalista.
Con todo, tamén lanzou un cable á decisión. “Dixemos desde o principio que mundial si, pero non así ou que mundial si, pero non a calquera prezo. Dixemos desde o principio que non era de recibo ir a un estadio de 48 mil espectadores cando as instalacións deportivas municipais, fundamentais para o deporte de base que practican miles de coruñesas e coruñeses, se atopan nunha situación de precariedade”, engade.
Ademais, o BNG celebra que se retome agora o diálogo co Deportivo, se ben subliña que “o entendemento debeu chegar moito antes”.
O PP
Máis duro é Miguel Lorenzo: “Hoxe é un día moi triste para A Coruña. Inés Rey fixo un ridículo mundial”, sentencia o voceiro do PP, que acusou á rexedora, de “mentir e enganar aos coruñeses sobre o Mundial: o seu gran proxecto de cidade converteuse no seu gran fracaso”. “Como pode dicir hoxe sen avergoñarse que o Mundial é só un asunto de tres días, cando hai uns meses presumiu de que era o proxecto do seu mandato?”, denunciou.
”Xerounos a máxima ilusión e agora lévanos á máxima decepción”. “Dixémolo sempre, a cidade foi elixida como sede porque ten todos os vimbios, pero que con esta Alcaldesa non ía ser realidade porque o seu goberno non está á altura deste proxecto. Unha vez máis demostrou a súa incapacidade para levar a cabo os proxectos de cidade”. “Como pode dicir hoxe sen roxarse que esperaba que a FIFA relaxase as esixencias, cando, ademais, o proxecto de 100 M? que presentou no seu momento cumpría todas as condicións?”
Máis novas
O Concello camufla a renuncia ao Mundial cun proxecto de remodelación da cidade deportiva de Riazor
Inés Rey: “Houbo que elixir, e nós escollemos o benestar do club e unha etapa de entendemento mutuo”

