Juan Carlos quere seguir o relevo da súa ex compañeira María Bazar Verdes, gañadora o ano pasado, e de Jacobo Diz, vencedor en 2024. E vai intentar colarse entre os 10 finalistas cunha videoreceita na que crea un plato común aos 50 participantes nesta fase: Codorniz rechea e patacas suflé, con salsa e guarnición libre elixida polo candidato:
Os votos obtidos a través da rede social constituirán un 15% da valoración aos participantes, e sumaranse ás votacións do xurado profesional, composto por chefs profesores da Escola. O prazo de votacións estará aberto ata o próximo 20 de febreiro.
Posteriormente, o 23 de febreiro, Le Cordon Bleu Madrid dará a coñecer os 10 finalistas que participarán na gran final na súa sede de Madrid o 14 de abril. Os finalistas deberán presentar o seu prato fronte a un xurado profesional, que na súa última edición estivo presidido o chef Javier Olleros, chef do restaurante Culler de Pau (Pontevedra), distinguido con 2 estrelas Michelin e 3 soles Repsol.
Axentes da Policía Nacional, a Garda Civil e do Servizo de Vixilancia Aduaneira (SVA) desenvolveron á primeira hora deste martes un operativo contra o tráfico de drogas e o crime organizado e detiveron a seis persoas na provincia da Coruña e na de Pontevedra. A investigación, que está baixo segredo das actuacións, segundo detallaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), é dirixida pola maxistrada da praza 3 da Sección de Instrución do Tribunal de Instancia da Coruña.
Durante o operativo producíronse, de maneira simultánea, entradas e rexistros en domicilios e locais de ambas as provincias. Concretamente, segundo fontes policiais consultadas por Europa Press, as detencións tiveron lugar na cidade da Coruña, en Arteixo, Ferrol e en Pontevedra. Ademais, unha das persoas detidas quedou en liberdade en sede policial tras o arresto inicial.
No municipio coruñés de Arteixo, os axentes interviñeron dous vehículos que serán inspeccionados pola policía científica tras ser marcados por cans especializados na detección de drogas. Así mesmo, outras fontes detallaron que nunha das localidades coruñesas os axentes detiveron a un home vinculado co sector comercial do automóbil e á súa parella no marco desta mesma trama criminal.
A Universidade da Coruña (UDC) participa nun proxecto europeo para lograr un sistema intelixente que optimice a cría de larvas de mosca soldado negra. Segundo informa o reitorado, baixo a denominación IAPSI, este proxecto, liderado pola compañía Bioflytech e co Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e a UDC como socios, busca desenvolver un sistema intelixente de precisión que optimice a produción industrial.
Todo iso permitirá, explica a institución, expor en Galicia un novo modelo de gandaría estratéxica, alternativa á tradicional, “máis sustentable e tecnolóxica e que, ademais, fomenta a economía circular“. Con esta proposta, engade o comunicado, Galicia estará nunha posición preferente para liderar a produción europea dunha nova xeración de proteínas e graxas de alta calidade, así como de biofertilizantes derivados da mosca soldado negra con aplicacións en sectores relacionados coa nutrición animal, o cosmético ou o farmacéutico.
Despois das manifestacións vividas na Coruña e en Corcubión, o sector da pesca artesanal da provincia da Coruña, e de todo o estado, marcha para a cama cun bo sabor de boca e coa sensación de que cando está unido, é un sector con moito poder.
O sector recibía a última hora da xornada do propio luns a notificación por parte da Federación Nacional de Confrarías da desconvocatoria da folga, unha vez alcanzando os seguintes acordos, como relataba ante os manifestantes do sector o seu presidente, o burelán Basilio Otero.
Con este acordo, a Secretaría General de Pesca adoptará una resolución para establecer que os erros ou omisións na estimación das cantidades no DEA para especies con capturas inferiores a 50kg, non constitúan unha infracción, sempre e cando cando a declaración de desembarque, recolla a cifra correcta de cantidaes por especie. Darán instrucións concretas ás unidades de inspección para aplicar as disposicións da resolución.
Ademais, o goberno de España solicitará á Comisón Europea para que eses erros na estimació non constiiúan un incumprimento da normativa.
Así mesmo, en canto á outra esixencia principal a mesma resolución establecerá que a notificación de desembarque se realizará no momento no que o buque poña rumbo ao porto, polo tanto non é necesario avisar con 4 horas de antelación para evitar esperas innecesarias.
Taxistas convocantes nos últimos meses de protestas na Coruña contra as VTC, para esixir que non se lles permita realizar servizos urbanos para os que non teñen autorización, mostraron o seu rexeitamento á consulta pública para unha nova ordenanza avanzada polo goberno local. “Estamos descontentos“, asegurou o portavoz do colectivo, Juan Carlos Sambad, quen cuestionou que tipo de información se lle vai facilitar á cidadanía para que poida posicionarse sobre esta normativa. Neste sentido, insistiu en que non se pode permitir que as VTC realicen servizos urbanos, ao tempo que criticou medidas municipais como o cambio de localización de determinadas paradas de taxis.
Hai uns días, representantes do sector xa se mobilizaran para denunciar a “inacción” do Concello fronte ás “irregularidades” dos vehículos de transporte con condutor. Segundo denuncian, estes vehículos realizan traxectos dentro da cidade cando a súa licenza permite exclusivamente os desprazamentos interurbanos. O colectivo reclama que a administración local faga cumprir a lei, tras alertar de que actualmente son preto de cen as licenzas de VTC que operan sen ningún tipo de control nas rúas coruñesas.
Mariña Lema é natural de Cabana, pero leva un par de anos dando clases no CEIP Sagrada Familia. Ao chegar, despois de dous anos en Laxe, notou un enorme déficit lingüístico no alumnado do cole. E para solventalo, creou a súa propia vitamina: a Vitamina G, unha iniciativa que xa levou o Premio Mil Primaveras, e que segue percorrendo o país, como nesta charla do proxecto Lx15, da Coordinadora de Servizos de Normalización Lingüística.
Identidade, achegamento cultural, autoestima… Un proxecto marabilloso.
Fixo entrega hoxe o Concello da Coruña dos premios do XXI Concurso de Tapas Picadillo, celebrado entre o 18 e o 28 de decembro do 2025 en establecementos de toda a cidade. Como todos os anos, cada local participante ideou unha tapa propia e incluíuna na súa carta para que a clientela e o xurado do concurso a degustasen e valorasen.
O Bar 23 alzouse vencedor na categoría Receitario Picadillo desta edición coa tapa “Albóndegas con salsa de améndoas”, do chef Ávaro Victoriano, que foi votada polo Xurado final como a mellor das preseleccionadas. Foron tamén candidatas “Ssam de raia en salsa de salpicón con crocante de polbo”, da Bodega Órdenes, e “Pavé de pataca con carne
galega ao viño tinto”, de Malte Galera.
As Albóndigas do Bar23
Na categoría de Mellor Tapa Creativa, gañou La Sifonería, coa receita “Dry Caldini”, de Carlos Montes. Foron tamén finalistas os “Cappelleti de cocido galego”, de Ama Italiana Contemporánea, e “Galicia en tres bocados”, do Gato con Copas.
Ademais, entregouse un galardón por votación popular para premiar a proposta mellor valorada polos clientes, que puideron votar a través dos códigos QR distribuídos polos locais. Neste apartado foi recoñecida a Bodega Órdenes, con “Ssam de raia en salsa de salpicón e crocante de polbo”, de Rosa Vaamonde Blanco.
A Bodega Órdenes co Ssam de raia levou o premio do Público
O Xurado intermedio deste ano, encargado de seleccionar as propostas finalistas, estivo integrado polos chefs Santiago Fernández e María Emilia Piedra Iglesias, o crítico gastronómico Tomás Galdo Rolón e a profesional da innovación Marta Sendón. O Xurado final, que elixiu os vencedores, completárono os cociñeiros Miguel García Silvarredonda, Beatriz Sotelo Sorelo, Alejandro Méndez Lazaré e Francisco Ramos Gallego.
Entre bocinas e bengalas (sempre son moi vistosas as manifestacións do sector) xentes do mar de toda a provincia da Coruña, manifestáronse esta mañá de luns 19 de xaneiro no Parrote. Coincidindo co comezo oficial da folga indefinida, patróns, mariñeiros, representantes das confrarías… dende Ferrolterra ata a Costa da Morte, amosaron o seu rexeitamento ante a posta en vigor do novo Regulamento Europeo de Control.
Mentres algúns representantes do sector estaban tamén en Madrid, concentrándose diante do Ministerio para meter presión coincidindo coa reunión entre Basilio Otero, o presidente da Federación Nacional de Cofradías, cos responsables do goberno central; o Parrote asistía a unha concentración histórica. “Anda o palangre liado, como se soe dicir no mar”, bromeaban os mariñeiros.
Por mar entraban na ría a son das bocinas, unha vintena de embarcacións da Coruña, Pontedeume, Sada, Lorbé, e mesmo de Laxe. Por terra daban a benvida a golpe de bughina mariñeiros de Malpica, Corme, Laxe, Camariñas, Camelle, Corcubión, Ferrol, Barallobre, Mugardos, Sada…
Barcos no mar do Parrote
Os patróns maiores de Laxe e Corme
Un malpicán no alto do peirao
Xentes de Barallobre
Barcos no mar do Parrote
Xentes de Ferrol
Ao son da bughina
Representantes da Costa da Morte
As demandas
Explicaban o patrón maior de Corme, Roberto Vidal, e o de Laxe, Luís Novo, a problemátixa xurdida con este novo regulamento, que xa provocara unha folga en 2021 cando se anunciara.
O novo Regulamento, imposto dende a Unión Europea, para engadir ao Diario Electrónico de A Bordo (DEA), implica dúas medidas concretas absolutamente insostibles para a pesca de baixura: a imposibilidade de pesar a bordo con precisión, o que pode provocar sancións de 3.000€ (precisamente ese exceso de celo nas sancións é outras das queixas do sector). “Esta é a destrución da pesca”, sinalaba pois “non vai haber ningún barco en España que se poida adaptar a esta normativa”. “O outro día entrou un barco en Burela que en 12 especies que entrou en porto, as 12 estaban mal apuntadas, con 36.000 euros de multa”, explicou ante os medios.
Ademais, dende Corcubión Pepe Buiturón valoraba o outro punto: “avisar con 4 horas de antelación a chegada a porto, para uns barcos que traballan a media hora de distancia, é un castigo totalmente inorportuno que non ten sentido. Estar esperando e mandando datos durante 4 horas para entrar a porto, é un despropósito”, sinalaba, “Pensan os ladróns que todos son da mesma condición”, tiraba de refraneiro para referirse aos políticos que deciden dende os despachos estas medidas.
Precisamente ese “despacho”, é unha das palabras máis manidas durante a concentración, con mariñeiros, representantes e demais, invitando aos artífices destas esixencias a pasar un día no mar para explicar como se pode pesar no mar con precisión, ou como se poden enviar as capturas ou a hora de chegada con exactitude cando ven unha repentina vaga de mar.
Dúas persoas foron detidas na Coruña, decretándose ingreso en prisión para un deles por parte da autoridade xudicial, tras roubar e agredir a un taxista na cidade herculina. A Policía Nacional detívoos como autores dun roubo con violencia, perpetrado na madrugada do día 16, na avenida de Hércules. Os feitos, informa a Xefatura Superior de Policía en Galicia, tiveron lugar despois do tres e media da madrugada cando un taxista recolleu a dous clientes na rúa San Roque, sentándose un deles no asento do copiloto e outro detrás e maniféstanlle que desexan que os traslade ao barrio de Monte Alto.
Unha vez que chegan a destino e o taxista comunícalles o importe da carreira, este recibe un forte golpe na tempa por parte do pasaxeiro que viaxaba no asento de atrás, que o deixou aparvado. Posteriormente, proseguen outras agresións por parte dos dous ocupantes para facerse co diñeiro que portaba a vítima. O taxista tentou abandonar o vehículo para evitar seguir sendo agredido, conseguindo sacar medio corpo fóra do coche, pero permanecendo as súas pernas parcialmente prendidas no cinto de seguridade. Nese momento, o agresor que viaxaba na parte de atrás sae do mesmo e continúalle agredindo a fartar.
Finalmente, ambos os ladróns abandonan o lugar, conseguindo subtraerlle antes uns 400 euros e deixándoo ferido o chan da vía pública. Varios veciños, ante os berros da vítima, acodiron a auxiliarlo e ademais chamaron á Policía. O taxista foi asistido no lugar por unha ambulancia e manifestou aos policías actuantes que posuía cámaras no vehículo que gravaron o ocorrido. Podendo observar as características dos autores, varios indicativos policiais do Grupo de Atención ao Cidadán, comezan a procura nas rúas próximas.
Con iso, conseguen localizar aos dous autores do roubo na rúa Baltasar Pardal Vidal. Un deles portaba o diñeiro subtraído. Son detidos in situ e postos a disposición xudicial o día 17 de xaneiro, decretando a autoridade xudicial o ingreso dun deles en prisión. Así o acordou o maxistrado da sección de Instrución do Tribunal de Instancia da Coruña, praza número 5, que acordou, precisaron desde o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a prisión provisional, comunicada e sen fianza. O outro arrestado foi posto en liberdade, coa obriga de comparecer ante o Tribunal de Instancia cada quince días. Os dous están investigados por un delito de roubo con violencia.
Os bombeiros liberaron a unha persoa tras unha colisión entre un camión e un coche en Bergondo. As outras dúas persoas — un ocupante do turismo e o condutor do camión — resultaron ilesas.
Tal e como trasladou o 112 Galicia, o accidente ocorreu uns minutos despois das 13.30 horas. Un particular contactou con emerxencias indicando que se produciu unha colisión por alcance entre un camión e un turismo na DP-0105, antes do quilómetro 1.
Ademais, un dos ocupantes do vehículo non podía saír, porque non lle abrían as portas despois do impacto. Alí, os Bombeiros de Betanzos tiveron que utilizar o material de excarceración para que a persoa ferida puidese saír e ser trasladada polo persoal sanitario. Tanto o outro ocupante do turismo como o condutor do camión resultaron ilesos.
O 112 Galicia solicitou a intervención do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Betanzos, da Garda Civil e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Bergondo.