Inicio Blog Páxina 175

A “movida” medioambiental de San Amaro que reinserta e conciencia

Apenas uns días despois de recoller o recoñecemento de Institucións Penitenciarias, Xosé Manuel Barros volveu coller o grupo de persoas internas no Centro de Inserción Social da Coruña que participan voluntariamente no proxecto Entre Crebas, para ir limpar o areal de Santo Amaro.

Falamos da poderosa iniciativa da Asoc. Mar de Fábula, que promove a reinserción sociolaboral das persoas privadas de liberdade que se atopan cumprindo a última parte da súa condena, convertíndoas en verdadeiros axentes de concienación ambiental.

Tras dous meses sen limpezas neste areal urbano do barrio de Monte Alto (moi usado nestas tardes de calor, ademais), 24 persoas residentes do CIS, acompañadas de 3 exresidentes colaboradores, unha funcionaria deste organismo estatal e 2 voluntarios de Mar de Fábula, durante unha hora e media de traballo, baixo un sol acolledor, déronlle un bo repaso, sempre á vista dos viandantes e da propia policía municipal que pasou por alí co seu coche atraídos pola “movida”.

Unha “movida” ambiental, creativa, de persoas sensibles, de dura vida que sacaron forzas para limpar e coidar o mar, recompoñéndose e reforzándose eles mesmos tamén, apañando os refugallos que ía deixando a marea no seu camiño de baixada, interesándose sobre os tipos e orixes dos residuos e as curiosidades que devolvían as augas entre os argazos. “Foi unha acción enriquecedora, por momentos, unha especie de aula do mar na que non se sabía moi ben quen enseñaba a quen”, relata emocionado o propio Barros.

Salvadores da praia de Santo Amaro no Proxecto Entre Crebas 2025 2

O resultado da colleita foi duro, de novo, demostrando a cantidade de lixo mariño que provoca o seu humano: 300 cordas e cordeis (nunca apañaran tantas), 12 anacos de nasas, 2 anacos caixas do peixe, 97 envases e botellas de plástico, 120 cabichas, 17 servilletas e anacos de papel, 21 bastonciños de algodón, e 14 anacos de madeira.
Ademais, de propina, curiosidades como un rosario, 2 vapeadores e un pau para xogar ao golf…

En total, 589 anacos de lixo que non volverán ao mar, como as moreas de lixo plástico miúdo e microplásticos que foron directamente en bolsa ao contedor correspondente.

Unha nova demostración do poder social da acción medioambiental.

Proxecto Entre Crebas en Santo Amaro2025

Máis novas

Xosé Manuel Barros de Mar de Fábula, recoñecido polo CIS Coruña

A incansable loita contra as cabichas nas praias

Cando as persoas privadas de liberdade se convirten en “axentes do cambio”

A praia de Santo Amaro volveu recibir a visita dos salvadores do CIS e Mar de Fábula

Entre Crebas: As persoas do CIS invitan á sociedade a limpar a Praia de Santo Amaro

Alejandro Sanz parará na Coruña o 18 de xullo dentro da xira ‘¿Y Ahora Qué?’

0

O artista Alejandro Sanz percorrerá un total de once cidades de España, entre elas A Coruña o 18 de xullo, coa súa xira ‘¿Y Ahora Qué?’ durante 2026, despois de recalar en Latinoamérica. Así, o cantante actuará en grandes recintos: o 6 de xuño comezará no Estadio La Cartuja de Sevilla e chegará ao Riyadh Air Metropolitano de Madrid o 20 do mesmo mes, mentres que en Barcelona parará no estadio do Real Club Deportivo Espanyol o 27.

O resto de datas as completa o 12 de xuño en Xixón; o 14 de xuño en Bilbao; o 17 de xuño en Mallorca; o 4 de xullo en Gran Canaria; o 9 de xullo en Murcia; o 11 de xullo en Valencia; o 18 de xullo na Coruña; e o 24 de xullo en Fuengirola. As entradas sairán á venda a partir do próximo 9 de outubro na páxina web de Sanz, www.alejandrosanz.com/eventsPrecisamente, con esta xira arrincou en México, onde colgou o cartel de ‘todo vendido’. Neste percorrido, Sanz fusionará os seus clásicos co máis recente do seu repertorio, incluíndo o seu novo traballo, ‘¿Y Ahora Qué?’.

Dano Cerebral A Coruña e BoanoiTE, as entidades beneficiarias da nova edición do Festival Intercentros

0

No vindeiro mes de marzo, nunha data aínda sen certificar, terá lugar o XXIV Festival Intercentros, ese evento que une talento de mozos e mozas coa solidariedade.

Será unha xornada de actuacións a cargo das escolas de música, as academias de danza e numerosos centros escolares da cidade, dentro das tres categorías de grupos en directo, canción e coreografías, que servirá para recadar fondos, nesta ocasión para as Asociacións Dano Cerebral e BoanoiTE.

O obxectivo do Festival Intercentros é invitar a compartir o apoio de todo o público asistente mediante a recadación da propia gala, e a aportación de alimentos que tamén se leva a cabo na mesma.

ADACECO, Asociación de Dano Cerebral Adquirido, é unha entidade formada por 200 familias que traballa de forma integral por e para os afectados  por esta doenza e as súas familias.

Pola súa parte, BoanoiTE, creada dende a parroquia San Francisco de Asís que axuda ás xentes sen fogar da cidade, ofrecéndolles un pouco de atención, agarimo, e un chocolate quente.

Adxudicadas as obras do novo Santa Lucía: As obras comezarán antes de que finalice o ano

0

Despois de case 3 anos dende o anuncio da remodelación e máis dunha década de abandono, a Xunta de Goberno Local vén de anunciar a adxudicación das obras para rehabilitar o antigo mercado de Santa Lucía. Obra que asumirá a Constructora San José co obxectivo de remodelar o edificio para que acolla o novo centro de saúde da Falperra e tamén espazos de usos múltiples, como un centro cívico.

Os traballos, que arrincarán antes de finais de ano, terán un prazo de execución de 15 meses. Cómpre lembrar que, cando as obras saíron a concurso, estipulouse un prazo de
18. Neste sentido, un dos aspectos que máis valorou a Mesa de Contratación é que a adxudicataria se comprometeu a reducir o prazo final de execución en tres meses. Ademais, tamén se tivo en conta o prazo de garantía das obras. A oferta presentada por San José increméntaa en dous anos por riba do mínimo establecidos nos pregos, “o que nos dará máis seguridade en termos de hipotéticas incidencias”, indicou Rey.

O investimento final será de 9,6 millóns de euros, cofinanciados con fondos PIREP captados polo Concello e, ademais, tamén co apoio económico da Xunta, á que a rexedora lle agradeceu “a colaboración e boa predisposición amosadas para sentarmos na mesma mesa e que, desta forma, poidamos dar resposta a unha das principais demandas do barrio da Falperra xa desde hai máis dunha década”.

Máis novas do proxecto

As obras do Centro de Santa Lucía comezarán antes de que remate 2025

Aprobado o convenio de financiamento entre Xunta e Concello para licitar o centro de saúde e centro cívico de Santa Lucía

Olladas doutro tempo: Santa Lucía

O Jazz Filloa, unha das salas de jazz máis antigas de España, abriu o Noites do Porto

Non é casualidade que o festival Noites do Porto escollese o mítico Filloa para abrir a súa quinta edición. A sala da rúa Cega leva 45 anos traendo músicos de todo o planeta a esta cidade, e é unha das salas de jazz máis antigas de todo o estado. E por iso, como homenaxe as salas da cidade, o festival coruñés quixo dar aí o pistoletazo de saída a un ciclo de concertos singulares que rematarán no 2 de outubro e que terán picos de moción como o concerto de La Casa Azul (o de Ilegales tivo que ser modificado por un problema de saúde) ou o da nova/vella banda de míticos coruñentos Océano Eskizo na Mardi.

“Such a funky club”, bromeaba Yazz Ahmed dende a súa pequena “cociña”, xunto ao seu pinche Raph Wyld, no primeiro pase da apertura do Noites do Porto. 60 persoas ateigaban o pequeno pero máxico recanto musical, megullándose nunha atmósfera espacial provocada pola trompeta, o fliscorno e os aparellos electrónicos de distorsión da artista compositora británico-bahreiní.

Ao seu carón, o percusionista británico Ralph Wyld, facendo mover catro baquetas como poucas veces se ten visto, e dando conta de temas máis antigos, e doutros temas do seu novo e “desestruturado” álbum, A Paradise in the Hold.

Sala Jazz Filloa no NOites do Porto con Yazz Ahmed 2
Ralph Wyld e Yazz Ahmed
Sala Jazz Filloa no Noites do porto
Público no Filloa. Foto: Andrea Sánchez

Queda moito Noites do Porto, esta cita que estira o verán ata o imposible, e que nos manterá na tolemia festivaleira estival ata comezos de outubro.

 

View this post on Instagram

 

A post shared by Xornal da Coruña (@xornaldacoruna)

Máis novas e todo o cartel

O Bristol, as salas da cidade e La Casa Azul, protagonistas do Noites do Porto

 

Inés Rey acusa á Xunta de “tomar o pelo” coa ampliación do Chuac

0

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, denunciou o “atraso intolerable” nas obras de ampliación do complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac) e demandou de novo á Xunta información.

“A que temos é que non marcha, se iso é suficiente”, preguntouse ao ser cuestionada polos xornalistas en relación a este tema e tras as declaracións do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, nas que considerou que están a coller “bo rumbo”.

Non pido que cumpran os prazos, que xa sabemos que non os van a cumprir, o que pedimos é que polo menos non nos tomen o pelo“, sentenciou a rexedora para quen as manifestacións do titular de Sanidade son “unha tomadura de pelo”.

Por iso, asegurou que enviaron unha carta a semana pasada á Xunta solicitando a convocatoria da comisión correspondente na que, ao seu xuízo, ten que estar “a conselleira de Infraestruturas, que é a que ten que dar conta dos prazos de execución”.

Do conselleiro de Sanidade, manifestou mentres que “cada vez que abre a boca sobe o pan, entre a facultade de medicamento e o do Chuac, por favor”, asegurou para rexeitar que o consistorio teña “suficiente información”. “A información é a que teñen os médicos, os usuarios e os cidadáns, que isto non vai”, apostilou.

VTC

Mentres, sobre o servizo de VTC, reprochou á Xunta que decida “autorizar unha actividade a diferentes empresas” pero “deixe a pataca quente aos concellos“. “Non existindo antes desta autorización esta actividade nos concellos non había unha regulación específica para prestación deste servizo”.

“Por tanto, nós acabamos de aprobar esa ordenanza de mobilidade e faremos unha ordenanza específica para ver como se regula a prestación destes servizos, noo hai neste momento unha normativa a nivel municipal e en todo caso se hai denuncias haberá que tramitalas”, sentenciou ao ser preguntado por iso.

O CETIM erguerá o seu novo centro tecnolóxico en Morás tralo intento fallido na Cros do Burgo

0

Despois dun longo proceso, e a pesar de ter chegado mesmo a un acordo plenario en Culleredo, será o polígono de Morás e non o edificio de La Cros do Burgo, o que reciba o novo centro de investigación do CETIM Technological Centre.

Este centro privado de I+D+i, sen ánimo de lucro, declarado Fundación de Interese Galego pola Xunta de Galicia, debeu cansar de pelexar coa corporación cullerdense e se vai instalar no polígono arteixán.

Unha decisión que para o goberno socialista de Culleredo ten un gran culpable: “O Partido Popular de Culleredo culmina a súa escandalosa operación de sabotaxe ao desenvolvemento da Cros”, denuncia o alcalde José Ramón Riobóo. Para o PSOE cullerdense, “a líder do PP de Culleredo, Izaskun García Gorostizu, torpedeou desde o principio a iniciativa para impedir que levase a cabo nas antigas naves, esgrimindo unha argumentación que agora se constata que se trataba dunha mera escusa electoralista”. E denuncian que “as supostas razóns que o PP de Culleredo utilizou para votar en contra non son de aplicación curiosamente en Arteixo. A fórmula da cesión demanial de terreos non era válida para o PP de Culleredo, pero en cambio si que é válida en Arteixo”.

“Aquí quen perde non é o alcalde, quen perde é Culleredo, e perde moito”, apunta o primeiro edil. En concreto, relata, “perde postos de traballo: os 100 existentes hoxe no CETIM márchanse para Arteixo e os outros 100 de nova xeración no ámbito da ciencia que incluía o proxecto, tamén. Culleredo deixa escapar o desenvolvemento dun motor económico dun dos sete centros tecnolóxicos recoñecidos en Galicia. Non se trata dun proxecto máis, trátase dunha aposta pola economía circular, un ámbito en auxe e que é un foco de innovación prioritario a nivel europeo”.

Mentres en Arteixo celebran, con boa lóxica, a chegada deste centro punteiro, en Culleredo “temos que lamentar a bajeza política do PP, que antepuxo o cálculo partidista ás necesidades dos seus veciños”, critica.

 

Máis novas sobre o proceso

PP e PSOE sacan adiante no pleno o proceso para a cesión de La Cros a unha entidade

A antiga fábrica da Cros queda sen Centro Tecnolóxico

Así sería o Centro Tecnolóxico que Culleredo propón para a Cros do Burgo

O persoal de DIGI volve á rúa contra a precarización

0

Os traballadores e traballadoras de DIGI secundaron este martes a primeira das tres xornadas de folga en rexeitamento ao I Convenio colectivo de empresa, xa que suporá un severo recorte dos dereitos salariais e laborais.
Para darlle máis visibilidade á súa loita, o persoal da Coruña concentrouse na tenda que DIGI ten na céntrica rúa Juan Flórez e repetirá o mércores mobilización, ás 11:30h, no comercio da rúa Barcelona.

“DIGI tira os prezos e tamén os salarios”, “convenios aquí e non en Madrid”, ou “menos patrocinio e máis convenio” foron algunhas das consignas que se escoitaron durante a protesta. O persoal denunciou que este convenio foi asinado por CCOO e UGT en Madrid, de costas ao persoal traballador afectado e sen contar coa súa participación.

O presidente do comité provincial, José Luis Álvarez, advertiu que o convenio asinado suporá unha importante precarización das condicións económicas e laborais con respecto ao convenio de siderometal da Coruña, polo que se vén regulando este persoal. Como exemplo, expuxo que para un contrato novo de celador, a diferenza de salario sería de 5.800 euros menos ao ano, mentres que o persoal técnico de instalación e mantemento perdería até 6.600 euros anuais.

Ademais, o convenio de DIGI contempla un día menos de vacacións, non recoñece o tempo de desprazamento como tempo efectivo de traballo e reduce os complementos de asistencia, dietas ou extras.

O persoal de DIGI mobilízase na Coruña contra o convenio de empresa

O Chuac, entre os mellores hospitais de España

0

O Monitor de Reputación Sanitaria, elaborado pola consultora Merco, empresa especializada neste tipo de estudos, situou ao complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac) no posto 17 como mellor hospital de España. Sitúase tamén como o mellor hospital galego a nivel estatal, informa o centro.

Con iso, especifican, “mellora un posto con respecto ao mesmo estudo realizado o pasado ano polo que asicende do posto 18 ao posto 17”. Dentro deste estudo, no que participaron boa parte dos 787 hospitais tanto públicos como privados existentes en España, o Chuac competiu a nivel de hospitais como La Paz e Gregorio Marañón de Madrid ou o Clínic de Barcelona.

En canto aos servizos sanitarios con mellor proxección de España destaca os de Rehabilitación e Cirurxía Oral e Maxilofacial, quedando no postos seis e dez nas súas respectivas categorías, así como o de Farmacia Hospitalaria, no número 13, e o de Radiodiagnóstico, no posto 14, o mesmo de Anestesia e Reanimación.

O PP denuncia a que o goberno deixou sen executar 3M de euros de 2024 sen executar para reparar beirarrúas

0

O Grupo Popular vén de denunciar que o goberno socialista deixou sen executar 3 M€ dos contratos para reparar beirarrúas e pavimentos en 2024, o 30% do total orzado, “a pesar dos problemas de fochancas en beirarrúas e calzadas por toda a cidade”. “A Alcaldesa non pisa os barrios, non escoita aos veciños e por iso non coñece a realidade nin os seus verdadeiros problemas”, afirma Miguel Lorenzo.

Critica o PP que a nova ordenanza poña o peón como prioritario, porque entende que “se realmente as persoas son o principal, o primeiro que ten que facer a Alcaldesa é reparar as fochancas nas beirarrúas”.

”Inés Rey non pisa os barrios. Se os pisase, vería a falta de mantemento que hai nas beirarrúas, converténdoas nun perigo para os peóns, en especial para as persoas con mobilidade reducida. Tamén as fochancas nas calzadas, que ás veces son case buracos negros”. “Este é o gran engano da Alcaldesa: subir todos os impostos un 3% para inflar o orzamento e que sexa o máis expansivo, pero logo non executar as partidas, sobre todo as relacionadas cos barrios”.

”De que serve un Plan de Barrios se logo non cumpre o que promete?”, incide Lorenzo, destacando que o goberno “deixou sen executar 300 M€ para investimentos nos barrios e a xuño deste ano tiña outros 110 M€ máis sen gastar e un Plan que di agora que o vai a presentar a veciños despois de aprobalo cando debería facelo antes para acordalo”.