Inicio Blog Páxina 219

Tres meses para adaptar as vivendas turísticas á nova ordenanza da Coruña

0

O Concello da Coruña remitirá á Xunta neste primeiro trimestre un informe para a petición de declaración da cidade como zona tensionada, segundo precisou o concelleiro de Urbanismo, Francisco Díaz Gallego, nunha comparecencia coa alcaldesa, Inés Rey, para informar os asuntos aprobados en Xunta de Goberno, entre eles, o texto da nova ordenanza reguladora das vivendas de uso turístico, para cuxo cumprimento os propietarios terán tres meses desde a súa entrada en vigor.

“Para equilibrar o mercado do aluguer e atender ás dificultades existentes no acceso á vivenda”, aseverou a rexedora en relación a esta cuestión. Á súa vez, o edil de Urbanismo admitiu que o goberno local é “consciente” de que a normativa non vai ser “prato de bo gusto para todos, pero os prezos da vivenda están disparados e é necesario que todas as administracións traballemos xuntas”.

Respecto diso, insistiu nalgúns aspectos do seu contido, como xa avanzou recentemente na comparecencia ante os medios de comunicación para informar sobre a mesma, con requisitos como os de habitabilidade ou que non estarán permitidas na planta superior a unha residencial e si en plantas baixas ou edificios exclusivos.

Ademais, desde a súa entrada en vigor, os propietarios das mesmas terán un prazo de tres meses para adaptarse á normativa e senón “terán que dalas de baixa no rexistro da Xunta”, apuntou o concelleiro que, por outra banda, explicou que na mesa sectorial de vivenda deste venres ratificouse que A Coruña cumpre os requisitos para ser declarado mercado tensionado.

Para iso, remitiuse a un estudo encargado polo concello e que constata, dixo, que se cumpren os criterios para considerar que existe na urbe “escaseza de vivenda” e a necesidade da declaración de mercado tensionado. De face a solicitar esta medida, remitirá á Xunta o informe detallado por distritos e seccións senciales.

O CRA Ponte da Pedra, de Carballo, e o Conservatorio Profesional de Música da Coruña, premio Concepción Arenal

0

Os X Premio Concepción Arenal, convocado pola Deputación da Coruña, recoñeceu os traballos do Colexio Rural Agrupado (CRA) Ponte Pedra, de Carballo, e do Conservatorio Profesional de Música da Coruña.

Segundo informa o organismo provincial, ao certame, convocado para proxectos educativos pola igualdade de xénero, concorreron sete centros de ensino da provincia, nunha edición na que non se presentaron candidaturas na categoría de educación infantil.

O xurado destacou dos traballos ‘ArROUPAme na Igualdade’, do CRA Ponche da Pedra, “un proxecto técnico estruturado, claro e coherente, cun título creativo en simbiose cos obxectivos e actividades”.

Respecto de ‘Bravísimas! Mulleres na música’, do Conservatorio Profesional de Música da Coruña, recalca que é “un proxecto excelente en canto á calidade técnica que dá visibilidade as mulleres na música a través da súa historia, achegas e creacións, materializándose a través de talleres, concertos e outras actividades”.

Un laxense e un coruñés, entre os 5 finalistas finalistas do Premio Cociñeiro Galego 2025

0

Presentáronse onte os candidatos oficiais a Cociñeiro Galego 2025. Un galardón que recoñece “o labor dos cociñeiros emerxentes que ofrecen propostas culinarias de calidade, utilizan produtos de proximidade, fan unha cociña sostible e difunden estes valores”, tal e como explican desde a organización do Galicia Fórum Gastronómico, que un ano máis puideron constatar a gran expectación que xera este certame, con máis de 1.500 votos rexistrados nos tres primeiros días aberto ao público.

Entre os finalistas atopamos a un coruñés como Miguel Vázquez (Atípico, A Coruña) e a un representante da Costa da Morte como é o laxense Víctor Basante (Arrueiro, Laxe), que estarán acompañados na finalísima de Arón Álvarez (Os Maristas, Pontevedra), Bret Fernández (Prebe, Lugo), e Nel Parada (Nordestada, Portosín, A Coruña).

Os cinco candidatos “destacan pola súa ampla traxectoria no sector, ofrecer nos seus establecementos unhas propostas culinarias arraigadas á terra e á súa contorna, e por apostar pola sustentabilidade”.

A entrega de premios terá lugar o domingo 23 de marzo no espazo Auditorio do Galicia Fórum Gastronómico. Alí saberemos quen recolle o relevo dos xa premiados: Diego López (La Molinera, Lalín) en 2014; Gorka Rodríguez (A Pulpeira de Melide, A Coruña) en 2015; Jorge Gago (A Maceta, Santiago) en 2017; Alén Tarrío (Pampín, Santiago) en 2019 e Moncho Méndez (Millo, A Coruña) en 2022 e Begoña Vázquez (O Regueiro da Cova, Verín, Ourense) en 2024.

Víctor Basante (Arrueiro, Laxe, A Coruña)

De raíces bercianas, pero namorado de Laxe desde ben pequeno, a súa vocación pola cociña espertouse cando tiña 18 anos. Estudou en Coruña e, despois de pasar por cociñas de hoteis e restaurantes de Galicia, Baleares e Canarias, en 2019 abriu o seu primeiro restaurante: A Pracería. Agora, en Arrueiro quere ofrecer un enfoque máis persoal. Un restaurante pequeno cun ambiente relaxado que permite desenvolver unha cociña con mimo, detalle e sensibilidade. Estar máis presente, poder falar co cliente e
ofrecer un trato próximo e familiar. Propón unha viaxe de 6 pases cara á autenticidade, menú gastronómico co produto como protagonista e que varía segundo a tempada e o mercado.

Miguel Vázquez (Atípico, A Coruña)

Miguel elabora en Atípico unha carta galega contemporánea, que vai cambiando en función da estación do ano, e un menú degustación, que renova practicamente unha vez ao mes. Todo iso para que o comensal poida gozar dunha experiencia culinaria nova en cada visita ao restaurante. Apaixonado da cociña galega e os seus produtos: o típico. O atípico é a evolución constante desa raíz tradicional ata unha cociña contemporánea, con novos sabores e sensacións. A súa carta de viños está en constante evolución e tamén se pode gozar dunha selección de cócteles deseñados para maridar coa carta e o menú degustación.

Amoebo lanza “Unha foto”, o seu novo sinxelo

0

Xa está nas nas principais plataformas dixitais o novo sinxelo de Amoebo. “Unha foto” é o novo tema dunha das revolucións da música galega contemporánea. O ouresenán é un dos que mellor marida ritmos urbanos e electrónicos, sempre cunha alma verbeneira, irreverente e deshinibida.

O tema, un retrato sonoro cheo de paixón e controversia, é o derradeiro avance do seu novo LP Escándalo no escuro, un dobre álbum que verá a luz o vindeiro 7 de marzo e do que xa se coñece o tema “Lobishomes”.

A nova canción de Amoebo representa a necesidade física e afectiva do amor máis pasional. Unha foto presenta una gran carga explícita, na que non falta a ironía tan característica do seu frontman Aaron Valle. “Unha foto máis e arranco, unha foto máis e aí que vou”, “ata que veñas eu non paro, que ben me educaron”. Na letra, unha situación tan común como é a de recibir unha foto desencadea as necesidades máis básicas do corpo e amosa como a distancia física non é un impedimento para o amor desenfreado.

Neste novo traballo producido por David Fernández (Daiv), Amoebo mestura o pop máis enérxico cunha estética sonora escura e cargada de adrenalina. Cunha gran influencia de artistas como Britney Spears ou Bad Gyal, o esqueleto pop-urban da canción está decorado con sintetizadores agresivos e baixos 808, que representan a velocidade, a urxencia e a necesidade. “Unha foto” é un tema frenético, bailable e coreable, que ten o foco posto na proposta rítmica e nun post-coro instrumental efusivo e pegadizo.

Máis novas

AMEGA celebra o Día dos Medios en Galego cun concerto na Coruña de Leria e a Banda da Loba

A Marea, o novo temazo branquiazul en clave urbana de Willow GHZ

“Queremos ir creando unha rede da escena rur-urbana galega”

Tres galardóns herculinos nos Premios Martín Códax da Música

 

O PSOE presenta unha proposta de Orzamentos para 2025 que poderían depender dunha cuestión de confianza

Presentou esta mañá o grupo socialista o proxecto de Orzamentos de 2025. A pesar de anunciar o pasado mes de decembro a prórroga do documento do ano pasado, e de que tanto o PP como o BNG teñan deixado claro que non os van aprobar, o grupo de goberno presentou as súas contas.
De feito, o PP xa fixo a súa valoración do proxecto presentado.

A rexedora, rodeada de todo o seu equipo, indicou que presentará a proposta no pleno do vindeiro xoves 6 de febreiro (serán aprobadas na Xunta de Goberno Local de mañá). De non ser aprobada, o grupo de goberno convocaría unha cuestión de confianza. Isto significa que a oposición tería un mes para conformar unha alternativa de goberno, pero se non consegue chegar a un acordo para investir un novo alcalde (vai ser complicado ver ao PP e BNG chegar a un acordo), as contas serían aprobadas automaticamente.

379 millóns de euros

A proposta de Orzamentos Municipais 2025 ascende a 379 millóns de euros, 4 máis que o ano pasado. A rexedora recalcou o carácter “expansivo e progresista” destes orzamentos, “centrados nos barrios” e “configurados en torno a catro grandes eixos”: a dinamización económica a través da tecnoloxía; o reforzo das políticas de benestar social e a protección social; a mobilidade sostible e a recuperación progresiva de espazos público; e os investimentos nos barrios.

Plan de Barrios 2025-2028: rede de Oficinas de Atención Cidadá

O pla conta un investimento total, ata abril do 2027, de 53,7 millóns de euros para os barrios. Unha das medidas será a creación dunha rede de Oficinas de Atención Cidadá, que se irán implantando de xeito gradual ata 2028.

71 millóns de euros en investimentos

A sempre esperada partida de Investimentos conta con accións concretas como a:

  • A redacción do proxecto de remodelación do estadio municipal de Riazor (1,5 millóns este ano),
  • O mercado de Santa Lucía (3,8 millóns).
  • A condicionar as dependencias municipais nas antigas instalacións da Fábrica de Tabacos (4,9M).
  • A creación da nova biblioteca municipal de Novo Mesoiro (1,5 millóns).
  • Biblioteca e aula dixital de Palavea (700.000 €).
  • Apoio aos centros públicos de titularidade municipal (900.000 euros),
  • Rehabilitación da Bágoa de San Roque (600.000 euros) .
  • Reforma da praza de Pontevedra para mellorar a súa iluminación e ampliar o parque infantil (450.000 euros).
  • Humanización e melloras dos espazos públicos (11,1 millóns xa previstos).
  • Construíción de novos equipamentos deportivos como as pistas multideporte dos Rosales —xa en marcha—, A Silva e Urbanización Breogán, entre outras.
  • Reurbanización da contorna da rolda de Outeiro, (1,5M a través do Proxecto da Rolda dos Barrios de fondos europeos).

A AESIA e o proxecto Coruña Marítima

Dous proxectos estratéxicos como Coruña Marítima e a AESIA tamén teñen partidas.

O proxecto Coruña Marítima conta cunha partida de 700.000 euros en tres anualidades para a elaboración do Máster Plan presentado en María Pita días atrás. A partida correspondente a este exercicio será de 50.000 euros. Serán outros 300.000 no 2026 e outros 350.000 no 2027.

A isto sumarase, proximamente, a posta en marcha das obras de remodelación dos Cantóns entre a praza de Mina e a sede da Autoridade Portuaria, actuación xa adxudicada e que comezará nos vindeiros meses, marcando así o punto de partida da apertura ao porto, e que deberían comezar neste trimestre.

Pola súa parte, hai 4 millóns para rehabilitar a Terraza, en Méndez Núñez, que será a sede definitiva da AESIA. Unhas obras que durarán 3 anos, polo que entre medias, e como emprazamento transitorio ata a conclusión dos traballos, as e os profesionais da Axencia traballarán nas instalacións da Casa Veeduría, edificio do século XV da cidade vella xa rehabilitado.

Mobilidade e espazos urbanos

Entre este ano e o 2030, o Concello prevé levar a cabo un investimento de 1,5 millóns no Plan de Árbores Urbanas, que neste exercicio contará cunha partida específica de 600.000 euros.

A isto sumarase, ademais, 1 de euros que permitirá impulsar actuacións como o parque Ciudad de Monte Martelo e a segunda fase do bosque de Breogán, situado preto de Uxes, Arteixo.

Haberá outro millón para a reforma integral do parque de Santa Margarida e outros 300.000 euros para mellorar o parque Europa.

Ampliarán a Rolda Peonil, que chegará proximamente á Sagrada Familia, conectando así o barrio cos treitos xa humanizados na rúa Ramón Cabanillas.

E haberá 8 millóns de euros para mellorar os parques infantís, e crear algún novo, entre eles, dous cubertos, co obxectivo que “as familias teñan, como mínimo, un parque infantil a dez minutos da súa vivenda”.

O Concello traballará na definición do novo mapa de liñas do transporte urbano, que abrirá camiño á licitación do novo contrato do servizo, prorrogada un ano máis. O obxectivo, indicou a alcaldesa, é que os pregos estén listos este ano.

Para servizo municipal BiciCoruña, prevé acometer ao longo deste ano a nova quenda de ampliación do número de bases, das 49 actuais ás 85 previstas en total.

Máis novas sobre os Orzamentos

O PP lamenta que a proposta de orzamentos para 2025 inclúa a subida de impostos a pesar da baixa execución

PP e BNG insisten en que non apoiarán os orzamentos 2025 tras o órdago de Inés Rey

A Coruña prorroga os orzamentos para 2025 tras non chegar a un acordo PSdeG e BNG

O BNG non apoiará o orzamento de 2025 para a cidade polo “incumprimento” do PSOE de acordos subscritos

O Concello inicia os trámites para aprobar unha taxa turística

Mohamed Safa debullará a actualidade palestina en Betanzos

0

Temos falado con el profundamente e mesmo temos escoitado xa nalgunha charla na cidade da Coruña. Pero o tempo pasa (non tanto para a poboación palestina), e o xenocidio continúa.

Por iso vai ser interesantísima charla que vai impartir Mohamed Safa, oftalmólogo e activista palestino afincado na Costa da Morte, hoxe venres 31 de xaneiro no Salón Azul do Edificio Arquivo de Betanzos.

O autor de libros como como ”Palestina: grito por la libertad” [Ed. O Castro],  “La Revolución Árabe. Democracia, nacionalismo, relixión e Palestina como nó gordiano” [Ed. O Castro] ou La segunda Nakba Palestina” [Utopía Libros]) debullará a máis rabiosa actualidade do fallido proceso de paz nun acto artellado pola Asociación Cultural Libre de Paderne Roxín Roxal, a Asociación Cultural Eira Vella e a Rede Cultural Betanzos A Bisbarra.

Safa en Betanzos

Máis novas sobre o xenocidio palestino

Mohamed Safa: “Por que os palestinos non temos ese dereito á autodefensa que Europa si llo outorga a Israel? ou a Ucrania?”

Mohamed Safa: ”Non queremos unha loita étnica, isto é unha guerra anticolonialista”

A Gala por Palestina: A risa bate coa barbarie

Occidente e o servilismo a Israel: Chámase ocupación

 

AMEGA celebra o Día dos Medios en Galego cun concerto na Coruña de Leria e a Banda da Loba

0

O presidente da Asociación de Medios en Galego (AMEGA), Pablo García Fernández, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentaron en rolda de prensa as diferentes actividades que organizou a entidade para celebrar o Día dos Medios en Galego o vindeiro 7 de febreiro. Este día coincide coa saída da primeira publicación monolingüe en galego, O Tío Marcos d’A Portela, editado por Valentín Lamas Carvajal no ano 1876.

Neste 2025, AMEGA, da que QPC é membro fundador, decidiu poñer o foco na función social dos medios de comunicación. De aí o lema ‘A Lingua que nos une’. “Porque máis alá da nosa labor informativa, somos axentes de cohesión, xeradores de debate, de espazos de liberdade, e fiscalizadores do poder. Somos a garantía de que todas as voces sexan escoitadas, de que todas as inxustizas sexan denunciadas, de que ningún recuncho da nosa terra quede á marxe da información”, sinalou o presidente.

Como principal acto desta celebración, e despois do éxito do festival do ano pasado, o mítico Playa Club da Coruña acollerá o propio 7 de febreiro desde as 21:30 h un concerto de Leria e A banda da Loba, dous grupos que conxugan os valores e a esencia deste Día dos Medios en Galego 2025. As entradas (7€) están á venda en entradium.com

Cartaz Festival Dia dos Medios en Galego 2025 copia

100 medidas para o galego

O presidente da AMEGA asegurou que o Día dos Medios en Galego é unha xornada que vai moito máis alá dunha simple conmemoración. “É unha reivindicación do papel fundamental que os medios de comunicación teñen no avance da nosa sociedade, no fortalecemento da nosa democracia e como garantes de dereitos e liberdade”.

Por iso outra das iniciativas que pon en marcha este ano AMEGA co motivo da celebración do Día dos Medios en Galego é a elaboración de 100 medidas para mellorar a situación do galego. A partir do 7 de febreiro estará habilitada a páxina web medidas.gal a través da que se convidará á cidadanía a facer as súas aportacións.

Máis novas

De Ninghures e Fillas de Cassandra trouxeron a festa dos medios en galego á Coruña

A AMEGA descubriu a Coruña como gran precursora dos medios en galego

A Universidade da Coruña abandona a súa actividade oficial na rede social X a partir deste sábado

0

A Universidade da Coruña (UDC) suspenderá a súa actividade oficial na rede social X a partir do próximo sábado, 1 de febreiro, segundo informa o reitorado.

Farao tras o acordo adoptado este xoves no Consello de Goberno. “Unha medida adoptada en sintonía coa Conferencia de Reitores das Universidades Españolas e que reflicte o compromiso institucional de promover un espazo dixital respectuoso e inclusivo”.

A decisión foi tomada, explica, tras “unha análise exhaustiva, que tivo en conta tanto o impacto desta acción na comunicación institucional como o aumento significativo de discursos de odio, desinformación e polarización na devandita plataforma, comportamentos que contradín os valores fundamentais da UDC”.

A institución académica súmase así ao camiño que xa tomaron outras universidades e institucións, representantes gobernamentais, medios de comunicación e outros profesionais.

Unha alumna de Oleiros, premiada polo seu traballo sobre a Constitución

0

O concurso ‘Unha Constitución para todos’ premiou a doce estudantes en distintas categorías e con traballos realizados en distintos formatos, todos eles relacionados coa importancia a Carta Magna, segundo informou o Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.

E dúas son da provincia da Coruña,  as galardoadas galegas son Irene Fernández Paulos, da Fundación Educativa José Gras, Oleiros (A Coruña); así como Leticia Vázquez Castiñeira, do IES Maximino Romeu de Lema, Zas.

Realmente os premios son para as súas clases, no caso da oleirense, pola creación do vídeo “El viaje de Irene”, que recolle a historia dunha nena que expresa os seus desexos para o país onde nacerá no futuro. Tres dos pais fundadores da Constitución responden aos seus desexos citando outros artigos da lei que inclúen o dereito á educación, o dereito a unha vivenda digna e o dereito a participar nos asuntos públicos. Exemplos dalgúns dos dereitos que garante o texto constitucional.

En representación das crianzas premiadas, interviu no acto Bruno Adoitar, que presentou o seu proxecto en ‘Scratch’ porque “lle gusta programar” e que confesou que é a segunda vez que gaña este concurso (fíxoo en 2021 cando era alumno de Segundo de Primaria).

Oferta da UDC con máis de 4.800 novas prazas entre grao e máster para o próximo curso

0

A Universidade da Coruña (UDC) realizará unha oferta de 4.838 novas prazas entre grao e máster para o curso 2025-2026, segundo a proposta aprobada na reunión do Consello de Goberno e que deberá ser ratificada pola Xunta de Galicia.

As prazas divídense en 3.057 de grao e 1.881 para o máster. No próximo curso acádemico ofertaranse un total de seis novos másteres universitarios: realidade estendida; ciencia do exercicio; preparación física e reapdatación deportiva; economía circular; ensino do español como segunda lingua; cronicidade e novos modelos de atención sociosanitaria e informática industrial e robótica.

A iso, súmanse a posta en marcha da modalidade en liña no máster de tecnoloxía téxtil e moda sustentable, que se imparte no campus de Ferrol.

No Consello de Goberno celebrado este xoves, tamén se aprobou, entre outros acordos, o regulamento de ordenación de programas académicos de simultaneidade de dobres titulacións de grao e máster con itinerario específico.