Inicio Blog Páxina 244

O Monte Mero espera a nova urbanización de 4.300 vivendas protexidas

0

Anunciaba a semana pasada a Xunta os novos proxectos de Interés Autonómico (PIA) en materia de vivenda. No marco de toda a burbulla de prezos de alugueiro e compra na cidade, mentres avanza, paseniño a declaración como Zona de mercado residencial tensionado,  e en paralelo á política urbanística do goberno socialista local, que ten en marcha media ducia de megaproxectos urbanísticos máis clásicos dos anos 90 (véxase Castrillón, Visma-A Gramela, Percebeiras, Maestranza, Santo Amaro, as Xubias, ou mesmo o futuro da fachada marítima na zona de San Diego), a Xunta propón a construción de nada menos que 4.300 vivendas (os Rosais contan con 5.000) na zona de Monte Mero, en varias parcelas que ocupan 43 hectáreas entre a Fábrica de Armas (a nova cidade das TIC), os Maristas e Eirís.

A nova positiva deste proxecto que chega na cidade das 20.000 vivendas baleiras, é que o 80% das vivendas estarán en réxime de protección, entre protexidas e de promoción pública (o BNG tamén pedía onte que se dediquen a aluguer social). Un cambio na política de vivenda autonómica, que apenas leva erguido un edificio de 40 vivendas protexidas en Xuxán nos últimos anos.

Con todo, a preocupación na zona é evidente. A veciñanza non recibiu ningunha información por agora, e a Xunta xa avanzou que non descarta expropiacións. O cronograma dos proxectos, a expropiación, parcelación e proxecto de urbanización chega ata 2028.

Mapa da zona afectada da urbanizacion Monte Mero
Mapa da zona afectada da urbanizacion Monte Mero

Vivenda protexida tamén en Arteixo

No marco do PIA, a Xunta tamén anunciou unha urbanización de 160 vivendas, tamén o 80% protexidas, nunha zona de 8 hectáreas na Baiuca-Penouqueira, en Arteixo.

Máis novas

A Coruña crea a mesa sectorial de vivenda para avanzar na declaración de zona de mercado residencial tensionado

O BNG lanza unha nova campaña contra o prezo da vivenda

#Ninmedionormal, a campaña de @o.novo.normal.coruna pola Emerxencia Inmobiliaria

3 de cada 4 vivendas que se ofertan na Coruña xa son de uso turístico

A Coruña móllase pola inclusión #Baixoomesmoparaugas

0

‘Baixo o mesmo paraugas’ é o lema que as entidades sociais do país levan artellando dende hai 9 anos polo Día Mundial da Discapacidade. Ese paraugas, símbolo de apoio, solidariedade e compromiso cunha sociedade máis inclusiva e igualitaria, serviu tamén para cubrir do orballo na concentración realizada esta mañá do 3 de decembro no paseo do Parrote, para conmemorar esta data solidaria.

Un evento para visibilizar e reivindicar os dereitos das persoas con discapacidade, na ademais de Aspace Coruña, unha das entidades convocantes, tamén participan xentes de Aspronaga, ENKI, Aspanaes, Artefíos, ACEM e Down Coruña, entre moitas outras.

A xornada, dirixida polos presentadores Fran Rei e Corina Alfonso, incluíu a lectura dun manifesto e a xa clásica interpretación da canción ‘Unha marea de xente’, que simbolizou a unión do público coa paraugada. Xa ao final da mañá, Poten100mos e Silvia Penide puxeron o peche cunha actuación musical.

Inés Rey, que puxo en valor a figura de Ricardo Iglesias, xerente de ASPACE, como un dos impulsores desta iniciativa, destacou a relevancia do tecido asociativo. “Se A Coruña está a vivir unha transformación de 180 graos nos seus espazos públicos é, principalmente, porque a loita das asociacións e as familias foi fundamental para colocar as persoas no centro das políticas públicas, facendo que a accesibilidade universal sexa unha prioridade esencial”.

 

Segundo recibe dúas estrelas Michelín nos premios #SoyBarbudo

Volve o Barbeiro Solidario á actualidade. O organizador da Barbería Solidaria, que este pasado verán non tivo o apoio esperado polas administracións, Segundo Mallo, vén de recibir dúas estrelas “Michelín” nos premios Soy Barbudo. Un premio outorgado pola revista especializada nunha Gala celebrada en Sevilla, que recoñece ás mellores de entre aos 52.000 salóns de peiteiado que hai en todo o estado.

A cuca perruquería, situada en pleno barrio de Monte Alto, na rúa Hércules, afiánzase como unha das mellores de España e de Galicia, onde só temos outra recoñecida, a Black Bird de Porriño.

Con Segundo, a calidade do comercio local é indiscutible.

Peluqueria Segundo Coruna Soy barbudo

Máis novas

Segundo, o barbeiro solidario

A Barbería Solidaria bate marcas para axudar á Asociación Coruñesa de Esclerosis Múltiple

Perruquerías, un espazo de escoita para persoas maiores

 

Traballadores aproban o acordo coa empresa e desconvocar o paro nas obras de acceso ao porto exterior

0

As asembleas de traballadores celebradas ata o momento aprobaron maioritariamente o acordo alcanzado nas últimas horas coa UTE Acceso Porto Exterior A Coruña e, a falta de consultar ao persoal do resto de quendas, os operarios apostan por desconvocar a folga prevista para este xoves (o paro deste martes xa foi desconvocado nas últimas horas, dados os avances na negociación).

Segundo informou o sindicato CIGo acordo alcanzado supón “unha mellora significativa a nivel de vacacións, tanto no número de días, como na súa retribución”, establece a “interrupción das obras durante as vacacións de Nadal (do 23 de decembro ao 7 de xaneiro), e “achega unha solución xeneralizada para o cálculo das retencións que se lle aplican nas nóminas do persoal, cuestión que xeraba continuos problemas”.

Por outra banda, valorou que a empresa se compromete a abonar unha prima de produtividade á finalización de cada túnel de acceso ferroviario ao porto exterior, “para recompensar o esforzo que o persoal está a facer na realización destas obras desde o ano 2023”.

En materia de seguridade laboral, acordouse seguir traballando na mellora das medidas de prevención, tanto na empresa principal como nas subcontratas. A CIG destacou que este acordo foi posible grazas á “decisión firme” dos traballadores de levar a cabo a folga e apuntou que, “unha vez máis, queda demostrado que a loita é o único camiño para mellorar as condicións de traballo e avanzar en dereitos”.

Levan ao Valedor do Pobo “o roubo da Casa Cornide”

Coa V Marcha pola Devolución da Casa Cornide convocada para o vindeiro 14 de decembro, as 60 entidades que promoven a campaña “Fóra os Okupas da Casa Cornide” continúan a batalla legal para recuperar este Ben de Interese Cultural.

O presidente de Defensa do Común, Manuel Monge, apoiado por todas estas entidades, vén de entregar hoxe polo rexistro da Subdelegación do Goberno na Coruña un escrito dirixido a Ángel Gabilondo, “Defensor del Pueblo”, solicitando que “inste á Xunta para que obrigue á familia Franco a apertura ao público da Casa Cornide catro días ao mes e catro horas, como mínimo, cada día, en cumprimento da Lei de Patrimonio Cultural de Galiza”.
Así mesmo, solicita tamén que “inste ao Concello da Coruña para que retire as rúas e distincións a Pedro Barrié de la Maza, Alfonso Molina Brandao e Sergio Peñamaría de Llano, en cumprimento da Lei de Memoria Democrática”.

O “roubo”

O escrito lembra a Ángel Gabilondo como se organizou o roubo da Casa Cornide. Foi mercada en 1948 pola Dirección Xeral de Belas Artes (Ministerio de Educación). Con Alfonso Molina como alcalde pasa a propiedade municipal, mediante un expediente incoado en 1958 e formalizado en xuño de 1962 a través dunha permuta co Ministerio de Educación Nacional, que recibe a cambio unha parcela municipal en San Roque/zona escolar.
Poucos días despois de dita permuta, Sergio Peñamaría (sucede a Alfonso Molina como alcalde o 19 de maio de 1959), tramita a venda cunha sorprendente rapidez e o Pleno de 3 de  xullo de 1962 acordaba a venda do palacio e tamén as bases para unha poxa que se celebra un mes despois. Pedro Barrié de la Maza gaña a poxa-farsa celebrada o 2 de agosto de 1962 e adquire a Casa Cornide por 305.000 pesetas. Esa mesma tarde o pleno dá conta que Barrié solicita transmitir a propiedade a Carmen Polo. Tres días despois Barrié culmina esta farsa e vende a casa a Carmen Polo por 25.000 pesetas, como figura na escritura.
A adquisición da Casa Cornide foi unha auténtica operación de Estado, que se organizou durante varios anos. No podía aparecer como a transmisión dunha propiedade pública a unha persoa privada como Carmen Polo, esposa de Franco, e por iso a solución para superar ese problema foi convocar unha poxa, previamente amañada.
A permuta da Casa Cornide polo concello da Coruña e a venda son nulas, segundo informe xurídico da Universidade da Coruña, encargado polo concello. O Ministerio de Educación permuta co concello a Casa Cornide en 1962 sen desafectar este ben do uso que tiña, incumprindo a normativa vixente. Tampouco tiña a necesaria autorización da Dirección Xeneral de Belas Artes para os bens con máis de 100 anos de antigüidade, como sinalaba unha lei de 1931. Segundo ese informe xurídico, tanto a permuta como a venda serían nulos.
Por outra parte, a venda da Casa Cornide a través dunha poxa pública realizouse infrinxindo o Regulamento de Contratación das Corporacións Locais de 1955, que explicitaba a prohibición das autoridades da administración do Estado para ser contratistas. Por outra parte, exímese a Carmen Polo do cumprimento da cláusula establecida para concorrer á poxa: prohibición de vender o inmóbel nos dez anos posteriores á poxa, e a necesaria autorización do concello para calquera modificación da propiedade. Todo isto supón unha causa de nulidade de pleno dereito. Estamos ante unha operación de compra-venda simulada. Ademais, o concello da Coruña estivo pagando os gastos das reformas (1,2 millóns de pesetas só entre 1963 e 1964) e mantemento durante anos, despois de pasar a mans privadas.

Apertura

Así mesmo a entidade lembra que a Casa Cornide segue pechada, 19 meses despois de que a Xunta de Galicia aprobase o o 27 de abril de 2023 a catalogación do edificio como Ben de Interese Cultural (BIC), infrinxindo a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia que obriga aos propietarios a apertura de catro días ao mes e un mínimo de catro horas cada día cando hai unha declaración de BIC. “Isto é posíbel pola permisividade da Xunta coa familia Franco”, denuncian.

Máis novas

60 entidades convocan a V Marcha pola devolución da Casa Cornide

A CRMH volve esixir á Xunta que resolva a apertura da Casa Cornide e sancione aos Franco

Marcha 2023:

Centos de persoas volven reclamar na Coruña a recuperación da Casa Cornide

“Os tempos son chegados”: Monge consegue o compromiso municipal para eliminar os 378 símbolos franquistas da cidade

Poñen cifras á discriminación da Logopedia na sanidade pública

0

Na actualidade, en Galicia só hai 37 logopedas no sistema sanitario público. Unha cifra que chama a atención do Colexio Profesional de Logopedas de Galicia, que vén de propoñer o seu “Plan 2025-2030, 100 logopedas en 2030”. A entidade considera que como mínimo a “sanidade pública galega precisa de 100 logopedas para unha atención eficaz”, e con ese obxectivo elabora este plan que xa llo presentou á Xunta o pasado mes de setembro.

“Se o Sergas contrata 63 logopedas de aquí a 2030, pasaremos da ratio actual de 1 logopeda por cada 72.000 galegos a 1 logopeda por cada 27.000, unha proporción que melloraría a atención que demanda e esixe a cidadanía”, indicou Javier Bueno, vicepresidente do Colexio. “Os beneficios superarían con moito o investimento previsto nese plan a seis anos”, explica tendo en conta que os custos do plan 2025-2030 elaborado pola organización colexial elévanse a uns 8,5 millóns de euros, pero que o aforro estimado case multiplica por 1,5 esa cantidade. “No cálculo destes beneficios económicos directos, tivemos en conta, pola evidencia científica e a maior acessibilidade dos datos, os que se derivan fundamentalmente do aforro de custos por hospitalización en pacientes con patoloxías nas que o tratamento logopédico reduce os días ou evita o ingreso”, explicou Bueno.

Aumento da demanda, máis nas zonas rurais

“Nos últimos cinco anos, a demanda de pacientes atendidos creceu un 39 % na Área Sanitaria da Coruña e pasamos de 5 a 6 logopedas. Pasamos de 10 horas de atención media por paciente a 7 horas”, destacou o vicepresidente das logopedas galegas.

Pero é que ademais a situación supón unha clara discriminación para o pacientes que viven máis apartados dos hospitais de referencia pasan máis tempo na estrada que na consulta. É o caso de Olga Lopez, unha veciña de Malpica que recibe tratamento logopédico no CHUAC despois de sufrir unha afasia. Luis Pose, o seu marido, acompáñaa todos os días: “Facemos una hora de camiño para A Coruña e outra para casa. Dúas horas de coche para media hora de tratamento, que non é suficiente. Aínda se fose máis tempo ou algo máis preto… Aínda menos mal que vimos pola nosa conta. Coa ambulancia, tardaríamos toda a maña. Na casa, completamos o tratamento do hospital con outra media hora máis.”

Jaime Villar, veciño de Cee, acode a sesións de logopeda despois de que lle quedasen afectadas as cordas vocais tras unha operación. “Desprázome 115 quilómetros para unha sesión de media hora. Entendo, e coma min moita xente máis, que debería haber unha logopeda nos hospitais comarcais ou nos centros de saúde para evitar desprazamentos tan longos. É hora e cuarto de ida e outro tanto de volta. Dependendo da hora que toque a consulta, perdes a mañá e mesmo tamén a tarde”, pide.

Detida por levar xoias e diñeiro da casa na que limpaba en Cambre

0

Axentes da Policía Nacional detiveron en Cambre a unha muller como suposta autora de varios delitos de roubo con forza, por subtraer diñeiro e xoias da vivenda dunha anciá, na que traballaba como limpadora.

Segundo informaron fontes policiais, a vítima, de idade avanzada, decatouse de que lle faltaba unha pulseira de ouro do seu domicilio e denunciou o roubo. Uns días máis tarde, ampliou a denuncia ao comprobar que tamén lle subtraeron 500 euros, o seu DNI, varios cartóns bancarios, outras xoias e reloxos.

As pescudas do Grupo de Investigación do Distrito Norte permitiron comprobar que a muller que traballaba eventualmente como limpadora no domicilio subtraera unhas chaves e que accedeu á vivenda en varias ocasións, cando a dona non estaba, aproveitando para levar eses efectos.

Igualmente, a Policía puido determinar que, nos días posteriores aos roubos, a sospeitosa vendera algunhas das xoias nunha casa de empeños. Finalmente, a muller foi detida o pasado 20 de novembro en Cambre, e as xoias recuperadas foron devoltas á súa lexítima propietaria.

A Coruña acende este xoves as luces de Nadal, con programación durante un mes

0

A programación do Nadal do Concello da Coruña comezará este xoves, día 5, co acto de aceso das luces na praza de María Pita e estenderase durante un mes, ata a cabalgata de Reis Meigos, con actividades “por todos os barrios” e “para todas as idades”. Así o anunciou a alcaldesa herculina, Inés Rey, durante a súa presentación, na que recalcou que a cidade contará con “3,6 millóns de luces de Nadal, 300.000 máis que hai un ano”. “Tamén aumentan os arcos ata os 555, os farois pasan de 198 a 383, as árbores pasan de 53 do ano pasado a 80 e sumaranse case 40 rúas máis iluminadas”, incidiu.

Durante a presentación, a rexedora, que estivo acompañada do concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, fixo público o cartel e a imaxe gráfica deste ano, obra da artista coruñesa Bea Lema, Premio Nacional do Cómic 2024. Respecto ao acto de aceso das luces, explicou que terá lugar na praza de María Pita ás 19.30 horas e contará con animación a cargo de Peter Punk.”Despois, actuarán Os Alcántara”, indicou. Rey dixo, ademais, que, entre outras actividades, haberá atraccións nos xardíns de Méndez Núñez, así como a primeira Feira Artesá do Nadal, do 20 de decembro ao 5 de xaneiro. “Con espectáculos para todas as idades nos diferentes recintos culturais da cidade”, destacou. Tamén se desenvolverá o oitavo Galicia Magic Fest, que terá lugar no Teatro Colón os días 2 e 3 de xaneiro.

VER AQUÍ O PROGRAMA DE NADAL DA CORUÑA 2025

Varias zonas de Culleredo sen auga pola rotura dunha tubaxe de abastecemento durante unhas obras

0

Varias zonas de Culleredo atópanse este martes sen auga da traída despois de que esta mañá se producise a rotura dunha tubaxe de abastecemento durante unhas obras que realizaba unha construtora privada cunha escavadora.

Tal como informou o Concello nun comunicado, dita tubaxe distribúe a auga desde o depósito de Monte Alfeirán, afectando sobre todo á Corveira e á parte alta da Avenida de Vilaboa, que están na actualidade sen subministración.

“Tamén é posible que se note unha diminución da presión noutros puntos de Vilaboa, dado que se derivou o abastecemento desde outro depósito”, engadiron as mesmas fontes.

Por iso, o servizo municipal de augas xa emprendeu con urxencia a reparación da tubaxe, esperando que os traballos se completen “coa maior celeridade” posible e desculpándose polas molestias que ocasiona esta incidencia.

Outros sucesos semellantes

O tráfico estará cortado na zona de Monelos durante unha semana pola rotura dunha tubaxe

Unha rotura na rede xeral provocou anegacións na Corveira

O tráfico estará cortado na zona de Monelos durante unha semana pola rotura dunha tubaxe

0

A rotura dunha tubaxe provocou unha inundación no barrio coruñés de Monelos que obrigou a cortar a circulación na rúa Caballeros, afección que se manterá “máis ou menos durante sete días”. Así o manifestou a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, a preguntas dos xornalistas sobre este asunto tras a rolda de prensa de presentación da programación de Nadal. “En principio, non hai danos graves“, asegurou para apuntar que espera que “nos próximos días se poida solucionar”.

Respecto diso, explicou que “as afeccións máis relevantes polo desbodamiento producíronse no solar da obra na Rolda de Outeiro esquina Pérez Ardá”. “Tiveron que parar pola auga”, expuxo. A rexedora concretou que “queda cortado máis ou menos durante sete días o tramo da rúa Caballeros entre a saída do parking da estación de autobuses e a avenida de Chile”.