Inicio Blog Páxina 270

Adiantan o dispositivo de seguridade para o partido Depor-Racing deste domingo

0

A presenza policial polo partido entre o Real Club Deportivo e o Racing de Santander deste domingo, declarado de ‘alto risco’ pola Comisión Antiviolencia reforzarase e adiantarase o dispositivo.

Así se acordou na Xunta de Seguridade celebrada este xoves e presidida pola subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas. Nela, — e tras os incidentes rexistrados no que enfrontou ao club coruñés co Málaga, previo ao partido –, concretouse o dispositivo de seguridade deseñado pola Policía Nacional para o encontro, que terá lugar este domingo, día 27, ás 16.15 horas no estadio de Riazor.

Nesta reunión, estableceuse “reforzar a seguridade e os medios dispoñibles para atender os arredores do campo e diferentes puntos da cidade”, así como adiantar a activación do dispositivo que entrará en funcionamento “o sábado ao mediodía”, segundo informa a Subdelegación do Goberno.

En concreto, o operativo da Policía Nacional contará con dous grupos da Unidade de Intervención Policial (UIP), axentes da Unidade de Prevención e Reacción (UPR), Equipo de Información e guías caninos, especialistas do TEDAX, Unidade de Subsolo e protección ambiental, ademais de medios áereos, como un helicóptero e varios drones.

Nesta liña, a subdelegada mostrou a súa confianza en que este partido trascurra “con total normalidade, garantindo a seguridade e o goce de todos os cidadáns” e en que non se volvan a repetir os incidentes sucedidos no partido do Deportivo e o Málaga.

Así mesmo, Rivas destacou que “se actúa antes, reforzando a seguridade e a coordinación de todos os medios”. Apelou, ademais, ás afeccións para que “anticipen na medida do posible a entrada ao estadio”, no cal se adiantará media hora a apertura de portas.

Os Concellos da AP-9 amosan a súa unión para esixir o IBI de 50 anos

0

Xa en xaneiro comezaban a súa loita por reverter 50 anos de desagravio. Onte, 22 concellos polos que pasa a AP-9 ratificaron a súa unión para reivindicar o cobro dos atrasos do IBI, a actualización catastral da autovía e as bonificacións para empadroados,

Convocados polo concello de Abegondo, participaron na reunión representantes dos Concellos de Abegondo, Ames, Bergondo, Betanzos, Cabanas, Cambre, A Coruña, Ferrol, Mesía, Miño, Mos, Narón, Neda, Oleiros, Ordes, Oroso, Paderne, Padrón, Pontedeume, Portas, Teo e Valga. Confirmáronse, pero finalmente Culleredo e Pontecesures non puideron asistir, pero demostraron igualmente o poder da “forza conxunta”.

En primeiro lugar, buscarase o cobro dos atrasos do IBI. Corresponden ao último cuadrimestre de 2023, xa que en agosto rematou a exención do 95% que tiña a concesionaria en virtude dunha lei do franquismo.
As administracións recadadoras, que na maioría dos casos son as Deputacións, aplicaron a recadación ao 100% só a partir de xaneiro de 2024, ao considerar que o devengo se fai por ano natural. Pero tomando como base que o Concello de Valga acaba de conseguir recoller tamén eses últimos cuadrimestres de 2023 solicitándoo individualmente, intentará solicitar o mesmo. Unha cifra que pode superar os 2,2 millóns de euros.

 

En segundo lugar, a asociación defenderá ante o Catastro a actualización catastral das infraestruturas da AP-9. O último remóntase a 2007. Pero se a maioría dos cidadáns experimentou unha actualización das súas propiedades, tamén é “xusto” que se amplíe á autoestrada. Isto suporía un incremento da contía do IBI.

E en terceiro lugar, os Concellos explorarán os medios para solicitar bonificacións aos seus cidadáns polo uso da AP-9. Servirán de exemplo outros casos, como o de Navarra, que se establece para as persoas empadroadas.

Máis novas

22 Concellos únense en Abegondo para conseguir o seu dereito histórico a percibir o 100% do IBI

A avenida de Alfonso Molina e a AP-9 rexistrarán cortes de tráfico por obras nunha pasarela peonil

0

A avenida de Alfonso Molina e a AP-9 na Coruña rexistrarán cortes de tráfico por obras de mellora nunha pasarela peonil, segundo informa o Ministerio de Transportes. Esta pasarela cruza os dous sentidos de circulación da AC-11 no inicio da AP-9, na Coruña. Os traballos desenvolveranse de 22.00 a seis da madrugada.

Os carrís iranse cortando en función das necesidades, habilitando como mínimo un carril por sentido. No viario de servizo paralelo (rúa Xenebra) traballarase en horario diúrno, restrinxindo o paso dun dos dous carrís existentes. Por seguridade, será necesario tamén cortar o tráfico peonil da pasarela, propondo como itinerarios alternativos debidamente sinalizados as pasarelas de Palavea e a de Elviña.

Todo iso porque a concesionaria da autoestrada AP-9, Audasa, vai realizar obras de mellora na pasarela peonil sobre a avenida Alfonso Molina (AC-11) e a autoestrada AP-9 (A Coruña). Os traballos de mellora centraranse na reparación das deterioracións superficiais do formigón do taboleiro e as pilas da pasarela. Tamén se intervirá sobre as varandas para manter a súa funcionalidade e garantir a súa adaptación á normativa.

O litoral da Coruña permanecerá en aviso amarelo este venres e sábado por fenómenos costeiros

0

O litoral da provincia da Coruña permanecerá este venres e sábado, días 25 e 26 de outubro, en aviso amarelo por fenómenos costeiros.

Segundo o aviso de Meteogalicia, departamento que depende da Consellería de Medio Ambiente, a alerta empezará ás 6,00 horas da madrugada deste venres e estenderase ata as 21,00 horas do sábado.

Deste xeito, prevese que a costa da provincia da Coruña rexistre mar combinado, con ondas que poderán alcanzar o catro metros de altura. Ademais, a Aemet sinala que haberá vento do suroeste de forza sete, principalmente ao oeste das Illas Sisargas.

Ademais, non parará de chover pero o domingo prevese algo máis suave.

O goberno de Oleiros aproba en solitario os Orzamentos de 2025

0

Cos votos en contra de PP e PSOE e a abstención do BNG, o grupo de goberno de Alternativa dos Veciños aprobo no pleno de onte os orzamentos do Concello de Oleiros para o ano 2025, de 47.850.000 euros.

Máis da metade deses cartos destinaranse á conservación e mantemento dos equipamentos e servizos públicos, cun gasto de 12 millóns en persoal e de 15 millóns en gasto corrente. 

No referido a obras públicas o investimento, serán 17,2 millóns que servirán para mellorar o espazo público viario, a accesibilidade, infraestruturas de saneamento, iluminación, pluviais, condución de augas, eficiencia enerxética,… Tamén se prevé, entre outras actuacións, a senda costeira entre Naval e Canide, un aparcadoiro próximo á zona do Seixo Branco, importantes melloras no campo de fútbol O Redondo de Montrove e a segunda anualidade do edificio multiusos de Bastiagueiro. Este capítulo nútrese de diversas achegas da Deputación, da venda de solo municipal e dun crédito bancario do que se fixará o seu importe exacto cando se incorporen os remanentes xerados este ano.

En canto aos ingresos hai unha alza xeneralizada agás no referido a taxas, prezos públicos e outros ingresos, que descenden polas cotas de urbanización que se prevían no 2024 e non se contemplan para o próximo ano. Os orzamentos inclúen xa a actualización de taxas e impostos, que levaban sen modificarse entre 9 e 21 anos, que pasan a estar equiparados aos demais concellos da área metropolitana.

O goberno local herculino propón nomear a Ramón Núñez fillo predilecto da Coruña

0

O goberno local da Coruña proporá o nomeamento de Ramón Núñez Centella, impulsor da rede de Museos Científicos Coruñeses, como fillo predilecto da cidade.

Nun comunicado, a alcaldesa, Inés Rey, subliña que “Ramón é unha peza clave na historia da Coruña e na súa consolidación como a cidade de ciencia e tecnoloxía que é”.

Agora, esta proposta elevarase á Comisión de Honras e Distincións “o máis axiña posible” para a súa aprobación e posterior ratificación polo pleno municipal.

A alcaldesa expón esta proposta para o próximo, “coincidindo co 40 aniversario da Casa das Ciencias, o primeiro do tres museos científicos e por tanto xerme da rede”.

O Concello recalca que Ramón Núñez é un divulgador científico “que dedicou toda a súa vida ao ensino das ciencias”, formando parte de campañas e programas de carácter nacional e internacional.

Licitada por 2,6 millóns a plataforma flotante de O Parrote

0

A Xunta licitou este xoves por 2,6 millóns a instalación da estrutura flotante de O Parrote, na Coruña. A plataforma permitirá habilitar unha zona de baño “segura” neste “emblemático espazo” da cidade, segundo destaca a consellería nun comunicado.

A preguntas dos xornalistas sobre o atraso desta actuación, o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, aclarou que en 2022 “anunciouse unha idea”, pero “son moitos os trámites que houbo que facer ata hoxe”.

Pola súa banda, a titular de Vivenda precisou que este xoves sae a licitación no perfil do contratante cun período de presentación de oferta ata o 19 de novembro e período de execución sinxela de 8 meses. “Por tanto contamos con que a obra poida estar no próximo verán de 2025 para o goce desa etapa estival que é o que todos desexamos”, destacou.

Recreación da plataforma flotante  no Parrote / Portos
Recreación da plataforma flotante no Parrote / Portos

 

Daniel Cerqueiro: “En moitos ámbitos, falar galego fai pensar aos teus interlocutores que tes unha ideoloxía concreta”

0
  • “Hai que favorecer a posta en valor da lingua galega como ferramenta de comunicación exterior. A lusofonía é unha oportunidade”.
  • “Cómpre reforzar a visión do galego como elemento de orgullo e de pertenza ao territorio. Aquí fíxome moito, e son unha gran esperanza para min, os grupos musicais emerxentes que usan o galego”.
  • “Os medios en galego sodes un dos poucos baluartes que quedan para a defensa da escrita da lingua”.

— — —

Xa temos falado Con Xurxo Souto, nesta serie de entrevistas que comezamos tras coñecer que o último informe do IGE vén de certificar o envorco lingüístico que sofre o país, sendo o castelán a lingua máis usada en Galicia por primeira vez na historia.

A Coruña é unha das cidades nas que a presenza do galego é cada vez máis residual. Apenas un 4,52% (só por debaixo de Vigo, cun 3,91), utiliza sempre o galego; o 11% usa máis galego que castelán, mentres que un 60% usa sempre o castelán.

Hoxe queremos falar da situación lingüítica que vive o sector empresarial e o das TIC, e falamos con Daniel Cerqueiro, CMO Director de Docuten, empresa herculina que xa é unha referencia internacional en sinatura electrónica. Este neofalante formou parte da Asociación Galega da Lingua e é un gran defensor do poder da lusofonía.
Foi emprendedor nunha vila galegofalante como Corcubión, formando parte de eventos emerxentes no sector tecnolóxico como Startup Galicia ou as Laconnetwork.

 

  • Primeiramente, que che parece o informe do IGE que dá conta do envorco lingüístico que ten acontecido nos ultimos 10 anos en Galicia e que sitúa ao castelán como a lingua máis usada en Galicia? Fuches notando ese cambio na última década?

O informe paréceme que reflicte a realidade que xa se notaba na rúa, especialmente nas cidades, onde escoitar falar galego é cada vez máis residual.

Sobre o cambio nesta década, a miña sensación é que as xeracións que están marchando son as que mantiñan un certo uso do galego, mentras que as que entran, cada vez falan menos galego. Por tanto, é un cambio demográfico, non no uso que fan as persoas.

  • Cales son para ti as claves deste devir lingüístico na cidade?

Para min a educación en Galicia ten gran parte de responsabilidade nesta situación. Xa non é que as escolas fomenten o galego entre os que entran, é que convirten en castelán falantes aos poucos nenos que entran falando galego.

Outro problema da língua é a relación que se fai coa política. En moitos ámbitos, falar galego fai pensar aos teus interlocutores que tes unha ideoloxía moi concreta, e moita xente non quere ter ese estigma nas súas relacións do día a día.

  • A nivel persoal, que porcentaxe de conversas en galego tes habitualmente? Que porcentaxe de xente se dirixe a ti en galego?

Eu teño bastantes, especialmente no traballo. E iso ocurre porque Docuten é unha empresa na que o CEO fala habitualmente en galego, e moitos dos que traballamos alí tamén a usamos.

A xente que xa nos coñece, algunha nos trata en galego, pero a inmensa maioría usa o castelán como língua por defecto.

  • Como valoras a presenza do galego no teu barrio? Como é o día a día dos comercios, a hostalería, os súper… En que lingua se expresan?

Eu vivo ao lado do estadio de Riazor, e case todas as conversas que escoito son en castelán. Só escoito galego falado por xente maior, e especialmente cando falan entre eles, non cando se dirixen a xente máis xoven.

  • Tes algunha anécdota na túa familia que describa para ti o a situación lingüística da cidade?

A miña nai é do Ribeiro, pero na Coruña habitualmente falou e fala castelán. A súa propia nai dicíalle que na cidade debía aprender e falar en castelán, que era o “fino”.

  • No teu sector, o sector da empresa e das TIC, como valoras o uso do galego?

En xeral, o uso non é alto, pero coñezo varias empresas e empresarios do sector que si que usan o galego habitualmente e fan gala diso. Venme a cabeza os caso de Imaxin ou de Teimas, e de asociacións do sector como Startup Galicia, que usa o galego como base para todas as comunicacións.

  • Que melloras se poden implantar?

A sensación é que a gran batalla está perdida, e que o declive do uso do galego, quedando para cuestións case “rituais”, é inevitable. Pero eu penso que aínda hai cousas que se poden facer, e moitas teñen que ver coa posta en valor da lingua como ferramenta de comunicación exterior. É necesario demostrar a unha parte importante da poboación que o galego é unha língua útil, e iso conséguese aproveitando que somos parte da lusofonía e que podemos comunicarnos con más de 200 millóns de falantes de portugués.

Outras accións teñen que ver con reforzar a visión do galego como elemento de orgullo e de pertenza ao territorio. Aquí fíxome moito, e son unha gran esperanza para min, os grupos musicais emerxentes que usan o galego. A miña sensación é que cada vez hai máis, e con propostas musicais de todo tipo, non só a música que antes se identificaba co galego.

  • Unha das conclusións máis graves do informe é que un dos axentes máis castelanizadores é o ensino. Se un 38,42% da poboación no país educa aos seus fillos en galego, a realidade é que hai apenas un 7,04% de nenxs de entre 5 a 14, e un 12% entre 15 a 29 que utilicen a lingua galega. Ten aí a administración autonómica algunha responsabilidade?

Claro que ten. Como dicía antes, as escolas en Galicia converten en castelán falantes a nenos que entran falando galego. Semella que o galego se ensina como o inglés, e non como unha realidade do día a día.

  • O estudio sinala aínda máis grave a situación da escritura na nosa lingua. Un 82% das persoas de Galicia escribe habitualmente en castelán… Que se pode facer ante isto? Que papel temos os medios de comunicación en galego?

Pois a xente ten que ver máis galego escrito, non hai outra maneira. E está claro que gran parte da poboación non merca libros en galego se non lle obrigan a elo, polo que os colexios deberían ser os que axudasen a introducir os libros en galego nas casas.

E os medios en galego sodes un dos poucos baluartes que quedan para a defensa da escrita da língua. E sodes fundamentais para normalizar escribir e ler na nosa língua. A mágoa é que moitos medios que se vanaglorian da súa galeguidade só usen o galego o día das letras galegas e como mecanismo para conseguir cartos públicos.

 

Máis entrevistas da serie lingüística

Xurxo Souto: “Na Coruña somos un dos lugares con maior número de galegofalantes”

Testemuñas no xuízo de Samuel: “Chamáronlle maricón de merda”

0

Testemuñas que viron a unha parella tras a agresión mortal a Samuel Luiz, presuntamente Diego M.M. e Catherine S.B., entón parella, confirmaron que escoitaron ao “mozo” dicir expresións como “maricón de merda” e que tamén lle viron manchas de sangue. Dela, precisaron que estaba “alterada” e que lle recriminaba a el o seu comportamento.

“Ela non paraba de repetir como o deixaron”, asegurou unha das testemuñas no xuízo que proseguiu este xoves na Audiencia Provincial da Coruña con novas testificales, neste caso de mozos que ían nun mesmo grupo na madrugada do 3 de xullo de 2021 e que viron a unha parella manter unha conversación nun ton “alterado”.

En concreto, discutindo pola avenida de Linares Rivas en dirección ao parque Europa onde, segundo as acusacións, os procesados quedarían tras a agresión a Samuel Luiz. Unha das testemuñas explicou que a moza parecía “enfadada con el, dicíalle que se pasaron”, expuxo.

Isto sen poder identificar a estas persoas entre os acusados como si fixo tras os feitos, como ratificou ante a fiscal que apuntou que entón esta testemuña aludiu a Diego M.M., a persoa que presuntamente iniciou a agresión, e Catherine S.B., a súa entón noiva, como esta parella. Desta ratificou que ouviu que lle dicía algo similar a ‘como o deixaches’, expresións empregadas pola fiscal nas súas preguntas á testemuña e que escoitou do home “dáme igual, era un maricón de merda”.

“DISPUTA”

Pola súa banda, os mozos condenados por estes feitos alegaron que non lembraban sobre o día dos feitos. Un deles, Marco F.O., manifestou tamén que ese día consumiran alcol o grupo co que estaban, desde que chegaron e ata que se marcharon. Xa sobre o exterior do local de lecer onde, segundo as acusacións, comezou a agresión á vítima, dixo que viu “como unha disputa”.

“Vin moita xente, había berros, xente correndo”, manifestou, á súa vez, David R.V. “Non lle podería dicir, non o sei”, expuxo ao ser preguntado sobre a suposta participación ou presenza dos acusados e da intervención das persoas que estaban alí. E é que “non o lembro” ou “non o sei” foi o máis repetido por ambos nas súas contestacións ás preguntas das partes personadas. “Fun por alí a ver o tumulto”, manifestou este último sobre ese día.

A xestión do banco municipal de pisos pasará á empresa de Vivenda da Coruña

0

A Empresa de Vivenda da Coruña (EMVSA) asumirá a xestión do banco municipal de pisos a partir desta semana, con case dous millóns de euros ata o ano 2026.

Así o informou o goberno local despois de que este xoves finalizasen os trámites necesarios para completar o procedemento de traspaso dos máis de 400 inmobles que forman parte do patrimonio residencial do concello, destinados a aluguer social.

A rexedora herculina, Inés Rey, tras presidir a Xunta de Goberno Local que abordou este asunto, lembrou, ademais, que a posta en marcha do novo programa de asesoramento e orientación ás persoas arrendatarias, ideado para facilitar o acceso á vivenda, está prevista antes de que termine o ano.

Noutra orde de cousas, o consistorio informou que abrirá este venres unha nova convocatoria de prazas na rede de escolas infantís municipais, que oferta 83 vacantes distribuídas entre as instalacións educativas do Agra do Orzán, Arela (Elviña), Carricanta (O Castrillón), Vos Cativos (Palavea), Luís Seoane (Monte Alto) e Vos Rosales.