InicioOPINIÓNO Zara vello non lles renta

O Zara vello non lles renta

Publicada o

Por Beatriz Alfonso Espiñeira

Esta semana pechou as súas portas o primeiro Zara do mundo, o da rúa Juan Flórez. Inaugurouse en 1975, polo que o pasado ano 2025 celebrou o medio século con renovación e reapertura, exposicións, café e outros fastos especiais. Celebracións que rematan coa tenda pechando sen máis.

O avó non produce, eutanasia para o avó.

Esta tenda era moi concurrida por señoras, velliñas e xente de paso ó traballo, era pequena, cómoda, acolledora e abarcable para o público de máis idade, non coma os megastores e tendas insignias que son a aposta clara e única das grandes cadeas hoxe en día.

Pero as señoras non son o target de Inditex, claro está, o target son as mozas e as influencers, entón aporta ou aparta. As señoras aportan modernidade, reviews, hauls ou engagement? Non, logo aparta ás señoras, non rentan.

Este peche levoume a pensar sobre a actual mercantilización dos sentimentos e das relacións, sobre a prevalencia da economía por enriba das emocións. É tremendo iso de analizar a amizade ou a parella en termos de coste-beneficio, e máis tremendo é velo facer á xente nova. A adolescencia e a mocidade teñen que ser épocas de derroche e ruína, de erros e perdas, de deixarse levar pola paixón e o risco, non polo Excel e as matemáticas, de rir e chorar e non calcular.

Hai que apoiar á amiga que está mal e non esta persoa vitamina senón máis ben persoa fluoxetina, aínda que nos pareza que non nos aporta moito neses intres.

Non podemos deixar que a economía e o beneficio goberne as nosas vidas, porque ao final delas lembraremos os xogos cos nosos pais e nais, non o que custou a residencia de maiores, os sorrisos dos nosos fillos, non as noites sen durmir, as madrugadas bailando ata o mencer, non as baixonas do domingo.

E voltando ao peche do Zara primixenio e orixinal, Inditex ou Amancio ou Marta ou o demiúrgo corporativista están poñendo o cerebro por enriba do corazón, olvidando ás señoras e nenas que os uparon mercando rebequiñas ou conxuntiños, as adolescentes que nos Y2K mercamos a roupa para sair de festa.

E non me digades que estamos a falar dunha empresa e non unha ONG, iso xa o sei, pero os cartos lle saen polas orellas e xustamente eles poden tomar decisións sentimentais sen despeitearse. Poden pero non queren.bea alfonso

MÁIS ARTIGOS DE BEATRIZ ALFONSO

ÚLTIMAS

As peñas demostran a fractura aberta no deportivismo

Está dividido o deportivismo. Así se demostrou este xoves na manifestación convocada pola Federación...

O Atlantic Pride consolida á Coruña como capital da diversidade e o orgullo do noroeste peninsular

A sétima edición do Atlantic Pride, afianzou a posición da Coruña como a cidade...

As Xubias, Os Castros, Feáns, Monelos, Peruleiro- Mariñeiros, As Xubias e O Portiño métense de festa

Coruña vivirá unha das fins de semana máis intensas do verán en canto a...

Só ás couzas quedan na Casa Cornide

Non queda nada na Casa Cornide. O edificio, aínda propiedade dos Franco, pero en...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here