InicioOPINIÓNEu vin falar do meu libro

Eu vin falar do meu libro

Publicada o

Por Beatriz Alfonso Espiñeira

Esta mañá fun a feira do libro coa miña filla, para min é unha das citas imprescindibles do verán coruñés dende que era unha rapariga.

Recordo ir cada agosto cos meus pais e a miña irmá pequena e gozar dunha auténtica barra libre de libros, xa que na casa sempre houbo un lema respecto ó gasto dos cartos: “para libros o que queirades”.

Feira do Libro da Coruna
Foto da Feira do Libro nos Xardíns

Percorriamos tódalas casetas sen présa e prestando moita atención, e compraba os libros que desexaba, sen moito límite económico nin censura moral, temática ou de idade.

Botando a vista atrás lin unha morea de libros absolutamente inapropiados para a miña idade na adolescencia e primeira xuventude: A montaña máxica (tremendo tocho, parece mentira que Mann a concebira como novela curta), A Diviña Comedia (non entendín case nada, pero que imaxes amigos, atravesei o inferno e o purgatorio mais quedei ás portas do ceo, antes de atopar á miña homónima Beatriz), os Diarios de Anaïs Nin, os Trópicos de Henry Miller, algúns ensaios de Nietzsche (un dez na selectividade grazas a isto), todo Boris Vian, eu que sei…

Todas estas lecturas, a tempo ou a destempo, boas ou malas (quen o decide?) foron conformando a lectora que son hoxe, constante, disciplinada, dramática e intensa, e a persoa que son hoxe, xa que as vivencias e pensamentos de Hans Castorp, de Dante e Virxilio, Colin e Chloé, Chinasky e tantos e tantas máis, mesturáronse coa miña vida e personalidade (dixen intensa?).

E diría aínda máis, as lecturas salváronme en moitas ocasións a saúde e a cordura, lembro que durante a pandemia lin avidamente os contos de Mariana Enríquez, e as súas ficcións arrepiantes evadíronme dunha realidade bastante aterradora tamén. Durante os ingresos do meu pai no hospital, Expiación de Ian Mc Ewan libroume de moitos ataques de pánico, e Nora Ephron e a súa lixeireza fixéronme rir, tremendos poderes non si?.

Por todo isto e por moito máis (insira aquí milleiros de experiencias individuais), señoras e señores, damas e cabaleiros, nais e pais, nenos e nenas, mozos e mozas, visiten a feira, merquen moitos libros, queden en números vermellos, pidan un crédito; e lean, literatura elevada e literatura popular, novela, ensaio, cómic, biografía, viaxe, cocina, erótica ou romántica, sen fiscalización nin censura, sen freo nin mesura.

MÁIS ARTIGOS DE BEATRIZ ALFONSO

ÚLTIMAS

O Concello da Coruña reclama á Xunta un Centro de Crise 24 horas para vítimas de violencia sexual e a Xunta analiza abrir máis...

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, reclamou á Xunta un Centro de Crise 24...

Sísifo abre as portas da sociedade a base de calor

Levamos estas semanas falando dos cimentos da nosa sociedade, desas infraestruturas máis básicas do...

Rueda pide “seriedade” e “coherencia” á alcadesa da Coruña sobre a Facultade de Medicina

Continúa a ida e volta arredor da descentralización da carreira de Medicina. Hoxe a...

O metrosidero de 200 anos do cuartel da Policía Local, ao concurso estatal da Árbore do Ano

No interior do cuartel da Policía Local de Orillamar gardan un fermoso tesouro. Ademais...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here