InicioOPINIÓNOda aos Festivais de Nadal

Oda aos Festivais de Nadal

Publicada o

Por Beatriz Alfonso Espiñeira

Saímos do festival de Nadal da nosa filla. É o noso penúltimo festival de panxoliñas. Saímos cun sorriso tonto despois de ver ás nosas crianzas cantar e bailar candorosas. Pais e nais dirixíndose aos seus traballos cun sorriso, primeiro mérito do festival, pero hai moitos máis.

Os nenos entregados. Sempre hai un ou dous, levan a batuta, saben a melodía e a coreografía, ensaiaron nas súas casas, son a estrela de Belén dos compañeiros despistados. Futuros CEOS das empresas, ou futuros profesores de baile, quen sabe.

Os nenos que choran. Nenos desconsolados, moqueando e buscando desesperadamente aos seus pais entre o público. Nenos que nunca quixeron estar aí, ou si pero xa non. Dan ganas de acercarlles un clínex e mecelos no coliño, pero non se pode. Show must go on.

Os nenos en trance. Non cantan nin choran. Fican mirando fixamente ao público, hipnotizados pola situación. Son coma ultracorpos pero con puchos de Papá Noel.

Os demais. Os vinte restantes. Cantan, ríen, míranse con complicidade. Parece que o pasan ben.

As mestras. Están en primeira fila de costas ao público. Fan a coreografía para que as sigan os nenos despistados, bracean, cantan e se desgañitan para que todo saia ben. Unha cesta de nadal ben grande para elas, por favor.

Os pais e as nais. Emociónanse, incluso botan algunha bágoa, rin e comentan, sacan o móbil aínda que advertiron vinte veces que non saquen os móbiles porque a actuación vai ser gravada e enviada por mail. Perdóaselles porque queren mandar a primicia mundial aos avós que non puideron vir porque só dúas personas por neno, pon a circular.

A música e a decoración. A música ten que oírse mal e saír polos altavoces do portátil ou ben por uns de cando se inaugurou o cole alá polo 82. A decoración ha de ser estridente, colorista e espumilloneira. Isto é o nadal da escola, non a tenda de Zara.

Rematou o festival de Nadal. O noso penúltimo. E non soou O burrito sabanero. Quero o meu burrito. O meu tuki tuki tuki. U-la folla de reclamacións?

Se chegastes ata aquí, boas festas (e festivais).

 

MÁIS ARTIGOS DE BEATRIZ ALFONSO

ÚLTIMAS

O Gran Camiño percorreu á Coruña e subiu á Torre de Hércules

Enorme despregadura de medios a realizada este martes 14 de abril sobre todo arredor...

Os Concellos da Coruña e Oleiros atacan a Xunta pola sua irresponsabilidade no transporte metropolitano

Convocaba unha reunión esta mañá dirección xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia e...

O loteiro que se apropiou dunha primitiva podía cobrala sen entregar o boleto

O presidente da Sociedade Estatal de Lotarías e Apostas do Estado (SELAE) en 2012,...

Os médicos galegos volven á folga para alcanzar un convenio propio

Despois do acordo chegado hai varias semanas na Atención Primaria tras varios meses de...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here