Inicio Blog Páxina 714

Foro Cívico: o mesmo espíritu de 1992, mais coa inquedanza de hoxe

0
A asemblea do Club de Opinión Foro Cívico aprobou o pasado martes, día 14, un protocolo de colaboración coa Asociación Cultural Alexandre Bóveda (ACAB) en virtude do cal todos os asociados de ambas entidades gozarán dos mesmos dereitos respecto ás actividades conxuntas que poidan organizarse. A  Xunta Directiva do Foro Cívico, presidida polo xornalista Antón Luaces, funcionará como un Grupo de Traballo dentro do organigrama da propia ACAB. O Foro Cívico seguirá traballando co mesmo espíritu daquel xaneiro de 1992, data da súa constitución, mais coa inquedanza de hoxe, como un foro de debate aberto sobre os problemas da actualidade aportando un variado sumario no cal revisaranse aquelas cuestóns que ocupan o interés da opinión pública, na liña exposta polo escritor e xornalista Manolo Rivas na acta fundacional, “concordamos na creación dun Foro Cívico coa única pretensión de que esta iniciativa teña o xeito dunha tribuna de opinión pública, baseada no contraste e no diálogo, unha plataforma de expresión da pluralidade e das arelas futuristas, que contribúa á dinamización da sociedade civil, honrados pola linaxe galeguísima da nosa urbe, unidos na querencia pola liberdade e pola vontade de exercela, sen outra fronteira que a que de por si delimita a tolerancia”.
Non foi casual que na Coruña o despertar polos temas que concitaban o interés de amplas capas da poboación ao final da ditadura e principios da transición coincidira co histórico Ateneo, sito na céntrica rúa Alfredo Vicenti, presidido en diferentes etapas por Pablo Uriel, Claudio Movilla e Guillerme Díaz, nun clima de seudocambeo subsiguente á morte do ditador. A euforia pola política fora da esfera institucional popularizou o interés deica as cuestións que xa albiscaban un cambeo nas estructuras do país e que demandaban o contraste de opinións co desfile dalgunhas das figuras máis representativas do pensamento progresista discutindo sen complexos nen tabúes gran parte dos problemas aos que se enfrontaba o país.
Dende esa perspectiva, o Foro Cívico sempre tivo a vontade de suministrar o conxunto de materiais precisos para o debate e a reflexión que permitiran á cidadanía formarse unha opinión cabal e razoada promovendo debates que pola súa calidade, vixencia e viveza polémica nos parecían que conservaban un maior interés dende perspectivas contrapostas tentando detectar as orixes de moitos problemas e apuntar as posibeis solucións. Con toda modestia, penso que a traxectoria do Foro Civico foi unha oportunidade para a reflexión que moitas veces nas propias institucións morre de languidecemento ao estar sometida a crítica á disciplina administativa e regulamentaria, cando non á banalización de moitas iniciativas xurdidas dende a rúa. Penso que a existencia do Foro Cívico, para tempos de desencanto, non está mal.
Tras case dous anos de suspensión por mor das restriccións sanitarias, a asemblea do pasado martes aprobou o calendario de actividades para o ano en curso que xirará en torno a cuestións de tanta actualidade como as leises de Memoria Democrática e simboloxía franquista na Coruña, así como a do “Solo si é si”, Liberdade de Prensa, Eleizóns municipais, Defensa da sanidade pública, Futuro das pensións, Sedición e malversación no Código Penal, Desmemoria da escravitude, Eleizóns xerais,  Futuro dos peiraos e o Premio Xustiza e Liberdade Marcelino Liste.
Por último, considero que o mellor  eloxio co que poden presentarse estos temas á cidadanía coruñesa reside, sen dúbida, na capacidade que teñamos para reavivar nosa pasión polo debate, exercendo a liberdade que figura no título do manifesto fundacional.
Ricardo Vales é expresidente da Asociación Veciñal de Atochas-Monte Alto e responsábel de comunicación do Club de Opinión Foro Cívico e da plataforma cívica Defensa do Común.

Entroido fazouro e os saberes da infamia

1

A miña bisavoa, Ramona, das Grañas, Mañón, sempre tiña nos beizos no tempo invernal este dito: “Entroido fazouro cando has de vir? Tixoliña moura, cando has de ruxir?”. Levo ese refrán chantado nos miolos. O adxectivo “fazouro” sempre me impactou. É un adxectivo superlativo, antigo e redondo. Sobre a “tixoliña moura” sempre tiven dúbidas. Pode ser un chamado aos excesos destes días previos á coresma, pero tamén —eu quero pensalo así— unha metáfora da primavera que se albisca, ruxindo no lume. Prefiro ver esa “tixola moura ruxindo” como un redondo sol nacente e o verbo ruxir relacionado co medrar dos días, roxeando co aumento da luz e a chegada da primavera.

Ramona en Viveiro, finais dos anos 80
Ramona en Viveiro, finais dos anos 80

Ramona, a quen pouco coñecín, cantábanos cantigas que non lembro e meu irmán Andrés sempre lle facía a mesma trasnada cando a visitabamos na casa da miña avoa de Viveiro. Abríalle lixeiramente a billa da auga que facía un lene asubío, fiii, e ela dicía “Aí vén a leiteira”, cousa que nos facía escachar da risa. Un día tanto viu a leiteira que se alarmou enormemente. Miña bisavoa era do tempo antigo. Non entendía ben os cartos, dábaos a vulto, e vivía rodeada de gatos nunha casa de pedra pequena, humilde, cunha lareira, un sobrado cun leito á vista e pouco máis. Sen luz nin auga corrente. Todo o que a rodea, aínda a día de hoxe, ten un certo misterio e algo de tabú.

Por veces, miña bisavoa, normalmente falangueira e divertida, mudaba o aceno e lamentábase de non saber. Pero “saber” non quería dicir ler, sumar ou escribir. “Saber” quería dicir algo moito máis terrible. Porque á miña bisavoa nos albores do golpe fascista roubáronlle dous fillos, seguramente por ser muller, solteira, independente e brava. Un roubo infame que se cadra ten que ver tamén coa hipótese de que o pai daquelas crianzas era un fuxido de moita sona naquel tempo, que estivera preso incluso no vello cárcere do Parrote da Coruña. Pero quen sabe?

Saber. Aquel fillo e aquela filla, de diferentes idades, foron arrincadas de xunto da súa nai e posteriormente unha transacción comercial entre boas familias e as monxas da inclusa da Coruña. Non sen antes ter dado fe legal de que ambas morreran, o mesmo día da súa chegada á inclusa, por “debilidad congénita”. Que casualidade: ese mesmo día un neno e unha nena da mesma idade, sen orixe coñecida, eran entregadas en adopción. O horror e a infamia legalizada, limpa, certificada e bendicida. 

Saber deles. Como promesa. Todo isto averiguouno miña nai durante unha investigación tan caseira como teimuda que levou a cabo xa dende os anos 90 do século pasado. [Nota só apta para boomers: chegou a escribir a Paco Lobatón]. Ao caso: atopounos. A filla fora para Cerceda e o fillo, casualidades da vida, acabou sendo veciño noso na Agra do Orzán. Tiña unha tenda de roupa da rúa Barcelona. Nunca con el falamos, só unha única vez miña nai atreveuse a entrar e dirixirse ao que había de ser seu curmán. A nai del intercedeu de xeito impetuoso na conversa: non había nada que escoitar. É comprensible: por veces saber doe, hai que evitalo. Á miña nai non lle importou, en realidade xa tiña máis que cumprida a súa promesa de se interesar polos filliños de Ramona, seu tío e súa tía. 

Ela xa tiña a súa verdade e con ela a súa cura. Xa sabía. “Saber” como solaz da alma. “Saber” como peche dun círculo vital. Unha historia terrible, como tantas outras que foron caladas na infamia daquel golpe fascista e a posterior represión que, en certo modo, aínda está máis ca viva. Só hai que ver as resistencias de certa parte da sociedade ante as demandas de busca de vítimas ou exhumacións de restos para recibir o alivio dese saber. Saber que foi desa xente. A memoria como acougo da alma.

Veume esta crúa historia familiar á cabeza o outro día na presentación dun traballo fotográfico sobre as mártires de Sofán que a miña querida amiga Verónica Ramilo inaugurou en Carballo, no estudio Garabato, na que tamén comentabamos con outras persoas que se estaban a levar a cabo exhumacións de catro represaliados en Bértoa por parte da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH). Vaia a miña admiración sempre para este fundamental colectivo, así como tamén para a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica e o seu traballo na nosa cidade. O recordo e a reparación da infamia, pero tamén a grandeza das pequenas historias. A dignidade descuberta, limpa da negra terra das cunetas, á luz de novo. O saber.

Un saber fazouro como unha tixola moura ruxindo.

  • Xan Xove, candidato pola Marea Atlántica ás eleccións municipais.

Oasis de naturalidade no negocio do fútbol base coruñés: “Estamos preparados para perder cun sorriso”

0

Con esta frase presentaba a comezos de setembro, Nacho Castro, o presidente do SD Santa Margarita, aos pais e nais, o novo proxecto do club para recuperar a canteira. Dende a marcha do eterno presidente Lalo, este club de barrio que este 2022 cumpliu 75 anos, quedara orfo de categorías de base, centrando esforzos nos sénior e Veteranos.

Pero a recuperación dos equipos de base era das premisas obrigadas da renovada directiva que leva un par de cursos ao mando do club. Os Nacho, Javi, Saso, Álex, Jose e Manel teñen unha media de idade de 30 anos, e prefiren empregar as súas tardes de ocio na creación dunha Escola de fútbol no seu barrio.

Adestrando no Parque
O proceso de captación para poñer a andar as categorías de base foi convocando adestramentos no Parque das Pontes

O pequeno local, con licencia, nestes momentos dispoñible para explotar, de “bochinche”,
que o club ten a carón do parque que dá nome ao equipo, quedou pequeno para a primeira charla informativa despois de varios meses de adestramentos no parque dos Puentes. “Estamos preparados para perder cun sorriso”, espetoulle con claridade ás familias, destacando que “hai que ter paciencia, e prefiro ir mellorando e que que cando metamos gol sexa unha festa”, como celebraron o subcampionato (era unha única final) Trofeo do Santa do 75 aniversario.

Xornada informativa as familias do SD Santa Margarita
Gonzalo Deus, Nacho Novo, Javier Novo e Jose Enrique Nuñez Seijas, parte da directiva do SD Santa Margarita, na reunión coas familias

A naturalidade de xogar vs o negocio do fútbol base

Son varias as propostas como as do Santa Margarita nacidas estes anos no medio da complicada situación na que se atopa o fútbol base coruñés. Dende hai anos, media ducia de clubs acaparan a meirande parte da rapazada da cidade, tendo ata 6 equipos na mesma categoría (con equipos A, B, C, D, E, F e ata H nalgunha categoría). Foi así como  os Marte, Sporting Coruñés, Marabillas, Unión Sportiva, Ciudad Jardín, Gaiteira ou Sinquerer foron perdendo as súas categorías inferiores.

O Fútbol Base tense convertido, coa connivencia das familias, que apostan máis polos equipos de renome, nun negocio no que os clubs contan os nenos por euros, poñendo a atención nos equipos máis potentes e fomentando máis a competitividade que a formación.

“A quen lle roubastes nenos?”

“A quen lle roubastes nenos?” preguntáronlle un día directivos doutro club á directiva do Santa. “Non necesitamos roubarlle nenos a outros equipos. Tiñamos claro que tiñamos que ir a onde estaban os nenos, e por iso estivemos todos estes meses no parque”.

Nacho explica así a campaña de captación máis singular que se fai na cidade dende hai anos. Dende o pasado mes de marzo ata este mes de xullo, o club organizou adestramentos abertos cada venres no parque dos Puentes e cada sábado no parque de Vioño. Con naturalidade e cariño, as familias foron achegándose aos parques a facer esa complicada transición de colocar aos teus nen@s nun club de fútbol sen se convirtan en mercadoría.

O éxito foi completo e neste  curso 22-23 club compite 3 equipos para as competicións federadas: Benxamíns, Prebenxamíns e Biberóns. Máis de medio centenar de rapaces rescatan as cores branquiazuis do singular club modesto.

A sombra de 30 edificios ameaza San Pedro de Visma

Dende os anos 90, os verdes campos de San Pedro de Visma son vixiados polos ollos da especulación. A zona que sobe dende o Ágora ata o monte de Bens vive allea á cidade, coas hortas urbanas, algunha vaca, ovellas… como se comproba entrando na cidade pola Terceira Ronda ollando unhas mellores vistas que aínda nos queda da enseada.

Pero dende o pasado mes de decembro, cando a Xunta de Goberno aprobaba o proxecto de urbanización de Visma, esa zona conta os seus días (contan que estea edificado nun prazo de 3 anos) para convertirse nun novo barrio, como pasou cos Rosales nos anos 90, como está pasando con Xuxán, ou como está a piques de pasar coa nova promoción de Santo Amaro-Orillamar.

En Visma prevese a construción de 30 edificios, entre elas 3 torres de case 20 alturas, unhas 4.000 vivendas (1.000 de protección oficial), ademais do acondicionamento de 90.000 m2 de zona verde, de céspede.

As infografías de Adrián Martínez dan conta do impacto da urbanización proxectada, provocando que os barrios próximos como Visma, Os Mariñeiros ou o Ventorillo, queden en sombra eternamente.

Promocion Visma-Infografia-Adrian-Martínez

Críticas da Marea

A Marea Atlántica pide suspender o proxecto de urbanización de Visma, “propio dos anos 90 e contrario ás leis do solo e do patrimonio”. Xan Xove denunciaba que a alcaldesa “confunde a política de vivenda coa xestión inmobiliaria”, critica que non pode “actuar coma unha xestoría para promotores” e

A Marea asegura que convocarán un encontro aberto coa veciñanza de Visma, Os Mariñeiros e o Ventorrillo, para explicarlles as alegacións que van presentar e que van nas seguintes liñas:

  • 1. Protexer a arqueta dos Frades, unha parte da Viaxe de Visma, o antigo abastecemento de auga da Coruña trazado a comezos século XVIII, un elemento protexido desde 2013.
  • 2. Protección doutros elementos da Viaxe de Visma, que atravesaba de leste a oeste a zona que agora se pretende urbanizar, redescubertos en 2016 pero sobre os que non hai informes arqueolóxicos municipais.
  • 3. Alteración da paisaxe de Visma e a Agra do Orzán con bloques de entre 10 e 21 andares.
  • 4. Conservación das ecohortas da Agra do Orzán.
  • 5. Incumprimento dos obxectivos de desenvolvemento urbano sostible.

Novas relacionadas

Guía útil para o Entroido Coruñento

0

Xa vimos como vivir un entroido seguro, analizando o dispositivo policial, os puntos violeta. Xa aprendimos tamén as primeiras definicións do Dicionario Antroideiro de Xurxo Souto. Estamos listos para completar a guía útil para disfrutar un entroido que xa arrincaba onte cun Xoves de Comadres que quixo lembrar a figura de Isabel Zendal.
A alcaldesa uniuse na noite de onte xoves á agrupación das Comadres Cigarreiras
na homenaxe ao legado de Zendal, integrante da Real Expedición Filantrópica da Vacina, que cumpre o seu 220º aniversario.

Programa

Esta primeira fin de semana de entroido vén cargada, con festas o venres polos varios, a entroinaización do Deus Momo no Obelisco ás 21:00h, a proxección do documental Co grelo na Man e o velorio da Sardiña no Circo de Artesáns, cita que se repetirá cada noite ata o mércores.

Para este sábado, pola mañá actividades para as crianzas polos barrios e no Castelo de SAn Antón; concurso de comparsas e carrozas por San Andrés xa de tarde, para acabar en María Pita bailando a Farra Fanfarra e Sidonie.

O domingo, máis xogos populares para os peques, festas nos Mallos pola tarde.

Luns, martes e mércores (días non lectivos), continúa o lío con festas poolos barrios. O luns pola noite, concerto de The Txandals e os Mojinos Escozíos. A tarde do martes será por Monte Alto, con actividades para os nenos no Campo da Leña e o Concurso de Choqueiros da rúa da Torre.

O mércores, gymkana matutina e pola noite o Enterro da Sardiña, con desfille dende o Circo de Artesáns ata a Praia de San Amaro.

Programa Entroido Coruna 2023 1

Estado das rúas

O Concello informa ademais dos cortes das rúas para que disfrutarmos dun entroido sen coches, repetindo experiencias de peonalizacións piloto como as xa levadas a cabo con anterioridade nas rúas San Leopoldo (Agra do Orzán), Alcalde Marchesi (Catro Camiños), Compostela (Ensanche) e Monte das Moas (Os Castros).

Sagrada Familia

Dende onte, e gracias á petiición da asociación veciñal do barrio, xa esá realizada a peonalización provisional da rúa Sagrada Familia, onde ata o vindeiro mércores 22 se levarán a cabo diversas actividades, cos seguintes cortes de tráfico: na rúa Sagrada Familia, á altura da rúa Nosa Señora da Luz, ata a rúa Nosa Señora de Fátima.
O tráfico rodado desviarase na rúa Nosa Señora da Luz cara á rúa Fe, na que se cambia o sentido de circulación e, desde ela, os vehículos poderán acceder á rúa Nosa Señora de Fátima e, de aí, outra vez á rúa Sagrada Familia ou continuar cara á rolda de Outeiro.

Desfile de comparsas do sábado

O dispositivo dará comezo ás 12.00 horas, co peche ao tráfico da rúa de San Andrés, onde se concentrarán todas as comparsas a partir das 17.30 horas. Ademais, e con antelación á posta en marcha dos concursos, ás 17.00 horas cortarase o tráfico na zona dos Cantóns, desde a praza de Mina e a rúa Durán Loriga, co obxectivo de acotar a área de festexos e paso das comparsas.

O percorrido será o seguinte: desde a rúa de San Andrés, as comparsas pasarán pola rúa de Santa Catalina, o Cantón Grande, a avenida da Mariña, avenida de Montouto, Porta Real e, finalmente, chegarán á praza de María Pita.
A maiores, durante esa mesma tarde e desde as 16.30 horas, os autobuses interurbanos non poderán acceder a Entrexardíns, e os buses urbanos desviaranse na praza de Ourense en dirección entrada á cidade, e por Ánimas e o túnel da Mariña en dirección saída.
Toda vez rematen os concursos de comparsas, reabrirase o tráfico, aproximadamente ás 21.00 horas.

Martes por Monte Alto

O martes 21, a contorna da rúa da Torre e Panadeiras entre a avenida de Hércules e a rúa Sol quedará cortada a partir das 14.00 horas. Este dispositivo especial de tráfico, plantexado para facilitar a mobilidade peonil na área de festexos polos concursos de disfraces na rúa da Torre e o Campo da Leña, finalizará ás 20.30 horas.

Cortes o mércores polo Enterro

O día 22, mércores, terá lugar o percorrido especial polo Enterro da Sardiña. A comitiva partirá desde o Circo de Artesáns ás 20.30 horas, cara a praza de María Pita. Desde alí, e xa ás 21.00 horas, desprazaranse ao Campo da Leña, desde onde seguirán o traxecto pola praza de España, a rúa da Torre, Orillamar, Manuel García Canzobre, e a rúa Cutty Sark, antesala da chegada á praia de San Amaro a través do vial de acceso ao Club do Mar.

Máis novas

A Xunta reprocha ao Concello da Coruña “modificacións unilaterais” no convenio para ampliar o Chuac

0

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, lamentou as “modificacións unilaterais” promovidas, na súa opinión, por parte do consistorio coruñés en relación ao convenio para a ampliación do complexo hospitalario universitario coruñés (Chuac).

“Estamos preocupados por esas modificacións unilaterais que fixo o concello”, sinalou a preguntas dos xornalistas o titular de Sanidade nun acto no hospital coruñés. Con todo, apelou ao “marco de relacións para poder, entre todos, botar a andar as obras” e, en base a iso, mostrouse confiado en que “rectifique ese cambio unilateral”.

“Cambia completamente as regras de xogo do documento que asinamos”, engadiu Comesaña quen apelou a un cambio por parte do concello para “volver ao documento que tiñamos consensuado”.

A Coruña doará 47 equipos informáticos para proxectos destinados a colectivos en risco de exclusión social

0

O Concello da Coruña, a través da FundaciónEmalcsa, e Ferrovial Servizos (Serveo) puxeron hoxe en marcha un novo acordo de colaboración a través do que se doarán equipos informáticos para o desenvolvemento de diversas iniciativas sociais na cidade.

Segundo informa o consistorio, Serveo doará 47 equipos informáticos co obxectivo de apoiar e levar a cabo proxectos de índole social, destinados aos colectivos en risco de exclusión social.

Os equipos destinaranse á realización de cursos e talleres a través de asociacións e entidades beneficiarias de prográmalos ‘Deporte Solidario e Inclusivo’ e ‘Cultura Accesible e Inclusiva’.

Tamén para a súa cesión a familias en situación de risco ou exclusión social para o seu uso por menores escolarizados, con fins didácticos, e a entidades non lucrativas de iniciativa social.

Coñeces cantos policías serán enviados a Coruña para facer fronte o incremento da inseguridade?

0

Confederación Española de Policía (CEP) criticou a decisión do Goberno, que tacha de “discriminatoria”, de enviar a Galicia tan só 26 novos axentes a pesar do aumento da criminalidade nas cidades.

Así o trasladaron a través dun comunicado tras coñecerse o borrador de prazas do novo concurso xeral de traslado de policías nacionais onde se prevé que Galicia reciba unha cifra insuficiente para cubrir as xubilacións. Desta maneira, a cidade da Coruña, sería a maior beneficiada con 10 novos policías; seguida por Santiago de Compostela, con cinco; mentres que Vigo, Ourense e Lugo recibirían un novo axente cada unha.

Nesta liña, o sindicato lembrou que Galicia conta cun dos persoais policiais “máis envellecidos” de España debido á falta de actualización dos catálogos de postos de traballo. Unha situación que, aseguran, “pecha a porta na cara” por centos de policías nacionais que levan máis de 15 anos para volver á súa terra.

MENOS AXENTES E MÁIS DELINCUENCIA

Este sindicato recalca que Galicia experimentou no último ano “un incremento da criminalidade” que se suma ao descenso do número de axentes, o que a ollos do sindicato causará que “os delincuentes se atopen as portas abertas para actuar”.

Ademais, destacan que “onde antes saían dez coches patrulla, agora saen catro, e onde saían dous, agora fan encaixe de palillos para tentar sacar un, como ocorre nos pequenos persoais policiais”. Por tanto, a entidade policial solicitou ao Goberno que realice unha “autocrítica” e rectifique esta situación que afecta tamén a outras comunidades como Navarra, Asturias, Castela e León e Castela-A Mancha.

A Coruña camiña cara a terceira idade…Sabes cal é a idade media dos coruñeses e coruñesas?

0

A poboación galega está inmersa nun proceso de envellecemento que afecta a toda Europa e que continúa á luz dos datos de idade media que publica este venres o Instituto Galego de Estatística (IGE). Dos 45,34 anos a 1 de xaneiro de 2012 pasou aos 48,01 en 2022.

Mentres, por provincias, Ourense alcanza os 51,19 anos de idade media e Lugo os 50,35, fronte aos 47,72 da Coruña e 46,52 de Pontevedra. Na estrutura por idades da poboación galega “compróbase o proceso de envellecemento“, segundo o IGE: diminúe o peso dos grupos de individuos de menos de 20 anos e de entre 20 e 64 e increméntase o de 65 e máis anos.

Para a análise “máis específica” do proceso de envellecemento úsase o índice de envellecemento, que calcula o número de persoas de 65 ou máis anos por cada 100 persoas menores de 20, segundo explica.

A VELOCIDADE

Desde o ano 1975, o seu “continuo” aumento reflicte “a velocidade do envellecemento” da poboación de Galicia, superior, advirte, no caso das mulleres. Así, para o conxunto de Galicia situouse en 2022 en 167,26 e isto significa que por cada 100 menores de 20 anos contabilizáronse máis de 167 persoas maiores de 64.

Outro indicador, o índice de “sobreenvellecimento”, mostra como está estruturado o grupo de 65 ou máis: calcula que porcentaxe representa a poboación de 85 ou máis anos sobre o grupo de 65 ou máis. En 2022, no conxunto de Galicia sitúase no 19,97%.

A DEPENDENCIA

Estatística constata que “unha das preocupacións que aparecen a raíz do envellecemento dunha poboación” é como se incrementa a denominada poboación en idade “potencialmente dependente”, que engloba a poboación menor de 15 anos e a de máis de 64, con respecto á poboación en idade “potencialmente activa”, que inclúe a poboación de entre 15 e 64 anos.

O IGE calcula tres indicadores para estudar estas proporcións, o primeiro deles o índice de dependencia global, que relaciona a poboación menor de 15 anos e a de 65 ou máis coa poboación de entre 15 e 64 anos. “Desde o ano 1975 obsérvase unha lixeira diminución ata 2008, data na que o indicador comeza a incrementarse”, sinala.

O índice de dependencia xuvenil relaciona a poboación menor de 15 anos coa poboación entre 15 e 64. “Este indicador non presenta na actualidade en Galicia grandes diferenzas entre sexos”, segundo apunta. Por último, o índice de dependencia senil, que relaciona a poboación de 65 ou máis anos coa poboación entre 15 e 64 e que se caracteriza pola diferenza que existe no seu valor entre ambos os sexos e, ademais, polo seu “incremento continuado”.

DESCENDENCIA

Esta mesma estatística do IGE recolle, xa con datos de 2021, un índice sintético de fecundidade ou número medio de fillos por muller de 1,01. A idade media á maternidade situouse nos 33,19 anos e a da paternidade, por encima, ao chegar aos 35,72 anos.

De feito, Estatística resalta que a idade media da nai ao nacemento do primeiro fillo, despois duns anos de “certo estancamento”, vólvese a incrementar en 2021.

Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.

A superheroína herculina “Nabiza Girl” xa ten o seu cómic

0

 

Leva décadas sobre os escenarios do país como gran liberadora da nosa cultura. Agora faino tamén nas viñetas dun cómic, o espazo ideal para contar as aventuras dunha heroína como #NabizaGirl. A parodia á galega dos superheroes do mundo clásico do cómic, histriónica e delirante na súa loita contra o mal e os marcos movidos de sitio volve á súa orixe, as páxinas da banda deseñada.

Onte presentábase no eterno Bar Sanín, na rúa do Orzán, o cómic “Operación Breogán”, que ten como protagonista o personaxe creado
pola actriz Isabel Risco. A actriz coruñesa estivo acompañada co responsable de pasar a papel e tinta “Nabiza Girl”, o premiado debuxante Manel Cráneo, xunto co guionista, o tamén coruñés Carlos Ares, gran coñecido no audiovisual galego.

EXTERIOR DO Bar SANIN
Así estaba o Bar Sanín

“Para min é un pracer e unha sensación marabillosa que me percorre todo o corpo estar nunha viñeta”, bromeou Risco na presentación.

Pola súa parte, Cráneo non tivo problemas en recoñecer que nunca foron unha debilidade para él os superheroes, “os clásicos non van conmigo porque son moi drámaticos, non como a nosa Nabiza Girl. Así que para min foi unha terapia”. Cráneo “namorou” dela por ter precisamente algo diferente, por ser “unha superheroina que saber rir de nós mesmos. Porque se non sabemos facelo non imos a ningures”.

Ademais, Carlos Ares – precursor da ficción galega, socio da produtora Zopilote e guionista de series como “Mareas Vivas” ou “Libro de familia”- dixo con retranca que este era “o primeiro acto ao que asisto no que o último que fala é o guionista, porque ou non falamos ou falamos de primeiro”, anotou que no cómic atoparemos tamén unha homenaxe a Radio Océano e ao grupo Os Diplomáticos, “que son parte da nosa vida”.

Pero é que o cómic é 100% Coruño, con s escenarios recreados con oficio: o Obelisco dos Cantóns, o Castro de Elviña, a Torre de Hércules a Dársena da Mariña e, ademais do propio Bar Sanín tamén sae O Fiuza de Monte Alto. Escenarios percorridos por personaxes recoñocidas e recoñecibles como os mariñeiros Xosé Iglesias, Manolo Presas, Xulio Montero -presentes entre o público- e o finado Serafín Mourelle, ao que se lle fixo unha merecida lembranza.

Operacion Breogan-Comic Nabiza Girl

Xa podedes ler como Chelo Garcı́a Naveira, a personalidade segreda de de #NabizaGirl, foi imbuída cunha tremenda forza e velocidade tras inhalar un exceso de sulfatos con insospeitados resultados, ollando o cómico que tendes na recén estreada web isabelrisco.eu.

Detrás do proxecto está a xestión e produción de Marta Horjales, coñecida profesional do eido cultural- participa das “Axudas á creación para artistas individuais empadroados na Coruña 2022” e inicia agora a súa distribución na rede das bibliotecas da Coruña, tanto municipais como da Deputación e da Xunta de Galicia, así como nos centros de ensino de secundario da cidade.