Inicio Blog Páxina 284

3 de cada 4 vivendas que se ofertan na Coruña xa son de uso turístico

A Coruña é o municipio galego máis caro para vivir. E unha parte seguro que se debe a que 3 de cada 4 vivendas que se ofertan hoxe na Coruña están destinadas exclusivamente ás persoas que visitan a cidade. As chamadas Vivendas de Uso Turístico (VUT) seguen a copar a oferta de alugueiro “grazas á política de barra libre de Inés Rey”, segundo denuncia o grupo da Marea Atlántica, tras analizar os datos do Rexistro de Aloxamentos Turísticos (REAT), actualizados onte mesmo pola Xunta de Galicia.

Xa son 1.372 pisos turísticos a día de hoxe, e o Concello, malia levar ano e medio anunciando unha regulación dos mesmos, segue aprobando novas licencias. Este mes foron unhas 20 as aprobadas (un 1,4% de incremento no último mes), sendo xa un 32% máis que en outubro do ano pasado.

Para a Marea Atlántica, que xa denunciaba a inacción municipal en marzo de 2023, a día de hoxe “xa non hai tempo para escusas”: “a alcaldesa ten que suspender de inmediato a autorización de novos pisos turísticos e dotar o sector dunha regulación da que hoxe carece”.

Encarecimento do alugueiro convencional

Se ben hai outros factores que inflúen en certos barrios da cidade, como a xentrificación, ou a incidenciados altos soldos de empresas xeradoras de emprego como Inditex, Abanca ou Estrella Galicia, para a Marea Atlántica “a proliferación incontrolada de pisos turísticos é unha das principais causas do encarecemento do alugueiro convencional nos últimos anos. Non só porque se reduza a oferta, senón porque se quentan os prezos a consecuencia do diferencial de rendibilidade dos activos inmobiliarios”.

E as cifras son claras: unha vivenda en alugueiro produce hoxe na Coruña, de media e con datos oficiais da Xunta, uns ingresos de 8.000 euros anuais. No mercado turístico esa propiedade xeraría, segundo a principal consultora do sector, case 15.000 euros durante o mesmo período. “A fuga está servida”, sinalan dende o grupo.

Por iso, dende a Marea solicitan unha moratoria durante un ano para que “a Corporación puidese modificar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para estabelecer regras onde agora non as hai. A normativa determinaría onde se poderían implantar este tipo de negocios e onde non, protexendo as zonas sensibles ou xa saturadas e poñendo así por diante a garantía do dereito a unha vivenda digna, adecuada e asequible da cidadanía”.

Lembran que en xaneiro de 2023 propuxeron en pleno paralizar a aprobación de licencias, cando na cidade había 713 pisos, a metade que un ano e medio despois.

Con todo, sorprende ver como o goberno pide á Xunta a declaración da cidade como zona tensionada, pero segue sen tomar medidas contra os pisos turísticos.

Taxa turística

Os concellos galegos poderán implantar unha taxa turística a partir do 1 de xaneiro de 2025. Así o anunciou hai pouco o presidente da Xunta de Galicia, até agora contrario a este tipo de tributos, comúns en dous de cada tres países europeos, segundo a European Tourism Association (ETOA).

É o momento de que o goberno da Coruña aproveite a ocasión e se ppoña a traballar para ter a ordenanza lista a tempo, segundo urxe o grupo da Marea Atlántica.

Unha taxa que permitiría que “a pernoctación de visitantes e a chegada de cruceiristas se traduza en novos ingresos cos que financiar políticas públicas e protexer aqueles dereitos que máis acusan a presión
turística, como é o da vivenda”, propoñen dende o grupo municipalista.

O grupo sinala a “barra libre” do goberno socialista cos pisos turísticos como “un dos factores que explica o desorbitado crecemento do prezo dos alugueiros na cidade”.

Máis novas relacionadas

A turistificación dos Espazos

A Coruña, a cidade onde máis subiron os alugueres no primeiro trimestre

O Concello notifica a donos de pisos turísticos a necesidade de comunicación previa para a súa regulación

Marea Atlántica denuncia ante a Valedora do Pobo “inacción” do goberno local cos pisos turísticos

O goberno local da Coruña avoga por “escoitar a todos os sectores” para regular os pisos turísticos

Programa de asesoramento para arrendatarios do Concello da Coruña

O Concello da Coruña deu luz verde ao novo programa de asesoramento ás persoas arrendatarias, que impulsará desde este ano “para facilitar o acceso á vivenda”.

Así o anunciou o portavoz do goberno local, José Manuel Lage, despois de que este mércores a Xunta de Goberno local aprobase tamén, inicialmente, o plan estratéxico de subvencións do concello para o trienio 2024-2026. Será, expuxo, “para atender as necesidades económicas e sociais do tecido asociativo a escala local”.

En relación ao primeiro punto, a Xunta de Goberno aprobou o encargo á Empresa Municipal de Vivenda e Servizos (EMVSA) para que, antes de finais de ano, o primeiro programa de asesoramento ás persoas arrendatarias na cidade sexa unha realidade despois de que a iniciativa se anunciase en xullo.

Noutra orde de cousas, o consistorio informou sobre a posta en marcha da Semana da Prevención que comezará este xoves, día 3, e prolongarase ata o vindeiro luns, día 7.

CUAC FM estrea temporada con máis de 100 voluntari@s e as portas abertas

0

Nunca descansa 103.4FM. Pero co inicio de outubro arrinca unha nova tempada radiofónica de CUAC FM, a radio comunitaria da Coruña.

Este martes 1 de outubro foi a estrea realizando o equipo de La Ciencia es Femenino, unha das asociacións que realiza programa na emisora, entrevistas a varias das alcaldesas que estiveron no Pazo Municipal de María Pita. A locutora Adriana Fernández foi a responsable de levar a cabo esta iniciativa coa que a emisora estrea a 29ª tempada da radio que da voz á cidadanía coruñesa e de concellos da área metropolitana.

Dende as instalacións no Campus da Zapateira, emitindo dende os Estudios José Couso e Rafaela Hervada, máis de 100 persoas levarán a cabo a programación máis variada do dial coruñés. Dende os deportes minoritarios en Minority Sports, á cultura galega en Recendo, aos programas de humor que triunfan en audio e tamén en Tik Tok como é Vellenials, todo ten cabida na emisora que se pode escoitar no 103.4 da frecuencia modulada e tamén por internet en cuacfm.org

Regresan programas con máis de vinte anos en antena como Café con gotas, dirixido por Pablo Rubén Fernández, ou El desinformativo con Ozzy De Castro e un equipo completo de colaboradores que tamén están noutros programas como Rubén de Orión (programa de música rock e metal) ou Roberto Ansede de De los Adoquines a los Andes.

Para completar a emisión as vintecatro horas ao día os sete días da semana CUAC FM complementa os seus contidos propios con programas externos de alta calidade como Democracy Now, La Cafetera ou Carne Cruda, así como programas doutras emisoras comunitarias galegas e do resto do estado como Ábrete de Orellas, todo un referente coa música do país como principal contido. Todos os programas poden escoitarse cando se desexe dende a web ou a app grauita CUAC FM.

Queres participar

Temos un xoguete marabilloso na cidade, aberto a quen queira participar. Así, se queres unirte á emisora e facer o teu programa, aprender o participar nalgún que che mole, podes enviar un correo electrónico a comunicacion@cuacfm.org e dende o Colectivo de Universitarios Activos, a asociación coordinadora da emisora, guiarache para formarse a continuación sen custe e comezar a emitir se se desexa nalgunha das horas dispoñibles.

Novas da CUAC

O documental de CUAC FM, xa en aberto na rede

A CUAC FM celebra 27 anos de radio comunitaria

Radioactiva de CuacFM, 8 anos dando voz aos usuarios do albergue de Padre Rubinos

 

8 anos de prisión para un home por agredir sexualmente da súa sobriña menor de idade

0

O agresor aproveitábase dos síncopes que paralizaban o corpo da vítima para someterla a tocamentos

— — —

A Audiencia Provincial da Coruña impuxo unha pena de 8 anos de prisión para un home por agredir sexualmente en dúas ocasións da súa sobriña menor de idade, que sufría síncopes paralizantes dos que se aproveitaba o seu agresor para sometela a tocamentos e outro tipo de abusos.

Nunha sentenza facilitada este mércores polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a audiencia coruñesa considera probado que o home cometeu dous delitos de agresión sexual a menor de 16 anos, polos que, ademais da pena de prisión, condénao a unha orde de afastamento da vítima por un período de cinco anos.

Os feitos tiveron lugar a comezos de 2022, cando a menor se mudou a casa da súa tía, parella do agresor, debido á situación que atravesaba cos seus pais, como recolle o tribunal nun fallo contra o que cabe recurso de apelación.

O condenado aproveitouse da condición da súa sobriña política, que sufría síncopes que a paralizaban de movementos, aínda que podía continuar percibindo o que pasaba ao seu ao redor.

En dúas ocasións, valeuse destes momentos para sometela a tocamentos das súas partes íntimas e bicos contra a súa integridade, que a menor relatou á súa nai no mes de marzo, cando se interpuxo a denuncia contra o procesado.

Máis de 250 profesionais participan no IX Congreso da Asociación Técnica de Portos e Costas

0

Máis de 250 profesionais ligados ao sector portuario reúnense esta semana na Coruña no IX Congreso da Asociación Técnica de Portos e Costas (ATPYC), organizado por Portos do Estado, a Autoridade Portuaria da Coruña e a propia ATPYC, coa colaboración de diferentes entidades privadas e públicas.

O congreso comezou este mércores cunha visita ao Porto Exterior de Punta Langosteira. Posteriormente, o 3 e 4 de outubro celebraranse os relatorios e mesas redondas no Palacio de Congresos e Exposicións (Palexco).

O acto inaugural terá lugar o xoves 3 de outubro. Contará coas intervencións de Álvaro Rodríguez Dapena, presidente de Portos do Estado; Pablo Fernández Vila, director xeral de Planificación Enerxética e Minas da Xunta de Galicia; Martín Fernández Prado, presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, e Manuel Arana Burgos, presidente de ATPYC, informa o organismo portuario coruñés

Nesta edición, o título do encontro profesional é ‘Contribución de portos e costas á transición enerxética’, un campo que está de plena actualidade e que está a marcar o desenvolvemento do conxunto da sociedade. Ao longo dos dous días das xornadas abordaranse temas como as estratexias de adaptación ao cambio climático, novos combustibles, retos no desenvolvemento da eólica mariña ou novas tecnoloxías.

O barrio de Eirís contará dende 2026 cun centro de día e atención ambulatoria para persoas con dano cerebral

Representantes da Asociación de Dano Cerebral da Coruña (Adaceco) e de administracións asistiron este mércores á colocación da primeira pedra do novo centro desta entidade, que estará situado no barrio de Eirís. O novo inmoble, que estará dispoñible antes de que finalice 2026, será centro de día e terá atención ambulatoria para 130 usuarios, con terapias pautadas tres veces á semana.

O acto contou coa presenza, entre outras autoridades, da alcaldesa da cidade herculina, Inés Rey; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; a deputada provincial Yoya Neira; e a delegada da Xunta na Coruña, Belén Docampo; así como do presidente de Adaceco, Juan Luís Delgado, e do xefe de comunicación de Inditex, Raúl Estradera. Todos eles coincidiron en incidir na importancia deste novo centro de cara a mellorar a calidade das persoas con dano cerebral e das súas familias. Só en Galicia estímase que hai 7.000 afectados, deles algo máis de mil na área sanitaria da Coruña-Cee.

Así, a alcaldesa fixo fincapé no “compromiso” das administracións de “visibilizar” aos afectados por esta enfermidade e ás súas familias. Na mesma liña, a deputada provincial lamentou que se trate dun colectivo “invisible, tanto no ámbito dos social como sociosanitario”. Pola súa banda, Pedro Blanco destacou a “preocupación” por parte do Goberno central tanto polas persoas con dano cerebral como polos seus coidadores, “un elemento fundamental”.

Na súa intervención, o presidente de Adaceco agradeceu a cesión do Concello da Coruña da parcela para construír este edificio e a doazón de traballadores de Inditex que “cobre case o 50 % do importe do proxecto”. Neste sentido, o xefe de comunicación desta empresa concretou que o diñeiro “provén das achegas realizadas polos empregados no mercadillo de Nadal” e recalcou as iniciativas da compañía “enfocadas á protección da vida e o benestar das persoas”.

Os conserxes dos polideportivos esixen o pago do seu plus

0

Este domingo foi un día histórico para a cidade, coa incrible estrea do Basquet Coruña no Coliseum. Pero para o persoal de conserxería dos polideportivos da cidade foi unha ocasión para espallar a sía loita. Un grupo de traballadores e traballadoras levaron as pancartas ás portas do Coliseum e berraron arengas para esixir o cumprimento do convenio colectivo e o pago o complemento de polivalencia, por parte do Concello e da empresa concesionaria, Ilunion Outsourcing.

O presidente do comité, Xulio Ramilo, explicou que o persoal de conserxería dos polideportivos e campos de fútbol municipais está regulado por un convenio propio que contempla o pago dun plus de 300 euros.
Pero dende agosto, Ilunion Outsourcing (Grupo Social Once) négase a pagar este complemento “porque di que o Concello da Coruña non lle abona a contía”. Ramilo apunta que o convenio colectivo foi publicado o ano pasado e a administración local era coñecedora dos acordos que se estaban a negociar. Por iso, reclámalle á empresa e ao Concello que cumpran cos dereitos salariais destes 80 traballadores e traballadoras e que de inmediato se proceda ao pago das cantidades adebedadas.

Máis mobilizacións

As mobilizacións coordinadas a través do comité (CIG, UGT e CCOO) non descartan a folga, pero polo de pronto continúan estes xoves 3 de outubro, coincidindo coa sesión do pleno municipal, cunha concentración a partir das 09:00h na Praza de María Pita, onde tamén disputarán un partido de fútbol reivindicativo.

Unha colisión entre catro coches provoca retencións nos accesos de entrada na Coruña

0

Unha colisión entre catro coches provocou retencións nos accesos de entrada á cidade da Coruña durante esta mañá de mércores, segundo informou o Centro de Control de Tráfico do Noroeste.

Foi pasadas as 8:00 da mañá cando se produciu o sinistro, con catro vehículos implicados no mesmo, e en dirección entrada á urbe, precisaron.

O mesmo provocou retencións de varios quilómetros que no caso da autoestrada chegaron ao quilómetro sete mentres que tamén se estenderon ata a zona de Perillo, no municipio de Oleiros, no tramo da N-6.

Artistas da cidade convocan para este xoves no Ágora o Festival pola paz e contra as guerras

0

As guerras atravesan os cinco continentes. Unhas máis mediáticas, outras permanentes, algunhas completamente esquecidas. Máis ca nunca é preciso alzar a voz e clamar en contra dos conflitos que atravesan de violencia a vida das persoas que os padecen, especialmente as crianzas, en beneficio dos intereses duns poucos.

De aí que a comunidade social e artística da cidade convoque para este xoves, 3 de outubro, ás 20:15 h terá lugar unha nova edición do festival “Pola paz e contra as guerra”, artes escénicas e circenses para reivindicar o dereito a vivir en paz.

O festival Pola Paz e Contra as Guerras quere poñer o foco sobre as guerras e facer un chamamento pola solidariedade. Promovida pola Asociación Agra de Orzán e coordinada por Pallasos en Rebeldía, participan nela a monologuista Leti da Taberna, a compañía de circo Desastronauts, o músico Mondra e o mago cómico Dani Blanco, presentados polo pallaso Fran Rei e coa participación de Iván Prado, representante de Pallasos en Rebeldía.

20241003 Pola paz e contra as guerras

Este festival, como todas as actividades de “Agra no Ágora” son de acceso libre e gratuíto; o programa está financiado polo Concello da Coruña e deseñado en colaboración coa Asociación veciñal Agra.

A Gala por Palestina: A risa bate coa barbarie

Persoal da Escola Municipal de Música da Coruña mobilízase para pedir a xestión directa do consistorio

Persoal da Escola Municipal de Música da Coruña proseguiu este martes co calendario de mobilizacións acordado para reclamar a xestión directa por parte do Concello, que se lle asigne o orzamento necesario para ofertar un ensino público de calidade e para demandar tamén que se respecten os dereitos laborais e salariais recollidos no convenio.

Nesta ocasión, informa a CIG, a protesta trasladouse ás oficinas do Consorcio para a Promoción da Música “posto que a escola xestiónase a través deste ente mediante un contrato-convenio que, neste momento, atópase coa prórroga terminada”.

O calendario de mobilizacións continuará o mércores 9 de outubro, ás 11.30 horas, diante da escola; e o mércores 16 de outubro, á mesma hora, haberá concentración diante do Concello da Coruña, en María Pita.

Segundo o persoal, o principal problema é que o centro “non ten partidas propias nin autonomía de funcionamento e depende do Consorcio para calquera xestión, compra ou arranxo que se precise”. “A dirección non ten capacidade para poder desenvolver e avanzar no proxecto educativo”, argumentan.

O profesorado da Escola Municipal de Música protesta polo deterioro das instalacións