Inicio Blog Páxina 295

Convocan a presentación das Marchas Republicanas de Galicia

0

O vindeiro sábado 25 de xaneiro, de 18:00 a 20:00 horas, presentaranse as Marchas Republicanas en Galicia, coincidindo co 75 aniversario da morte de Castelao. O evento terá lugar na Asociación Cultural Alexandre Bóveda contará coa presenza de Nicanor Acosta e Pablo Elorduy.

Esta iniciativa forma parte da segunda Marcha Republicana Estatal, que se celebrará o 15 de xuño de 2025 en Madrid, e busca unir a diversos territorios nunha manifestación conxunta pola república.

Nación e Liberdade

Seguindo a temática histórica, este domingo 26, ás 12 h., a Aleandre Bóveda acolle unha charla do sociólogo especializado no pensamento político andaluz, Javier García, que lle dará protagonismo a Castelao e Blas Infante, e analizará os paralelismos entre Galiza e Andalucía. Contarán tamén co ensaísta e membro do padroado da Fundación Galiza Sempre, David Rodríguez.

As persoas que nos acompañedes levaredes de agasallo o caderno de 23 páxinas “75 anos do Legado de Castelao” que publica a Fundación Galiza Sempre. Cómpre inscrición na web da entidade.

A Deputación da Coruña exhibe paisaxe e gastronomía como “fío condutor” da súa nova campaña turística

0

Deputación da Coruña presentou este mércores en FITUR a súa nova campaña turística denominada ‘Unha paisaxe que sabe’, na que exhibe a paisaxe e a gastronomía da provincia como fío condutor, dous dos elementos que máis destacan os turistas que pasan por esta zona. Así o deu a coñecer o vicepresidente e responsable de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, durante a súa intervención na presentación desta campaña turística, que se produciu na ‘caseta’ de Galicia en Ifema. Na súa intervención, Regueira asegurou que a Deputación da Coruña é consciente do “potencial turístico” de Galicia e da “gran diversidade de experiencias das que se pode gozar“. “Tamén somos conscientes dos elementos que destacan as persoas que veñen coñecernos e dous deles son os que serven de fío condutor á nova campaña da Deputación, que son a paisaxe e a gastronomía“, reivindicou.

UNHA EXPERIENCIA ÚNICA

Respecto diso, o vicepresidente da Deputación apostou por presentar a provincia “a través dunha experiencia única”: “Onde o perfil das súas paisaxes se converte na orixe dunha gastronomía inigualable”. Montañas, ríos e costas non só debuxan o horizonte, senón que tamén alimentan unha tradición gastronómica que nace dunha terra fértil e dos seus xenerosos mares e rías. Por iso, na nosa campaña para o ano 2025, cada curva da paisaxe reflicte a esencia dos sabores locais, onde a natureza esculpe non só a vista, senón tamén o padal”, engadiu.

Así mesmo, destacou que A Coruña dispón de “unha paisaxe auténtica e xerador de sentimentos, habitada por xente que aínda hoxe, afortunadamente, vive e traballa nela”. “Acolledora e respectuosa con todas aquelas persoas que veñen co ánimo de valorar e de respectar o enorme valor do que lles imos a compartir”, puxo en valor. Aquí, o vicepresidente da Deputación dedicou unhas palabras á cociñeira Lucía Freitas, protagonista desta nova campaña para 2025, á que definiu como “un emblema da gastronomía de Galicia e da memoria, reparación e empoderamento de quen realmente gardaron a esencia das mulleres que cociñaron durante centos de anos no territorio”.

O DEPORTE COMO PROTAGONISTA

Na presentación da campaña para 2025 tamén interviñeron responsables da Xunta de Galicia, concellos, o Goberno central, así como o encargado de Deportes da Deputación, Antonio Leira, que tamén destacou o papel do deporte nesta nova promoción turística. Así, puxo en valor a “vía verde” na que está a traballar a Deputación para potenciar a práctica do deporte como un valor turístico.

Normalizado o tráfico en Alfonso Molina tras máis dunha hora de atascos

0

A Avenida de Alfonso Molina, principal entrada da Coruña, tivo retencións na mañá deste mércores debido a un accidente no que resultaron implicados catro vehículos por un alcance, no que non se rexistraron feridos.

Tal e como informan fontes da Dirección Xeral de Tráfico (DGT) consultadas por Europa Press, o sinistro ocorreu ás 07.50 horas desta mañá en sentido entrada da cidade “un pouco antes” da incorporación á autoestrada AP-9.

O accidente causou retencións que chegaron ata Perillo, “á zona dos concesionarios”. Ás 09.30 horas estaba solucionada a incidencia e “normalizouse xa o tráfico”, segundo apuntan as mesmas fontes.

Como lle vai a Óscar Gilsanz?

  • Xornada 23 – Burgos CF 0 – Deportivo – 1
  • O Depor amosa a súa versión mais letal de novo lonxe de Riazor.
  • Décimo encontro de Oscar Gilsanz como adestrador do Depor (5V 3E 2D).

— — —

Unha das cousas que máis lles gusta aos afeccionados ao fútbol son as fichaxes, os rumores e as elucubracións de operacións imposibles que moitas veces saen dos propios medios de comunicación ou dos propios representantes con intereses económicos en colocar aos seus representados. Cobran especial forza en dous momentos do ano, un deles en verán e o outro en inverno. Se a todo isto lle engadimos que as redes sociais son un altofalante perfecto para a distorsión e as loiadas, poucas cousas poden chamar a atención do afeccionado nestes dous intres do ano.

Pois dende este curruncho de opinión e análise, queremos darlle a importancia que ten o papel do adestrador Óscar Gilsanz dende que colleu os mandos da galera branquiazul. Precisamente, onte en Burgos cumpríronse os dez primeiros encontros do míster coma adestrador do primeiro equipo cun froito de cinco vitorias, tres empates e dúas derrotas; dezaoito puntos de trinta posibles grazas o balance goleador do equipo, vinte a favor e trece en contra (+7 na diferenza do global). Ata aquí todo son boas novas para o adestrador no desenvolvemento do equipo.

Dándolle unha volta máis a esta análise, con Gilsanz mantense a tónica dun Depor que gaña máis e mellor fóra da casa (3V 1E 1D) que en Riazor (2V 2E 1D), tendencia que, unida a da etapa de Idiakez, nos deixan a un Depor en postos de playoff nunha clasificación de mellores visitantes (6º), fronte a un equipo en descenso nunha clasificación dos mellores locais (posto 19º). Aquí ai marxe de mellora, pois os éxitos na 2ª División pasan por número bos como local.

Ata o de aquí, todo estatística e xogo de números. Pero, hai mellores novas no futbolístico, pois o Depor xa compite a tódolos niveis contra calquera rival e amosa máis oficio e efectividade que no principio da tempada, pois isto non era así. O tanto de onte en Burgos define ben o que quere o adestrador: moveuse o balón de banda a banda ata en catro ocasións, máis dun minuto de posesión, con entrada pola banda e remate dun mediocentro que iniciara a xogada segundos antes. Bo movemento harmónico do equipo e moitos mecanismos interiorizados polos xogadores. Moito traballo do adestrador o do equipo técnico.

Se algo se pode poñer en dúbida dos adestradores desta tempada do Depor é a pouca aportación dende o banco de suplentes, e que non souberan atinar coa tecla para elevar o rendemento duns suplentes que ben sona que poidan saír neste mercado de inverno. Aínda que este tampouco e un problema do míster, mais ben doutros que tamén dan para un análise desta sección.

 

miguel barreiro

  • Miguel Barreiro Bugallo. Coruñés e deportivista no exilio mesetario. Sufrindo ó depor dende 1988. O que sei de fútbol, o Depor empéñase en negarmo. Firme defensor do fútbol de botas negras.

 

MÁIS CRÓNICAS DO DÉPOR DE MIGUEL BARREIRO

Luz verde da Xunta ao informe ambiental de modificación do PXOM de Coruña para 520 vivendas protexidas máis en Xuxán

0

A Xunta de Galicia deu luz verde ao informe ambiental de modificación do PXOM da Coruña para construír 520 vivendas protexidas máis no barrio de Xuxán (antigo Ofimático). Segundo explican nun comunicado, esta modificación foi impulsada pola Xunta a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS). A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, asinou este luns o Informe ambiental estratéxico (IAE) relativo á referida modificación, concluíndo que “non se prevé que teña efectos ambientais adversos significativos”.

En todo caso, no propio documento establécense condicións para o cumprimento dos obxectivos de calidade acústica nesa zona e a obrigación de incluír na documentación a zonificación acústica da superficie de actuación. Este informe remitirase ao Concello da Coruña para que poida seguir tramitando a modificación do PXOM, e farase público a través do Diario Oficial de Galicia e da propia web da Consellería.

Remarcan que o obxectivo co que se promove este cambio urbanístico é establecer unha nova repartición de usos no chamado sector SURT-2 (localizado na zona sur da cidade, nunha área entre os barrios de Matogrande e As Flores, a avenida de Alfonso Molina e o núcleo de Eirís de Abaixo) para poder incrementar o desenvolvemento residencial de tres parcelas propiedade da Xunta dentro deste ámbito. En concreto, a Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal) dispón nesta zona de terreos cualificados no plan vixente como de uso terciario (é dicir, destinados a albergar oficinas e actividade comercial), pero que a Xunta propuxo reorientar ao constatarse que non existe este tipo de demanda na zona.

Por este motivo, sinalan, solicitouse no seu día ao Concello que promovese unha modificación do PXOM neste sector para permitir a construción de aproximadamente 520 vivendas protexidas, a maiores das previstas no resto do ámbito. De feito, o IGVS ten comprometido desenvolver un total de 1.100 vivendas protexidas en Xuxán (entre as promovidas directamente polo Goberno galego e as construídas por promotores privados) ás que se sumarían as 520 VPP adicionais que podería albergar o sector SURT-2 tras os cambios de uso promovidos.

Atopan morta unha muller no interior dunha fonte dunha praza da Coruña

0

As primeiras investigacións non apuntan a un feito violento en relación á muller achada morta este luns na fonte dunha praza da Coruña. Así o confirmaron fontes próximas ao caso consultadas por Europa Press que sinalaron que, á espera do resultado da autopsia, non apunta “a nada delituoso nin violento”.

O cadáver dunha muller foi localizado este luns por un transeunte na praza Salvador de Madariaga da Coruña, segundo informaron fontes do CIAE 112 Galicia. Así, os servizos de Emerxencias recibiron o aviso, a través de Urxencias Sanitarias, sobre as 7,10 horas deste luns, cando un particular avisaba do achado dunha muller flotando na auga da fonte.

Ao lugar acudiron efectivos de Urxencias Sanitarias-061, de Policía Local e Policía Nacional, e tamén foron informados efectivos de Protección Civil e de bombeiros. Os profesionais sanitarios que atenderon á muller non puideron facer nada, salvo confirmar o falecemento.

A UDC lidera un programa de atención psicoterapéutica, con atención a 491 menores en situación de risco e desamparo

0

Un total de 491 nenos e nenas derivados polos equipos técnicos de menores da Xunta recibiron atención psicoterapéutica en 2024 no marco do Programa de Avaliación e Tratamento Terapéutico a Menores en Risco ou Desamparo que lidera, no catro provincias galegas, a Universidade de Coruña (UDC).

Faino, informa, a través da súa Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar (UIICF), adscrita á Facultade de Enfermaría e Podoloxía do campus industrial de Ferrol. Segundo datos do último informe anual do programa, a provincia da Coruña concentra o maior número destas derivacións cun total de 196 solicitudes de atención psicoterapéutica. En segunda posición, figura a provincia de Pontevedra cunha cifra que ascende ata as 154. As provincias de Ourense e de Lugo contan, respectivamente, con 76 e 67 solicitudes.

Este programa, financiado pola Xunta de Galicia e polo Fondo Social Europeo Plus, dispón dun total de dez centros colaboradores de atención psicoterapéutica situados no sete grandes cidades galegas.

Aviso por choiva este martes no litoral sur da Coruña

0

A choiva porá este martes en aviso a oito provincias no oeste da península, entre elas o litoral sur da Coruña, nun día no que Canarias tamén terá aviso, no seu caso por ondas, segundo a predición da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET). En concreto, os avisos por choivas rexistraranse en Huelva e Sevilla (Andalucía); Ávila e Salamanca (Castela e León); Toledo (Castela-A Mancha); Badaxoz e Cáceres (Estremadura); e A Coruña (Galicia). Ademais, Huelva (Andalucía) tamén terá aviso por treboadas.

Doutra banda, Gran Canaria, Lanzarote, Forteventura, A Palma, A Gomera, El Hierro e Tenerife (Canarias) terán avisos por ondada. Á súa vez, A Palma (Canarias) terao tamén por vento. AEMET prevé que persista unha situación de inestabilidade na Península baixo a influencia da borrasca Garoé e as súas frontes, que deixarán un predominio de ceos nubrados ou cubertos e precipitacións practicamente xeneralizadas. O prognóstico recolle que serán máis abundantes no cuadrante suroeste.

No oeste do Sistema Central, Estremadura e en Andalucía occidental haberá acumulados significativos, onde poderían ser fortes e ir acompañadas de treboada. Por esta parte, non se descarta que de forma local haxa algunha tuba mariña ou tornado. Así mesmo, as precipitacións poderán ser localmente fortes no oeste de Galicia. No lado oposto, o organismo estatal indica que as choivas son menos probables e prevense menos intensas no Cantábrico, terzo nordeste e demais áreas mediterráneas.

Ademais, durante a xornada espéranse nevadas débiles en Pireneos, e poderían rexistrarse tamén en cumes doutros sistemas montañosos da metade norte cunha cota superior aos 1.800/2.000 metros (m). Mentres, Canarias tamén se verá afectada por un das frontes da borrasca. Esta deixará ceos nubrados e precipitacións nas illas de maior relevo, máis abundantes na Palma, pero non se prevé afecten as illas máis orientais. No que respecta ás temperaturas, estas aumentarán de forma practicamente xeneralizada excepto en boa parte do terzo nordeste, onde en xeral non presentarán grandes cambios.

Así mesmo, o organismo estatal recolle no seu prognóstico ascesos notables en amplas zonas da Península. Neste marco, as xeadas quedarán restrinxidas a Pireneos, chegando a moderadas, e non se descarta que se dean localmente noutras contornas de montaña da metade nordeste. As capitais de provincia que rexistrarán valores máis baixos serán Ávila, Xirona e Teruel con 1 ºC. Polo demais, AEMET prevé ventos frouxos do leste e sueste no terzo nordeste peninsular, cun predominio de ventos do sur e suroeste no resto do país. Son probables os intervalos de forte en litorais do oeste de Galicia, golfo de Cádiz e Canarias, así como os refachos moi fortes en cumes da Palma, sen descartarse en montañas do sueste peninsular.

O litoral da Coruña activa o domingo a alerta amarela por temporal

0

O litoral da provincia da Coruña e as rías Baixas activa este domingo a alerta amarela por temporal costeiro e o sur da provincia de Ourense por frío. Así o mostra a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) na súa páxina web, que indica que en Ourense os termómetros poden chegar a alcanzar os -4 graos.

Así mesmo, no litoral espérase vento con refachos de 50 a 61 quilómetros por hora e mar combinado con ondas de catro a cinco metros de altura. Durante o domingo chegará unha fronte que deixará ceos cubertos con precipitacións e provocará que as temperaturas mínimas suban e baixen as máximas.

Inés Rey asegura que a cidade non periga “en absoluto” como sede do Mundial 2030

0

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, asegurou que a cidade herculina non periga “en absoluto” como sede do Mundial 2030 ante a aposta da Real Federación Española de Fútbol por Valencia. Recalcou, ademais, que “hai máis investidores que ao principio” interesados en participar neste proxecto. Así o manifestou, a preguntas dos xornalistas sobre este asunto, tras a presentación das melloras no muíño do parque de Santa Margarita, na cidade herculina.

“Estamos moi satisfeitos co traballo realizado e convencidos de que vai ser un dos maiores proxectos para a cidade para o ano 2030“, sinalou a rexedora. Fíxoo para explicar que para a candidatura da Coruña, co estadio de Riazor como unha das sedes do Mundial que pasou o corte da FIFA, “non é que non haxa investidores é que agora hai máis dos que había ao principio”. “O cal demostra a fortaleza do proxecto e o interese dos investidores por participar nun proxecto tan ambicioso que vai situar A Coruña no mapa internacional”, insistiu.