Inicio Blog Páxina 294

Palavea reflexiona este venres sobre a destrución da Sanidade Pública

0

Este venres 24 de xaneiro a Asociación veciñal “Os nosos lares” de Palavea coorganiza xunto coa plataforma de SOS Sanidade Pública A Coruña a proxeción do documental “DEP-Destruir é o plan”, que trata sobre a deterioración da Sanidade Pública en Galicia e contra o negocio da saúde a través do relato dunha multiplicidade de voces, desde profesionais sanitarios a usuarios, pasando por xornalistas. Un documental candidato a mellor longametraxe na edición dos Premios Mestre Mateo deste ano.

A proxección comezará ás 19:00 h. no Centro Cívico de Palavea. Ao remate haberá unha charla presentada por Rexina Basadre Orozco, médico de familia, na que participarán Juan Oliver, xornalista de Público, e Ramón Veras, voceiro de SOS Sanidade
Pública A Coruña.

Alertan que o documento-base da reforma portuaria prevé privatizar o solo de San Diego e non só para uso residencial

0

Este venres a Coruña xógase moito na reunión da Comisión da reforma fachada marítima da Coruña. Onte dabamos as primeiras pinceladas do documento base que probablemente se vai aprobar, e posteriormente licitar, para realizar o proxecto desta obra que vai cambiar a fisionomía e estrutura da cidade.

Unha das Plataformas máis activas neste proceso, Defensa do Común, considera necesario facer as seguintes precisións para coñecemento público tras analizar as primeiras valoracións que pode facer a través do que sae na prensa sobre o documento-base da reforma portuaria. A entidade xa se preguntaba hai meses se o protocolo garantizaba a titularidade pública dos terreos, e tras ver as primeiras DdC critica que “a proposta omite, conscente ou inconscentemente, tres demandas cidadáns e asumidas pola propia corporación municipal, isto é, titularidade pública dos terreos, ente público de xestión e condonación da débeda con Portos do Estado”. “Pola contra, o esceario previsto é o da desafectación e privatización en San Diego, e non só con destino a uso residencial”, sinalan.

Así, a Plataforma na obriga de “alertar á opinión pública de que a hipotética consumación do documento coñecido, suporía, de facto, unha reducción moi significativa do dominio público e de usos portuarios, con repercusións moi negativas para actividade portuaria, pesqueira e de usos complementarios e co agravante de que a Autoridade Portuaria aínda non ten definido o seu novo plan estratéxico para os vindeiros anos”.

Participación pública e transparencia

A entidade tamén “censura o que estima como falla de trasparencia e participación real da cidadanía, na medida en que o que agora estase a publicitar (redactado pola entidade externa Ineco) vai determinar todo o proceso posterior, fundamentalmente o futuro concurso e a ordenación urbanística e de usos dos peiraos. Un documento, redactado por Ineco, que tan só recolle unha parte das demandas cidadáns e que mantén como invariábel a privatización especulativa de parte dos terreos”.

Concurso restrinxido

A xuizo de DdC “resulta inpresentábel e inxustificábel a creación dun concurso restrinxido para o deseño do Plan Director. O concurso de proxectos debe ser aberto. Non hai razóns que amparen limitar, cunha preselección a dedo, a cinco candidaturas. Un procedemento restrinxido é o contrario á idea de participación que tanto vense pregoado até o de agora”.

Mobilidade vs rendibilidade

Defensa do Comín sinala que “as propostas de mobilidade, aínda que haia que saudar o feito de que contemplan varias das demandas cidadáns, as mesmas non poden nen deben quedar condicionadas coa estratexia de obtención de plusvalías por parte de Adif cos terreos da actual estación”.

Máis novas

O futuro da fachada marítima da Coruña en xogo

Garante o protocolo da Fachada Marítima a titularidade pública do terreos portuarios de San Diego?

Defensa do Común e a AVV Oza-Gaiteira-Os Castros mandan as súas propostas para a renovación da fachada marítima

Análise: Que foi do interese xeral na reordenación urbanística da fachada litoral nas Xubias?

As 10 promocións urbanísticas formuladas na Coruña prevén a construción de 18.000 novas vivendas

A Coruña manterá a bonificación no bus urbano logo do rexeitamento ao decreto ómnibus no Congreso

0

O Concello da Coruña manterá por agora a bonificación do autobús urbano, á espera de estudar “os pasos a dar” tras o rexeitamento no Congreso ao decreto ómnibus, polo que quedan anuladas as bonificacións ao transporte público.

En declaracións a Europa Press o portavoz do goberno local, José Manuel Lage, aseverou que quen ten que dar explicacións aos cidadáns “é o PP, que onte votou en contra de bonificar o transporte público e, por tanto, é o responsable de que se eliminen as axudas implantadas polo goberno de Pedro Sánchez”.

“O PP mostra a súa verdadeira cara votando en contra dos intereses da maioría dos cidadáns que valoran positivamente que rebaixásemos o prezo do transporte público”, aseverou.

Ademais, ha inicido en que os socialistas “fan que o transporte público sexa máis barato e o PP, co seu voto en contra, fai que sexa máis caro”.

A lingua galega revive nos cemiterios

  • Menos do 1% das lousas dos camposantos coruñeses están en galego, pero a tendencia é clarament emerxente dende comezos do século XXI.

— — —

O lento pasamento que leva sufrindo a lingua galega nas últimas décadas, vive a súa contraposición nun lugares tan singulares como son os camposantos. A iniciativa colaborativa de intervención educativa “Modelo Burela”, alentado por Bernardo Penabade, está desenvolvendo ao longo da país un verdadeiro traballo de investigación colectiva, para analizar a presenza, emerxente, do galego, nos cemiterios do país.

Na área coruñesa, por agora e esperando que haia moitas máis persoas que se involucren, son 3 as persoas que levan visitando os camposantos e analizando o uso do galego nas lousas funerarias. Diego Cavarcos ten analizando os cemiterios de dúas parroquias da Coruña (San Cristovo das Viñas e Santa María de Oza) e Ordes; tamén está involucrada Xema Sanxurxo, agora profesora que xa sendo alumna de Alonso Montero comezou a colaborar.

E tamén a escritora Emma Pedreira, que mentres realizou a investigación para o seu libro As horas mortas. Viaxes e Conversas por cemiterios galegos [Baía Ed.] que agora está en xira de presentación, ten analizando, entre outros, a presenza da nosa lingua nas lousas dos cemiterios de Sada. “No libro analizo 200 cemiterios facendo un tratado máis histórico, anecdótico, pero notei que o tema lingüístico era unha cousa que excedía con moito o que podería ter saído nun capítulo, así que o deixei para analizalo máis amplamente, e penso facer algo máis vinculado coa lingua e analizar esta eiva”, explica dando conta da continuidade das súas investigacións/observacións directas.

”Só hai 3 lousas”, ou “Xa hai 3 lousas”

Aínda que polo momento non ten realizado ese estudo exhaustivo da documentación recollida, confirmou o evidente distanciamento entre as expresións oral e escrita tan presente no conxunto da sociedade: a porcentaxe de inscricións funerarias en que aparecen as palabras “muller”, “home”, “fillos” ou “netos” son aínda escasas, mais nótase a tendencia emerxente, moi especialmente nestes anos que levamos do século XXI. Despois dunha observación sistemática das propiedades funerarias de máis de 5.000 familias, a súa observación é ben significativa de como está o panorama na actualidade.

Porque as cifras, en crú, non son moi alentadoras. Se temos comprobado que en lugares como Carnota a porcentaxe de galego nas lápidas ronda entre o 10% e o 20%, nos cemiterios analizandos na área coruñesa apenas hai o 0,5%. A nivel galego andamos a día de hoxe nun 5% de lousas en galego, pero a gran nova é que a tendencia é tremendamente emerxente dende comezos do século XXI, pois hai referencias para anallizar o salto do 0,2% ao 5% nos últimos 25 anos en Galicia. De aí a gran diferencia na que incide Penabade poñendo en valor o “xa” por diante do “aínda”.

Os datos

No cemiterio urbano de Sada, Pedreira fixo 3660 visualizacións completas, localizou un total de 16 familias que apostaron pola estabilidade do idioma galego; e insiste en que “case todos eses textos son auténticos tesouros, dignos de figurar nunha antoloxía propia da liga das estrelas”. Para ter un contraste entre os ambientes rural e urbano, visitou tamén a parroquia de Veigue, onde descubriu a estabiidade lingüística de 3 das 157 familias.
Aínda desexosa de que o estudo fose máis científico, fixo a comparación con Cangas do Morrazo (con 49 familias dun toral de 2132) e con Centroña, en Pontedeume, onde mantiveron o galego tamén na escrita 4 familias dun total de 311.

Os datos de Diego Cabarcos nos cemiterios herculinos tampouco son moi alentadores, facendo unha media de presenza dun 1,62% das lousas na nosa lingua. No Cemiterio de San Cristovo das Viñas, sito entre Elviña e A Grela, entre a Avda. San Cristóbal e a saída de AC-14 por Elviña, dun total de 1180, só 9 (o 0,5%) están en galego. Con todo, a boa nova é que todas son posteriores a 1990, e que 7 delas son de 2011 ata os nosos días).
No cemiterio de Santa María de Oza, ao carón da Praza Pablo Iglesias, Cabarcos atopou 6 placas en galego das 805 totais (un 0,7%), habendo unha de 1979, pero a meirande parte xa do século XXI.

Cambio de tendencia: Relevo xeracional

A panorámica observada por Emma Pedreira, está en total consonancia coa que se desprende do estudo realizado polo xornalista David Canto Veiga, encargado de recopilar e estudar a información recollida en toda Galicia, occidente de Asturias, o Bierzo e As Portelas (en Zamora). O cambio de tendencia produciuse nestes últimos anos e débese ao relevo xeneracional: as primeiras persoas alfabetizadas en galego nos primeiros anos da etapa democrática pasan agora a ocuparse do coidado do lugar en que respousan definitivamente os seus parentes. Co cambio de xeración das persoas, cambia tamén a valoración e o uso do idioma.

Colaboración cidadá

“Queda moito por influenciar”, apunta esperanzada Pedreira que nota como cada vez hai máis xente que se une a este proxecto de investigación colectiva e que aproveita o seu turismo necrolóxico dun xeito máis activo, uníndose á á “selección galega de visualización cementerística” e apuntando, con libreta, bolígrafo e teléfono, estes curiosos datos lingüísticos.

Así, o proxecto segue medrando, a base de voluntarismo, e desde o pasado mes de outubro toda esta información está publicada nun mapa de consulta pública presentado polo Consello da Cultura Galega: a ”Cartografía do uso do galego nos camposantos”, que contén información sobre uns 200 cemiterios e que está aberto á colaboración cidadá.

Máis novas sobre lingua

A RAG culpa o Decreto do Plurilingüismo como gran causante da dramática situación do galego

Que problemas ten o galego para ser útil en Internet?

Serie de entrevistas sobre a lingua

Carmen Pereira, mestra de Primaria: “A rapazada precisa máis contido galego”

“Hai moito galegofalante encuberto na cidade”

Ana Suárez: “Nas entidades sociais está bastante normalizado o uso do galego, non tanto na administración penitenciaria”

Xurxo Souto: “Na Coruña somos un dos lugares con maior número de galegofalantes”

Prorrogada a fase de instrución pola morte de Yoel Quispe na Coruña na Noiteboa de 2023

0

A fase de instrución na que se atopa o caso pola morte de Yoel Quispe, o mozo apuñalado mortalmente na madrugada do día de Noiteboa de 2023 na Coruña, foi prorrogada por seis meses mentres proseguen as actuacións en relación ao mesmo.

Así o confirmou, en declaracións a Europa Press, Adrián Borrajo, avogado da nai da vítima, que explicou, con motivo dunha nova mobilización de achegados, que este xoves houbo unha nova declaración nos xulgados.

“Para acreditar a autoría do vídeo de 15 segundos que saíu publicado ao comezo, cando sucedeu todo, onde se ve un extracto da agresión”, indicou respecto dela.

Pola súa banda, a nai de Yoel Quispe, Yovana Gómez, asegurou que está “esnaquizada” e que leva “máis dun ano” esperando que se faga “xustiza” co seu fillo. “Cada día que pasa para min é o peor, unha parte da miña vida foise co meu fillo”, lamentou.

En relación a este caso, Fiscalía imputou formalmente delito de homicidio ao tres detidos, acusación á que se sumou no seu momento a familia que, no entanto, solicitou no marco da instrución máis probas ao entender que os feitos son constitutivos de asasinato.

Máis novas

 

Amigos e familiares de Yoel Quispe volven pedir “xustiza” nunha nova protesta nos xulgados

O tecido antirracista galego sae á rúa na Coruña para pedir xustiza para Henry e para Yoel

Detidas dúas persoas polo apuñalamento mortal de Yoel Quispe na Coruña

Fiscalía non recorrerá a sentenza do xuízo de Samuel Luiz

0

O Ministerio Público non recorrerá a sentenza que condenou a catro novos polo asasinato de Samuel Luiz, cometido na madrugada do 3 de xullo de 2021 no paseo marítimo coruñés tras unha malleira ao pensar un deles que estaba a gravar cando realmente facía unha videochamada.

Así o confirmaron fontes consultadas por Europa Press despois de que a Audiencia Provincial da Coruña, de conformidade co veredicto do Tribunal do Xurado, condenáseos a penas que suman un total de 74 anos e medio de cárcere.

Fíxoo ao considerar que tres son coautores de asasinato, uno cómplice e un a maiores autor do roubo do móbil da vítima, da que o fallo sostén que foi agredida sen posibilidade de defensa.

RECURSOS DE DEFENSAS

Pola contra, si recorrerán defensas como confirmaron as de Alejandro F.G., condenado a 20 anos de cárcere, e as de Kaio A.S.C, ao que se lle impuxo 20 anos e medio, e a de Alejandro M.R., ao que se lle condenou a 10 anos como cómplice de asasinato.

Do cinco novos acusados, considerouse non culpable á única moza, C.S.B., mentres que ao seu entón parella Diego M.M., ao concorrer a circunstancia agravante de discriminación por motivos de orientación sexual, a maxistrada presidenta impúxolle 24 anos de cárcere, pena moi próxima ao máximo legal — 25 anos –, que non lle aplica porque o xurado non apreciou a agravante de asañamento.

Pola súa banda, a Alejandro F.G. condenouno a 20 anos de cárcere pois explica que a non concorrencia de circunstancias agravantes nin atenuantes determina a imposición da pena na súa metade inferior, o que abarca un arco punitivo que vai de 15 a 20 anos de prisión, do mesmo xeito que no caso de Kaio A.S.C.

A leste impúxolle un total de 20 anos e medio — 17 anos polo asasinato e tres anos e medio polo roubo con violencia– pois indicou que a súa intervención no asasinato “non alcanza a entidade” da de Diego M.M. e Alejandro F.G.

A Alejandro M.R. condenouno a 10 anos de cárcere xa que, ao tratarse dun cómplice de asasinato, sinalou que procedía impor a pena inferior en grao que, neste caso, abarca un arco punitivo de 7 anos e medio a 15 anos de prisión.

ARGUMENTOS DE FISCALIA

Fiscalía non recorrerá o fallo condenatorio polo crime de Samuel Luiz ao concordar “coa acusación formulada pola fiscal, excepto na absolución da muller inicialmente acusada”.

Respecto deste punto, considera, segundo informa, que non cabe recorrer a súa absolución, pedindo a nulidade e repetición do xuízo xa que a decisión do xurado está motivada e correctamente fundamentada.

En canto ás penas, lixeiramente inferiores ás solicitadas polo Ministerio Fiscal, a Fiscalía considera que non cabe un recurso contra a imposición das mesmas xa que a maxistrada haas modulado de forma equilibrada e correcta.

Máis novas do caso

Un total de 74 anos e medio de cárcere aos catro culpables de asasinar a Samuel Luiz

Ignacio Siota volve encabezar a Asemblea Local do BNG na Coruña

0

Este mércores, celebouse a Asemblea Local do BNG, que serviu para elixir, por unanimidade, a listaxe de catorce persoas que van conformar o novo Consello Local da formación nacionalista na cidade. A candidatura volve estar encabezada como responsábel local por Ignacio Siota.

Siota, coruñés de 31 anos e licenciado en Ciencias Políticas e Socioloxía, estará acompañado no Consello Local por Keina Espiñeira, Jorge Castro, Guadalupe Martínez, Xabier Pérez Couto, Andrea Ramos, Raimundo Martínez, Mercedes Queixas, Francisco Jorquera, Isabel Risco, Fran Rei, Avia Veira, Isidro Daviña e David Soto.
A estes membros electos pola Asemblea Local vaise unir a persoa que designe a organización xuvenil coruñesa de Galiza Nova.

 

A Asemblea Local do BNG da Corua 2025
Imaxe da Asemblea Local de onte

A Coruña presenta en FITUR a súa aposta pola cultura galega e a música internacional como a mellor oferta turística

0

O Concello da Coruña presentou esta mañá na Feira Internacional de Turismo (Fitur) a súa estratexia turística para este ano 2025.

A comitiva presentou “Destino A Coruña” no pavillón de Galicia de Ifema Madrid, onde sinalou que esta cidade “é o principal referente do noroeste peninsular, onde representa unha opción completa, especial, diferente e, ante todo, disposta a practicar a sedución desde a súa Cultura de Vivir”.

Durante o acto púidose ver a curtametraxe dirixida e protagonizada por Javier Veiga xunto a Xosé A. Touriñán que se presentou a pasada noite. Esta nova campaña turística mostra as grandes potencialidades da cidade nun formato de ‘western’ con toques de humor propios destes actores.

A rexedora anunciou  que Baiuca abrirá o 175 aniversario das Festas de María Pita e Luar na Lubre actuará no Festival Noroeste Estrella Galicia.
Ademais, tamén en clave musical, sinalou que artista portorriqueño Residente será o cabeza de cartel do Morriña Festival.
E puxo tamén nome ao festival de cultura e fútbol, ‘Rebumbio’, será o punto de partida dos actos previstos como sede do Mundial 2030

Presentan no Casino o número XXII da revista histórica Nalgures

Este xoves 30 de xaneiro ás 20 horas, o local do Sporting Club Casino da Coruña (Rúa Real, 83) acolle a presentación do número XXII da súa revista Nalgures, editada pola Asociación Cultural de Estudos Históricos de Galicia.

Tal como lembra Pedro López Gómez na introdución desta entrega da cabeceira, a asociación ten entre os seus obxectivos o establecemento de vínculos e a colaboración na investigación, así como a publicación de traballos históricos, dos que xa se superaron os 200 de artigos divulgados.

Este Nalgures que se distribúe neste semestre en 2025 corresponde a traballos rematados no ano precedente, daí que indique 2024 na súa portada, e permite descubrir episodios e protagonistas da historia de Camariñas, Cambre, Ferrol, Malpica, Muxía, Ribadeo, San Munio de Veiga (Ourense), Sobrado dos Monxes, Tui, …

Entre as múltiples materias abordadas cóntanse a arte relixiosa e os mosteiros, o comercio, a historia das mulleres, a historia local, as infraestruturas militares, as biografías de diversas figuras do mundo da política, da nobreza, da agricultura ou da filantropía, así como o estudo de conflitos bélicos antigos e recentes, en clave económica ou de nomes propios.

Este número leva como habitualmente contido gráfico a cor, unha ampla aportación visual que inclúe gravados, fotografías, planos, gráficos cuantitativos e outros tipos de valiosas ilustracións das investigacións incorporadas.

Participan autores como Arturo Abad Pardo analizando a “Guerra de Sucesión en Galicia (1700-1714)”; Xurxo Alfeirán falando sobre o filántropo malpicán Anselmo Villar Amigo; Cristina Barreiro Abuín sobre Sobrado dos Monxes; José Enrique Benlloch Castiñeira sobre a presenza galega na resistencia francesa; José Enrique Benlloch del Río e José Enrique Benlloch Castiñeira afondando sobre o comercio marítimo en Muxía e Camariñas; Alfonso Daniel Fernández Pousada repasando a biografía de Solla de Godoy; Javier García Gómez sobre o Mosteiro de Pravio (Cambre); José Manuel López Hermida e Alberto Paraje Méndez sobre as defensas de Ribadeo; José María López-Dafonte Sanjuán sobre o socialista Francisco Fernández García; Carlos Pereira Martínez sobre o espiritismo en Ferrol do século XIX; Gabriel Plata Parga sobre Gabriel Plata Astray, propulsor del cultivo de la alfalfa en Galicia; Ana Romero Masiá sobre as as espontaneadas de Malpica de Bergantiños na primeira metade do sécul XIX; e Ramón Yzquierdo Perrín sobre a Cruz parroquial de san Munio de Veiga, en Ourense.

Conferencia

Co gallo da presentación do Nalgures XXII, Carlos Pereira impartirá a conferencia «O espiritismo na cidade de Ferrol no século XIX: o centro La Reencarnación».

 

O futuro da fachada marítima da Coruña en xogo

Este venres, despois de varios meses de comparecencias na Comisión da Fachada Marítima de diferentes entidades sociais e económicas da comarca, vai haber unha importante reunión para avaliar un estudo final, que podería ser levado á licitación se sae aprobado pola Comisión Coruña Marítima.

Un documento que non garante a titularidade pública dos peiraos de San Diego e Batería, e que contema a construción de edificios de vivendas nos mesmos para “garantir a viabilidade económica do proxecto”. Unha medida controvertida, xa criticada dende a sociedade civil, como Defensa do Común.
O documento recolle tamén un “equipamento cultural icónico” e un enlace de tren de cercanías, entre outras propostas.

O PP xa se ten posicionado a favor, sinalando que as “liñas principais do estudo son bos vimbios para comezar a deseñar o desenvolvemento destes terreos”.

Dende a sociedade civil, compartimos as estimacións de Defensa do Común respecto ao concurso de ideas para o futuro deseño portuario. A plataforma cidadá, co aval que lle proporciona a súa traxectoria na defensa dos espazos públicos portuarios dende as vertentes institucional e social, esíxirá a súa participación real para a defensa dos usos e dominios públicos e para amosar a súa oposición firme á obtención de plusvalías especulativas.

Decálogo de Defensa do Común para a Comisión Especial Fachada Marítima

  • 1.- Instar ao Goberno municipal a que elabore no prazo de seis meses as bases dunha proposta de ordenación (de usos e urbanística) e de xestión para o porto interior (peiraos de Bateria/Calvo Sotelo e San Diego), aos efectos do seu traslado e negociación coas restantes administracións competentes e co obxectivo de conveniar, deixando sen efecto os Convenios de 2004, os seguintes apartados :
    – a) Modificación dos instrumentos de ordenación de usos (Documento de utilización dos espazos portuarios) e urbanísticos (Plan especial de ordenación da zona de servizo do porto e PXOM).
    – b) Modelo de gobernanza (ente público de xestión).
  • 2.- Apoio e potenciación da continuidade da actividade portuaria no porto interior, en especial no referido ás actividades pesqueiras e de transformación, de economía azul e de actividades comerciais portuarias. Nos terreos funcionalmente ou tecnicamente non necesarios para a actividade portuaria, integración do uso de interacción porto-cidade, con destino a usos dotacionais públicos (equipamentos, espazos libres e zonas verdes) dentro do obxectivo dun gran parque urbano.
  • 3.- Mantemento da natureza demanial dos terreos, evitando a desafectación e correlativa mutación a patrimoniais dos mesmos. En consecuencia, exclusión do uso residencial.
  • 4.- Coherencia e axuste da futura ordenación do porto interior dentro do ámbito do conxunto do bordo litoral e da súa continuidade polas Xubias ata A Pasaxe, en especial no relativo aos sistemas xerais e ás normas de aplicación directa de  preservación dos valores ambientais, naturais e paisaxísticos.
  • 5.- Caracterización da natureza e réxime xurídico da entidade pública de xestión dos terreos de interacción porto-cidade, así como das súas fontes de financiamento.
  • 6.- Esixencia ao Goberno do Estado da condonación do préstamo de Portos do Estado coa Autoridade Portuaria, así como a dotación plurianual significativa de financiamento ás actuacións urbanizadoras de interacción porto-cidade no porto interior, debendo en ambos casos ser incluidas na programación plurianual dos Orzamentos xerais do Estado para o 2025. Todo ilo sen prexuizo da procedencia de renegociación das condicións (amortización e intereses) de dito préstamo.
  • 7.- Previsión dentro do novo Plan estratéxico e Plan de empresa da suficiencia de recursos ordinarios derivados da actividade portuaria (taxas de ocupación e de actividade) cos que asegurar tanto a cobertura do financiamento de investimentos operativos como do pago do servizo da débeda.
  • 8.- Dentro do obxectivo do marco de referencia supra-municipal da futura ordenación do porto interior, integrar a mobilidade metropolitana (viaria e ferroviaria) como eixo fundamental na ordenación, coa previsión de integración da estación de San Cristobal nunha futura rede de cercanías.
  • 9.- Asegurar a imprescindible participación pública e cidadá en todas as fases definidoras do novo escenario do porto interior. Creación dunha plataforma ou foro de participación estable sobre o litoral, aberto a entidades representativas, aos efectos de colaboración participada na elaboración de propostas, en especial as relativas aos apartados 1 e 5 antes sinalados.
  • 10.- Someter a consulta popular (art. 71 Lei 7/1985) a proposta definitiva sobre a ordenación e xestión do ámbito.

Máis novas da Fachada Marítima

Garante o protocolo da Fachada Marítima a titularidade pública do terreos portuarios de San Diego?

Entidades da Coruña reclaman que a fachada marítima aposte por un porto ligado á economía do mar

Defensa do Común e a AVV Oza-Gaiteira-Os Castros mandan as súas propostas para a renovación da fachada marítima

Análise: Que foi do interese xeral na reordenación urbanística da fachada litoral nas Xubias?

As 10 promocións urbanísticas formuladas na Coruña prevén a construción de 18.000 novas vivendas