O hisstórico locutor radiofónico Moncho Viña acaba de publicar o seu libro Moito que contar. Dépor e radio: dúas paixóns e un cento de historias. Un ensaio editado por Baía Edicións, que recolle as reflexións dun dos grandes xornalistas deportivos de Radio Juventud, Radio Cadena Española e RNE. Coordinador da Radio Conta e colaborador do Foro Comunicación y Escuela (IES Elisa e Luis Villamil, en Vegadeo), da Radio Galega, Radio Marca, Radio Coruña e DXT.
Moito que contar é unha frase que inevitablemente trae o recordo o noso querido Arsenio. Este libro cargado de xornalismo e deportivismo, lembra lendas como Amancio, Arsenio, Luís Suárez, Vicente, Fran, Djukic, Bebeto, Mauro Silva ou Djalminha. O foco ábrese para inserir historias do Celta ou do Compostela e doutros deportes como o baloncesto, o ciclismo ou o hóckey.
Sobre o traballo metódico e vivencial de Moncho Viña, Moito que contar ábrese tamén ás achegas que realizaron Alfonso Hermida, Adrián Viña Menéndez e Henrique Rabuñal para contarnos historias, viaxes, anécdotas… como unha serie de informacións básicas sobre o Deportivo, a orixe dos Riazor Blues, o motivo polo que se celebran os títulos en Catro Camiños etc. Unha lectura que de seguro desfrutarán, sen dúbida, todas as persoas lectoras, sexan ou non futboleiras ou deportivistas.
O Concello da Coruña vai iniciar “accións xudiciais” e proceder a presentar unha denuncia ante a Fiscalía o vindeiro mércores pola folga “atípica” e “pouco legal” no servizo de recollida de lixos e os “actos vandálicos dunha violencia extrema” no mobiliario urbano. Así o anunciou a alcaldesa da cidade herculina, Inés Rey, a preguntas dos xornalistas sobre este conflito que comezou o pasado 24 de xuño, cuns paros convocados polo Sindicato de Traballadores da Limpeza (STL), organización maioritaria no comité, con motivo de “despedimentos inxustificados”, “externalización de servizos” e “incumprimentos” do convenio.
A rexedora recalcou que a folga indefinida iniciada o pasado domingo, día 28, tivo “un seguimento total nulo, de cero traballadores”. “A pesar diso non se procedeu á retirada ordinaria en ningún dos puntos da cidade habendo barrios que están ao 0 % de recollida“, denunciou. “Podemos estar ante unha folga de carácter ilegal tendo en conta que non se cumpren os servizos mínimos”, apuntou para engadir que “a maiores” se cometeron “actos vandálicos dunha violencia extrema durante todos estes días”. Por iso, a Comisión de Seguimento da emerxencia sanitaria celebrada este luns decidiu “iniciar accións xudiciais e proceder a presentar unha denuncia ante a Fiscalía o vindeiro mércores”.
DENUNCIA
Nela, explicou Rey, daranse conta dos “feitos acaecidos desde o 24 de xuño” para que “se esclarezan os feitos” e “se abra unha investigación para determinar quen son os responsables destes actos vandálicos”. “Que saiban quen o fan e quen ordenan que se faga que máis pronto que tarde o peso da lei recaerá sobre eles e pagarán por uns feitos delituosos totalmente intolerables”, apostilou. Na pasada quenda de noite, rexistráronse “catro incidencias asociadas á queima de colectores”, segundo apunta o Consistorio, nun comunicado.
PORCENTAXES DE RECOLLIDA
A empresa Valoriza, engade, encargada de reforzar o servizo durante a emerxencia sanitaria, recolleu un total de 238 toneladas de lixo desde que comezou a traballar o pasado xoves, día 25. En canto ás porcentaxes de retirada de residuos por parte de Prezero rexistrouse un 0 % nos barrios dos Mallos, Matogrande-Eirís e Mesoiro-Feáns-Valaire. Mentres, na Sacra Familia, Os Rosales-Labañou e Os Castros foi dun 5 %; en Ventorrillo-Agra do Orzán e A Sardiñeira-Elviña, un 10 %; un 20 % en Monte Alto e O Castrillón; e un 35 %, na Cidade Vella. Os máis elevados rexistráronse en Pescadería-Centro (85 %) e Estadio (80 %).
Respecto destas cifras, o portavoz do comité de empresa, Alfonso Seijo, asegurou que se hai zonas sen servizo de recollida é debido a que “non saen camións porque parte dos sancionados, 28 traballadores, empezaron a cumprir a súa sanción”, mentres a concesionaria “supliu a tres” deles. Seijo tamén anunciou que os servizos xurídicos do STL están “a analizar” proceder a denunciar ao Concello por “un posible delito de odio contra os traballadores”.
SANCIÓNS
Pola súa banda, Prezero comunicou 39 sancións “con suspensión de emprego e soldo de seis a dez días” desde o inicio da folga, segundo confirmaron fontes próximas consultadas por Europa Press, que apuntan a “67 traballadores de baixa a día de hoxe”, luns 29. Neste sentido, outras fontes vinculadas ao conflito explicaron que tras a notificación, os sancionados de emprego e soldo “están a empezar a collerse baixas médicas para atrasar as sancións”.
A Deputación da Coruña puxo a disposición do Goberno de España as instalacións do IES Rosalía Mera, situado na cidade herculina, para a acollida dun total de 44 persoas refuxiadas da guerra de Mali, chegadas a Canarias e destinadas a Galicia. Así llo trasladou o presidente da entidade provincial, Valentín González Formoso, ao delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, durante unha reunión mantida este luns para abordar a emerxencia migratoria no territorio.
Esta residencia aloxou a refuxiados da guerra de Iugoslavia nos anos 90 e do conflito de Ucraína ata hai uns meses. Para González Formoso, é momento de “estar á altura das circunstancias e seguir exercendo ese espírito solidario que caracteriza a esta provincia ante a grave crise humanitaria que están a vivir en Mali”.
Pedro Blanco, pola súa banda, recalcou a “dobre solidariedade” deste xesto, cos migrantes e coas comunidades autónomas que “están a sufrir unha presión inaudita”. Avanzou, ademais, que as primeiras persoas refuxiadas destinadas a Galicia chegarán este martes a Santiago e situaranse no resto do territorio “de maneira gradual ao longo dos próximos días e semanas”.
Investigado un home de mediana idade de Carballo por varios furtos en naves industriais e concesionarios de Oleiros, Betanzos e Curtis, nos que logrou subtraer case 10.000 euros durante o mes de xullo.
Nun comunicado, o instituto armado informou de que os delitos foron cometidos en naves industriais e concesionarios, onde o sospeitoso aproveitaba o momento oportuno para acceder ao interior das instalacións e roubar o diñeiro en efectivo. O modus operandi do delincuente consistía en facerse pasar por un cliente para non levantar sospeitas mentres localizaba o diñeiro e facíase co botín.
A investigación contou coa colaboración de varias unidades da Garda Civil da Coruña, puido reconstruír os movementos do sospeitoso e reunir as probas suficientes para imputarlle os delitos.
As pescudas continúan co obxectivo de esclarecer completamente os feitos e determinar se existen cómplices ou patróns similares de comportamento relacionados con estes furtos.
A alcaldesa da cidade defende o seu modelo de xestión, o seu equipo e, sobre todo, o proxecto que ten para A Coruña do século XXI. Unha urbe, di, que recuperou “ese carácter aberto, cosmopolita”. Nesta entrevista, tras falarmos dunha primeira parte sobre a polémica folga do servizo de recollida do lixo, Inés Rey debulla a actualidade local e tamén sae o paso das críticas que xurdiron polo aumento das cotas dos cidadáns que teñen contratado servizos de axuda no fogar. “Nós temos que facela para adaptarnos ao prezo real do servizo”, asegura.
Tamén é moi dura cos críticos do proxecto de reurbanización do barrio das Xubias que realizará un fondo de investimento baixo o control do arquitecto David Chipperffield. “Eu entendo que é moi doado facer demagoxia e meter na mesma batidora isto que fan moitos, que ata lles custa, as veces, facer unha oración subordinada”, indica. “É un fondo que ten como premisa a sustantibilidade económica, ambiental e social. Non desenvolve ningún proxecto sen perspectiva social”, engade.
Inés Rey destaca que, como prometeu, visitou xa todos os barrios e entende as queixas de algúns. “Eu entendo esa ansia porque queremos máis e mellor e aquí hai un goberno que traballa para máis e mellor”, asegura.
Sobre o goberno en minoría e os cambios do seu executivo destaca que neste mandato levaron a pleno 66 asuntos e se aprobaron 65; 30 por unanimidade e 35 sen votos en contra. “Teño un equipo de xente moi valiosa e traballadora. Fan un papel marabilloso nas concellerías e afrontamos xuntos esa segunda remodelación da Coruña cun goberno que traballa 27/7″, indica ao tempo que defende o papel de José Manuel Lage.
Viña agora para aquí e, aí, na casa do concello vin o lema desta cidade…
Si, “Cabeza, guarda, llave, fuerza y ante mural del Reino de Galicia”
E segue sendo A Coruña, a cabeza, a chave e a forza de Galicia?
Nunca deixou de selo. O que pasa é que é certo que os anos anteriores a miña chegada á Alcaldía foron de parálise municipal, de perda de liderado e de oportunidades. Afortunadamente conseguimos reverter esa situación desde 2019 implantando un modelo de cidade baseado no progreso, na aposta por un modelo urbano sostible con políticas de mobilidade e cunha profunda transformación urbana e tamén por un tecido económico baseado nas novas tecnoloxías, como as cidades da TIC, que nos levou a ser sede da AESIA. Tamén volvemos impulsar o tecido cultural sendo xa unha das cidades referente en programación cultural de toda España. Ese carácter aberto, cosmopolita que tiña a cidade da Coruña recuperouse. Un orgullo coruñés e coruñesista, ben entendido, do século XXI…
Entendo que un orgullo coruñesista de nova etapa, non o de Paco Vázquez, non?
Por iso digo un coruñesismo de vangarda, do século XXI, que nos fai agora, outra vez, ser referentes, nas políticas públicas, municipalistas, no desenvolvemento urbano, na creación dun ecosistema urbano de progreso e iso fai que sexamos, novamente, o motor económico e social de Galicia. E afrontamos xa a segunda gran modernización da Coruña.
E cales son os piares desa segunda gran modernización da Coruña?
Nós temos tres eixos nos que baseamos a acción do noso goberno. Por unha banda está a planificación urbana estratéxica na que fixemos unha aposta importante por un cambio na mobilidade apostando por máis carrís bicis e novas formas de moverse pola cidade como Bici Coruña, coa que superamos xa o 1,5 millón de uso e unha utilización masiva da bicicleta. Acabamos de sacar o prego que vai definir o transporte público para Coruña nos vindeiros anos e tamén afondamos nunha transformación urbana para as persoas con máis humanizacións, máis peonalizacións e a mellora dun entorno, outrora hostil, pero agora máis humana. Apostamos tamén por un desenvolvemento cultural forxado nun galeguismo tradicional xa implantado na Coruña e que ten a súa máxima aposta con este goberno. Quero lembrar que un dos concertos máis multitudinarios, por non dicir o máis multitudinario nesta cidade foi o das Tanxugueiras, con máis de 80.000 persoas integramente en galego.
Apostamos tamén por un desenvolvemento cultural forxado nun galeguismo tradicional xa implantado na Coruña
Si, lembro. Eu estiven alí
Eu tamén. E iso é unha aposta pola nosa cultura pero temos vocación internacionalista e de vangarda e por iso somos xa un referente en eventos musicais. E tampouco deixamos de lado a ninguén e as nosas políticas sociais, de benestar, de coidados, de atención cos máis vulnerables son tamén un exemplo de boa xestión municipal.
Falas de benestar e coidados sociais, pero eu teño un recado. Xusto me comentaron hai uns días que era unha vergoña o que está pasando coas prestacións das axudas no fogar. Como é iso que o concello estea facéndolle pagar a multitude de familias atrasos neste servizo que suman centos, miles de euros para, en moitas ocasións non poden pagar?
Si, é certo.
E como se pode dar esta mala xestión de que cheguen estes atrasos todos xuntos?
O servizo de axuda ao fogar que se presta no concello que se presta cunha exigua axuda da Xunta subiu os prezos, igual que subiron os salarios dos traballadores e traballadoras e houbo que actualizar os seus salarios. E ese é o prezo dun servizo que se paga en función da renda. E esa actualización que non se fixera, pois notificouse agora. E hai que actualizar os prezos ao mercado e convenio colectivo e danse facilidades de pago para aqueles que superen os 299 euros de copago. Por iso, a partir dos 300 euros existe a posibilidade de copago. Ninguén vai quedar sen servizo por impagar, por adiar un mes esa regulación. Pero nós temos que facela para adaptarnos ao prezo real do servizo. Os intereses veñen dados por un real decreto no que nós non temos marxes para non cobralos. E cando unha administración fai un fraccionamento de pago, sexa un concello ou a Axencia Tributaria, por lei veñen estipulados uns intereses que xa están estipulados.
Pero o problema é que ti pensa que isto lle está pasando a familias humildes e moitas que tamén as hai nesta cidade. E chégalles unha carta que non entenden de que vai reclamándolle pagos atrasados. Non é normal. Algo pasa. Algo se fixo mal desde Servizos Sociais, polo menos, en explicar ben todo isto.
Entendo o malestar, o susto e o desagradable que resulta e, ademais, hai un compromiso que non volva suceder e que se actualicen as cantidades aos prezos que teñen que establecerse para que ninguén teña que pagar, de súpeto, atrasos dos que non tiña coñecemento e nos que a administración tiña estar ao tanto.
Eu penso que neste tema deberiades ter feito máis pedagoxía e explicarlle á xente por que lle chega este ‘sablazo’ e, ademais, que teñan que pagar 50 euros de comisións se piden o fraccionamento de pago
Intereses.
Bueno, intereses. O caso é que teñen que pagarlle 50 euros máis ao banco se piden o fraccionamento
Si. si. Tes razón.
A alcaldesa en funcións da Coruña, Inés Rey, tras coñecerse o resultado das eleccións municipais. M. Dylan – Europa Press
Cambiando de cuestión. Falamos do tema da sede da Asia, xa hai nomeado un director para ese centro, que agardas da sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial?
Pois que sexa un tractor de talento, de retención de talento da cidade e de Galicia, xa que neste país traballan máis persoas no sector TIC que no da pesca e, polo tanto, temos que apoiar a ese sector e xerar un ecosistema para que as empresas veñan a instalarse na Coruña. Eu desde que se sabe que a A Coruña é a sede deste organismo recibo a multitude de empresas tecnolóxicas que queren instalarse na Coruña e queren contratar xente aquí. E isto é moi positivo para Galicia, para manter e aumentar o PIB da cidade.
Este non é un fondo boitre – o encargado da remodelación do barrio das Xubias– que vén sacar os ollos a ninguén. É un fondo que ten como premisa a sustantibilidade económica, ambiental e social
A cidade das TIC semella que vai ser un polo de atracción de economía e poboación da Coruña. Activase o barrio de Xuxán e hai uns días anunciabas un novo plan de urbanización das Xubias cun fondo de investimento e un gran arquitecto. Con todo, cando falamos de fondos de investimentos hai unha moi mala imaxe do que pode facer
Os apriorismos e as demagoxias hai que desterralas. Para os cuñados e as barras do bar están ben pero os cidadáns merecen unha política de máis altura. E, neste caso, por primeira vez, un goberno municipal toma unha decisión para protexer e impulsar un núcleo tradicional da cidade como son As Xubias, unha zona onde derrubamos o último esqueleto que había alí e onde este goberno rematou co último asentamento chabolista que levaba máis de 35 anos en terreos da conserveira Celta. Todas esas persoas que vivían en situacións infrahumanas teñen unha vida digna. Unha sociedade democrática non pode permitirse ter a cidadáns que vivan en chabolas. E, agora, xa podemos falar para esa zona dun desenvolvemento sustentable, de respecto do medio ambiente, da tradición e a rehabilitación da vivenda pública. Iso é o que imos facer nas Xubias. Tamén rematar unha senda peonil que vaia desde a praia de Oza ata a ponte da Pasaxe atendendo ás necesidades, ideosincrasia dese núcleo tradicional respectando o que hai. Eu entendo que é moi doado facer demagoxia e meter na mesma batidora isto que fan moitos, que ata lles custa, as veces, facer unha oración subordinada… Fondo de investimento, urbanismo, políticos, meto a remexer e, ala, pelotazo, especulación e xa está o discurso montado. E ese é un discurso pueril e trasnoitado . Escoitei a tres ou catro, anecdóticos, facendo ese discurso. Este non é un fondo boitre que vén sacar os ollos a ninguén. É un fondo que ten como premisa a sustantibilidade económica, ambiental e social. Non desenvolve ningún proxecto sen perspectiva social. E non hai nada máis social que as vivendas, que rehabilitar as vivendas que hai alí. Sobre todo agora que hai un mercado moi tensionado e onde atopar unha vivenda é moi complicado. E eu penso que as administracións temos esa obriga. E despois isto o imos facer cunha persoa que ten destacado a nivel internacional por unha arquitectura sostible e respectuosa como é David Chiperffield. Por iso creo que A Coruña ten que estar orgullosa de que alguén da súa categoría profesional veña a desenvolver un proxecto aquí. E non falamos dun calquera, senón dun dos mellores arquitectos a nivel mundial que existen que vai traballar da man de cinco estudos de arquitectura da Coruña que desenvolven os seus proxectos aquí e coñecen As Xubias porque se criaron na cidade. E van con ilusión e respecto a desenvolver ese proxecto no que recuperamos os xardíns do pazo Guyatt para goce da cidadanía e onde haberá máis zonas verdes. De entrada, denostar este proxecto, poñerlle etiquetas porque aparece a palabra fondo de investimento e é grazas a que hai un fondo de investimento as administracións podemos desenvolver ese proxecto. É a primeira vez que un goberno municipal ten un proxecto para As Xubias, un modelo de cidade, que implanta en todos os barrios. Por iso cando escoito críticas, agardo que sexan críticas ao proxecto máis que quedarse na parte de que se hai un fondo ou un señor que non ten o Celga-4 porque se apelida Chipperfield ou argumentos semellantes que caen polo seu propio peso. Eu de política falo, de conversas tuiteras pois vasme permitir que non.
Non falemos de tuits, falemos de cousas concretas. Coñeces a Cidade da Cultura, non?
Si.
E sabes que arquitecto deseñou ese complexo, non?
Si, si.
Ese proxecto se baseaba en que estaba feito por un gran arquitecto e, finalmente, tardou anos en facerse e, de feito, está inacabado. É dicir, que veña un gran arquitecto a facer un proxecto non significa o éxito dese proxecto
Non, non. Aquí falamos dun proxecto colectivo. Está o arquitecto pero tamén todo o talento local e é unha administración pública que ten un modelo de cidade que vai tutelar e dirixir ese proxecto en base a unhas premisas das que ninguén se vai a apartar. Pero, con todo cariño, comparar o núcleo das Xubias coa Cidade da Cultura…
Non estou comparando nada. O que estou dicindo é que falar do éxito dun proxecto pola calidade internacional dun arquitecto non garante o éxito dese proxecto
Pero podemos entón falar do Guggenheim.
Eu non baseo o éxito do proxecto das Xubias nun arquitecto, estouno baseando nas premisas da sustentabilidade medioambiental e social
Si, claro. Pero basear todo nun gran arquitecto non é éxito de nada porque aí está o tema da Cidade da Cultura do gran arquitecto norteamericano que ía revolucionar o mundo da arquitectura e, en fin, ao final, quedou a medias
Eu non baseo o éxito do proxecto das Xubias nun arquitecto, estouno baseando nas premisas da sustentabilidade medioambiental e social. Esas son as premisas nas que se basean o proxecto. Rehabilitar ese núcleo, darlle vida, coidar das casas, das vivendas. Facer barrios para a xente.
Eu esa idea mércocha, pero non a que vai funcionar porque ven un gran arquitecto ou un fondo a facer o proxecto
E que esa é a idea.
E cantas vivendas públicas imos facer?
Pois aínda estamos comezando e xa está a xente a pedir. Gústame porque como durante os oito anos anteriores non se fixo nada a xente ten moitas ganas de que se fagan cousas na cidade. Queren todo xa. Eu entendo iso. Levamos un atraso de oito anos. E agora, cada vez que facemos unha cousa, a xente pide tres. Eu arranxo unha rúa e veñen os das tres colindantes a dicirme, a miña para cando?. Eu entendo esa ansia porque queremos máis e mellor e aquí hai un goberno que traballa para máis e mellor. Pero as premisas sociais, de respecto ao medio ambiente, á tradición e de coidado aos barrios están aí e ninguén as vai mover.
Falas dos barrios. Unha das premisas coas que te presentaches as pasadas eleccións era en ir visitar todos os barrios da cidade. Estiveches indo?
Si, e varias veces.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey. ANDY PÉREZ
Fuches a todos?
Si, a todos.
E como os ves?
Pois hai barrios que están mellor e outros que precisan máis investimento porque durante anos non se fixo nada. Pero vouche dar un dato. Hai un núcleo na Coruña, o de Bens, que é rural, onde non viran unha máquina de obra en 25 anos. No mandato interior investimos 2 millóns de euros. Fixemos saneamento que non había, asfaltamos as rúas, fixemos zonas verdes e chegou a cabalgata dos reis a Bens no ano 2020. Iso é un exemplo. É pequeno pero que amosa que cos 53 millóns que conseguimos dos fondos Next Generation fixemos máis de 55 intervencións, con moitas en marcha, en todos os barrios. En Xuxán, do que falabas antes, estanse investindo 11 millóns de euros, en Montealto case 10 millóns na reforma do mercado, a escola infantil, a praza e as beirarrúas. Facemos a rolda peonil. Hai investimentos en todos os barrios. Queda moito por facer pero nós estamos a facelo e en todos.
Nuns máis que noutros, pero supoño que será polas prioridades do concello…
É certo, hai 10 millóns en Montealto e na Sagrada Familia sexan 2 ou 1,5 pero tamén se están facendo cousas.
Hai 10 millóns en Montealto e na Sagrada Familia sexan 2 ou 1,5 pero tamén se están facendo cousas
Si, si, non digo que non, pero hai queixas nos Castros, en Someso, no Castrillón…
Precisamente estamos facendo unha obra no Castrillón de mellora de firmes e de rúas, peonalización da rúa monte das moas e abrimos o polideportivo do Castrillón que era unha infraestrutura prometida no 2006 e que se abriu co meu goberno.
Comentabas antes que notas dificultades para executar certos proxectos. Supoño que iso é porque estás nun goberno en minoría. Necesitas do apoio dalgún grupo para sacar adiante proxectos. Como é a relación cos grupos da oposición?
Vouche dar un dato, aínda que non son de papeis para que vexas como están os asuntos que levamos a pleno. Neste mandato levamos a pleno 66 asuntos e se aprobaron 65; 30 por unanimidade e 35 sen votos en contra. Pero desde que son alcaldesa, no 2019, con catro grupos, nestes cinco anos levamos 219 asuntos e aprobamos 217. Isto conseguiuse con dúas premisas que eu asumín cando cheguei ao cargo; diálogo e amabilidade, pero tamén firmeza. Firmeza na defensa dos intereses da Coruña. E iso non quita que dialogue. De feito, temos un acordo de investidura co BNG que asinamos no mes de xuño do ano pasado e estamos cumprindo e temos unha comisión de seguimento no que sacamos adiante cousas polo ben da cidade. Somos forzas políticas diferentes pero traballamos pola cidade. Non é un acordo de adhesión, é un acordo de respecto. E eu compremetínme a sacalo adiante e iso estou facendo, aínda que uns vaian máis rápido e outros máis lentos.
E que tal a relación cos líderes da oposición?
Con Jorquera temos unha boa relación porque a súa visión política son coincidentes aínda que cada un defende as súas posturas. Pero cando hai que apostar pola cidade está aí. Lamento que o Partido Popular non estea nesa liña. Son desa premisa rajoniana de “cuanto peor, mejor” e, ógalla, recollan esa man tendida que lanzamos desde o Goberno local cando lle pedimos que participaran con nós na reorganización institucional e dos orzamentos. Que puxeran de lado a confrontación e puxeran por diante a cidade. Que deixen a máquina do fango e de enlamar que é unha forma política que eu non comparto. Aí dificilmente nos imos atopar porque cremos que a política merece solucións, que é o queren os cidadáns, e non confrontación.
Cando falas de fango, de lama, entendo que te refires ás críticas a Lage pola súas vivendas, non?
Cando falo de fango é saír dos marcos que deben rexer as relacións políticas entre os diferentes grupos e os cidadáns. Eu tendín sempre a man aos grupos políticos e sigo aberta a falar con eles pero dende o respecto institucional. Cando un cruza a liña pois iso é poñerse por fóra.
Pero cal é esa liña?
Non vou entrar en díxomes, díxomes. Só digo que o PP ten que facer política, confrontar ideas políticas, que é para o que está. Que falen do seu modelo de cidade. Que falen de política, pero se falan de fango, de lama, de ataques ad hominem, de cuestións alleas á política, aí non me van a atopar.
Unha mágoa que non teñamos un PP co que se poida falar de nada, nin de modelo de cidade, nin de política. E supoño que iso é porque quen manda aí é Isabel Díaz Ayuso
A min o que dis soame á política que se fai en Madrid
É un espello do que teñen convertido a política PP e Vox. Os dous se necesitan para facer ese tipo de política para sobrevivir. E como cambian as cousas cando eles gobernan. E se non o fan, pois os gobernos son ilexítimos, todo está mal. Cando a dereita non goberna non se poden acadar acordos de ningún tipo, o que queren é “que caiga España que ya la levantaremos nosotros”. Pois esa é a política que sufrimos nós cando o PP está na oposición. Unha mágoa que non teñamos un PP co que se poida falar de nada, nin de modelo de cidade, nin de política. E supoño que iso é porque quen manda aí é Isabel Díaz Ayuso.
E ti que tal te levas coa Xunta?
Pois eu creo que a Xunta entendeu que non se pode construír Galicia sen contar coas cidades que son o verdadeiro motor de progreso e celebro ese cambio de criterio. Celebro ese entendemento que hai entre as dúas institucións e, dende a firmeza da defensa dos intereses mutuos, hai acordos polo ben da cidade. E a Xunta ten unha débeda histórica coa Coruña. Esa forma de facer política de centralismo autonómico, da época de Fraga, onde todo pasa por Santiago, pois ten que ser deixado de lado, e hai que escoitar aos que son os verdadeiros pulos económicos de Galicia, e falo da Coruña e falo de Vigo. E ese cambio é un paso importante no xeito de relacionarnos coa Xunta. O presidente da Xunta é unha persoa coa que se pode dialogar e chegar a acordos. E froito diso é o acordo pola fachada marítima, os Cantóns, o Chuac. Somos quen de entendernos polo ben da cidade.
Agora é a época de Rueda. Pero ti tamén viviches a última etapa de Feijóo en Galicia. Notas diferencia entre os dous?
Por suposto.
E iso explica o que tamén está pasando en Madrid?
Absolutamente. Non quero falar máis, nin mirar atrás, pero hai diferencias notables.
Por certo, ti levas un ano gobernando e xa houbo remodelacións importantes. A que se deben?
Cando chegamos ao goberno no segundo mandato establecín unha estrutura para que se determinaran eses tres eixos de actuación dos que falaba ao comezo da entrevista. Fixen unha estrutura para que os concelleiros que chegaron novos se foran adaptando a esa realidade de traballo con outros que levaban experiencias. Pasado ese ano, con todo o mundo rodado, decidín xa facer esa remodelación baseada nesa horizontalidade e meter unha marcha máis á xestión do goberno local e traballar xuntos. Afortunadamente teño un equipo de xente moi valiosa e traballadora. Fan un papel marabilloso nas concellerías e afrontamos xuntos esa segunda remodelación da Coruña cun goberno que traballa 27/7 para sacar adiante as cousas que temos.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey./ M. Dylan – Europa Press
Entendo que tamén eses cambios teñen que ver con quitarlle competencias a esa súper área que tiña Lage?
As áreas eran tres. Non eran súper áreas.
Pero son áreas moi importantes?
Si, son áreas grandes e as tres son importantes. E, agora, canda un deles, e en colaboración comigo, traballamos. O importante non é quen está ou non está, se teñen título ou non. O importante é traballar todos xuntos para e por a cidade. E iso estamos.
Lage sempre tivo ganas de facer cousas pola Coruña. A súa capacidade e labor é indiscutible
E cres que lle quitaran competencias a Lage tamén a nivel galego, axudará a que as cousas flúan máis na cidade?
E que sempre tivo ganas de facer cousas pola Coruña. A súa capacidade e labor é indiscutible.
Por certo, que tal te levas con Besteiro?
Pois moi ben
E con Valentín?
Moi ben tamén. É o noso presidente. Teño moi boa relación cos dous desde hai moitos anos. E coa deputación traballamos moito. A Valentín téñolle moito aprecio persoal, moito respecto político. Sempre está aí e cando eu necesito ou el necesita de min pois estamos. Temos unha relación moi boa.
E como ves o teu partido en Galicia?
Pois creo que o partido ten que definir que modelo quere para Galicia. Ser quen de chegar a ese electorado que nos está agardando e que sabe que o cambio en Galicia pasa por un PSdeG forte.
Xa para rematar, como ves o futuro da Coruña?
Temos un reto moi bonito por diante. Facer unha cidade do século XXI, unha Coruña puxante, moderna, vangardista e que ten retos por diante como é a transformación da fachada marítima que nos une a todas as administracións e toda a cidade. E iso facémolo coidando dos nosos, do noso, do noso patrimonio, da nosa xente e dos nosos barrios.
A Federación de Librerías de Galicia ultima xa os preparativos para a Feira do Libro de A Coruña 2024. O xoves 1 de agosto, ás 12:30, co pregón de Andrea Maceiras, as casetas encherán os Xardíns de Méndez Núñez que se convertirán epicentro do universo literario do país ata o día 10.
O programa inclúe a participación de preto dun centenar autores e autoras, 38 librarías e editoriais de diferentes procedencias, presentacións, debates, recitais, mesas redondas, actividades infantís…
Andrea Maceiras, escritora coruñesa cunha longa traxectoria na literatura xuvenil, pese a súa xuventude, e premiada en repetidas ocasións con galardóns tan prestixiosos como o premio Jules Verne, será a encargada de ofrecer o tradicional pregón este ano.
Dende ese momento, e ata o sábado 10 de agosto, sucederanse as sinaturas, presentacións, charlas e encontros, que incluen propostas tan innovadoras como a charla “Vivir hoxe do oficio creativo”, entre Yolanda Castaño e Lucía Aldao, o obradorio de banda deseñada a cargo de Fon, a presentación dos libros “Los años de guerra y la prisión provincial de A Coruña” e “A loita dos perdedores”, coa participación de Luis Lamela e Ana Romero Masía, a charla “Mulleres escritas por mulleres”, coas autoras Miriam Beizana, María Solar, Abril Camino e María Nieto, a cita poética “Do outro lado do verso”, con Mario Obrero, Dores Tembrás, Lucia Aldao e Isabel Ramos, o obradorio “Debuxo como podo” de Afra Torrado, a charla “Intelixencias de libro, literatura e IA” con Estíbaliz Espinosa, Javier Pereira e Adriana Dapena, e diferentes espectáculos infantís de animación, música e teatro.
Ademáis, fora da carpa de actividades, as casetas das librarías e editoriais acollen cada día ducias de sinaturas de diferentes autores, transformando así a cidade no epicentro literario durante os primeiros 10 días de agosto.
A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío colabora un ano máis coas actividades de divulgación da astronomía que o proxecto Amanar – GalileoMobile desenvolve para as nenas e os nenos que pasan o verán en España dentro do programa “Vacaciones en paz”, que en Galicia coordina SOGAPS.
Como preámbulo a esas accións, esta semana o Grupo de traballo “Diversidade” da agrupación organizou un conxunto de tres actividades en colaboración con dúas das persoas que impulsan o proxecto Amanar, Jorge Rivero (ICE-CSIC) e Andrea Rodríguez Antón (INCIPIT-CSIC).
O martes 30 de xullo ás 19:30 na Domus proxectarán o documental “Refugio en las estrellas”, dirixido por Felipe Carrelli e Demetrio Rodrigues, sobre a causa do pobo saharauí e as actividades de divulgación de astronomía desenvolvidas nos campos de refuxiados. Haberá presentación e coloquio coa participación de Jorge Rivero e Andrea Rodríguez Antón. A entrada é libre até completar capacidade.
O mércores 31 de xullo pola mañá no local da A. C. Alexandre Bóveda (Santo André, 36 – 1º) poderase disfrutar da experiencia de realidade virtual “Estrelas do deserto”, que emprega o esplendor do ceo e a paisaxe para presentar o coñecemento astronómico cultural saharauí. A duración aproximada é de 15 minutos. As prazas son MOI limitadas e se adxudicarán por orde. Será obrigatoria a inscrición a través dun formulario que se abrirá o martes 30 de xullo na web, www.agrupacionio.com. A cada persoa se lle indicará unha hora concreta para a experiencia.
O mesmo mércores 31 de xullo mais pola tarde, ás 18:00, haberá unha sesión de planetario en directo na Casa das Ciencias sobre o ceo do Sáhara, que servirá para coñecermos mellor o ceo a esa latitude e algunhas curiosidades sobre a astronomía cultural saharauí. A entrada é libre até completar capacidade.
Xa o dixo a propia Lola Índigo, ‘que tú no puedes ser rey si no tienes a la reina’, e ao igual que ela, tampouco o Morriña Fest podía coroar a súa cuarta edición sen ter as dúas raíñas de España a nivel musical nestes momentos: Aitana e Lola Índigo. Pois ‘eu gosto di vocce’, que dicía Aitana, e A Coruña que gostou delas e deste festival que, sen dúbida, xa se convertiu nunha das citas imperdibles do verán galego. O Morriña rematou despois de dous días cun cartel cheo de grandes nomes como Louis Tomlinson, Nicki Nicole ou Yandel, pero facendo honor ao seu nome, os asistentes xa sinten morriña do desfrutado estes días, con ganas de máis nunha quinta edición.
A puntualidade, o espectáculo e os bailes virais do Tik Tok foron os protagonistas nun festival cun cartelón inmellorable. Despois dunha tarde ao ritmo do mellor ‘reggaeton’ antigo (de Yantel) e novo (de Dei V) era a quenda para o prato forte da noite: a catalana Aitana saltaba ao escenario ás 23.15 horas entre os gritos de miles de fans ansiasos por ver á súa ‘ídola’. O espectáculo deu comezo con ‘Alpha09’ e ‘Los Ángeles’. Miles de persoas quedaron abraiadas co inicio dun show que deu moito de si: case dúas horas de concerto. Canción tras canción o público ía acendéndose máis. Mesmo nos seus temas máis lentos, como ‘No te has ido y ya te extraño’ ou ‘Luna’, Aitana soubo sacar partido á música de fondo para poñer a moverse a todo o Morriña.
As súas interaccións co público foron variadas, especialmente para agradecer a todos a asistencia e ler algún das ducias de carteis escritos por moitos dos seus fans nos que lle pedían desde un abrazo ata saír a bailar con ela ao escenario. Cando saudou cun ‘boas noites A Coruña’ escoitáronse os berros de todo o Morriña, que estaba orgulloso de escoitar como a súa cantante favorita falaba en galego. Aitana asegurou que tiña que vir máis por Galicia, porque lle gustaba moito a nosa terra, e tamén respostaba cun ‘graciñas’ aos piropos que recibía.
Un dos momentos que máis acendeu aos presentes foi o que se viralizou en redes sociais cando lanzou a xira: por bailar imitando posturas ‘sexuais’ enriba dun dos seus bailaríns a artista foi moi criticada nos medios de comunicación. Proxectados sobre a pantalla do escenario comezaron a aparecer moitos titulares de medios que expoñían como indebido este comportamento dunha cantante que, segundo indicaban, tiña moitas seguidoras de curta idade. Nun acto de rebeldía, Aitana cantou coa coreografía intacta e sacando o seu lado máis sensual o tema ‘miamor’, mentres entre o público se escoitaban gritos de ‘di que si, raíña’.
Sen dúbida, a canción máis agardada polos asistentes ao festival, con permiso do remix de ‘Mon amour’, con Zzoilo, era a de ‘Las Babys’. Moita xente toleu cando recoñeceu os primeiros acordes do tema, e comezou a cantar a todo pulmón, pero o máis chamativo foi ver a unha gran parte do público, especialmente aos máis novos, bailar ao unísono a coreografía do tema. Non é de extrañar tendo en conta que ‘o petou’ nas redes sociais, máis en concreto no Tik Tok. Ver a deceas de persoas que non se coñecían entre si bailar perfectamente coordinadas deixou unha estampa ben bonita.
LOLA ÍNDIGO, ESPECTÁCULO EN ESTADO PURO CON GALICIA POR BANDEIRA
Despois de Aitana o listón estaba moi, pero que moi alto, e Lola Índigo sabíao, pero non defraudou. Cun parón entre as dúas para escoitar as fermosas cancións de Malmö 040, Lola Índigo saltou ao escenario do Morriña ás 01.45 horas da madrugada. Eran horas de poñer a todo o mundo a bailar, de perreo e de dárlle moita caña, e así o fixo. Comezando por ‘AN1MAL’, a andaluza saiu dun ovo de dragón preparado como atrezo situado no medio do escenario, en alusión ao seu último disco, titulado precisamente ‘El Dragón’. Dende ese momento todo foi música e baile, un espectáculo digno dos mellores concertos de todos os tempos que fixo desfrutar por todo o alto ao público coruñés.
Se por algo se caracteriza Lola Índigo é por bailar como poucas artistas a nivel internacional saben facer, combinando as súas icónicas letras con pasos propios de bailaríns profesionais. A xente no Morriña xa non sabía se bailar ou se quedar pampa observando os imposibles movemento da cantante, que semellaba ter nado para o show. De ‘El Tonto’ a ‘Discoteka’ pasando por ‘La niña de la escuela’, todos e cada un dos seus temas escoitábanse ao mesmo tempo replicados polo público, que os coñecía todiños. Daba gusto ver como a xente desfrutaba como se fose a primeira hora cando en realidade xa eran altas horas da madrugada e despois de levar toda a tarde no recinto.
Pero pagaba a pena agardar, porque Lola Índigo non defraudou e, ao igual que fixera Aitana, deu as grazas a un público que non paraba de cantarlle iso que di: ‘y guapa y guapa y guapa, y reina, y reina, y reina’, mentres ela bailaba co seu característico estilo flamenco. E é que a artista nunca se esquece da súa terra. Tanto é así que tamén interpretou varios dos seus temas e colaboracións de corte máis andaluz, como ‘El condenao’ ou ‘El Pantalón’, que tamén recibiron os aplausos de todos os presentes. Sobre todo despois de que recollese unha bandeira de Galicia que lle tiraron ao escenario e a puxese sobre a testa a modo de paño andaluz. Para Lola o norte é un lugar que lle encanta, como ela mesma recoñeceu tras dicir que leva varios días percorrendoo en autocaravana.
Un dos momentos máis bonitos da noite foi cando Lola Índigo chamou ao escenario a Suzete (‘Operación Triunfo 2023’), para cantar con ela ‘Kombolewa Remix’ e poñer en valor a necesidade de apoiar aos novos talentos. Cando a andaluza dixo que xa tocaba ir rematando e que ía botar o último tema, todo o mundo pensou que se refería a ‘La Reina’, un dos temas do verán, con permiso de ‘Si antes te hubiera conocido’, de Karol G. Cal foi a sorpresa cando en realidade non saiu con ese, senón con ‘Ya no quiero ná’. Pero todo era unha estratexia, porque non tardou nadiña en volver ao escenario unha vez se foi para despedirse por todo o alto, agora si, con ‘La Reina’. Que peche máis inmellorable para un Morriña que, un ano máis, non defraudou!
Presentouse onte o cartel do Festival da 37ª edición do Festival Noroeste, un dos grandes tesouros musicais da nosa cidade. Pero o tecido musical da cidade lamenta ver esmorecer o que foi considerado un dos mellores festivais gratuitos do país. Aqueles anos de nomes xigantes que enchían a praia de Riazor, deron paso a un formato expandido que permitiu levar a música a moitos barrios da cidade, convertíndose na envexa de todo o estado. Pero a falta de interese do goberno socialista fai que o festival vaia perdendo potencia ano tras ano. “É unha mágoa ver que cada ano haxa menos grupos, menos espazos diferentes e menos cousas durante o día”, lamenta a meirande parte da veciñanza.
Coma é costume, o programa presentouse apenas 9 días antes do comezo do festival, impedindo facer plans aos siareiros das bandas escollidas, e coindindo ademais coa iniciativa privada do Morriña Fest.
Este ano, ademais a música chega cada vez máis indie, facéndose preguntar á xente que quedou do nome histórico co que se coñeceu este festival (antes de chamarse Noroeste Estrella Galicia era o Noroeste Pop Rock). Os cabezas de cartel son Crystal Fighters, Vetusta Morla e Xoel López, contando con dúas bandas galegas que están revolucionando o panorama do país, como bos reclamos para encher o areal: Fillas de Cassandra e The Rapants. Mágoa non telos xuntado nunha mesma xornada.
O formato expandido redúcese a grandes espazos como Santa Margarida (con músicas máis folkeiras), Campo da Leña (sempre cos sons máis cañeiros), Praza de Azcárraga (algo máis blues, funk, jazz) e o Castelo de San Antón (canción de autor).
Poucos nomes destacados en toda esta maraña de bandas, puidendo destacar a noite de mércores en Margarida con Caamaño&Ameixeiras e Salif Keita, ou esa mesma noite no Campo da Leña con Zënzar e Meu, a banda herculina que xa se volveron a xuntar este ano.
Outra eiva é a escasa oferta na sesión vermú, unha das fiestras abertas ás familias, con apenas un par de concertos os 2 primeiros días de festival, e sen citas nin venres nin sábado.
Para completar o sempre extenso cartel, o Concello inventa os Espazos Escénicos ‘Contos ao Noroeste’. Non é que non queiramos ver sobre os escenarios da cidade a xentes como Avelino González, Roi da Costa, Bea Campos, Pepo Suevos, Atenea García, Leti da Taberna, Celso Sanmartín, Marita Martínez, Xosé Antonio Touriñán, David Perdomo, Carlos Blanco e Lucía Veiga (ollo que algunha cita é de pago…) Pero é que o Noroeste vai de música.
Boa proposta, iso si para o ‘Noroestiño’, que, sen nomes destacados, permitirá que a cativada disfrute algo deste festival. Esperemos, con todo, que non sexa a conta doutros programas infantís como Ruadas das Xoubas de San Xoán ou o Cascarillarte das festas de agosto.
Anunciado o cartel da nova edición, un non podo máis que pensar en que estamos ante unha das últimas (ou últimas) edicións co formato de varios días. Todo apunta a que o futuro, será volver aos dous días na praia. pic.twitter.com/OepHAm943H
— Daniel Pose (RinconDeDaniel) (@_RinconDeDaniel) July 26, 2024
Lleva pululando por whatsapp dos días, pero ahora ya es público. ¿Hay buenos artistas? Los hay, muy buenos. Sin embargo, esta 37 edición es, con diferencia, la más floja desde 2015, momento de nacimiento del Noroeste actual.
Algunas reflexiones, vamos allá (dentro hilo) https://t.co/zu9GEOixOY
Catro persoas resultaron feridas tras chocar con outro vehículo na AP-9, ao seu paso polo municipio coruñés de Cambre. Os catro viaxaban no mesmo vehículo, mentres que os dous ocupantes do outro coche implicado resultaron ilesos. Ademais, dos catro feridos, tres necesitaron a axuda dos Bombeiros de Betanzos para poder saír do coche. De feito, para poder sacalos, os efectivos de salvamento tiveron que cortar dúas portas do vehículo, unha dianteira e outra traseira.
O primeiro sinal de alarma sobre este accidente activouse no 112 Galicia ás 22.30 horas da noite deste domingo. Foi a través do sistema ecall do vehículo con posibilidade de manter a comunicación co interior do habitáculo. Deste xeito, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia souberon que un dos coches implicados derrapou e virou sobre si mesmo. En canto ao outro vehículo implicado, foron as chamadas posteriores doutros alertadores que confirmaron a presenza dun segundo implicado.
En total, foron seis as persoas involucradas no accidente, das que catro necesitaron asistencia médica e traslado. Neste sentido, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 encargáronse das evacuacións ao Hospital da Coruña. Neste suceso contouse, tamén, coa colaboración dos axentes da Policía Local e Garda Civil de Tráfico.