Inicio Blog Páxina 326

Isabel Aaiún actuará o 17 de outubro na Coruña coa súa ‘Potra Salvaje’, unha das cancións do verán

0

A cantante Isabel Aaiún anunciou as primeira datas da súa xira ‘Potra salvaje’ coa que percorrerá as salas de concertos de dez cidades españolas, entre elas A Coruña, onde actuará o próximo 17 de outubro.

A artista segoviana percorrerá Valencia (4 de outubro), Alacante (5 de outubro), A Coruña (17 de outubro), Xixón (18 de outubro), León (25 de outubro), Valladolid (29 de novembro), Murcia (6 de decembro), Pamplona (14 de decembro) e Barcelona (19 de decembro), ademais de estar no Wizink Center de Madrid o 26 de outubro, onde xa non hai entradas.

A súa canción ‘Potra Salvaje’ está a bater todas as marcas de streamings e visualizacións tras erixirse co título de “himno emocional” da Selección de Fútbol Masculina, actual gañadora da Eurocopa 2024, coa que celebrou en Madrid o triunfo sobre o escenario de Cibeles.

Neste álbum, composto xunto a Pablo Moura (LagartoAmarillo), e producido por Michel K.Lowan, Isabel Aaiún inclúe desde as rumbas de “A gastar a rúa”, “A Laca” ou “Man rota”, ao pasodobre de “Son Feirante” ou a rancheira de “A Partida”.

A Farruca non poderá saltar polas corredoiras de Visma

Rosi prefire non saír na foto, pero manda á Farruca posar nun campeiro onde pastan as vacas de Luisín, en plena agra de San Pedro de Visma. As dúas, xunta dous fillos dunha veciña, descansan á sombra nun dos poucos días de calor deste verán. Rosi é do lugar de Cances, moi preto dos lugares da Gramela ou a en parte rescatada Penamoa, e leva toda a vida percorrendo estas corredoiras, estes campos. Agora, aos seus 84 anos, ve como o “ladrillo” vaille quitar todas as súas lembranzas.

”Dende aló arriba, onde os depósitos, pode verse perfectamente que o centro da Coruña non ten máis que o Parque de Santa Margarita. Coa necesidade que ten a cidade dun pulmón verde, que podería ser este perfectamente se o coidasen un pouco… Pero claro, o ladrillo dá pasta”, razoa lamentando o comezo das obras da macrourbanización que asolagará unha zona que leva abandonada, esperando dende os anos 90 que algún goberno se atreva a levar adiante semellante delirio urbanístico.

Arrincaron as obras do delirio urbanístico de Visma

Preguntada se o Concello tivo algún achegamento á veciñanza da zona para presentar o proxecto, deixa claro “non tivemos información de ningún tipo por parte do Concello, pero non nos estrana porque levamos meses pedindo que nos desbrocen un pouco as beiras das estradas e nin caso…” De feito, sorpréndese cando lle comentamos as cifras de vivendas que van construir na agra de Visma: 30 edificios, algunhas torres de 15 plantas, e 3.600 vivendas. “Tantas?” pregunta botando ás mans á cabeza comparando na súa cabeza o impacto que tivo a creación do barrio dos Rosais nos anos 90, onde se construíron 5.000 vivendas.

Unha das casas que desaparecera da Agra de Visma
Unha das casas que desaparecerá da Agra de Visma
unha das vacas de Visma
Unha das vacas de Luisín

Pregúntase polos animais (as vacas están xusto detrás delas, mentres as cabras pastan algo máis arriba, pegadas á Terceira Rolda), pola fonte e a histórica arqueta que abastecía a cidade, polos regatos e lagoas hai na zona, polas hortas públicas aínda traballadas, polas persoas que terán que abandonar as súas casas, as súas vidas.

As hortas publicas de Visma seguen vivas
As hortas públicas de Visma seguen estando traballadas
Un dos lavadoiros de Visma
A arqueta da Gramela era unha das principais fontes que abastecían a cidade, que agora fica abandonada
O CEIP San Pedro de Visma quedara afogado no medio do cemento
O CEIP San Pedro de Visma quedará afogado no medio do cemento

No medio da marea de cemento quedará o CEIP San Pedro de Visma, que ata este 2024 foi unha fermosa illa rural no medio da cidade. Non verán recortados os seus patios, pero o sol xa non pegará de cheo para facer que eses patios verde sexan tan auténticos; as veciñas xa non serán as vacas, senón os coches, e as vistas nunca máis serán tan amplas e verdes.

Polo camiño preguntamos a algún veciño desas casas que será devoradas polo cemento. Algún califica o proxecto como “puta merda” deixando claro a súa perspectiva. Tamén os hai que consideran que “é o que hai, a cidade ten que medrar por algún lado”. Pero a sensación é que ninguén é realmente consciente da sombra que vén enriba.

Tampouco Rosi, nin a Farruca, teñen asimilado que en breve se acabaron os seus marabillosos paseos pola agra de Visma, e que comezan 6 longos anos de obras, se efectivamente se dá completado a macrourbanización en 2030.

Vistas dende a Agra de Visma
Vistas dende a Agra de Visma

 

Máis novas

Arrincaron as obras do delirio urbanístico de Visma

Así será o primeiro edificio da macrourbanización de San Pedro de Visma

O “delirio urbanístico” de Visma

A sombra de 30 edificios ameaza San Pedro de Visma

 

Dementores da Coruña: pioneiros e campións no Quadball galego

Quadball, coñecido anteriormente como Quidditch, é un deporte mixto que gañou popularidade a nivel mundial. Con raíces na famosa saga de Harry Potter, este deporte evolucionou para converterse nunha actividade física, dinámica e emocionante que combina elementos de rugby, dodgeball (brilé) e balonmán. En Galicia, o Quadball continúa deixando a súa pegada, atraendo a unha comunidade crecente de afeccionados e xogadores dedicados. Un dos equipos máis destacados na rexión é Dementores da Coruña.

Chama a atención que sexa un deporte mixto, e Nerea, xogadora de Dementores, explícanos que “se non se cumpre ou mínimo de persoas de distinto xénero o equipo queda descalificado, a menos que exista unha xustificación. Se nunha competición hai moitos equipos que non dan o número mínimo faise unha excepción, ao final somos un deporte minoritario”.


HISTORIA DO QUADBALL EN GALICIA 

O Quadball chegou a Galicia fai aproximadamente dez anos e rapidamente captou a atención dos mozos apaixonados polo deporte e a fantasía. Ignacio, xogador veterano de Dementores, dinos “eu animo a todo o mundo que queira probalo, é super divertido. Moita xente que o probou deixou outros deportes para quedar neste porque é moi completo. Eu tamén, deixei todo o que facía para vir a isto, xogaba a rugby e isto encantoume. Levo 10 anos xogando”.

Equipos como os Dementores da Coruña foron pioneiros na rexión, promovendo o deporte a través de torneos, eventos locais e adestramentos. Representando a nivel nacional e internacional, os Dementores gañaron recoñecemento e axudaron a popularizar o Quadball en Galicia. “Dementores Coruña somos campións de europa da división dúas e todolos anos competimos na primeira división. Somos bicampións de España e quedamos segundos no resto de torneos que xogamos en España, ademáis de campións da liga galega, etc” conta Ignacio.

 

Ver esta publicación en Instagram

 

Una publicación compartida de Dementores QT (@dementores.qdt)

 COMO SE XOGA?

O Quadball xógase nun campo rectangular con sete xogadores por equipotres cazadores, dous golpeadores, un gardián e un buscador. Cada xogador debe soster unha escoba entre as pernas en todo momento, o que engade un desafío adicional ao movemento e a coordinación. O obxectivo principal do xogo é anotar máis puntos que o equipo contrario. Os cazadores tentan anotar goles coa Quaffle, unha pelota de voleibollanzándoa a través dos aros do equipo contrario, que valen dez puntos cada un. Os golpeadores usan as Bludger, pelotas de dodgeball (brilé), para golpear aos xogadores adversarios e deshabilitarlos temporalmente. O buscador tenta capturar a Snitch, unha pelota de tenis nunha funda amarela amarrada á cintura dun corredor neutral, o que outorga trinta puntos e finaliza o xogo.

Campo e posicións do Quadball/ Elena González - Galicia Confidencial

IMPACTO NA COMUNIDADE

Quadball tivo un impacto significativo na comunidade galega. Non só proporcionou unha nova e emocionante forma de exercicio, senón que tamén fomentou a inclusión e a camaradería. O deporte logrou atraer a unha diversidade de participantes, desde estudantes ata adultos que buscan unha forma divertida de manterse activos.

Nerea conta que “ten moi boa comunidade, que iso axuda tamén. Sabes que se tes que irte a algún lugar por unha concentración ou algo sempre che botan unha man co que faga falta. Levo un ano aquí e xa se nota que estás como en familia. Ao final, como somos poucos, temos esa conexión que non hai noutros deportes

O Quadball chegou a Galicia para quedar, ofrecendo unha mestura única de deporte, fantasía e inclusión. Con equipos dedicados e unha comunidade en crecemento, este deporte seguirá capturando corazóns e fomentando a unidade na rexión, esperando chegar a ser un deporte federado para ter máis recursos financieiros que lles permitan asistir a máis campionatos. Se aínda non asistiches a un partido ou a un entrenamento de Quadball, estás a perderte unha experiencia verdadeiramente máxica e electrizante.

 

Ver esta publicación en Instagram

 

Una publicación compartida de Dementores QT (@dementores.qdt)

Momentos de tensión con fume entrando en edificios tras unha nova queima de colectores de lixo na Coruña

0

ÚLTIMA HORA: Tras unha nova noite de lumes, a rexedora vén de anunciar que o Concello declarará a Emerxencia Sanitaria este luns se non se recolle ao longo da fin de semana todo o lixo que invade a cidade.

— —

Os Bombeiros da Coruña tiveron que intervir durante a noite do xoves e a madrugada deste venres, día 19, para extinguir colectores que arderon en diferentes rúas da cidade. Estes feitos producíronse no medio dunha folga convocada polo Sindicato de Traballadores da Limpeza (STL), iniciada o pasado 24 de xuño con motivo de “despedimentos inxustificados”, “externalización de servizos” e “incumprimentos” de convenio, segundo o comité. Unhas acusacións que concello e empresa consideran infundadas.

O conflito continúa na Coruña, que rexistrou unha nova xornada de folga na recollida de lixo con residuos nas rúas e sen acordo coa empresa concesionaria do servizo, Prezero. Ás 20,08 horas, os bombeiros desprazáronse a cáleas San Vicente para extinguir un colector que á súa chegada xa “fora sufocado polos veciños”.

Pouco antes da medianoite, ás 23,57, recibiron outra alerta por incendio en tres depósitos, de papel e vidro enterrados e o de plásticos amarelo de superficie na avenida de Monelos. As chamas afectaron “a usn sete metros de fachada chegándose a desprender as placas máis próximas ao lume” pero non causou danos nos vehículos estacionados na zona.

Ao chegar os efectivos de extinción ao lugar, a Policía Nacional xa iniciara os labores para acabar coas chamas cun extintor portátil e un operario dun camión de limpeza de rúas contivera a radiación que facía perigar o edificio.

Posteriormente, ás 02,14 horas, Bombeiros da Coruña acudiron á avenida da Concordia a sufocar as chamas en catro colectores de papel, vidro, plásticos e orgánicos colocados baixo a estrada dunha fachada en reformas. O lume “excedeu de cinco metros e queimou varios metros de rede de protección vertical”.

En consecuencia, encheuse de fume o tiro da escaleira do edificio e accedeu tamén ás vivendas que tiñan as xanelas abertas. Non houbo feridos pero si “danos considerables” en estadas e un kiosko próximo ao lugar. Bombeiros da Coruña saíron en seis ocasiones máis esta madrugada, entre as 03,06 e as 06,36 horas, a sufocar incendios en varios colectores situados en distintos puntos das rúas Santo Tomás, Torre, Alcalde Suárez Ferrín e Marconi, e de novo na avenida da Concordia.

Por que o Comité de traballadores de Nostián quere dialogar e o da limpeza da Coruña, non?

A asemblea de traballadores da planta de tratamento de residuos de Nostián, na Coruña, desconvocou a folga prevista para os días 18, 24 e 26 de xullo “ante a apertura dunha liña de diálogo que podería pór fin de maneira definitiva ao conflito”. Unha situación que contrata coa decisión do Sindicato da Limpeza, que domina o comité do servizo de limpeza na Coruña, que tras a oferta de diálogo da empresa, mantén as protestas.

A empresa de recollida de lixo move peza; acepta as condicións do comité se desconvocan “inmediatamente” a folga

A CIG, este xoves, nun comunicado, informa de que o persoal decidiu suspender os paros “ante a petición do goberno local” co obxectivo de “facilitar as negociacións entre todas as partes implicadas”, incluída a empresa concesionaria, Albada. Respecto diso, os empregados recalcan “os avances” conseguidos na última reunión entre o Concello da Coruña e o Consorcio das Mariñas “para a publicación dos pregos da nova concesión”, pendente desde fai catro anos.

Por iso, o persoal decidiu “suspender a folga e dar unha marxe de tempo ata o próximo 5 de agosto”, anuncia a CIG. No entanto, engade, anunciou que retomará as mobilizacións “se neste período non se detectan avances substanciais nin compromisos por parte da empresa e as administracións que garantan as condicións de traballo, o emprego e o futuro das instalacións”. A folga convocouse para esixir a Albada “medidas en materia de seguridade e saúde laboral” e “garantías” para o cobro íntegro da paga de produtividade.

A Coruña terá unha estación provisoria mentres Adif realiza as obras da terminal

Adif Alta Velocidade constrúe unha estación de tren provisional na Coruña mentres realiza as obras da terminal, cun investimento duns 4,5 millóns de euros.

Esta terminal provisional, que se constrúe próxima á actual (dirección Santiago), fará posible as viaxes de tren e tránsito de viaxeiros, á vez que se realizan as obras necesarias no actual edificio da estación e na praia de vías e plataformas.

A estación provisional non se incluía no proxecto inicial, pero o incremento de demanda levou a ter que facer esta infraestrutura. Coa solución implantada, manterase a operativa da estación, coa disposición de seis vías asociadas a tres plataformas próximas á terminal provisional, de forma que se cobren “as necesidades de tráfico ferroviario e evitando o tránsito de viaxeiros pola zona de obras”, explica Adif.

O novo edificio en execución contará cunha superficie en planta útil de 1.125 metros cadrados, dos cales 147 metros cadrados correspóndense cun espazo exterior cuberto destinado ao control de accesos e 978 metros cadrados para servizos ao viaxeiro (zonas de espera, cafetaría, venda de billetes, aseos) e da propia explotación ferroviaria. A súa estrutura permite a súa ampliación para unha segunda planta. No futuro, estas instalacións empregaríanse como edificio de operadores e contratas ferroviarias.

“Tras a posta en servizo da estación provisional e o novo enclavamiento, abordaríanse de forma conxunta as actuacións de remodelación (edificacións, estruturas, vías, plataformas, catenaria e sinalización) da estación”, informa Adif nun comunicado.

Mentres, a remodelación e modernización da estación da Coruña, cun investimento superior aos 70 millóns de euros, converterá a marquesiña histórica nun gran vestíbulo con zona comercial, unha vez retiradas as vías do seu interior. Habilitará unha nova sala de embarque e reordenará as plataformas baixo unha nova cuberta. Trátase dun edificio histórico que data de 1935 e é o único exemplo do estilo neorrománico do ferrocarril en España.

Os Barrios tamén celebran a Virxe do Carme

0

Non será tan emocionante como na vila de Camariñas, pero as festas do Carme dos barrios da Coruña tamén son importantes.

Arrincaban o día propio, o martes 16 de xullo, no Club do Mar, onde ademais do paseo e procesión marítima pola ría en homenaxe á patroa dos mariñeiros, se celebrou unha xornada festiva con inchables, música e paella xigante.

Tamén dende o centro da vila, dende a Mariña, se viviu a emocionante procesión marítima.

Para a fin de semana quedan as celebracións nos barrios de Feáns, As Xubias, San Pedro de Visma e O Portiño e Mariñeiros.

Festas nas Xubias

Nas Xubias as festas comezarán o sábado 20 de xullo cunha romaría naval ás 12.00 horas. Ás 14.00 horas haberá unha polbada popular e música tradicional. ÁS 17.00 horas haberá
xogos para nenos e nenas e a partir das 21.00 horas actuarán Bobby Drake y Joven Tensa e Folkolicos. O domingo 21 haberá sesión vermú ás 13.00 horas con Coktel Musical. Ás 14.00 horas haberá un concurso de tortillas e os festexos pecharanse cunha procesión marítima ás 17.00 horas.

Cartel Festas do Carme das Xubias -Coruna 2024

En Feáns

En Feáns, as festas comezarán o sábado ás 14.00 horas no campo da festa coa actuación da banda DelaO. Ás 18.00 hora haberña sesión de xogos infantís, que darán paso, xa pola noite á actuación de Giro Total e de DJ Castro. O domingo 21 continuarán as celebracións con sesión vermú a cargo da orquestra Foliada d’Ases, que tamén actuará ás 22.00 horas.
Pola tarde, ás 18.00 horas, haberá unha actuación dun grupo de baile galego.

Festas do Carme de Feans

Nos Mariñeiros

O sábado 20 terán lugar tamén as festas do barrio de Mariñeiros. Comezarán, na praza do centro cívico, ás 13.00 horas cunha sesión vermú amenizada polo grupo musical Maracaibo.
Ás 17.30 horas haberá unha festa infantil con hinchables e espuma. Xa pola noite, ás 22.00 horas, haberá unha actuación de Aixa Romay e ás 23.50 horas, unha sesión de fogos de artificio.

Festas do Carme dos Marineiros-Coruna-2024

Festas do Carmen dos Marineiros-Coruna

En San Pedro de Visma e O Portiño

Os barrios de San Pedro de Visma e O Portiño celebran o Carme o domingo 21 de xullo. A xornada comezará ás 13.00 horas con sesión vermú no porto do portiño, amenizada polo dúo José Brea & Miguelón. Haberá churrasco e paella para as persoas interesadas. Ás 17.30 actuará, tamén no porto, Jayce Show. Ás 18.30 horas comezará a procesión marítima, que contará co lanzamento de bombas de palenque. Ás 19.00 horas
haberá romaría popular, con sardiñas e paella, ademais da actuación de A Nova Trova Coruñesa. Pechará a xornada a actuación do dúo Caramelo.

Festas do Carme do Portino e Visma 2024Visma

A UDC aproba a norma de docencia en inglés e a ampliación de catro novas titulacións propias

O Consello de Goberno da Universidade da Coruña (UDC) aprobou a normativa reguladora da docencia en inglés e a ampliación de catro novas titulacións propias. Ademais, impulsou o seu liderado na Cidade das TIC reivindicando o seu papel “académico, científico e técnico”. Segundo explica a institución académica, a implantación de programas plurilingües, en liña co “impulso da estratexia de internacionalización” e da recente aprobada Universidade Europea Emerxe, representa un “avance significativo”.

Respecto da incorporación de novos títulos propios, inclúe un referido á microcredencial, Atención e coidados básicos a persoas en situación de dependencia en domicilios; dous máster, Deseño arquitectónico e Innovación e dixitalización financeira; e un curso de Formación Específica, Actividade física e exercicio saudable para o colectivo de educadores físicos e deportivos.

Este último Consello de Goberno antes do inicio do curso 2024-2025 celebrouse na Cidade das TIC, marco que serviu para “detallar a situación actual do proxecto, os pasos dados nos últimos meses e para presentar a folla de ruta marcada para o futuro próximo” deste espazo. Neste sentido, tras a reunión, o reitor da UDC, Ricardo Cao, recalcou o “compromiso de que sexa precisamente a UDC a que leve o liderado científico, técnico e académico” da Cidade das TIC. Farao “con toda a colaboración das institucións públicas que xa formamos parte desta armazón”, puntualizou.

“Perdemos o bus directo á Coruña dende Sada e Oleiros”

0

A veciñanza de Sada e Oleiros están a protestar pola nova perda de servizos de transporte inter-urbano. Así llo explicaron esta semana aos membros do BNG, Iria Taibo e Paulo Río.  “De 44 servizos directos á semana a 14. Os restantes 30 convértense dende o pasado 28 de maio nun chamado servizo lanzadeira que nolo presentaron como unha vantaxe, pero que obriga a facer transbordo e que as usuarias nos baixemos na Valexa, no linde entre Sada e Oleiros. Alí, nun descampado sen infraestrutura, temos que agardar por un novo bus entre media hora, no mellor dos caos, e unha hora”.

A veciñanza recolle sinaturas (xa superan as 1.000) para levarllas á Xunta de Galicia. “Os buses van petados e a xente está moi descontenta. Non entendemos estas mudanzas porque até agora o servizo funcionaba”, engade. “No canto de recortar frecuencias, a Xunta tería que as ampliar e facilitar así a mobilidade sustentábel a través do transporte público como alternativa ao uso do automóbil particular”.

Empregados de Renfe en folga, reportáronse máis de 300 indicendias e segue sen haber solución

0

O persoal dos despachos de billetes de Renfe na provincia da Coruña está convocado a unha folga de catro horas, das 12:00 a 16:00 horas, este venres, 19 de xullo, para protestar contra os “intolerables” erros que padecen no sistema informático de venda.

Nun comunicado, Comisións Obreiras informa de que o comité de Renfe da Coruña convoca esta mobilización que afectará os despachos de billetes de Santiago, Ferrol e A Coruña. “Desde que se implantou o novo sistema de venda de billetes do Grupo Renfe, a finais do mes de febreiro deste ano, o persoal da canle de venda presencial está a sufrir as consecuencias do mal funcionamento e os múltiples erros e fallos do mesmo”, explica o sindicado.

E é que os traballadores se queixan de que levan cinco meses con “moitos fallos“, tales como billetes anulados tecnicamente que computan como vendidos, erros nas devolucións por Paypal, problemas coa impresión dos billetes, erros nas tarifas con descontos, imposibilidade de cambios de billetes, cobro de billetes non xerados, así como caídas sistemáticas do sistema, entre outros.

A pesar de que se reportaron máis de 300 incidencias, os representantes dos traballadores censuran que segue sen haber unha solución. Isto únese a outros fallos de canles de vendas, de forma que os traballadores padecen de forma inxusta “insultos e agravios”, unha situación que carrexa “tensión e ansiedade”. Igualmente, denuncian uns servizos mínimos “abusivos”.