Inicio Blog Páxina 327

Empregados de Renfe en folga, reportáronse máis de 300 indicendias e segue sen haber solución

0

O persoal dos despachos de billetes de Renfe na provincia da Coruña está convocado a unha folga de catro horas, das 12:00 a 16:00 horas, este venres, 19 de xullo, para protestar contra os “intolerables” erros que padecen no sistema informático de venda.

Nun comunicado, Comisións Obreiras informa de que o comité de Renfe da Coruña convoca esta mobilización que afectará os despachos de billetes de Santiago, Ferrol e A Coruña. “Desde que se implantou o novo sistema de venda de billetes do Grupo Renfe, a finais do mes de febreiro deste ano, o persoal da canle de venda presencial está a sufrir as consecuencias do mal funcionamento e os múltiples erros e fallos do mesmo”, explica o sindicado.

E é que os traballadores se queixan de que levan cinco meses con “moitos fallos“, tales como billetes anulados tecnicamente que computan como vendidos, erros nas devolucións por Paypal, problemas coa impresión dos billetes, erros nas tarifas con descontos, imposibilidade de cambios de billetes, cobro de billetes non xerados, así como caídas sistemáticas do sistema, entre outros.

A pesar de que se reportaron máis de 300 incidencias, os representantes dos traballadores censuran que segue sen haber unha solución. Isto únese a outros fallos de canles de vendas, de forma que os traballadores padecen de forma inxusta “insultos e agravios”, unha situación que carrexa “tensión e ansiedade”. Igualmente, denuncian uns servizos mínimos “abusivos”.

A empresa de recollida de lixo move peza; acepta as condicións do comité se desconvocan “inmediatamente” a folga

A concesionaria do servizo de recollida de lixo da Coruña, Prezero, aceptará as condicións solicitadas polo comité de empresa e o “inicio da negociación” dun novo convenio se desconvocan a folga de “forma inmediata”.

Así o confirmaron fontes próximas ao caso consultadas por Europa Press, respecto dunha folga que comezou o pasado 24 de xuño, convocada polo Sindicato de Traballadores da Limpeza (STL), organización maioritaria no comité, con motivo de “despedimentos inxustificados”, “externalización de servizos” e “incumprimentos” do convenio.

A empresa concesionaria, aseguran, “estaría disposta” a aceptar as condicións do comité sempre que o mesmo “desconvoque de forma inmediata a folga” e realice a recollida de residuos “de toda a cidade cun rendemento adecuado” para volver á normalidade “canto antes”.

Prezero esixe, ademais, que o período de negociación do convenio non sexa “inferior a tres meses, tempo mínimo necesario para unha negociación deste tipo”. Doutra banda, apunta que os expedientes disciplinarios interpostos aos traballadores desde o inicio do conflito “non se retirarán”.

O PERSOAL SUPEDITA A DESCONVOCATORIA DA FOLGA Á RETIRADA DE EXPEDIENTES

O persoal do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos da Coruña condicionou o fin da folga á retirada por parte da empresa concesionaria, Prezero, das “sancións impostas a todos os traballadores” e ao cumprimento do prego de condicións.

“Se levanta hoxe ou mañá todas as sancións e nos dan todos os medios necesarios, humanos e mecánicos, e cumpre os pregos, nós comprometémonos a falar cos traballadores e en dous ou tres días A Coruña está limpa”, asegurou o portavoz do comité de empresa, Alfonso Seijo, en rolda de prensa.

Seijo insistiu en que deixaron fóra da negociación algúns asuntos, como incrementos salariais ou as elaboracións conxuntas tanto de igualdade como de formación, para pedir “só garantías de retirar as sancións impostas a todos os traballadores e cumprir os pregos”.

Mentres, o lixo se segue acumulando nas rúas da cidade herculina e co anuncio por parte do persoal de paros “indefinidos” e “permanentes” a partir do próximo 1 de agosto se non se producen avances na negociación coa empresa concesionaria.

Mariscadores do Burgo: “A ver se Xunta e Goberno se moven para conseguir algo”

0

Membros da Confraría de Pescadores da Coruña mobilizáronse este mércores ante a Subdelegación do Goberno para esixir de novo ao Executivo central e á Xunta que se “movan para conseguir algún tipo de acordo”. Piden que senten a negociar co colectivo para “liquidar os problemas” das 74 familias que vivían do marisqueo na ría do Burgo unha vez finalizadas as obras de dragado.

Non temos ningunha información nova“, recalcou o portavoz do colectivo, Manuel Baldomir. Explicou que están “á espera do que poida suceder” na reunión que se vai a celebrar este xoves, día 18, “no caso de que asistan estas administracións”. “A ver se por fin a administración estatal se move e e podemos conseguir algún tipo de acordo“, insistiu tras denunciar, unha vez máis, a situación “bastante dura” que padecen as 74 familias que vivían de marisqueo da ría do Burgo.

Ata que creza a cría, segundo lembrou, unha vez finalizadas as obras de dragado e acometida a sementeira e poidan faenar, deben pasar “entre 18 e 24 meses”. Baldomir avanzou tamén que teñen prevista unha nova manifestación o vindeiro martes, día 23, de 14.00 a 15.30 horas, na zona da Pasaxe. “Imos cortar un carril de tráfico dirección saída da cidade da Coruña”, concretou.

Arrincaron as obras do delirio urbanístico de Visma

0

O cemento comeza a facer sombra sobre Visma e o Ventorillo. As obras da macrourbanización do Polígono de Visma xa está en marcha. As máquinas xa ocupan a metade do esfolado aparcamento de terra que hai enriba do Ágora, onde moitos propietarios apuran para rescartar os seus vehículos estacionados.

As cinchas de Explotaciones Gallegas e Construcciones FGomez y CIA e as primeiras excavadoras xa avanzan o comezo deste delirio urbanístico que construirá, nun lugar que podería ter sido un auténtico pulmón verde, unha macrourbanización de 3.600 vivendas (un 26% de protección oficial), uns 30 edificios, entre elas 3 torres , que comezarán a ser entregadas en 2027, e que debería estar rematada en 2030.

Un proxecto que mergullará entre asfalto a illa verda do CEIP San Pedro de Visma e que dará sombra a todo o barrio dos Mariñeiros e do Ventorrillo, do que falaremos estes días.

Aparcamento de Visma tomado polas obras do poligono de vivendas
Aparcamento de Visma tomado polas obras do poligono de vivendas

A política urbanística do PSOE

Unha clara demostración da política urbanística deste goberno, máis propia dos anos 90 (cando nace este megaproxecto), que do século XXI.
Así acontece tamén coa urbanización de Santo Amaro-Orillamar, xa en execución, a urbanización do Campo da Estrada ou o coñecido proxecto Percebeiras que darán sombra a Labañou.

Máis novas

Así será o primeiro edificio da macrourbanización de San Pedro de Visma

O “delirio urbanístico” de Visma

A “imparable” marea de cemento que invadirá á illa verde do CEIP San Pedro de Visma

A sombra de 30 edificios ameaza San Pedro de Visma

 

Denuncian que o Concello non atende o requerimento da Valedora do Pobo no expediente dos frescos de Lugrís

Volve á carga á asociación cultural O Mural esixindo transparencia en todo o proceso arreodr dos frescos de Lugrís sitos na rúa Olmos da Coruña.

Desta volta, lamentan que a Comisión de Transparencia de Galicia (Valedora do Pobo) ditou o pasado 27 de xuño cunha resolución na que “insta ao Concello da Coruña a que, no prazo máximo de 10 días hábiles, responda á asociación cultural O Mural á petición de información solicitada. Neste expediente constan todas as actuacións aparentemente realizadas polo Concello e os propietarios dos edificios da rúa Olmos para garantir a estabilidade da construción en estado de ruína e a conservación dos murais, en serio perigo de desaparición.

Pero egundo denuncia a entidade, “transcorrido o prazo de 10 días o Concello non so non amosa o expediente (incumprindo as normas urbanísticas) senón que desobedece o requirimento da valedora do pobo. O goberno de Inés Rey continua como dende xuño de 2021, intre no que puxemos no seu coñecemento que os murais estaban en perigo, a agocharse e non asumir as súas responsabilidades urbanísticas sobre os edificios e de protección do patrimonio cultural”, apuntan.

 

Máis novas

A Xunta ve recoñecido o seu dereito de compra preferente sobre os murais de Lugrís na cidade

“O desleixo das administracións para protexer os frescos de Lugrís non fai máis que medrar”

Teoría e práctica da política pailaroca

 

Accidente múltiple na AP-9, os ocupantes tiveron que ser excarcerados

0

Os ocupantes dun vehículo implicado nunha colisión múltiple en Neda rexistrado na mañá deste mércores na AP-9, ao seu paso polo municipio coruñés de Neda, tiveron que ser excarcerados.

Segundo informou o CIAE 112 Galicia, foi un dos implicados na colisión o que alertou do suceso sobre as 09:00 horas. Un vehículo sufrira un rebentón nunha das rodas e parara na beiravía da AP-9. A continuación, outros dous turismos chocaron co seu de maneira consecutiva. O alertador indicou que ninguén resultou ferido, pero que tanto el como o seu acompañante eran incapaces de abrir as portas.

Cando chegaron ao lugar, os Bombeiros de Ferrol axudaron a saír a dúas persoas, así como a desbloquear o portón traseiro para liberar a un can. No operativo participaron, ademais dos bombeiros ferroláns, o GES de Mugardos, a Garda Civil de Tráfico, a Policía Local de Fene e os servizos de mantemento da autoestrada. Tamén se informou aos Bombeiros de Narón, que non chegaron a intervir.

Atopan 180 posibles novos sitios arqueolóxicos na provincia da Coruña

O Consello Superior de Investigacións Científicas CSIC, a través do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT), localizou na provincia da Coruña180 posibles sitios arqueolóxicos e notificouno aos servizos de Arqueoloxía de Xunta de Galicia co obxectivo de que poidan ser revisados polo seu persoal técnico para a súa eventual inclusión no inventario arqueolóxico de Galicia.

O achado é un dos principais resultados do proxecto HINTERLAND. Recoñecendo a actividade humana fóra dos castros da Idade de Ferro do Noroeste ibérico, liderado polo INCIPIT coa participación de investigadores das universidades de Durham, Exeter, Politécnica de Madrid e Instituto de Arqueoloxía de Mérida e o financiamento da Axencia Estatal de Investigación. Iniciouse en xaneiro de 2022 e concluirá en decembro de 2024.

O seu obxectivo xeral é pescudar que facían os habitantes dos castros fóra dos límites das murallas e que tipo de restos arqueolóxicos da época poden existir no seu exterior. Os investigadores principais son César Parcero Oubiña e David González Álvarez. “Analizamos a contorna dos xacementos castrexos nunha área total de 1000 km2, identificando elementos arqueolóxicos descoñecidos até o momento. Identificámolo mediante o emprego de ferramentas como imaxes de satélite ou datos Lidar”, explican os investigadores do INCIPIT. “Con esas ferramentas de arqueoloxía non invasiva, buscamos elementos arqueolóxicos que podan ser visibles, por exemplo, en imaxes aéreas ou de satélite. Iso permitiu localizar non só centenares de posibles indicios de elementos na contorna de moitos castros, senón tamén trazas de ao redor de 180 posibles nproxecto HINTERLAND.ovos sitios arqueolóxicos que non figuran na versión publicamente accesible do inventario arqueolóxico de Galicia”, din.

Algúns destes indicios apuntan a tipos de sitios ben reconocibles, por exemplo varias ducias de novas mámoas ou mesmo uns 20 novos castros. Outros son trazas máis dubidosas, que poden ser ou non sitios arqueolóxicos reais, e que requirirían dun traballo de confirmación sobre o terreo. Nos próximos meses o equipo do CSIC realizará traballos de campo nalgúns destes sitios para tentar alcanzar máis información que axude a entender mellor a que poden corresponder algunhas destas evidencias. Ademais diso, os investigadores do CSIC apuntan ?ao interese que podería ter no futuro seguir potenciando o emprego destas técnicas non invasivas como unha forma complementaria de mellorar o coñecemento do rico patrimonio arqueolóxico de Galicia.

Evoluciona favorablemente en operario ferido no aeroporto de Alvedro

0

O operario ferido grave a última hora do domingo no aeroporto coruñés de Alvedro permanece ingresado no Complexo Hospitalario da Coruña e evoluciona favorablemente, segundo confirmaron a Europa Press fontes hospitalarias.

O home, traballador da empresa South Europe Ground Service, sufriu un accidente pasadas as 20,00 horas, cando participaba nas tarefas de asistencia en terra dunha aeronave no aeroporto coruñés. Inicialmente, recibiu auxilio médico no propio aeródromo e, posteriormente, foi trasladado ao hospital, onde segue ingresado, aínda que a súa evolución é boa.

Outras fontes sinalaron a Europa Press que o home foi intervido cirurxicamente debido á amputación traumática dun membro inferior.

O Concello da Coruña controlará as intervencións urbanísticas de rehabilitación de edificios

O Concello da Coruña regulará as intervencións urbanísticas de rehabilitación de edificios coa aprobación da primeira ordenanza municipal nesta materia. Desde este xoves, día 18, e durante os próximos 15 días, as persoas ou entidades interesadas poderán consultar e facer suxestións respecto diso na web do Consistorio.

Na actualidade, segundo informa o Concello, os sistemas de illamento supoñen unha “mellora importante” da eficiencia enerxética dos edificios, así como “de accesibilidade” para as comunidades de propietarios.

Con esta ordenanza, engade, o Consistorio establecerá “os criterios de intervención nos edificios e os seus acabados, segundo as características das construcións e localización”. Prevé, ademais, “determinar o contido documental” que debe achegarse coa solicitude de licenza ou coa presentación das comunicacións previas das obras e “axilizar a tramitación dos procedementos”.

Un ciclista é atopado inconsciente no medio dunha estrada en Oleiros

0

Un ciclista foi evacuado tras ser achado inconsciente na noite do martes na avenida de María Pita, no municipio coruñés de Oleiros. Segundo informou o CIAE 112 Galicia, sobre as 22,15 horas do martes un particular que se atopaba na avenida de María Pita alertou ao 112 Galicia de que había un ciclista tirado na estrada. Aínda que sinalou que parecía tratarse dunha caída fortuíta, naquel momento non era capaz de confirmalo.

Tras iso, os xestores do 112 Galicia solicitaron a colaboración de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local de Oleiros. Os profesionais sanitarios desprazáronse ao lugar a bordo dunha ambulancia, na que finalmente trasladaron ao home ao centro hospitalario de referencia.