Inicio Blog Páxina 500

Representantes de CCOO mobilízanse na Coruña en demanda de “dereitos laborais” no centro de chamadas Cibernos

Representantes de Comisións Obreiras (CCOO) mobilizáronse este luns en defensa dos “dereitos laborais e sindicais” en Cibernos BPO, empresa do sector de centro de chamadas que ten como principal cliente a R (MasMovil), pero que tamén presta servizos para outras compañías do grupo como Virgin Teleco.

Esta convocatoria encádrase nunha serie de accións legais e sindicais emprendidas polo sindicato para denunciar “a deterioración das condicións e relacións laborais na empresa, actualmente xudicializadas”, indica o sindicato.

Respecto diso, explica que denunciaron ante a Inspección de Traballo e tamén nos xulgados “a limitación imposta pola empresa en asuntos cruciais como a conciliación da vida laboral e familiar“.

“Tamén se denunciou o impedimento no goce de permisos retribuídos para o coidado de familiares enfermos ou hospitalizados, así como o incumprimento de acordos previamente asinados coa representación legal das persoas traballadoras”. Tamén denuncia o “intento de restrinxir o dereito de acción sindical por parte da empresa”, en referencia á sanción a tres delegadas sindicais de Comisións Obreiras que “exerceron o seu crédito sindical”.

Este 2024 si a todo

Esta Noiteboa fixen un propósito nada ambicioso: aprenderme a primeira estrofa de All I want for Christmas is you de Mariah Carey. Para memorizala puxen o vídeo en Youtube unhas corenta veces, xa que o meu cerebro post fillos e post covid xa non é o que era. Esta repetición machacona da canción púxome nun mood do máis festivo, incluso enviei algún audio cantando a estrofiña a familiares e amigos para felicitarlles as festas. Dixeron que a cantaba ben, coido que mentían.

Para o 2024 teño outro propósito algo máis pretencioso: dicir si a todo plan, proposición ou evento que me poida parecer divertido, interesante ou enriquecedor.

Esta idea copieilla á miña irmá, que levouna a cabo cando mudou de cidade e non coñecía a apenas ninguén e se aburría coma un fungo. Ela afirmaba que a solución ao tedio podería ser dicir si a a todo, a toda actividade que che poñan por diante, incluso aínda que en principio non nos semellen moi atractivas.

A presentación dunha exposición dun pintor que che soa vagamente? Si.

Un festival de tecno cuns dilleis ignotos? Dende logo.

Un taller de bordado ruso? Por suposto.

Si, si e si.

Nunca se sabe que aprendizaxes podes sacar destas experiencias, o que podes desfrutar ou a quen podes coñecer, e todos sabemos o difícil que é facer amizades ou vivir novas experiencias na vida adulta.

Cando somos cativos o parque, a escola, as ditosas extraescolares promoven o achegamento, o diálogo e finalmente a amizade. Aínda quedo asombrada cando os meus fillos coñecen uns minutos a alguén na rúa ou nun campamento e pouco despois o presentan coma o seu amigo ou amiga.

Na xuventude os estudos, saír de festa e os primeiros traballos seguen a procurarnos almas xemelgas, pero coido que chega un momento en que nos estancamos, pensamos que a cota está coberta e nos volvemos preguiceiros nisto de coñecer ao próximo. Tratamos con moita xente ao longo do día pero raras veces chegamos a profundizar e interesarnos xenuinamente por quen temos ao noso carón, e a rutina vaise comendo as ganas de ter vivencias novedosas.

Se o meu propósito de aninovo parécevos interesante vos suxiro dicir si a un plan que me ten abraiada: o ciclo “As mellores películas da historia” no cine Colón: proxectaranse una morea de clásicos dende este xoves, comezando por O apartamento, seguindo por Ao final da escapada, O piano e Psicosis e rematando en xuño con O espírito da colmea, todas xoias do cine, nun teatro precioso, en pantalla grande. Non estades tan emocionados coma min? Tremendo regalo de Reis.

Feliz aninovo e que se cumplan todos os vosos desexos (dos propósitos, o ximnasio e o tabaco xa falamos en febreiro).

MÁIS ARTIGOS DE BEATRIZ ALFONSO

Máis novas relacionadas

Xaneiro de cine con pouso

Os Concellos esixen a Xunta que dispoña medios para facer fronte á marea de pellets

Chegou a marea de pellets ás praias da Arteixo, Coruña (nomeadamente en Orzán, As Lapas, Bens e O Portiño) e Oleiros. A veciñanza máis comprometida xa se ten autoorganizado este pasado domingo con limpezas voluntarias en varios areais, ante a inacción dunhas administracións que parecen máis interesadas en botarse a culpa as unhas ás outras que buscar solucións.

Porque solucións fáciles non hai, parece evidente tras ver as praias cheas de elementos caseiros como vasoiras, cribas ou peneiras, lembrando aqueles primeiros días do Prestige nas que os mariñeiros saían ao mar cargados de material agrario…

A Xunta vén de anunciar este mediodía que non vai elevar o nivel de Alerta porque os “pellets” non son tóxicos. E vai máis alá de criticar ao goberno central, evitando loubar as limpezas voluntarias e mesmo deixando caer a través da TVG que non son seguras estas limpezas e que deberían ser coordinados por profesionais. “Que profesionais?” pregúntase a sociedade civil apenas vendo xentes de traxe que se pasean polos areais 10 minutos cada xornada.

Así, dende o Concello da Coruña, como dende o de Oleiros, aproveitan para cargar tintas contra a Xunta. O grupo de goberno coruñés, que enviou unha brigada nunicipal esta mañá o Areal das Lapas para “analizar” os pellets (coma se non houbese información abonda sobre este tipo de polietileno utilizado efectivamente en numerosos envases alimentarios), critica que “a Xunta non pode poñerse de perfil nun asunto de ámbito autonómico que é da súa competencia, a día de hoxe non recibimos nin unha chamada nin un ofrecemento de información ou de medios para facerlle fronte a este problema”.

O executivo local lamenta que a Xunta non estea a coordinar actuación algunha para atallar o vertido. “Non se pode pretender que sexan os concellos os que fagan fronte a un problema como este, que supera con moito o ámbito municipal”, indicou Inés Rey.

O BNG

Pola súa parte, o portavoz do BNG no Concello coruñés, Francisco Jorquera, chama a Xunta de Galiza a que “dunha vez por todas asuma as súas responsabilidades e exerza como goberno do país”, cando a marea branca dos pellets chegou xa as praias coruñesas. “De novo teñen que ser os concellos e cidadáns voluntarios os que coa súa actuación suplan a incompetencia da Xunta”, remarca.
O goberno presidido por Rueda ten que explicar “como é posíbel que fose coñecedor desta ameaza desde mediados de decembro e non fixera nada ao respecto. Nin informou a cidadanía nin os concellos e demorou na práctica un mes en activar o plan anticontaminación”.

 

Máis novas

A marea de pellets xa chegou á Coruña

Xulio Abalde e Silvia Longueira, propostas do PSOE provincial de dous e tres nas listas do PSdeG para as eleccións do 18F

O PSOE provincial da Coruña proporá á letrada maior do Consello de Contas Patricia Iglesias, que é independente, e ao exreitor da Universidade da Coruña, Xulio Abalde, para ocupar os postos número uno e dous da candidatura ás eleccións autonómicas.

A proposta foi aprobada na tarde deste luns pola executiva provincial do PSOE da Coruña e inclúe como número tres á coruñesa Silvia Longueira, quen actualmente dirixe a Fundación Luís Seoane e é próxima á alcaldesa da Coruña, Inés Rey.

Segundo confirmaron fontes socialistas, no número catro incorpórase o secretario xeral do PSOE compostelán Aitor Bouza, mentres que no número cinco irá a que foi concelleira das Pontes e deputada no Congreso, Montserrat García Chavarría.

O militante de camariñas e deputado provincial Fabián Canosa Pasantes ocupará o posto número seis da lista, mentres que o sete será para a socialista de Boiro María Outeiral. Completan a proposta Manuel Santiago Pérez, de Ferrol, no número oito; a que foi presidenta de Fademur, Rosa Arcos, irá no nove; e Enrique Astray, de Frades, no dez.

A lista pola Coruña suporá unha renovación do 100 por cen dos deputados socialistas por esta provincia e deixa fóra á que foi viceportavoz parlamentaria na última etapa da lexislatura, Begoña Rodríguez Rumbo, quen é afín ao secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso.

Pola Coruña foron deputados nestas lexislaturas socialistas como Pablo Arangüena, Martín Seco, e Noa Díaz, todos eles próximos ao exsecretario xeral do PSdeG Gonzalo Caballero, e de quen xa se daba por feito que non repetirían nas candidaturas.

Xaneiro de cine con pouso

0

Hai cine que nunca pasa de moda, pero hai veces que o cine de sempre ponse de moda. Así acontece na Coruña, onde varios os ciclos de cine conflúen para traer á gran pantalla pelis míticas. Ao eternos programas do Forum Metropolitano e Centro Galego de Arte e Imaxe (CGAI) únese este trimestre o Teatro Colón co seu ciclo “As mellores películas da historia”.

O ciclo que levará grandes filmes ao escenario do Colón arrinca este xoves 11 de xaneiro ás 19:30 coa proxección de ‘El apartamento’ (1962) de Billy Wilder (ver entradas). A sesión contará co posterior coloquio de Elvira Lindo, escritora e xornalista de reputada traxectorio a nivel nacional.
Esta será a primeira cita do ciclo, que continuará o 15 de febreiro con ‘Al final de la escapada’, un dos grandes filmes da “nouvelle vague” francesa, obra de Jean-Luc Godard. A ela sumaránselle ‘Ciudadano Kane’, de Orson Welles, o 14 de marzo; ‘El piano’, de Jane Campion, o 11 de abril; e ‘Psicosis’, de Alfred Hitchcock, o 23 de abril. Pecharase o ciclo de xeito moi especial, con ‘El espíritu de la colmena’, de Víctor Erice o 13 de xuño, para a que está previsto contar co propio cineasta ou coa actriz Ana Torrent.

O Fórum Metropolitano inicia xaneiro con dous novos ciclos de cinema en VOSE

Mentres as salas Marylin Monroe e Francisco Rey do Forum Metropolitanun contarán con cadanseu filme semanal no marco dos ciclos ‘Estreas en VOSE’ e ‘Cinema de Oriente’ durante 18 días (ver entradas)

Na sala Marilyn Monroe proxectaranse catro filmes no marco do ciclo ‘Estreas en voz orixinal’, con filmes de Francia, Romanía, Taiwan ou Reino Unido. As proxeccións comezarán este xoves 11 de xaneiro con ‘Alis’ (2022), de Clare Weiskopf & Nicolas van Hemelryck. A cita correspóndese, ademais, coa proxección do documental do mes que relata a historia de dez mozas residentes nun fogar social de Bogotá, que abren os seus corazóns a través da creación dunha amiga imaxinaria. Sumaranse os filmes ‘Une belle course’ (2023), de Christian Carion, o venres 12 e sábado 13, ‘Pour la France’ (2023), de Rachid Hami, os días 18, 19 e 20. E ‘Minamata’ (2021) de Andrew Levitas, os días 25, 26 e 27 de xaneiro.
En canto á sala Francisco Rey, iniciarase o ciclo dedicado ao cine oriental con catro proxeccións de filmes chegados de diferentes puntos do continente asiático. Comezará esta fin de semana, tamén o xoves 11, co filme ‘Ah fei zing zyun’ (1990) de Wong Kar-Wai, que se proxectará tamén os días 12 e 13 de xaneiro. Completaranse con ‘Hyakka’ (2022) de Genki Kawamura, os días 18, 19 e 20 de xaneiro e ‘Inteurodeoksyeon’ (2020) de Hong Sangsoo os días 25, 26 e 27.

CGAI

A que nunca para é a programación do Centro Galego de Arte e Imaxe (CGAI), situado na Biblioteca provincial de Durán Loriga.

Son 3 os ciclos especiais que mantén en marcha: Cancións de Pedro Costa, un sobre Pier Paolo Pasolini e outro de Esencias de Masahiro Shinoda. Esta semana, de martes 9 a sábado 13 hai 9 proxeccións que podedes ver no Programa de Xaneiro 2024 do CGAI.

O BNG urxe ao goberno coruñés a crear o Consello Local da Lingua

0

A concelleira do BNG Mercedes Queixas acaba de rexistrar unha moción, para o seu debate no Pleno do vindeiro xoves 11 de xaneiro. A edil solicita o impulso dun Plan de  Normalización e a creación do Consello Local da Lingua, dous puntos que levan en vigor dende que en xuño de 2021 se aprobou a Ordenanza do Galego (A Coruña foi a última cidade galega en aprobalo)

Queixas ponlle un prazo ao cumprimento destas previsións, o primeiro semestre deste novo ano. “Resulta difícil de comprender como é posíbel que, máis de dous anos e medio despois, o Goberno Local non teña avanzado nada na elaboración do Plan de Normalización Lingüística nin na creación do Consello Local da Lingua”, afirma a concelleira nacionalista.

De acordo co articulado desa ordenanza, o Plan de Normalización Lingüística contemplaría medidas para garantir “o proceso de avance para o uso normalizado da lingua galega no Concello da Coruña”, ben como o Consello Local da Lingua cumpriría a “función básica de velar e avaliar a aplicación da ordenanza”.

A marea de pellets xa chegou á Coruña

Chegou a marea de microplásticos que vén invadindo o litoral galego de sur a norte ás praias da Coruña. Ao longo desta fin de semana reis, as praias do Portiño ou As Lapas (o Areal), recibiron a visita dos pellets de resina, ese gravoso contaminante, de menos de 5 milímetros de diámetro, que serve de base para a realización numerosos elementos de plástico.
A marea contaminante parte da perda o pasado 8 de decembro á altura de Viana do Castelo, de varios containers da empresa Maersk, que caían cando viaxaban a bordo buque “Tucana”, de bandeira dos Países Baixos. Calcúlanse que hai 78.000 toneladas de microplásticos esparexidos por todo o litoral atlántico e cantábrico.

E mentres a Xunta pon a responsabilidade nos Concellos, segue se activar realmente un protocolo de emerxencia medioambiental, e se dedica a enganar á cidadanía con propaganda a través dos seus medios, a veciñanza comprometida e as asociacións ambientais xa se están a mobilizar, trasladando o debate ao centro do estado.

Se pola comarca do Barbanza levan semanas de limpezas continuas, esta fin de semana a Costa da Morte reviviu os tempos do Prestige, cunha marea solidaria, pero insuficiente, para loitar con este pequeno e esquivo axente contaminante. Aparellos de cociña non son suficientes para loitar contra os pellets.

Tamén nas praias da Coruña houbo mobilizacións 40 persoas achegáronse á praia das Lapas, ou O Areal como foi coñecida sempre, da man dos colectivos Comité de Defensa das Rías Altas (CDRA) e Ecoloxistas Costa Meiga Atlántica e Verde. Dende as 16:00h ata que anoteiceu axudaron con esta ardua e manual tarefa de eliminar a meirande parte de pellets que puideron, ademais de outros residuos.

No Portiño e no Orzán

Tamén, a través de diferentes grupos de whastapp a veciñanza coruñesa organizouse para realizar batidas de limpeza das praias de O Portiño e Orzán.

 

View this post on Instagram

 

A post shared by Silcerino (@silcerino)

O Concello da Coruña fai unha mostra

 

Ao longo desta mañá de luns, o Concello da Coruña levou a cabo a recollida dunha mostra dos pellets e enviouse ao laboratorio para poder coñecer a composición. Todo apesar de que xa se teñen realizado numerosas análises, que demostran que é un polietileno moi utilizado en envases alimenticios, pero que supón un claro risco para a cadea trófica.

Dende o Concello lembran que todavía non recibiron ningunha notificación por parte da Xunta de Galicia sobre a posta en marcha da Fase I do Plan de Emerxencia, tendo en conta que ao longo da mañá a Xunta confirmaba que non ía elevar o nivel de emerxencia ao non falarmos de “material tóxico”.

 

Concello de Oleiros denuncia

O que nunca cala é o concello de Oleiros que lanzaba esta mensaxe á Xunta:

Atracan a punta de pistola unha gasolineira na Coruña

0

Policía Nacional busca á persoa que este venres atracou a punta de pistola unha gasolineira situada en Palavea, na Coruña, nas proximidades do supermercado Alcampo.

Segundo fontes consultadas por Europa Press, o atraco produciuse a sobre as 20,00 horas cando no lugar atopábase unha empregada do establecemento. Polo momento non houbo detencións relacionadas con este caso e a investigación permanece aberta.

Localizado o home de 73 anos que buscaban desde esta madrugada en Oleiros

0

O Concello de Oleiros informou de que xa foi localizado Francisco Pazos, o home de 73 anos que desaparecera durante a madrugada deste sábado no lugar de Lorbé, pertencente á parroquia de Dexo.

Segundo informou o Concello, foi a familia do desaparecido a que alertou á Policía sobre as 03,00 horas deste sábado ao decatarse da ausencia do home, que padece alzheimer. O consistorio municipal agrade a “extraordinaria colaboración veciñal”, así como o traballo da Policía Local, o Servizo Municipal de Emerxencias e operarios municipais de Servizos.

18F.- Patricia Iglesias e Julio Abalde, propostas do PSOE provincial da Coruña

O PSOE provincial da Coruña proporá á letrada maior do Consello de Contas Patricia Iglesias e ao exreitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, para ocupar o postos número uno e dous da candidatura ás eleccións autonómicas.

Segundo confirmaron fontes socialistas consultadas por Europa Press, esta proposta será abordada na reunión que a dirección provincial do PSOE mantén na de teste luns. Os nomes que saian das reunións provinciais terán que ver o visto e prace do Comité Nacional do PSdeG e da Comisión Fedal de listas.

Da reunión que a executiva provincial mantén na tarde deste luns sairán os outros nomes que figurarán na proposta provincial, entre os que se barallan o do secretario xeral do PSOE de Santiago, Aitor Bouza, e a ata agora parlamentaria autonómica Begoña Rodríguez Rumbo.