Inicio Blog Páxina 518

Detido un home nun local de apostas por usar cartóns de crédito que roubara a un turista en Riazor

0

Axentes da Policía Nacional detiveron o domingo a un home por empregar nun local de apostas da Coruña uns cartóns de crédito que previamente furtara a un turista na praia de Riazor.

Segundo informa o Corpo Nacional, os feitos ocorreron ás 15,00 horas da tarde nun establecemento do centro da cidade. Este home xa conseguira retirar nas máquinas expendedoras do negocio un total de 170 euros mediante varias operacións consecutivas.

Antes de que puidese obter máis efectivo, axentes do Grupo de Atención ao Cidadán detivérono ‘in fraganti’ cando aínda estaba no interior do local.

O home, horas atrás, subtraéralle a un turista na praia de Riazor os cartóns empregados. Tamén lle chegou a retirar documentación e un teléfono móbil, todo iso aproveitando que se deu un baño e deixado as súas pertenzas sen vixilancia.

Por todo iso, a Policía detívoo por un delito de furto, así como por outro de estafa mediante cartón bancario. Posteriormente, foi posto a disposición xudicial.

A Xunta afirma que a execución e financiamento de accesos á intermodal da é “responsabilidade municipal”

0

Consellería de Infraestruturas manifestou que “a execución e financiamento dos accesos” á estación intermodal da Coruña é “responsabilidade municipal”, en resposta ás demandas dun novo viario de acceso por parte do consistorio coruñés á Administración autonómica. Despois de que o consistorio alertase dos problemas de tráfico que conlevará, a Xunta asegura que o convenio para o desenvolvemento desta actuación establece que a “responsabilidade” é municipal.

“Ademais, a glorieta de Eduardo Diaz é de titularidade municipal e afronta xa na actualidade problemas de saturación en determinados momentos que só poden resolverse no ámbito de ordenación urbana do tráfico”, replica ao goberno local. Tamén afirma que a reunión mantida por estas administracións nesta xornada, con presenza tamén de Adif, tivo como obxectivo “avanzar na negociación” da adenda ao convenio de colaboración sobre o financiamento do aparcadoiro subterráneo da estación intermodal e rexeita que se presentase un informe “sobre o impacto da estación de autobuses intermodal no tráfico da cidade”.

O Concello da Coruña reclama á Xunta a construción dun novo viario de acceso á estación intermodal

0

O Concello da Coruña alertou á Xunta do “colapso de tráfico” na futura intermodal polo que solicita a creación dun novo viario de acceso rodado entre a avenida do Ferrocarril e a de Sardiñeira para aliviar o aumento do tráfico previsto. En concreto, un estudo municipal estima que os tempos de paso pola glorieta de Eduardo Diz incrementaranse sensiblemente debido á chegada das liñas interurbanas de bus.

Segundo informa o goberno local, o informe especifica que a maior parte dos vehículos de transporte colectivo (o 79% deles) accederá á estación a través da avenida de San Cristovopasando pola glorieta de Eduardo Diz.

“Cando a intermodal entre en funcionamento estímase que os tempos de paso pola devandita glorieta, xa hoxe moi saturada en horas punta, aumentarán entre un 49 e un 72%, segundo os diferentes escenarios que se manexan”, sinala.

O concelleiro responsable da área de Economía e Planificación Urbana, José Manuel Lage, expuxo hoxe os detalles do informe aos técnicos de Adif e da Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta, administracións implicadas na construción da intermodal.

O Dépor faino todo

  • Xornada 4: Unionistas 1 – 1 Dépor
  • O Dépor segue invicto a domicilio, sumando catro de seis puntos posibles.
  • Cuarto partido de Imanol Idiakez como adestrador do Depor en partido oficial (1V 3E 0D)

— —-

Chama a atención que neste comezo de tempada o Dépor é responsable de todo o que ocorre no campo. Nin sequera os rivais teñen que facer cousas ben, xa se encarga o Depor de botar unha man. O partido de Unionistas é o cuarto consecutivo no que ocorreron cousas raras, nada cotiás. Pero, se cadra estamos ante o caso de equipo menos normal que existe.

Se no primeiro encontro o equipo tivo un dominio esmagador contra o Rayo Majadahonda e fixo moitas cousas ben, apareceu un liña para romper a maxia. O que parecía un accidente sen máis importancia, repetiuse dúas semanas despois no mesmo escenario ca xogada de Lucas o que supuxo outro empate na casa contra un rival de abaixo. Xa non podemos falar de accidente e si se pode falar de responsabilidades. Neste último encontro en Salamanca non foi un accidente, non foi cousa da responsabilidade, foi un erro. Vaia!, igual é que todos foron erros e que dulcificamos as cousas negativas o comezo da tempada como non importantes.

Nada máis lonxe da realidade. O calendario presentaba a oportunidade de 9 puntos de 12. Levamos 6 puntos, moitos erros propios, moitos lesionados e xa se escoitaron as primeiras protestas nas roldas de prensa.

A necesidade de liderato, de vitorias e de puntos é total para o Depor. Xa non pode haber máis erros na casa, porque o ambiente positivo dos máis de vinte sete mil socios tornará a peor, e xa sabemos que non nos custa nada botar adestradores nas 7 primeiras xornadas. O Depor ten que seguir facendo todo, pero todo ben.

  • Miguel Barreiro Bugallo. Coruñés e deportivista no exilio mesetario. Sufrindo ó depor dende 1988. O que sei de fútbol, o Depor empéñase en negarmo. Firme defensor do fútbol de botas negras.

MÁIS CRÓNICAS DO DÉPOR

O BNG urxe ao goberno local unha política cultural “comprometida” tras a “inacción” no anterior mandato

A concelleira do BNG no Concello da Coruña Mercedes Queixas denunciou “inacción” do goberno local en materia cultural e reclamou actuacións no marco dun proxecto “ambicioso e comprometido”. “Demandamos que supere esa inacción e esa parálise en materia cultural que caracterizou o mandato anterior e que realmente abra un tempo novo para a cultura”, reclamou Queixas, este mércores en rolda de prensa, tras recalcar a necesidade de “facer visible un proxecto cultural ambicioso e comprometido”.

En concreto, a concelleira aludiu a varios “síntomas de carencia de política cultural comprometida”, entre eles, dous compromisos contemplados no acordo de investidura da alcaldesa, Inés Rey, “que tiñan que ser cumpridos a curto prazo, non superior a seis meses”. Estes son, citou, o desenvolvemento do “Consello municipal de cultura” e a convocatoria da comisión que analice o proceso de internalización das bibliotecas municipais.

“Estamos case nos cen primeiros días de goberno, hoxe no 95, e sorpréndenos que aínda non convocase aos organismos culturais estruturais na nosa cidade, non lle vemos explicación”, puntualizou. A preguntas da prensa sobre o funcionamento do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE), a edil sinalou que “debe establecer un marco de actuación e de traballo regulado e ordenado que acabe coa súa improvisación”. “Leva demasiados anos funcionando nunha inercia que non é positiva nin para a cultura nin para unha boa xestión dos recursos públicos”, incidiu.

En canto á Consellería de Cultura, Queixas indicou que ten “completamente desatendido” o patrimonio cultural galego no “conxunto do país” e pediu que “se acorde da Coruña cando se fan os proxectos”. “É unha cidade que non está precisamente no seu horizonte, leva moitos anos en déficit e é difícil poñerse ao día”, criticou.

Comeza no cemiterio de Bértoa a exhumación de catro coruñeses asasinados polo franquismo

0

Xornada de máxima emoción a vivida onte no cemiterio de Bértoa. A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) comezaba os labores de exhumación dunha fosa común no cemiterio carballés.

A entidade investiga, a instancia dunha familia, o caso de caso de catro veciños da Coruña que foron secuestrados e asasinados en Carballo, no marco do traballo de investigación e prospección “As vítimas de Queo de Arriba”. Os corpos con feridas de bala apareceron o día 29 de setembro de 1936 no Campo de Morgade, en Queo de Arriba, e foron soterrados no cemiterio de Bértoa. Esas catro persoas eran Juan Boedo Pardo, un gasista de 28 anos; Andrés Pinilla Fraga, conserxe do Colexio de Notarios da Coruña, de 52 anos; Pedro Pinilla Calvete, mecánico de 21 anos, e Francisco Miguel Fernández Díaz, pintor, ilustrador e crítico de arte na Rúa Real da vila herculina.

Especialistas como Miguel Anxo Fernan Vello comparan o caso de Francisco Miguel co de “García Lorca, (aínda sen exhumar e “perdido”: toda una vergoña histórica), e co do chileno Victor Jara. Ao gran pintor coruñés o falanxismo asasino fendeulle o cranio e amputoulle as dúas mans”.

Durante a primeira xornada de excavación atoparon certos restos humanos que irán estudando.

NOVAS RELACIONADAS

Dous proxectos herculinos seleccionados no Certame “AntarticLab CSIC”

0

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) puxo en marcha hai un ano o certame “AntarticLabCSIC”, promovido desde a súa Delegación Institucional en Galicia e a Unidade de Tecnoloxía Mariña coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades da Xunta de Galicia no marco do Plan Proxecta+ e o apoio tecnolóxico da empresa tecnolóxica Marine Instruments. A iniciativa enmárcase no “Decenio das Ciencias Oceánicas para o Desenvolvemento Sostible 2021-2030”.

Un ano despois, os proxectos seleccionados polo xurado viaxarán a mediados de novembro á Base Antártida Española, onde serán instalados e postos en funcionamento.

Entre as propostas seleccionadas atopamos 3 creadas nos centros da nosa cidade:

  • “Medición da calidade do aire no interior da Base Antártica Española”, do CIFP As Mercedes (Lugo) que levou o primeiro premio;
  • “MULTISENS”, do IES Monte da Villa (O Grove),
  • “POSITIVÍZATE!!”, do CIFP Universidade Laboral (A Coruña);
  • “Smart Person Tracking LoRaWAN”, e “Monitorización do crecemento dos liques antárticos”, ambos desenvoltos polo IES Urbano Lugrís (A Coruña).

O certame, cuxo obxectivo era dar visibilidade e poñer en valor as capacidades da Formación Profesional a través do desenvolvemento de instrumentos ou do deseño de experimentos, permitirá agora que os equipos galardoados poidan visitar o Buque Oceanográfico Hespérides, con destino á Base Atlántica Juan Carlos I.

A iniciativa estivo acompañada de visitas dos centros educativos participantes á empresa Marine Instruments (Nigrán), dedicada ao desenvolvemento de equipos electrónicos para condicións marítimos, e que deu apoio tecnolóxico aos proxectos en aspectos relacionados coa comunicación por satélite, electrónica, impresión 3D…

Información dos proxectos

“Positivízate!!” (CIFP Universidade Laboral) é un proxecto multidisciplinar e multinivel que pretende utilizar as novas tecnoloxías, especialmente programación en C++ e deseño e impresión en 3D para crear sinerxias educativas entre distintos niveis, axudando á autoestima individual e de grupo, especialmente na FP Básica.


“Smart Person Tracking LoRaWAN” (IES Urbano Lugrís) pretende contribuír á mellora da seguridade persoal, especialmente en situacións de emerxencia ou perigo. O seguimento
intelixente de persoas mediante tecnoloxía LoRaWAN ten un gran potencial para salvar vidas e reducir o risco de lesións ou danos persoais.


“Observación e control da poboación de liques antárticos” (IES Urbano Lugrís) pretende proporcionar as ferramentas auxiliares necesarias para poder realizar estudos permanentes das diversas especies de liques existentes na Antártida.

Mondra e Fillas de Cassandra lanzan novos traballos

0

A nova escena musical galega segue collendo músculo. Dúas das bandas emerxentes do país, que están conseguindo achegar a música tradicional á mocidade, presentan novas propostas.

É o caso das Fillas de Cassandra, das que xa comprobamos a súa potencia no marco do Atlantic Fest. As artistas xa nos deleitaron co “Negra Sombra”, que veñen de incluír no recompitalorio “Puro Deleite”, un traballo que se propón revisitar cancións históricas do país nas voces máis coñecidas da música galega contemporánea.

Mondra, outra das voces máis singulares e prometedoras do panorama actual, publica hoxe, mércores 20 de setembro o seu primeiro LP: ARDĒN (Altafonte Music Spain, 2023). Producido por Berto e editado por Altafonte, o traballo estará dispoñible nas principais plataformas dixitais e en formato CD de edición limitada e única. 

Cantareiro, bailador, instrumentista e compositor, Mondra é o cocreador, xunto con Berto, dalgúns dos temas máis coreados e escoitados este verán en Galicia, como é o caso de PUNHETA!, no que tamén participan as Fillas de Cassandra, RUMBAMBĀ ou o máis recente RUANDO, o novo sinxelo do artista xunto a Aida, de Tanxugueiras, que viu a luz o pasado 1 de setembro. Todos estes temas formarán parte de ARDĒN, o álbum debut de Mondra, unha proposta ambiciosa, luminosa e reflexiva ao tempo; que salienta pola súa marcada identidade así como pola rebordante dimensión electrónica dun proxecto que dialoga coa música tradicional galega.

ARDĒé unha celebración, un apoderamento da liberdade, un traballo conceptual no que Mondra introduce ás ouvintes nunha terra que saúda a liberdade, os afectos e o amor.

A CAPITOL ACOLLE O CONCERTO DE PRESENTACIÓN DE ARDĒN O 29 DE SETEMBRO

ARDĒN é unha celebración, un apoderamento da liberdade. Este espazo libertario de Mondra alcanza a súa máxima expresión na FOLĪA das ARDENTES, o vibrante directo do artista que chegará o venres 29 de setembro á Sala Capitol na que será a primera -e singular- presentación pública de ARDĒN. Será unha noite na que Mondra despregará unha proposta contundente, dinámica e liberadora. “Preparamos unha actuación única, con máis forza que nunca”, avanza o artista. As últimas entradas para a cita están dispoñibles na web oficial www.salacapitol.com.

 

Máis novas

Tanxugueiras rematará a súa xira “Diluvio” no Coliseum cun concerto especial

As Fillas de Cassandra ou o destape da música tradicional galega

Un hostaleiro do Ventorrillo denuncia a agresión por parte dun cliente

0

Un hostaleiro da Coruña denunciou a agresión por parte dun cliente co que, previamente, tivo un desacordo, segundo confirmaron a Europa Press fontes da Policía Nacional. En concreto, os feitos producíronse o luns, día 18, sobre o dez da noite cando o propietario do establecemento atopábase pechando o local.

Nese momento, un cliente que estivera con anterioridade no bar, situado na zona do Ventorrillo, e co que tivera unha desavinza previa, agrediulle. O home explicou que no momento da agresión recoñeceu ao autor dos feitos como a persoa que acudira ao seu local, precisaron desde a Policía Nacional.

Arquivada a causa contra o exdirector corporativo do RCDeportivo polo caso Angeliño

0

O maxistrado do Xulgado de Instrución número 5 da Coruña decretou o sobresemento provisional e arquivo das dilixencias abertas por mor dunha denuncia presentada polo Real Club Deportivo da Coruña fronte ao ex director económico-financeiro, José González Dans, pola presunta comisión dun delito de administración desleal e doutro delito de apropiación indebida. O xuíz non considera que haxa indicios da comisión dos delitos.

Dans fora investigado por unha suposta falta de concreción dun segundo prazo de cobro por parte do Manchester City pola venda de Angeliño. O club inglés fichou ao xogador coristanqués en idade xuvenil, asegurándose o Dépor o pago de indemnizacións no caso de que o xogador fose vendido a un terceiro. Unha vez que o PSV mercou ao xogador en 2018 por 12 millóns, tendo que abonar ao club deportivista un pago de 895.989€. O club coriñés emitiu unha factura pol metade, quedando o segundo pago pendente para meses despois. Un segundo pago que non se chegou ao realizar, segundo o maxistrado, porque o City repescou ao xogador e non correspondía.

Foi anos despois, en agosto de 2021, con outra directiva xa no Deportivo, cando o club emitía un requerimento ao City despois dunha demanda sen éxito ante a xurisdición civil, o asunto tivo que ser sometido á arbitraxe da Comisión do Estatuto do xogador da FIFA, que foi rexeitado en relación ás pretensións do Real Club Deportivo da Coruña. O club levou o caso á xustiza ordinaria, reclamando o segundo prazo correspondente da transferencia ao PSV Eindhoven e do 20% da plusvalía correspondente á venda a RB Leipzig. O Manchester City respondeu negando a existencia das ditas débedas: respecto do primeiro, porque o PSV Eindhoven non pagara dito segundo termo; con respecto ao segundo, porque ese dereito á plusvalía enténdese que só é aplicable á primeira transferencia e non á máis tarde.

No auto, explica, respecto ao presunto delito de administración desleal, que o investigado, “en termos xerais, actuaba no exercicio das súas funcións, con plena autonomía, suxeito, tan só, ás concretas instrucións que a directiva ou o consello de administración da denunciante lle puidese dirixir”. Así, salienta que, neste caso, “non existiron ordenes ou indicacións expresas dos órganos de goberno do Real Club Deportivo acerca da forma de proceder en relación á solicitude por parte do manager xeral do Manchester City para a emisión da factura rectificativa ou de abono en relación ao segundo pago do traspaso do xogador ao PSV Eindhoven”.

“Polo tanto, non existiría ningunha extralimitación do investigado nas súas funcións como administrador, ao non ignorar ningún límite expreso imposto polos órganos de goberno do club”, conclúe o maxistrado, quen engade que, ademais, “tampouco resulta claro, aos fins destas dilixencias penais, que houbese o prexuízo económico”. E, en canto ao presunto delito de apropiación indebida, destaca que o investigado “non incorporou ao seu patrimonio, como consecuencia dos feitos denunciados, ningún diñeiro, efecto, valor…, nin tampouco obrou para que o fixese un terceiro”. O xuíz incide en que, por tanto, o investigado “non contribuíu a que o Manchester City se puidese beneficiar patrimonialmente por un concepto respecto do que non tivese ningún título para percibilo”.