Inicio Blog Páxina 559

Os temporais obrigan a facer unhas obras de emerxencia no porto de Santa Cruz

0

Criticaba esta semana o Concello de Oleiros nas redes sociais o perigoso estado do porto de Santa Cruz, moi afefctado tralos últimos temporais.

Non tardou, desta volta, a Xunta, unha semana en poñerse mans á obra. Así a Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia vén de iniciar onte as obras de reparación do peirao de Santa Cruz. O ente público investirá nestes traballos máis 80.000 euros co obxectivo de reconstruír a zona afundida.

Os traballos previstos consistirán no levantamento de parte do pavimento, na zona afectada e nas inmediacións para proceder a encher o oco existente con formigón e outros materiais de recheo. Deste modo preténdese recuperar material da base do peirao que foi
progresivamente perdéndose.
Os traballos que deron comezo esta mañá teñen un prazo de execución previsto de arredor dun mes. O obxectivo de Portos de Galicia é poder reabrir, ao remate destas obras, ao tránsito o total esta infraestrutura que agora se atopa parcialmente restrinxida á circulación.

Baloncesto solidario de lendas

0

Felipe Reyes, Corbalán, Fernando Romay, Manolo Aller ou Charlie Uzal compartirán cancha o vindeiro venres 15 de decembro. Será ás 18:00 horas, no Pazo dos Deportes de Riazor, no marco do partido solidario organizado pola Fundación Diego González Rivas. Será un bo momento para disfrutar do baloncesto, pois ao remate do partido solidario desenvolverase o enfrontamento entre o Leyma Basquet Coruña e o Rioverde Clavijo, correspondente á décimo terceira xornada da Liga LEB Ouro.

O foco recae nas emblemáticas Lendas do Real Madrid, encabezadas pola lenda viva Felipe Reyes, e comandadas polo querido Fernando Romay que se enfrontará á Selección Galega de Veteranos vinculada á Federación Galega de Baloncesto, entre as que se atopa o internacional Manolo Aller e xogadores. máis vinculados á Coruña como Jose Manuel Calvelo, Charlie Uzal, Luis Montenegro ou Manu Pereira; dentro do corpo técnico Fernando Bodero ou Rafa Reparaz e árbitros como Juan Ignacio Domínguez ou Jose Carlos Rodríguez.

O evento promete ser un espectáculo de baloncesto ben divertido, dirixido polos presentadores de televisión Roberto Vilar e Rodrigo Vázquez, que pretenderá conseguir fondos para seguir levando a pioneira ciruxía non intrusiva por todo o planeta.

A Fundación Diego González Rivas leva a cirurxía minimamente invasiva a Serra Leoa e Liberia

A entidade agradece a colaboración tanto da Federación Galega de Baloncesto, do Leyma Basquet Coruña, da Xunta de Galicia, Gadis e ao Concello da Coruña, domo de entidades como Hotel Ibis, El Pulpo, Global Graphic, S2M Inmobiliaria e Transvialia.

Convocatorias

  • Selección Gallega de Veteranos (Moncho Gantes Fernando Bodero Pepe Casal Rafa Reparaz Tonecho Lorenzo): Koke Rama, Julio Jiménez, José Manuel Calvelo, Popocho Modrego, Sony Vázquez, Esteban Gómez, Miguel Piñeiro, Andrés Cadahía, Charlie Uzal, Pepe Conde, Lucho Fernández, Marcos Gato, Manolo Aller, Luis Montenegro e Manu Pereira.
  • Lendas Real Madrid (Juan Antonio Corbalán, Fernando Romay, Vicente Ramos, Antonio García Chain, Javier Artime): Felipe Reyes, José Miguel Antúnez, José Manuel Beirán, Eduardo Hernández Sonseca, Lorenzo Sanz, Javier Pérez, Roberto Núñez, Daniel Yusta, Antonio Llorente.

Máis novas

A Fundación Diego González Rivas compartíu a súa experiencia en África na Gala Ambrosía

Xoel López enche Madrid co seu ‘Caldo Espírito’

0

Lonxe quedan aqueles inicios musicais de Xoel López, hai máis de 20 anos, cando cantaba en inglés na coruñesa Elephant Band e empezou a saborear os meles do éxito coa mítica Deluxe. Xusto hai unha década, en 2013, Xoel López emprendeu a súa aventura en solitario e optou por un nome propio que xa non necesita presentación, capaz de encher grandes escenarios como ocorreu este mércores, 29 de novembro, en Madrid, onde actuou ante máis de 6.500 persoas no WiZink Center.

Este concerto é a única data de presentación deste ano do seu décimo sexto álbum de estudo, ‘Caldo Espírito’ (Esmerarte 2023), co que o cantante transita por novos campos sonoros como reflicte o título elixido, unha metáfora que fusiona o italiano caldo (quente) co galego “caldo”, un dos nosos pratos galegos por excelencia.

Cun repertorio no que se deron a man presente e pasado, nostalxia e talento, Madrid foi o escenario elixido para unha viaxe de algo máis de dúas horas no que Xoel López, acompañado dos seus músicos, volveu a ser capaz de axuntar e reflectir múltiples sentimentos vitais, nunha obra complexa, intimista e visceral que bebe das raíces de numerosos estilos musicais procedentes de varios puntos do planeta.

‘Caldo Espírito’ é o último capítulo dunha frutífera traxectoria en solitario que comezou cun cegador ‘Atlántico’, tras abandonar o proxecto consolidado de Deluxe, así como España, e gravar un bo puñado de cancións inigualables dacabalo entre as dúas beiras do Atlántico: Buenos Aires e A Coruña, ademais de percorrer o continente americano en busca de inspiración e novos retos. Chegou despois un eléctrico ‘Paramales’, ao que seguiu o biográfico ‘Sueños e pan ‘ e ‘Si me rayo te alcanzara’, que viu a luz en plena pandemia pola Covid-19.

Todos eles tiveron cabida no concerto desta mércores que empezaba puntual ás 21.00 horas con ‘Albatros’, do seu último disco, no que se abordan cuestións como o anhelo por escapar, a loita contra a conformidade ou a procura dunha autenticidade da que parece carecer a sociedade actual, no medio dun illamento e anhelo de conexión que se expón en ‘Salitre y humo’, uns vínculos aos que de novo fai alusión ‘Esto no es amor’.

Impoñen uns servizos mínimos do 100% en urxencias e gardas para a folga deste xoves na sanidade privada da Coruña

0

A Xunta publicou este mércores no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde cos servizos mínimos, que serán do 100% en urxencias e as gardas, para a folga na sanidade privada convocada polos sindicatos CIG, CCOO e UXT para este xoves, 30 de decembro, na provincia da Coruña.

A orde, asinada polo conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, busca “manter a adecuada cobertura do servizo esencial de asistencia sanitaria” para “evitar que se produzan graves prexuízos á cidadanía”, concretamente ás persoas que presenten algunha enfermidade, á vez que se compatibiliza co dereito á folga.

Desta forma, os servizos mínimos entre os profesionais sanitarios serán do 100% en Urxencias, gardas médicas, quirófanos urxentes e salas de parto, así como en unidades de reanimación, UCI, áreas de Diáleses e de Oncoloxía, o cal inclúe os servizos de radioterapia e os hospitais de día.

Ademais, haberá que garantir as cirurxías en pacientes que mostren patoloxías que poñan en perigo as súas vidas ou agraven a súa saúde, así como aquelas consultas e probas que sexan consideradas urxentes e inaprazables. Os servizos mínimos tamén garantirán a atención a pacientes subsidiarios de hospitalización a domicilio e coidados paliativos.

Para o persoal que non sexa sanitario, os servizos mínimos do 100% só serán en Urxencias, mentres que se prevé un nivel de efectivos equivalente a domingos e festivos para as áreas de hospitalización, condutores, os servizos de admisión, hostalaría, lavandaría e lencería. Para outras áreas, como de atención ao enfermo, cita previa e limpeza, serán do 50%.

En base a todos estes criterios, cada centro sanitario será o encargado de determinar, dunha forma debidamente xustificada, o persoal que debe cubrir os servizos mínimos, establecendo a súa xornada e horario de traballo. Todo iso deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios correspondentes.

POR UN CONVENIO “DIGNO”

A folga deste xoves busca reclamar “o desbloqueo da negociación colectiva” e alcanzar un convenio “digno con salarios xustos”, segundo explican nun comunicado conxunto a CIG, CCOO e UXT, o tres organizacións convocantes. En paralelo a este paro, celebraranse concentracións ás 12,30 horas no HM Rosaleda de Santiago e ás 13,00 no Hospital Quirón da Coruña (Santa Teresa).

O convenio da sanidade privada regula a máis de 4.000 traballadores na provincia da Coruña –inclúe tamén clínicas dentais, de fisioterapia, centros estéticos e laboratorios– e, de acordo cos sindicatos, é “un dos que peores condicións ten de todo o sector”

CIG, CCOO e UXT cren que a patronal pretende non só “manter esta precariedade”, senón tamén “recortar dereitos xa recoñecidos”, como os trienios ou a cobertura do 100% das baixas.

Así, esíxenlle que retome “de inmediato” as negociacións, retire os puntos “innegociables” e presente unha oferta económica que “realmente modifique á alza as táboas salariais” e permita recuperar o poder adquisitivo “perdido”.

A deste xoves será a primeira das dúas folgas convocadas no sector. A próxima será o 14 de decembro.

Coruña abre o paraugas pola Discapacidade

0

32 entidades sociais da cidade participarán este domingo no evento central da campaña ‘Baixo o mesmo paraugas’. As entidades que traballan na defensa dos dereitos das persoas con diversidade funcional de toda Galicia concentraranse vindeiro domingo 3 de decembro ás 12.00 horas na explanada do Parrote, co gallo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade.

En total serán case 100 entidades sociais da comunidade as que lanzarán unha mesma mensaxe: “unha sociedade plural e diversa, onde todas as persoas teñan moito que facer, contribuír”. Así o destacou Ricardo Iglesias, responsable de Aspace e voceiro das entidades organizadoras, durante a presentación realizada onte. “Queremos mostrar as capacidades das persoas, que as diferenzas fan unha sociedade máis forte e que todas as persoas teñen moito que aportar. Animamos a toda a cidadanía a que nos acompañe cos seus paraugas en todos os actos que faremos en Galicia. E queremos que cada ano se unan máis entidades de toda a comunidade”, destacou.

CAMPAÑA REDES SOCIAIS: ABRE O TEU PARAGUAS!

As entidades invitan a mobilizar a campaña polas redes. Colle un paraugas de cores e grava un vídeo moi breve de non máis de 15 segundos, no que ti ou máis persoas digas mensaxes positivas a favor das persoas con discapacidade, a igualdade, a inclusión… coas etiquetas #BaixoOMesmoParaugas #AbreTuParaguas #Diversidade #Discapacidade etiquetando a @galiciadiversa.

Listaxe de entidades coruñesas que participarán o domingo

  • 1. ACEM
  • 2. ASPRONAGA
  • 3. PASCUAL VEIGA
  • 4. ASPABER
  • 5. ARTEFÍOS
  • 6. ASPAYM GALICIA
  • 7. FEAFES GALICIA
  • 8. ADACECO
  • 9. ASPANAES
  • 10. ASPADISOL
  • 11. GRUMICO
  • 12. ONCE
  • 13. ASPACE CORUÑA
  • 14. REDE DE FIBROMIALGIA
  • 15. PREDIF GALICIA
  • 16. APEM
  • 17. ASOCIACIÓN PARKINSON GALICIA-CORUÑA 18. ASPADEX
  • 19. FEGEREC
  • 20. AFACO
  • 21. DISMACOR
  • 22. PAI MENNI
  • 23. ASPESOR
  • 24. DOWN CORUÑA 25. ASPERGA
  • 26. FUNDACIÓN ADCOR 27. AIND
  • 28. ASEM
  • 29. XOGA
  • 30. ENKI
  • 31. ALOUMIÑOS
  • 32. FUNDACIÓN ASPACE CORUÑA 33. OCIO INCLUSIVO OLEIROS

As obras dos barrios nas que o Concello investirá 93 millóns de euros

0

Aprobaba o pasado sábado a Xunta de Goberno Local o proxecto dos orzamentos xerais do Concello da Coruña para o ano 2024. 375 millóns que contan con 93 millóns de euros en investimentos en obras na cidade, sendo 75,1 millóns de euros do capítulo de Investimentos Reais, máis 18 millóns recollidos en transferencias correntes co mesmo fin.

Ademais das 17 intervencións cofinanciadas con fondos Next Generation e xa licitadas a finais de verán, que serán executadas neste 2024, hai varios plans con fondos:

  • Plan de Humanización nos Barrios na Cidade (26 millóns).
  • Plan de Accesibilidade dos Barrios (5 millóns),
  • Plan de Parques Infantís (5 millóns).
  • Programa para equipamentos correspondentes a Centros Cívicos e Bibliotecas (2,5 millóns).

Estes son os proxectos concretos e as súas contías:

  • Falperra: Obras de inicio do novo mercado de Santa Lucía (1,6 millóns).
  • Cidade Vella: Finalización da restauración da Casa Veeduría.
  • Novo CHUAC: aportación municipal nas obras de execución do Novo CHUAC —8 millóns de euros—
  • Nova estación intermodal de San Cristovo —6,1 millóns de euros—.
  • Centro: Humanización dos Cantóns entre Juana de Vega e a sede da Autoridade Portuaria (7,6 millóns).
  • Sagrada Familia: Peonalización da rúa Sagrada Familia (1,1 millóns);
  • Castrillón: condicionamento do espazo público entre a rúa José María Hernansáez e a praza da Concordia (1 millón de euros);
  • Rosais: Urbanización do Camiño do Cura para facilitar o tránsito peonil (250.000 euros).
  • Elviña: Melloras na accesibilidade ao Castro de Elviña (150.000 euros).
  • Rosais: Reforma do elevador do monte de San Pedro (750.000 euros);
  • Cidade Vella: Completar a reposición do sistema de climatización da Fundación Luís Seoane (600.000 euros).
  • Monte Alto: Primeira fase de creación do parque do Vixía, en Monte Alto (1,2 millóns)
  • Santa Margarida: Segunda fase do plan de mellora do parque de Santa Margarida (600.000 euros).
  • Bens: plan de mellora das áreas caninas, con énfase na cala de Bens.
  • Xuxán: construción dun edificio de 50 vivendas de protección pública (VPP) en Xuxán.
  • Barrio das Flores: plan de melloras no Entorno Residencial de Rehabilitación Programado (ERRP) do Barrio das Flores (1,1 millóns)
  • Novo Mesoiro: Nova Biblioteca de Novo Mesoiro así como un espazo de lecer para a mocidade (1,5 millóns)
  • Palavea: Transformación do Mercado de Palavea en desuso actualmente, para reconvertilo en biblioteca municipal, cunha nova aula TIC (430.000 euros).
  • Museos Científicos Coruñeses: a renovación do peche perimetral do Aquarium Finisterrae, a impermeabilización da cúpula da Casa das Ciencias e as melloras necesarias na cuberta da Domus, entre outras actuacións extra (1,5 millóns)
  • Rehabilitación da Cidade Deportiva da Torre ‘Arsenio Iglesias’ e outras instalacións deportivas (1,3 millóns)

 

A Coruña contará cun orzamento de 375 millóns para 2024

0

O pleno da Coruña aprobou un orzamento de 375 millóns de euros, nunha sesión extraordinaria para dar luz verde, de forma inicial, ao expediente de gastos e investimentos previstos no próximo exercicio.

Foi tras o acordo alcanzado polo grupo de goberno, o PSOE, co BNG, formacións que defenderon que se trata dun orzamento centrado, entre outros aspectos, nos barrios. “Pensados para ampliar o escudo social”, expuxo tamén o portavoz do goberno local, o socialista José Manuel Lage.

Pola súa banda, o portavoz do grupo municipal do BNG Francisco Jorquera apelou aos acordos alcanzados polo seu grupo cos socialistas fronte ás críticas desde as filas do PP, expostas polo seu portavoz, Miguel Lorenzo.

En concreto, este último puxo en cuestión o nivel de execución por parte do goberno local das partidas deste exercicio e do anterior e mostrou as súas dúbidas de que se execute o previsto en investimento.

Jorge Boquete: “O mellor episodio piloto do ano en España é unha serie galega e en galego”

  • O membro de Porco Bravú asegura que van intentar sacar a película!

— — —

Sarao que haia en materia audiovisual, sarao no que está Jorge Boquete e Óscar Cruz co seu Porco Bravú. A “granxa audiovisual” coruñesa leva xa unha década sendo auténtica protagonista da revolución dos contidos dixitais en Galicia, formando parte intrínseca de citas pioneiras como o Festival Carballo Interplay e participando noutros festivais de todo o planeta, ademais de ser avanzados no mundo do streaming.

Foi aló por 2013 cando Jorge e Óscar, aínda na Facultade, se lanzaron á crear a primeira webserie, “Conversas con Cunqueiro”, un proxecto “superamateur” pero xa daba conta do seu talento en plena praza do Humor.

Seguiron outros proxectos como “Peter Brandon” ou “El Método Sueco”, antes de lanzarse con novo “A arte de ser mal pai”. Esta nova webserie anda triunfando por festivais de todo o planeta. Despois de estrearse e gañar o premio á Mellor Webserie en galego no Carballo Interplay do ano pasado, de pasar por Lima ou Chile, veñen de ser escollidos como o premio a “Mellor Piloto” no X festival Serielizados de Barcelona e Madrid. Malia non poder estar o pasado sábado en Barcelona na Gala para recibir o premio, a serie escrita por Cruz e dirixida por Boquete resultou a escollida polo xurado entre as máis de 100 series de toda España, sendo a primeira vez que é en dez anos que unha serie en galego recolle o galardón no festival de series máis importante do país. “O mellor episodio piloto do ano en España é unha serie galega e en galego. Por fin estamos a romper as barreiras lingüísticas no país. A xente xa está disposta a poñer os subtítulos”, recoñece un contentísimo Boquete.

A arte de ser mal pai

O proxecto naceu das gañas de Óscar e Jorge de volver crear xuntos, e por primeira vez puideron traballar cunha produtora seria detrás como é Miraveo, onde ademais traballan. Presentáronse ás Axudas de talento de Agadic, e saíu adiante este proxecto que nace das conversas que ten oscar con Xose Esperante noutras rodaxes, da experiencia de ser pai. “É un reflexo de todos os medos que temos os dous, que non somos pero seríamos un desastre, como Xosé, na serie, que na vida real é un padre de 10”, conta Boquete. “É unha miniterapia para ver os nosos medos en pantalla grande e poder aprender deles”.

Contan con actores de confianza cos que levan colaborando anos, “actores top aos que sempre lles estamos pedindo cousas e que sempre nos axudan e que sempre son a nosa primeira opción, que son actores TOP e cos que queríamos facer algún traballo digno”. Aí aparecen Marita Martínez, Sabela Arán, Fede Pérez ou María Costas, ademais dos protagonistas, o propio Xosé M. Esperante e Jacoba de Llano.

A serie, está entre unha comedia dramática ou un drama con notas de comedia, que compaxina risas e bágoas ao 50 por cen. Conta a historia dun pai corentón interpretado por Xosé M. Esperante, obrigado a despedirse da súa filla, a novísima e poderosa actriz Jacoba de Llano. Durante os tres días nos que sucede a emocionante historia, os creadores ofrecen unha mirada profunda e conmovedora sobre os desafíos da paternidade e a complexidade do que significa ser adolescente neste mundo moderno.

Agora, estanse presentando aos Mestre Mateo, a ver se colan entre os finalistas, pero miran cara adiante. Ao ser unha serie pechada (son 48 minutos que conta unha historia concreta e alongar a serie sería complicado), si que nos avanza Boquete que “vendo a acollida, estamos intentando convertir en película o proxecto. Imos aproveitar a boa onda”1.

Prisión para o detido na Coruña por agredir con arma branca á súa parella

0

O Xulgado de Violencia sobre a Muller acordou o ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza para o detido o luns na cidade da Coruña por agresión con arma branca á súa parella.

Así o informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que explica que está investigado por un delito de homicidio en grao de tentativa ou de lesións agravadas, algo que se determinará ao longo da instrución.

Ademais, ditouse unha orde de protección con respecto á vítima, que inclúe afastamento, para o caso de que saíse de prisión, e prohibición de comunicación.

Como medidas civís, acordouse garda e custodia dos fillos menores á nai, pensión alimenticia, prohibición de visitas e atribución do uso do domicilio para a nai.

O suceso produciuse na rúa Tornos e ao lugar desprazáronse varias unidades policiais. A muller foi ingresada no complexo hospitalario universitario da Coruña, con ferida no abdome e evolución favorable, tras o seu ingreso na unidade de coidados intensivos (UCI).

A nova UCI do CHUAC entrará en funcionamento en xaneiro de 2024

0

A nova Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac) entrará en funcionamento o próximo mes de xaneiro e aumentará o número de boxes ata 29, cinco máis que o anterior, todos eles individuais. Así o anunciou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, durante a visita que realizou este martes ás novas instalacións. Fíxoo acompañado, entre outros, pola conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.

“Estamos a piques de pechar a fase cero, só faltan dúas actuacións, a zona de farmacia e de urxencias”, recalcou o conselleiro en alusión ás obras do novo Chuac. Respecto da fase 1, Vázquez avanzou que “a mediados do mes de decembro” estarán adxudicados os tres contratos para a execución da Torre Polivalente, a demolición do Hotel de Pacientes e o contrato de redacción do proxecto construtivo e de execución dos accesos.

A conselleira lembrou que xa está entregado o proxecto básico de todo o novo complexo co obxectivo de “terminar no primeiro trimestre de 2024 o proxecto de execución”. Vázquez incidiu, ademais, en que a Xunta “priorizará” a expropiación dos terreos de Pedralonga para as novas vivendas onde recolocar aos expropiados e “licitar as obras de urbanización en febreiro e comezalas en xullo de 2024”.