Inicio Blog Páxina 570

Os Rosales acolleu a gravación do videoclip do novo tema deportivista “Nos van a ver volver”

0

Esta pasada noite, a Plaza Elíptica dos Rosales acollía a gravación do videoclip “Nos van a ver volver”. O tema de Arturo Coego pretende convertirse nun himno branquiazul como xa o son o “Mar de Fondo” de Suso Suárez, ou ese “O Dépor somos nós” dos Diplomáticos de Monte Alto que acompaña na saída ao público de Riazor ao remate de cada partido.

Numeroso público achegouse á pista de baloncesto da praza para ver de preto aos Alex Bergantiños, Mella, Mackay, Yeremay, Villares, Lucas, Pablo Martínez (coa camiseta de Mella!)… ou mesmo ao ex branquiazul Uxío da Pena, vacilando con Xosé Touriñán. Tamén participaron xogadoras do Dépor Abanca.

Mocidade branquiazul con Pablo Martinez

”Nos van a ver volver, de entre los muertos, con sed de venganza. Humo azul en el imperio del norte”, reza este cañeiro berro deportivista, que escoitamos mentres esperamos o videoclip:

Máis novas do Dépor

O Nonviolencia Activa Fest reunirá música, poesía, pintura e moito máis en María Pita

0

O 2 de outubro é o Día Internacional da #NonViolencia. Para conmemorar a data, a Asociación Mundo Sen Guerras e Sen Violencia organiza o domingo 1 de outubro, un evento que contará con nomes confirmados de artistas como: Silvia Penide, Sophie Simonds, Chelo Facal, Xosé Abad e moitos máis.

O Nonviolencia Activa Fest celebrarase en María Pita a partir das 17:30 e reunirá a artistas de diversas disciplinas coa idea de loitar contra todo tipo de violencia e de visibilizar que son moitos e moitas os que a combaten cada día, tamén mediante a arte e a cultura.

A música virá da man de Silvia Penide, Sophie Simonds, Eris MacKenzie, Marian Ledesma, Planeta Fugaz, Diversidarte Percussion Band e Laura Caló. Xulia Weinberg e Silvia Inopia conxugarán enriba do escenario pintura e música en directo.
No evento tamén haberá espazo para a poesía, da man da Asociación Veciñal Agra do Orzán, con Gosto de vivir a poesía, e Sextextos.
Non faltará o toque teatral con Hortensia.

Fóra do escenario a arte continúa coas exposicións fotográficas de Vanessa Casteleiro e Xosé Abad. Tamén haberá pintura da man de nomes de artistas como: Lola Saavedra, Chelo Facal, Javier S., Marianne Bernot e o grupo de debuxantes rúas Urban Sketcher.

Os máis pequenos, pola súa parte, terán o seu propio espazo nesta xornada. Ana, de Crecer Creando, acompañará aos nenos e nenas nun xogo temático para divertirse sen deixar de aprender.

O Nonviolencia Activa Fest pechará a tarde cun símbolo humano da paz para enviar unha mensaxe común de rexeitamento ás violencias e de aposta pola convivencia.

O Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón celebra 55 anos cunha xornada de portas abertas

0

O sábado 7 de outubro o Museo Arqueolóxico de San Antón celebra o 55º aniversario da súa inauguración. Faino cunha xornada de portas abertas o sábado 7 de outubro, durante a cal, entre as 10.00 e as 00.00 horas, as instalacións do museo estarán abertas ao público de xeito gratuíto.

Ademais, en paralelo, tamén está prevista unha ampla oferta de actividades culturais para todos os públicos. En primeiro lugar, unha serie de percorridos guiados polo Castelo de San Antón, que achegarán as persoas asistentes ás diversas seccións do Museo Arqueolóxico e Histórico. Disporanse tres quendas, orientadas ao público adulto: ás 12.00, 18.00 e 22.00 horas, con percorridos cunha duración de hora e cuarto. A oferta será de 25 prazas por quenda.

Obradoiros

Por outra banda, tamén se ofertarán tres obradoiros divulgativos:

Mans á obra (Sábado 7 de outubro, ás 11.45 horas; 20 prazas): Obradoiro infantil.

NumisLAB (Sábado 7 de outubro, ás 17.00 horas; 20 prazas): Obradoiro infantil.

Gabinete Arqueolóxico (Sábado 7 de outubro, ás 19.30 horas; 15 prazas): Obradoiro para adultos.

Inscrición

O mércores 27 de setembro abre o prazo de inscrición. Todas as actividades son gratuítas, previa inscrición, ata completarse a capacidade prevista. As solicitudes poderán tramitarse a partir deste mércores 27 de setembro, a través do teléfono 981 189 850 (habilitado en horario de 10.00 a 19.30 horas).

Piden nove anos de cárcere para un mozo por agresión sexual a unha menor nunha residencia na provincia da Coruña

0

Fiscalía pide nove anos de cárcere para un mozo acusado de agresión sexual a unha menor de idade, uns feitos que, segundo o escrito de cualificación fiscal, producíronse nunha residencia de estudantes da provincia da Coruña. A vista fixouse para este martes na Audiencia Provincial da Coruña, onde se acordou que fose a porta pechada para preservar o dereito á intimidade da vítima.

No seu escrito de cualificación, o Ministerio Público pide que se impoña ao acusado, que naceu no 2001 (a vítima en 2003) a prohibición de aproximarse á menor, ao seu domicilio e lugar de traballo a unha distancia non inferior a 300 metros e a de comunicarse con ela por calquera medio, por un tempo de 10 anos.

Solicita tamén que o acusado indemnice con 40.000 euros á moza polas secuelas e os danos morais causados, argumenta a Fiscalía. Os feitos tiveron lugar nunha residencia de estudantes da provincia da Coruña durante o curso 2019-2020 na habitación do acusado contra a vontade da menor, que foi inmobilizada ata que se consumou a agresión sexual, segundo o escrito de cualificación.

Excarcerada e evacuada ao hospital unha muller ferida nunha colisión entre un coche e un camión na A-6, en Arteixo

0

Unha muller tivo que ser excarcerada, antes de ser evacuada en ambulancia a un centro hospitalario, tras producirse unha colisión entre un coche e un camión na A-6, á altura do municipio de Arteixo.

Segundo informou o CIAE 112-Galicia, o accidente produciuse ao redor das 14,00 horas deste luns, cando varios particulares chamaron a Emerxencias para informar o sinistro, que tivo lugar no quilómetro 592, en sentido Madrid.

As testemuñas explicaron ao 112 que un coche estaba parado nun dos carrís cando foi alcanzado por detrás por un camión, que chocou fortemente contra a parte traseira do vehículo.

Os servizos de Emerxencias alertaron a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, bombeiros de Arteixo, Garda Civil de Tráfico, Protección Civil e persoal de mantemento da vía. Os traballos dos equipos mobilizados obrigaron a cortar o tráfico nun dos carrís, o que provocou importantes retencións.

Os bombeiros tiveron que excarcerar a unha muller, que se atopaba atrapada no coche que fora golpeado polo camión, e que logo foi evacuada en ambulancia en estado grave .

Pobre arranque dun Dépor errático

  • Xornada 5 – Dépor 1 – UE Cornellá 1
  • O Dépor segue invicto, pero firma o peor comezo das últimas tres tempadas
  • Quinto partido de Imanol Idiakez como adestrador do Depor en partido oficial (1V 4E 0D)

— — —

Pasadas cinco xornadas de liga xa se pode dicir que o arranque de Depor é pobre en puntos, en goles a favor, en xogo e en efectividade. Por riba de todo, están os numerosos erros cometidos polo equipo coruñés e as terribles consecuencias que estes tiveron no resultado final dos encontros.

Se comparamos este penoso comezo cos dous anteriores anos no barro da 1ª RFEF, os números amosan a triste realidade deste arranque. Nas cinco primeiras xornadas da tempada 21/22 o Depor contaba con 12 puntos de 15 posibles (80% de puntos sumados), 11 goles a favor e, tan só, 2 en contra.

Por outra banda, nestas mesmas cinco xornadas da tempada 22/23 o equipo acadaba 11 puntos de 15 posibles (73% de puntos sumados) con 8 goles a favor e 5 en contra. Os díxitos de este ano recollen que o Depor sumou 7 puntos de 15 posibles (46% de puntos sumados), con 5 goles a favor e 2 en contra. Ben é certo que isto nada máis acaba de comezar, pero xa estamos falando de remontar posicións, distancia có liderato e fóra do playoff.

Se cadra hai algo peor que os puntos e as vitorias non acadadas, e isto é a autocompracencia que se respira polo redor do equipo. Esta actitude de crer que somos o Depor e que con iso basta para ascender e que este comezo se remonta fácil, non nos axudará en nada. Prefiro poñerme en modo “toque de atención” e arrincar a sumar de tres en tres un mes seguido. Será o único camiño cara ao liderato.

Por certo, no partido desta fin de semana xa se escoitaron os primeiros asubíos nas bancadas e o claro e directo cántico de “ échale huev.., Depor, échale huev..”. Ambos xestos amosan que a afección anda mosca co pobre arranque do equipo e cos rechamantes erros cometidos, agardemos que sexa cousa do verán e que o outono traia a racha positiva que tanto necesitamos.

  • Miguel Barreiro Bugallo. Coruñés e deportivista no exilio mesetario. Sufrindo ó depor dende 1988. O que sei de fútbol, o Depor empéñase en negarmo. Firme defensor do fútbol de botas negras.

MÁIS CRÓNICAS DO DÉPOR

O BNG ve “certa falta de impulso” por parte do goberno local tras cen días de mandato

0

O portavoz do BNG no Concello da Coruña, Francisco Jorquera, considerou que existe “certa falta de impulso” por parte do goberno local. Fíxoo a través dun comunicado ao facer balance dos cen días de mandato dos socialistas cos que o xoves os nacionalistas iniciarán as negociacións de face a un novo orzamento para 2024.

A xuízo do portavoz do BNG, o Concello herculino está “a sufrir as consecuencias dunha decisión errónea, a adoptada no anterior mandato polo goberno local cando se negou a negociar uns novos orzamentos para 2023, prorrogando os de 2022“. “É sintomático que no pouco tempo que levamos do novo mandato houbese que abordar dúas modificacións dos orzamentos en vigor e outra máis do orzamento do Instituto Municipal Coruña Espectáculos“, engade.

Redrum Teatro representa ‘Hamelin’ na cidade este venres e sábado

0

Redrum Teatro continúa na Coruña coa xira de ‘Hamelin’, espectáculo teatral escrito polo dramaturgo Juan Mayorga que aborda o conflito dos abusos sobre a infancia. Será este venres e sábado, 29 e 30 de setembro, no Teatro Rosalía de Castro. As entradas están á venda a través da plataforma dixital de Ataquilla.

Alex Sampayo encárgase da dirección e da adaptación deste ‘Hamelin’ en galego que conta cun reparto conformado por sete intérpretes: Machi Salgado, Fran Lareu, Guillermo Carbajo, Laura Míguez, Roberto Leal, Rubén Porto e a actriz coruñesa Vitoria Pérez. O deseño de iluminación corre a cargo de Carlos Álvarez-Ossorio e o espazo sonoro, de Fernando Epelde.

Esta será a segunda ocasión que a compañía adapte ao galego un texto de Juan Mayorga, autor teatral que no 2022 recibiu o Premio Princesa de Asturias das Letras. Despois de realizar en galego ‘O mozo da última fila’, Redrum escolle agora ‘Hamelin’, obra de 2005 pola que o dramaturgo recibiu o Premio Max a mellor autor teatral. O ‘Hamelin’ de Redrum conta co apoio da Xunta a través das axudas á creación escénica e do Concello da Illa de Arousa, que acolleu a Redrum para os seus ensaios.

3 toneladas de lixo extraídas do mar da Coruña no marco do Festival Mar de Mares

0

Espectacular as cifras que acadou a V Gran Limpeza de Fondos Mariños Singnus, que se desenvolveu no marco do Festival Mar de Mares este domingo 24. Liderado por Signus Ecovalor, e baixo a dirección técnica de Mergullo Galicia, máis de 200 persoas voluntarias (entre elas ducias de mergulladoras) pegaron un completo repaso á zona que cobre entre o castelo de San Antón e o Real Club Náutico da Coruña.

De todo rescataron dos fondos, pero focalizaron esforzos en lixo de gran tamaño como redes, neugáticos, metais… 3 toneladas que non seguirán contaminando a nosa enseada portuaria.

Ano e medio de prisión para un carteiro da Coruña que acumulou 3.700 envíos sen repartir

0

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña condenou a un ano e medio de prisión e multa a un empregado de Correos que deixou sen repartir nin entregar 3.700 envíos entre febreiro e xullo de 2019.

A condena alcanzouse por acordo de conformidade entre as partes. Ademais, o xulgado inhabilitouno, durante a tres anos e medio, para emprego ou cargo público e para a realización de calquera labor relativo á actividade postal e paquetería, así como para desempeñar calquera función para a Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos.

O tribunal condenouno como autor dun delito continuado de infidelidade na custodia de documentos e tivo en conta as atenuantes de actuar por mor da súa grave adicción a bebidas alcohólicas e de dilacións indebidas.

Os maxistrados relatan na sentenza que Correos iniciou unha investigación interna tras a “multitude de queixas” por parte de veciños da zona.

Así, o día 9 xullo de 2019, durante un rexistro voluntario do seu vehículo privado, os seus superiores acharon ocultos e acumulados uns 3.600 envíos que non foron debidamente repartidos. O 16 de agosto de 2019, segundo o fallo, a responsable da oficina atopou no despacho de billetes aberto do acusado outros 98 envíos ordinarios sen repartir.

Os envíos que o acusado acumulaba indebidamente foron finalmente repartidos mediante xestións urxentes da Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos, sen que ningún prexudicado reclamase por iso. A sala indica na resolución que o condenado cometeu os feitos “a causa do alcoholismo que vén padecendo desde hai longo tempo”.