Inicio Blog Páxina 578

Dúas propostas do IES de Culleredo levan premio no VI Concurso de microrrelatos da RAG e PuntoGal

0

Nel Vidal e Mónica Fraga, mestres no IES Rego de Trabe de Culleredo, veñen de ser uns dos gañadores do VI Concurso de microrrelatos da RAG e PuntoGal. Nel e Mónica son os únicos triunfadores da comarca, escollidos entre as máis de 1.000 propostas presentadas.

Nel Vidal (Artes, Ribeira, 1980) fíxose co primeiro premio na categoría de adultos, á que se presentaron arredor de 450 relatos, con “Deberes de lingua”, un texto de 67 palabras. O seu microrrelato consegue acompasar o léxico de dous campos semánticos distintos, buscando certa correspondencia entre eles, para reflexionar sobre o que significa compartir a vida. O autor foi técnico de normalización lingüística do Concello de Carballo durante quince anos, presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) e director do Culturgal, e na actualidade dedícase á docencia de Lingua Galega e Literatura.

Mónica Fraga Rodríguez (A Laracha, 1974), na actualidade veciña de Oleiros, fíxose co terceiro premio na categoría de adultos co relato titulado “Zen”, que consegue arrincar o sorriso con só 46 palabras. Licenciada en Física, é profesora de Tecnoloxía do mencionado IES Rego de Trabe, do que é a directora. Escribe de cando en vez, sempre por pracer e ás veces por necesidade -conta-, cando precisa facer limpeza na cabeza.

Resto de premios

  • A costureira e contacontos Nanda Costas (Vigo, 1978), veciña de Nigrán, fíxose co segundo premio na modalidade de persoas adultas.
  • Na categoría xuvenil as gañadoras son Andrea Bravo López (Ames, 2009), alumna do IES do Milladoiro; Mencía Jorge Cabaleiro (Vigo, 2006), estudante do IES Castelao de Vigo; e Beatriz Martínez García (Teo, 2006), do IES de Cacheiras.
  • Na categoría infantil as premiadas son Ainhoa Valverde Silva (Baiona, 2012), do CPI de Cova Terreña; Arwen Fernández García (Nigrán, 2014), do CEIP Humberto Juanes; e Mai Lemmen (Geldrop, Holanda, 2016), do CEIP Castrelo de Miño.

As persoas gañadoras recibirán distintos premios tecnolóxicos —ordenadores, consolas, lectores electrónicos de libros— e relacionados coa lectura nun acto público que se celebrará próximamente. Os relatos poderá lerse proximamente nunha edición dixital.

Marea Atlántica comprométese a “abrir unha nova etapa” e elexir unha nova coordinadora

Marea Atlántica, a organización política que chegou a gobernar A Coruña e que nas pasadas eleccións municipais do 28 de maio quedou fóra da corporación local (tras a división que lle causou a ruptura con Podemos e Esquerda Unida), chama a mobilizarse o 23 de xullo “ante a ameaza do fortalecemento da dereita”, sen sinalar a quen apoia.

A organización celebrou este sábado unha asemblea no centro cívico de Monte Alto, coa asistencia de máis de 60 persoas, para facer balance dos “malos resultados” do 28M e para decidir o futuro da organización.

Tras o debate, a asemblea acordou “asumir” a mensaxe que as urnas expresaron con “dureza” o pasado 28 de maio e comprométese a “abrir unha nova etapa co obxectivo de recuperar a confianza da cidadanía nun proxecto que segue sendo tan útil como necesario para a maioría social da cidade”.

Ademais, fai un chamamento ao electorado progresista para “mobilizarse” e participar activamente nas eleccións xerais do 23 de xullo ante a “ameaza de que o fortalecemento da dereita nos comicios municipais e autonómicas póidase traducir na chegada do bloque reaccionario ao Goberno do Estado”. Finalmente, acordou convocar despois do verán o proceso regulamentario para a elección dunha nova coordinadora, que terá o labor de celebrar unha nova Marea Viva.

Ferido un traballador que caeu de varios metros de altura mentres limpaba unha fachada na Coruña

0

Un traballador resultou ferido na mañá deste luns ao caer de varios metros de altura mentres limpaba a fachada dun edificio na Coruña.

Segundo informa o 112 Galicia, ocorreu sobre as 11,45 horas en rúa de Santa Lucía. O home quedou tendido sobre a vía pública e ferido na cabeza.

Foi un particular quen chamou á central de emerxencias, que seguidamente mobilizou ao persoal de Urxencias Sanitarias-061, á Policía Nacional, á Local e a Protección Civil da Coruña.

Colorín, colorado…

  • Partido de volta do Playoff (12/06/23)
  • Castellón – Depor (4 – 3) – eliminado da fase ascenso

—-

Esta desfeita por fin rematou. Moitas son as explicacións ao non ascenso do Dépor desta tempada 22/23, pero polo menos non podemos dicir que nos pilla por sorpresa. Mal acaba o que mal empeza e nesta tempada todo foron malas decisións dende o mes de setembro.

Partía o Depor con certas boas vibracións despois do verán empurrado pola onda deportivista tralo fracaso do Albacete. Pero, unha vez máis, as decisións precipitadas tiraron todo pola borda. Tempada de setes xornadas, planificacións con pés de barro e cheirume a queimado todo o ano. Óscar Cano non tivo a sabedoría para manexar as dimensións do club e non puido definir unha forma de xogar, ademais de afastar da titularidade a media ducia de xogadores fixeran o que fixeran os titulares. Falo dos Trilli, Yeremay, Arturo, Alex Bergantiños… que non contaron cas opcións que tiveron os Rubén Díez, Olabe, Isi Gómez e demais rémoras e maulas que arrastraron o equipo a esta situación.

O Dépor acusou unha terrible falta actitude e falta de carácter. Ese plus competitivo que aportan os xogadores arxentinos e uruguaios coa súa forma de entender o xogo e a competición, ese plus que nós non temos e que lastrou as poucas opción de ascenso cas que chegamos ao playoff. Faría ben a próxima dirección deportiva en buscar este perfil no mercado e aportar carácter ó plantel.

Pouco podemos dicir de onte. Foi o resumo perfecto para o que foi a tempada de Dépor. Unha tempada de tres adestradores, unha tempada cunha vitoria dende xaneiro fóra da casa, unha tempada sen vitorias cos rivais de playoff, incluíndo o líder do momento, unha tempada sen recambios e revulsivos dende o banco. Pero, unha tempada cunha afección abrindo programas de radio, saíndo en portadas de periódicos non deportivos o despuntando nas redes por riba de entidades de categorías superiores. Estes non fallan, estes sempre están e sempre estarán.

@rcdeportivo

Quizais este sexa o motivo polo que o clube non estea en risco de desaparición.
Haberá moitas baixas este verán e moitas novidades. Dito está que marcha toda a dirección deportiva e entendo que Rubén de la Barrera merece un proxecto planificado, con posibilidades de decidir nas fichaxes e traballar varias semanas arrincando de cero en agosto. Pola miña parte entendo que a súa figura ten certo arraigo na afección, feito do que agora mesmo non nos podemos permitir non aproveitar.

Mágoa de tempada na que sempre se viu todo moi lonxe e na que non se soubo corrixir direccións equivocadas. Unha decepción máis: derrota en Mallorca, descenso co Fuenlabrote, surrealismo na xéneses da 1ª RFEF, derrota co Albacete e derrota co Castellón, para que logo digan do Lloruña e do ascenso por decreto. Toca secar as bágoas, mirar o mar de Riazor maldicindo unha nova derrota, limpar a camiseta e gardala ata o ano que vén. Toca baixar as orellas e aceptar o que hai. Hoxe chórase, mañá tocará rir, porque isto é o depor.

 

  • Miguel Barreiro Bugallo. Coruñés e deportivista no exilio mesetario. Sufrindo ó depor dende 1988. O que sei de fútbol, o Depor empéñase en negarmo. Firme defensor do fútbol de botas negras.

MÁIS CRÓNICAS DO DÉPOR

Blanca Quiroga e Xosé Ramón Taracido, dous nomes para a historia

0
Un repaso aos numerosos accidentes marítimos producidos na costa coruñesa ofrece unha mirada que os coruñeses contemplamos como unha sinistra determinación. Cada un, coa súa historia. Con familias desfeitas, detrás. Traxedias anónimas para o gran público. Unha sombra permanente coa que a Coruña leva convivindo moitos anos. Así, o 12 de maio de 1976, o petroleiro Urquiola, afúndese, derramando 100.000 toneladas de crú e cunha vítima mortal na persoa do seu capitán. Unha premonición do que nos agardaba. O Mar Egeo, en 1992, provoca un gran incendio, con linguas de lume avanzando fronte ao mar que rodea a Torre de Hércules. Todo empezou de improviso en medio da noite, mentres que a veciñanza de Durmideiras entregábase ao sono, allea ao perigo de  vento e lume que iba asolar como unha gadaña toda a cidade. O Prestige, en 2002, derrama 70.000 toneladas de fuel provocando unha das maiores traxedias medioambientais cun área de 2000 kilómetros dañada e con ramificacións mesmo en aguas de Portugal e Francia. Erkowit Casón, tamén son outros dos nomes que comparten honores estelares coa relación de catástrofes ecolóxicas. Quizais esos sexan os accidentes marítimos máis coñecidos polo gran público, mais hai un que, para quen esto escrebe, segue proxectado no cerebro.
Pasaron 35 anos dende aquel fatídico 3 de xaneiro de 1988, data na que o mercante de bandeira chipriota, Mitera Sotidia, embarrancara ás 6 da mañá, na praia de Bens, concretamente na Punta do Burro, a tres millas de Caión, como consecuencia do forte temporal que azotaba de madrugada o norte da costa atlántica. O mercante navegaba en lastre, dende o porto italiano de Augusta deica Bilbao, con 15 tripulantes a bordo. Unha avería na sala de máquinas precipitou a chamada de auxilio. Os remolcadores Punta Salinas e Punta Service, así como a patrulleira da Armada, Mahón, e o Servizo Aéreo de Rescate (SAR), xunto a embarcación da Cruz Roxa do Mar, Blanca Quiroga, acudiron ao rescate. A tripulación resultou ilesa, pero nas operacións de rescate, a Blanca Quiroga, con 5 tripulantes a bordo, volcou preto das Illas Sisargas como consecuencia dun golpe de mar, desaparecendo baixo as augas, Xosé Ramón Taracido, de 45 anos, voluntario da Cruz Roxa do Mar e mergullador do laboratorio do Instituto Oceanográfico, deixando viuva e un fillo de curta idade. Un amplo dispositivo de búsqueda púxose en práctica sen resultado positivo, Meses máis tarde, un arrastreiro recolle o corpo de Taracido enredado no copo do aparello. Un servizo altruista que pagou caro. Para os compañeiros do Oceanográfico aquel accidente permanecerá sempre como unha sombra permanente. A súa memoria vivirá mentres vivamos quenes coincidimos con el.
Foi precisamente o naufraxio do pesqueiro, La Isla, unha baka de 32 metros de eslora, afundido o 4 de outubro de 1970, na Pedra do Boi, con 14 falecidos e no que tan só sobreviviu o maquinista, o que revelou a necesidade de dotarse dun servizo de salvamento eficaz neste ponto do litoral, principio e fin da cidade, que por entón non dispuña de lancha de salvamento nen helicóptero. Así, en 1973, entra en funcionamento a Blanca Quiroga, hoxe fora de servizo, mais cun percorrido de 29 anos as súas costas, dos que beneficiaronse indistintamente cantidade de veleiros e percebeiros en perigo e cunha tripulación de voluntarios excepcionais que compatibilizaban a súa vocación con outros traballos profesionais, sen horario e sempre a punto para embarcar, características que os fan acreedores da rúa que o Concello aprobou para honrar a traxectoria da Blanca Quiroga e de Xosé Ramón Taracido, dous nomes de auténtico luxo, porque ambos simbolizan a imaxe da Coruña firme e incansábel no espíritu de servizo.
  • Ricardo Vales, expresidente da Asociación Veciñal de Atochas-Monte Alto e Responsábel de Comunicación da Plataforma Cívica Defensa do Común.

Olladas outro tempo: Praza de Mina. 1906

Coruña remataba en Juana de Vega. Era alí onde se pechaba a Pescadería cunha muralla que defendía este barrio mariñeiro dende a época dos Reis Católicos. Pero no século XIX estas defensas xa non eran máis ca un estorbo para a apertura dunha cidade que precisaba espallarse, que estaba a aumentar a súa poboación ás presas e que quería converterse nunha cidade moderna. En 1869 derrúbase o fronte de terra, abrindo a porta ó primeiro ensanche da cidade. Pero para cando o arquitecto municipal Juán de Ciórraga presenta o proxecto definitivo dese novo e elegante barrio, xa estaba construido o edificio da fotografía. Erguérase en 1882, converténdose así no primeiro edificio do ensanche coruñés.

Pero non só era o primeiro, estamos a ollar un dos edificios máis bonitos da Coruña da súa época. O seu deseño correu a cargo de Faustino Domínguez Coumes-Gay, autor do Instituto Eusebio da Guarda, ou da Igrexa de San Andrés. Foi unha construción rompedora na estética coruñesa dese momento, descrita polo citado arquitecto municipal coma feliz imitación das modernas edificacións de París.  A mágoa é que non poidamos disfrutalo hoxe en día, pois malia que semelle seguir alí, non é certo. Non temos máis que levar esta imaxe ata a Praza de Mina para comprobar o cambio. O edificio foi sustituido case por completo en 1945, cando pasa a ser propiedade da compañía de seguros la Unión y el Fénix. Tan só respectase a pranta baixa e o primeiro andar, aumentando tres alturas e perdendo toda a fermosa decoración de molduras e dinteis que diferenciaba cada piso. Tamén perdéronse os dous preciosos miradores de galería que daban a Sanchez Bregua, ou a cúpula orixinal, máis esférica e armoniosa co resto do conxunto.

Pero o que máis nos chama a atención da instantánea non é esa aparentente innecesaria rotonda que cruzan os peatóns ignorando o tráfico. O chamativo é o tráfico mesmo. Ese carro tirado por un animal é o inicio dun imperio empresarial. A fotografía foi tomada en 1906, ano en que José María Rivera Corral fundou Estrella Galiciaen Catro Camiños, como fábrica de cervexa e xeo. Voltou de México e apostou forte por un producto que non era tan consumido nese momento. Acertou de cheo, xa que máis de cen anos despois os seus productos distribúense por máis de 35 países.  

As cervexas de agora viaxan á temperatura xusta, nas enormes neveiras da flota de camións que as levan polo mundo adiante. Aínda así, creo que todos preferimos a viaxe no tempo ó momento xusto en que as botellas pasaban a modiño, sen présa, tintineando no pintoresco carro de madeira por diante do primeiro edificio do Ensanche.

 

FERnando-campos

  • Fernando Campos. Coruñés ata a médula e fanático da Historia, sobre todo se esa Historia é coruñesa. Máis de quince anos impartindo obradoiros culturais coma “Un paseo pola cidade”, “Personaxes da cidade” ou “ A Cidade Perdida” no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora.

OLLADAS DOUTRO TEMPO

Palavea e Labañou póñense de festa

0

Fin de semana de festas nos barrios da cidade.

O barrio de Labañou e San Roque de Fóra celebra a Festa dos Porcos este sábado 10 de xuño, na praza da Tolerancia, con diferentes actividades para todos os públicos. Chus Castro será a encargada de dar o pregón da xornada, que comezará ás 12.00 horas con Cántigas da Terra e a Banda de Música de Arzúa.
Pola tarde a compañía Sue Moreno con 4.0 ofrecerá un espectáculo circense para os máis pequenos, tamén na mesma praza. A programación rematará con tres actuacións musicais.
Comezará o dúo Feminino Plural, composto por Silvia Penide e Carla López ao que lle seguirá a banda ourensá O Sonoro Maxín. O cantante Berto, un dos nomes de maior relevancia no panorama musical galego actual, será o encargado de poñer fin a estas Festas de Labañou, organizadas pola Asociación Veciñal Labañou-San Roque-Zona Escolar-Rosales co apoio do Concello da Coruña e da rede cultural da Deputación da Coruña.
Así nos pon en contexto a asociación:

Palavea

O barrio de Palavea tamén celebrará esta fin de semana as súas Festas Patronais de Santo Antonio e Santa Cristina na praza Padre Busto, con actividades para todos os públicos. O sábado 10 de xuño, pola mañá, haberá pasarrúas circense e xogos xigantes para os máis
pequenos e pequenas. Tamén se realizarán obradoiros de Cap Paint e de Skate, orientados á xente máis nova. Pola tarde comezarán as actuacións de The Coin Brass, XXIV Ancianos, Crowed e The Homeless que rematará pola noite coa actuación da Orquestra Barcelón.

O domingo 11 de xuño a xornada festiva comezará da man da Agrupación Folerpas, que amenizará as rúas con música tradicional. Tamén se fará a entrega de premios do II Certame de Deseño de Carteis e a proxección da película ‘Luca’, orientada ao público infantil á que lle seguirá a sesión vermú con Foliada D’ases e “A fuego lento” de Javi Malabares. A xornada do domingo rematará coas actuacións do grupo de Musicoterapia de Abegondo e Palavea, Carmino Karachi, Mr. Kamándula e Leria.

Mercado das nubes

Ademais, mercado municipal de San Agustín acollerá esta fin de semana unha nova edición do Mercado das Nubes, maridando 54 postos con diferentes propostas gastronómicas, artísticas, artesanais e relacionadas co mundo da moda e celebrarase primeiro andar deste espazo municipal.
O Mercado das Nubes de verán comezará este venres (de 17.00 a 21.00) e prolongarase
durante as xornadas do sábado (11.00 a 21.00 horas) e do domingo (11.00 a 18.00 horas).

Un incendio calcina unha vivenda na Coruña e provoca queimaduras ao inquilino

0

Un incendio calcinou unha vivenda situada na planta baixa dun edificio da rúa dos Tulipanes, na Coruña, e unha persoa tivo que ser trasladada con queimaduras polos servizos sanitarios.

Segundo informou o 112 Galicia, o suceso produciuse pasadas as 07,00 horas deste sábado. Varios veciños contactaban coa central de emerxencias para avisar que notaban calor e vían fume nas escaleiras do edificio, pero descoñecían de onde procedía.

Con esta información, os operadores do 112 puxeron os feitos en coñecemento dos Bombeiros da Coruña e do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Tamén foron informados a Policía Local, Policía Nacional e os efectivos de Protección Civil da cidade.

Tras atallar o lume e ventilar a zona das escaleiras, os bombeiros indicaron ao 112 Galicia que non foi preciso desaloxar o inmoble. Con todo, si confirmaron que a vivenda afectada ardeu por completo e o morador resultou ferido, ao sufrir queimaduras nas mans.

Miñones e Bugallo encabezan as listas do PSdeG pola Coruña

0

O comité provincial do PSOE da Coruña aprobou este xoves por aclamación as candidaturas coas que a formación concorrerá ás eleccións xerais do próximo 23 de xullo e que encabezan o ministro de Sanidade, José Miñones, ao Congreso, e o alcalde de Santiago en funcións, Xosé Sánchez Bugallo, ao Senado.

En concreto, a lista á Cámara baixa está integrada polo ministro de Sanidade, José Miñones, como número úno; a exsenadora Obdulia Taboadela como dúas; a concelleira nas Pontes Montse García Chavarría no número tres; o exdiputado Diego Taibo no cuarto posto; José Domínguez Castro, de Corcubión, como número cinco; a socialista de Trazo Paula Castiñeiras como número seis; a exsubdelegada do Goberno na Coruña Pilar López-Riobóo como número sete; e o alcalde de Ponteceso en funcións, Lois García Carballido como número oito.

Pola súa banda, a candidatura para o Senado pola provincia da Coruña está encabezada polo alcalde de Santiago en funcións, Xosé Sánchez Bugallo, quedando como suplente o exregidor de Oroso, Manuel Mirás, quen nos últimos días postulouse para concorrer nas listas co obxectivo de volver ser senador na próxima lexislatura. Ademais, completan a candidatura a ferrolá Natividade González Laso, como segunda titular, e Fabián Canosa, de Camariñas, como titular número tres.

O secretario xeral do PSOE provincial da Coruña, Bernardo Fernández, destacou que se trata de candidaturas “conformadas polo mellor capital humano que dispón o PSdeG” nun momento “crave” no que están en xogo dous modelos, o do PSOE, de “non deixar a ninguén atrás” e o do PP, “que vai deixar a parte do país na estacada”.

No acto, o ministro de Sanidade aproveitou para agradecer aos militantes que participaron nas asembleas e destacou o capital humano dunhas candidaturas que van saír a “defender a mellor España fronte á peor dereita”. “Unha dereita tirada á extrema dereita”, dixo Miñones, que destacou que a mellor España pasa por “seguir protexendo á xente”.

A unidade de cardiopatías conxénitas do Chuac realizou máis de 2.500 intervencións desde a súa posta en funcionamento

A unidade de cardiopatías conxénitas do complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac) realizou máis de 2.500 intervencións desde a súa posta en funcionamento. Estes datos achegáronse coincidindo co acto de aniversario da citada unidade, un evento que contou coa presenza, entre outros, do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

Desde o ano 1998, o Hospital Universitario da Coruña conta cun programa estable de tratamento das cardiopatías congénitas, un grupo de enfermidades que se caracterizan pola presenza de alteracións na estrutura do corazón ao nacer.

Así, desde a posta en marcha da unidade, realizáronse xa máis de 2.500 intervencións e, entre o ano 2010 e 2022, rexistrou un total de 35.290 consultas infantís e pediátricas. Anualmente, realiza máis dun centenar de cirurxías cardíacas e tamén leva a cabo máis de cen de cateterismos no ámbito cardíaco.