Inicio Blog Páxina 582

Condenados os administradores dunha empresa de Culleredo por estafar á Xunta con dispositivos GPS

Os tres administradores da empresa Satdata Telecom, con sede en Culleredo , acusados de estafa e un delito continuado de falsidade de documento mercantil en relación coa venda de 80 dispositivos GPS á Consellería de Medio Rural, ocorrida en 2007, aceptaron penas de entre tres e cinco meses de prisión, no xuízo fixado para este luns na sección primeira da Audiencia Provincial coruñesa.

Fixérono tras un acordo entre a Fiscalía e as defensas ao recoñecer os feitos os procesados e acordarse unha rebaixa da condena polas atenuantes de reparación do dano e dilación indebida que os procesados aceptaron. O Ministerio Público solicitaba, inicialmente, penas de prisión de cinco anos para cada un deles. Os letrados pediron a suspensión das penas de cárcere impostas e a fiscal aceptou a petición. O xuíz acordou a suspensión firme das condenas coa condición de non cometer delitos nun prazo de dous anos.

FEITOS

Os tres empresarios defraudaron máis dun millón de euros ao Banco Espírito Santo mediante o uso dun contrato coñecido como ‘factoring’, un mecanismo polo cal un cliente cede a unha entidade financeira a súa facturación para que esta se encargue de cobrala aos seus acredores e o banco adiántalle ese diñeiro a cambio duns intereses.

En febreiro de 2008, os administradores da mercantil selaron o contrato de ‘factoring’ co banco, cando xa en decembro de 2007 e xaneiro de 2008 cobraran á Xunta as facturas polos seus servizos, que incluían dispositivos GPS para motobombas e mantemento das aplicacións. Por iso, a Fiscalía apunta que, “mediante a confección desa facturación ficticia”, buscouse “facer crer o banco que esta era real”.

Piden 21 anos de cárcere para o acusado de matar a un home ao que debía diñeiro

0

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña celebrará os días 5, 6, 7, 8 e 9, con Tribunal de Xurado, o xuízo contra un home acusado de matar a outro ao que coñecía e ao que debía diñeiro.

Así o recolle o escrito de cualificación fiscal que sinala que o 23 de setembro de 2021 o procesado concertou unha cita co falecido, a quen coñecía desde facía anos, coa finalidade, segundo dicía, de pagarlle unha cantidade de diñeiro que lle debía e que este viña reclamando insistentemente desde facía meses.

O home, a pesar de ter un traballo estable, “atopábase nunha situación económica angustiosa debido, fundamentalmente, aos gastos que lle xeraba a súa adicción á cocaína”. “Por este motivo, debía diñeiro a outras persoas e a distintas empresas de crédito, comerciais e de subministracións e os seus saldos bancarios arroxaban resultado negativo”, sinala Fiscalía.

Na mañá do día 23, os dous homes víronse na casa na que o falecido vivía arrendado. “Unha vez no interior da casa, o procesado, guiado do ánimo de acabar coa súa vida”, abalanzouse, engade o Ministerio Público, sobre o home e asestoulle “18 puñaladas nas costas e unha máis á altura do esternón”.

Fiscalía indica que o procesado desconectou todos os interruptores do cadro eléctrico e foise da casa co teléfono móbil do falecido, que vivía no Barrio das Flores.

O seu cadáver non foi achado ata o 30 de setembro cando o fillo da caseira accedeu á vivenda alarmado pola falta de noticias do seu inquilino. O 3 de novembro foi detido o acusado, do que Fiscalía afirma que non tiña alteradas as súas facultades de entendemento e vontade no momento dos feitos.

O Ministerio Público cualifica os feitos como constitutivos dun delito de asasinato por aleivosía e ensañamiento polo que pide a pena de 21 anos de cárcere, ademais do pago dunha indemnización de 75.000 euros ao fillo do falecido.

Liceo e Basquet Coruña: a cara e a cruz da historia do deporte herculino

0

Esta fin de semana o Liceo de hockey e o Basquet Coruña fixeron unha posta en escena do que vén sendo a historia do noso deporte. Os primeiros, ás caladas, demostraron que son o equipo galego máis laureado da historia e se clasificaron para a gran final da Ok Liga, mentres que o Basquet Coruña, tras unha temporada regular impecable, caeron ás primeiras de cambio no primeiro obstáculo dos playoffs quedando ás portas da Final a 4 polo ascenso a toda unha ACB.

O Hockey Club Liceo xogará contra o eterno rival, o FC Barcelona, unha nova final da OK Liga tras eliminar por un claro 3-0 ao Calafell (o terceiro partido en Cataluña dende a quenda de penaltis).
Empezarán con dous choques na cidade condal o xoves e sábado, e despois volverán a semana que vén a Riazor para xogar o xoves 15 de xuño ás 20:30h o terceido encontro.
Todos os partidos poden verse en okliga.tv, como podedes ver aquí o terceiro destas semis.

Nova decepción do Basquet Coruña

As dúas derrotas na casa nos dous primeiros encontros do Basquet Coruña ante Guipúzkoa devolveron vellas pantasmas á familia laranxa. Os de Epifanio conseguiron gañar o 3º partido, pero as malas porcentaxes condenaron ao equipo no 4º e últiomo encontro.

Un equipo que nos fixo soñar a toda a cidade con chegar á máxima categoría do baloncesto estatal. Pero que non conseguiu meterse na final a 4.

En calquera caso, este mércores convoca a todo o mundo para despedir a tempada:

Calcinados dous vehículos no incendio nun garaxe de Culleredo

0

Esta pasada mañá de domingo produciuse un incendio no interior dun garaxe situado na avenida do Portádego, en Culleredo. O suceso tivo lugar sobre as 8.45 horas, cando uns particulares comunicaron á Policía Local que se observaba fume no interior do garaxe, no número 2 desta avenida.

Ata o lugar desprazáronse patrullas da Policía Local de Culleredo, da Garda Civil e dos Bombeiros do Parque Comarcal de Arteixo, que se encargaron de sufocar as lapas.

Non houbo danos persoais. O lume calcinou por completo dous turismos e afectou a un terceiro.

O suceso obrigou a desaloxar os veciños dun dos portais do bloque de vivendas. Os Bombeiros seguen ventilando o lugar neste momento. Investíganse as causas do incendio.

Interceptan a un condutor en Betanzos tras recibir unha alerta de que se atopaba ebrio

0

Axentes da Garda Civil lograron interceptar ao condutor dunha furgoneta que se atopaba ebrio ao volante grazas a unha alerta cidadá recibida despois de ser visto con evidentes síntomas de consumir alcol mentres compraba moitas latas de cervexa nunha gasolineira de Betanzos.

Diso informou a Garda Civil da Coruña este sábado nun comunicado no que avanzan que os dispositivos para detectar alcoholemias ao volante incrementaranse con motivo da celebración de festas ante o inicio da tempada estival, con especial énfase na noite de San Juan.

Na nota de prensa, a Benemérita traslada que o pasado martes se produciron na provincia coruñesa varios accidentes nos cales os condutores responsables superaban amplamente as taxas máximas de alcoholemia permitidas.

No sinistro dun coche contra outro vehículo o condutor deu 0,80 miligramos por litro de aire aspirado, mentres que o responsable dun turismo que sufriu unha saída de vía arroxou un resultado de 1,5 mg/l.

Os mellores atletas de marcha do mundo déronse cita no Gran Premio Cantóns

0

Ambientazo no centro da Coruña para acoller o XXXVI Gran Premio Cantóns da Coruña – Trofeo Sergio Vázquez, de marcha, unha proba considerada a mellor do mundo da súa disciplina, na que participaron 225 atletas de 25 nacionalidades.

Caio Bonfim en Coruna marcha
Caio Bonfim entrando en meta

Finalmente foron o brasileiro Caio Bonfim e a peruana Kimberly García León os grandes triunfadores da tarde. O brasileiro fixo os 29K en 01:18:26, seguido polos españois Álvaro
Martín e Diego García Carrera. Na 20K feminina, gañou a peruana cun tempo de 01:26:40, á que seguiron a chinesa Quanming Wu e a mexicana Alegna González Muñoz, segunda e terceira clasificada, respectivamente.

 

Uns surfeiros rescatan o corpo sen vida dun home que apareceu flotando en Bastiagueiro

0

Un grupo de surfeiros rescatou da auga o corpo sen vida dun home que apareceu flotando na praia de Bastiagueiro, no municipio coruñés de Oleiros.

Segundo trasladaron fontes dos servizos de emerxencia, o cadáver corresponde ao dun home de entre 60 e 65 anos que foi localizado polos deportistas ao redor das 12,45 horas deste sábado.

Os surfeiros sacaron da auga o corpo e levárono á beira, onde os servizos sanitarios desprazados ao areal por Urxencias Sanitarias 061 confirmaron o seu falecemento. Ata o lugar mobilizáronse membros da Policía Xudicial, así como axentes da Policía Local e do servizo de emerxencias de Oleiros.

Olladas doutro tempo: Balneario de Riazor

A Sociedade de Hoteleiros, Fondistas e semellantes editou no ano 1911 a “Guía práctica para o viaxeiro”. Nela descríbense monumentos e actividades de ocio que puidesen interesar aos visitantes. Destácase coma un dos atractivos coruñeses “a fermosa praia de Riazor, un dos máis admirables sitios da poboación, e un dos paseos máis concorridos durante os días de verán”. Algo que podemos verificar ollando a fotografía.

Case palpamos ese ambiente festivo grazas ó obxectivo de Pedro Ferrer, quen captaría a instantánea nunha época seguramente cercana á publicación da guía. O artista parouse no paseo que bordeaba a praia á altura aproximada do coñecidísimo Playa Club, mirando cara ás Escravas e encadrou coma protagonista absoluto da imaxe o Balneario de Riazor. Esta instalación, ademais da súa actividade relacionada cos baños, era escenario de concertos
en verán e servía de miradoiro no inverno. Construiuse no ano 1874, e desaparecería en 1922.

Era a época na que Coruña uniuse á moda das cidades-balneario. San Sebastián e Santader puxeran de moda en España o turismo de praia, paseo marítimo e balneario. Coruña non vai ser menos, pois ten todo o que se precisa para satisfacer as ansias de ocio costeiro das clases altas, e tamén para os que buscan o mar por consello médico. O caso é que na cidade medra o número de casas de baños, ofrecendo todo tipo de servicios acuáticos relacionados coa saúde e o benestar. As dúas casas de baños máis frecuentadas tamén estaban situadas en Riazor: “A Primitiva” non só ofertaba baños de auga de mar e doce en pías ou bañeiras; tamén con auga traída de varios balnearios galegos coma Arteixo, Cuntis, A Toxa… Duchas, masaxes, electroterapia, ximnasio, esgrima e salóns de lectura competaban a súa ampla oferta. “La Salud”, pola súa parte, contaba con servicio de salvavidas, lanchas tripuladas e instalaba cordas para que os bañistas se puidesen agarrar nas inmersións. Tamén dispoñía de todo canto aparato coñecido na época para as terapias con auga.

Pero bañarse na praia a finais do século XIX ou principios do XX non era para nada coma agora. Un bando municipal de 1872, sendo alcalde Federico Tapia, obriga ó cumprimento de certas ordenanzas municipais sobre decencia pública.

Non só delimita zonas costeiras onde está permitido o baño, senón que tamén separa esas zonas por sexos, e recomenda tomar as “precaucións de honestidade e seguridade establecidas, de forma que estas dean tranquilidade a quen se baña e impidan que de maneira algunha se ofenda a vista dos habitantes da zona”. Tamén prohíbe “deterse a ver, observar e de algún modo incomodar ás persoas que se bañen”.

Federico Tapia, republicano convencido, tratou a Amadeo de Saboia como “señor” e non coma “maxestade”, tivo o primeiro enterro civil da cidade e derrubou as murallas para construír o Ensanche. Pero nunca imaxinaría a praia de Riazor chea de bikinis.

 

FERnando-campos

  • Fernando Campos. Coruñés ata a médula e fanático da Historia, sobre todo se esa Historia é coruñesa. Máis de quince anos impartindo obradoiros culturais coma “Un paseo pola cidade”, “Personaxes da cidade” ou “ A Cidade Perdida” no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora.

OLLADAS DOUTRO TEMPO

#Aquitaménsefala: A BSO do IES Rafael Dieste faise en galego

#Aquitaménsefala é o lema da campaña que Alberto Pombo está a desenvolver no IES Rafael Dieste. O mestre de literatura galega segue a facer iniciativas novidosas para afianzar a nosa lingua entre a mocidade, e a música pasa por ser un vehículo imprescindible.

Máis cando estamos nun momento histórico de creación na nosa lingua, con toda clase de ritmos feitos dende o país e para o país, e con artistas consagrados como Sondarúa, C Mirazo, Fillas de Casandra, Boyanka Kostova, Zavala, Os amigos dos músicos, Hydn, Dj Rokiño, Secho y los invisibles, The Rapants ou Quartzo.

Estes, e un longo etcétera de creadores e creadoras, forman parte da creación da Banda Sonora do Curso, cunha playlist con máis de 100 temas de 100 grupos diferentes.

Unha lista creada de xeito cooperativo, onde cada un dos alumnos que participa no proxecto escolle unha banda e manifesta as razóns da súa recomendación ou explica que sinte cada vez que os escoita. Aínda, cada póster inclúe un código QR que liga para o traballo audiovisual preferido en cada banda.

Ademais, este traballo contará coa colaboración e a promoción externa da plataforma Galeguiza_t (páxina referencial na difusión da música en galego e premio Mil Primaveras ao mellor proxecto de promoción da lingua entre a mocidade) que divulgará o traballo do alumnado desde a súa páxina na rede social instagram.

Exemplos das fichas creadas pol alumnado

”A música galega xa ten predicamento entre a mocidade coruñesa que estuda no Dieste”, explica Pombo. “Mocidade que, con esta nova iniciativa normalizadora, pretende sumar máis unha forza para espallar cultura e lingua, agora en forma de canción, por fóra dos muros do instituto”.

Outras iniciativas semellantes

Non é a única experiencia deste tipo, e podemos espallar tamén as listas que Carmen Pereira, mestra do CEIP Torre de Hércules ten realizado tanto para o alumnado de primaria como de Infantil, baixo o nome “Pobo de Artistas”, o proxecto anual do centro de Monte Alto.

Piden 5 anos de cárcere para tres empresarios de Culleredo por estafa na venda de dispositivos GPS a Medio Rural en 2007

A Sección Primeira da Audiencia Provincia da Coruña xulgará este luns e martes, 5 e 6 de xuño, a tres administradores da empresa Satdata Telecom, con sede en Culleredo, por estafa e un delito continuado de falsidade de documento mercantil en relación coa venda de 80 dispositivos GPS á Consellería de Medio Rural, ocorrida en 2007.

Segundo recolle o escrito de Fiscalía –o caso procede do Xulgado de Instrución Número 7 da Coruña–, acúsase a este tres empresarios de defraudar máis dun millón de euros ao Banco Espírito Santo mediante o uso dun contrato coñecido como ‘factoring‘, un mecanismo polo cal un cliente cede a unha entidade financeira a súa facturación para que esta se encargue de cobrala aos seus acredores e o banco adiántalle ese diñeiro a cambio duns intereses.

A acusación expón que, en febreiro de 2008, os administradores da mercantil selaron o contrato de ‘factoring’ co banco, cando xa en decembro de 2007 e xaneiro de 2008 cobraran á Xunta as facturas polos seus servizos, que incluían dispositivos GPS para motobombas e mantemento das aplicacións.

Por iso, o fiscal apunta que, “mediante a confección desa facturación ficticia”, buscouse “facer crer o banco que esta era real”.

Ademais da pena de cinco anos de prisión pídese para cada acusado unha multa de máis de 3.500 euros, así como indemnizar ao Banco Espírito Santo con máis dun millón de euros supostamente defraudados.